A clase de cuarto contou ata doce e deu volta atrás, e fixoo usando as divertidas rimas e ensinando as coloridas ilustracións do Libro de contar de Pep Bruno e Mariona Cabassa, publicado por OQO. É un libro para aprender a contar, para que conten os que xa saben, para sorrir, para fixarse con atención nas ilustracións, para rir, para gozar coa festa de cores e coas inxeniosas rimas... Buscádeo, está na biblio.
Aquí tedes a cuarto no último dos recreos lectores da BBS co Libro de Contar.
No Club do Libro Aberto colouse O libro de Guillermo de Carlos Frabetti. É unha obra que fala de lectura e de libros e que nos pode server como recomendación dun montón de títulos interesantes, un montón de clásicos da literatura infantil e xuvenil.
É noso primeiro libro deste curso, contádenos que vos parece.
Aquí temos o conto de medo escrito e ilustrado pol@s de terceiro de Primaria no tempo do Samaín.
Premede na esquina dereita para pasar as páxinas e dade un dobre click se queredes velo a máis tamaño e tamén dobre click para voltar ao tamaño orixinal.
E aquí está 3º contando o seu conto nos recreos lectores da BBS.
Carla, María e Alba encheron a nosa biblioteca de misterio e bo humor na súa sesión de contacontos. Escolleron un dos contos que máis gusta na nosa biblioteca, tanto polas súas coidadas ilustracións coma pola fermosísima historia que nos conta: O abrigo misterioso de Jeannette Jenning, publicado por Faktoría K de Libros. Non é a primeira vez que compartimos esta obra nos recreos dos martes, pero é que non nos deixa de gustar!
Como a nosa biblioteca forma parte desde o curso 2006-2007 do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, tivemos a fortuna de poder participar no Congreso Estatal de Bibliotecas Escolares en Tránsito organizado polo Ministerio de Educación e a Consellería de Educación, que se celebrou en Santiago entre o 9 e o 11 deste mes. A BBS, coma moitas outras bibliotecas do estado español, está en tránsito; levamos moito andado e sabemos que temos aínda moito camiño por percorrer, pero grazas a actividades de formación como a que vimos de aproveitar ao máximo, sabemos cara a onde queremos camiñar, que imos en boa dirección e que non estamos s@s. Durante tres días tivemos a oportunidade de escoitar aos mellores expert@s do momento en bibliotecas escolares e educación, un luxo que sabemos vai ter consecuencias directas no traballo diario na nosa biblioteca, nas nosas aulas e no noso centro.
Queremos desde aquí agradecer á Asesoría de Bibliotecas Escolares o seu traballo e esforzo contante por poñer a nosa disposición a mellor formación posible, incluso nestes tempos difíciles para a escola pública que estamos a vivir. Agradecemos sinceiramente todo o apoio, orientación e cariño que recibimos das nosas asesoras, Cristina Novoa e Pilar Sampedro; a BBS non sería o que é hoxe en día de non ser por elas. Grazas!
Xa podemos ver nos cines a última pelítula do director Steven Spilberg: As aventuras de Tintín: O segredo do unicornio. Seguro que para os que somos seguidores/as de Tintín en banda deseñada vai ser toda unha experiencia: mellor en papel, mellor na pantalla? Mellor as primeiras películas que respectaban a obra de Herge en dúas dimensións ou esta versión 3D? Se ides vela ao cine non deixedes de contarnos a vosa opinión.
Os compañeiros do IES San Paio de Tui participan na celebración dunha homenaxe ao poeta rianxeiro Faustino Rey Romero que está a ser organizada polo colectivo cidadán tudense "Levada Libre", coincidindo cos noventa anos do seu nacemento e os corenta do seu pasamento.
A homenaxe terá lugar o vindeiro 25 deste mes no ex-convento de San Domingos en Tui. Estarán presentes o presidente da Real Academia da Lingua Galega, Méndez Ferrín, e o académico rianxeiro Xosé Luís Axeitos. Tras unha actuación musical e un recitado de poemas inaugurarase unha placa na Alameda de Tui para lembrar o paso do poeta rianxeiro polo Baixo Miño.
Pese a distancia física que nos separa, sentímonos vencellados aos compañeiros do IES San Paio na nosa admiración por Faustino Rey Romero e no noso compromiso coa súa memoria e coa petición dun Día das Letras para honrar a súa obra.
Aquí temos unha fermosa publicación sobre a súa vida e obra elaborada polos compañeiros do IES San Paio.
"-Pobriña- Pensou Mateo
Aínda ben que me escoitou, senón seguiría perdida por aí adiante."
Como nos gusta este final! E como nos gusta Mateo!
Nuria, Alexandra e Irene escolleron esta obra de Paula Carballeira, ilustrada por Peixe e publicada por Kalandraka, para a súa sesión de contacontos. Non é unha novidade pero é un deses contos que non deben de faltar entre os "imprescindibles" da nosa literatura infantil. Porque as Altisidoras e os adult@s en xeral, deberíamos pararnos moito máis a miúdo para escoitar o punto de vista de vós, os Mateos.
Houbo "entrada terrorífica" na escola, degustación de froitos de outono, contos de medo nos que Libriño era o protagonista e teatro. Tedes a reportaxe completa en Educaldea.
Nós iremos colgando os contos de Samaín que escribiron e leron todas as clases e que nesta semana estamos a escoitar de novo nos recreos na biblioteca.
As imaxes que publicamos neste blogue teñen un uso educativo. Se estiveran suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña. Grazas