Nesta semana na que celebramos o Día das Letras Galegas, desde a BBS queremos compartir con vós este novo vídeo de Paco Nogueiras. Sorprendeunos unha vez máis cun tema que fai que movamos os pés e o corpo todo, e sobre todo cun tema que deberiamos cantar a pleno pulmón todos os días do ano porque para tod@s nós
"Autor, actor e público do aquí" é o título da exposición coa que os nosos veciños/as do CEIP A.D.R Castelao gañaron o concurso-exposición Letras Galegas 2013.
Xa temos no noso centro a exposición, chea de colorido e chea de valiosa información sobre Roberto Vidal Bolaño, o autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas. Ademais dos carteis, desde o CEIP Castelao deseñaron e elaboraron un caderno con actividades para os distintos ciclos e unha páxina na que se recollen propostas de traballo para celebrar as nosas Letras. Canto traballo! E que bo traballo!
Queremos enviar os nosos parabéns aos compañeiros/as do CEIP ADR Castelao de Rianxo por este estupendo material que habemos empregar tamén en Taragoña. Noraboa!
Clicade aquí para entrar na páxina cos materiais que elaboraron sobre Vidal Bolaño.
Hoxe no recreo a biblioteca encheuse de poesía para celebrar á nosa poeta máis universal e para sentir que Rosalía segue viva nas vosas voces. Rosalía tamén estivo presente nas aulas e continuará a estalo durante todo o mes da poesía, que na nosa escola comezou hoxe... na BBS.
O pasado sábado, 20 de outubro, tivo lugar unha andaina poético musical polas terras nas que naceu e viviu Xosé Mª Brea Segade. Organizou a actividade a Plataforma Cultural Galega e colaboramos o Concello de Rianxo, o Centro Cultural e Deportivo de Taragoña, o Centro Cultural Simón Varela de Asados e a Biblioteca Brea Segade.
Foi unha tarde emocionante na que un grupo de veciñ@s, escritores, estudosos de Brea e da historia do noso municipio, nen@s, profes, familias e antigos alumn@s compartimos camiño, poesía, música e memoria histórica. O tempo acompañounos agasallándonos cunha tarde case de verán, na que todos os lugares que percorriamos lucían aínda máis. Aprendemos sobre o poeta de Taragoña, sobre a parroquia e sobre as súas xentes da man de Xosé Agrelo e de Xosé Ramón Brea Rei. E tamén recitamos e cantamos.
Desde a BBS queremos dar a noraboa á Plataforma Cultural Galega, especialmente ao seu coordinador Xosé Agrelo, polos percorridos poéticos e agradecer que nos convidase a colaborar neste acto.
Queremos tamén dar as grazas ás familias por apoiar sempre as inciativas que vos propoñemos e por compartir con todos nós unha tarde de sábado.
Estamos de noraboa!
Está é a foto pola que o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do Brea Segade levou o segundo premio no concurso "Móllate polo Galego" organizado pola plataforma de medios de comunicación Vitaminas para o galego e patrocinado polo concello de Rianxo.
Desde a BBS os nosos parabéns aos organizadores por esta iniciativa a prol da nosa lingua e, por suposto, parabéns ao noso Equipo de Normalización, uns artistazos! Como nos gusta todo o que transmite esa foto!
Entrade en Educaldea para ter máis información.
O sábado 19 de maio, dentro da programación cultural do concello de Rianxo para este mes das Letras Galegas, teremos a oportunidade de coñecer mellor a Rosalía de Castro por medio dun espectáculo teatral.
Hoxe pola tarde na Biblioteca Pública Municipal de Rianxo a poeta Elvira Riveiro Tobío recitará unha escolma da poesía dos escritores e escritoras das Letras Galegas. Non faltedes, temos cincuenta anos de Letras Galegas que celebrar e voares de esperanza que ceibar.
Este ano os carteis da exposición que a Secretaria Xeral de Política Lingüística distribúe para dar a coñecer ao autor homenaxeado nas Letras Galegas foron elaborados polos nosos veciños do CEIP ADR Castelao de Rianxo. Ademais de podelos ver na entrada do noso centro tamén os podedes ver clicando aquí.
Noraboa ao CEIP ADR Castelao polo seu estupendo traballo!
A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística ofrécenos unha páxina na que recompila todos os traballos e actividades que desde distintos centros e organizacións se levan elaborados sobre o escritor homenaxeado este ano. Entrade e vede canto podemos aprender sobre Valentín Paz Andrade.
Desde a BBS queremos agradecer o traballo da Coordinadora de ENDL e sobre todo o inmenso traballo que tantos profesores e profesoras realizaron para axudarnos a dar a coñecer nas nosas aulas a vida e obra de Valentín Paz Andrade.
Aquí temos a reportaxe fotográfica da mañá do venres pasado: Árbores para Rosalía.
Traballamos duro para, entre todos, plantar máis de cento cincuenta castiñeiros no Campo de Maneiro. A media mañá xuntámonos cos nenos e nenas do CRA de Rianxo para recitar poemas de Rosalía de Castro. Poesía e castiñeiros para un futuro mellor.
Mañá, 24 de febreiro, cumpriranse 175 anos do nacemento de Rosalía de Castro. É unha data importante para a nosa cultura e a nosa lingua, unha data a celebrar tal e como nos propón a Asociación de escritores en Lingua Galega. No noso centro sumarémonos á actividade Unha árbore para Rosalía organizada pola Comunidade de Montes de Taragoña e o Concello de Rianxo. Participaremos nunha plantación de árbores no Campo de Maneiro e remataremos o acto coa lectura de poemas de Rosalía. Queremos que as nosas árbores e o noso coñecemento e admiración polo legado de Rosalía medren fortes.Teremos que coidalos ben.
Ao igual que noutras moitas vilas e cidades de Galicia, mañá pola tarde, ás sete, no paseo da Ribeira de Rianxo, frente ao busto de Rosalía, terá lugar unha lectura pública e libre de poemas para celebrar o Día de Rosalía. Animádevos a asistir e participar no acto lendo algún poema.
Os compañeiros do IES San Paio de Tui participan na celebración dunha homenaxe ao poeta rianxeiro Faustino Rey Romero que está a ser organizada polo colectivo cidadán tudense "Levada Libre", coincidindo cos noventa anos do seu nacemento e os corenta do seu pasamento.
A homenaxe terá lugar o vindeiro 25 deste mes no ex-convento de San Domingos en Tui. Estarán presentes o presidente da Real Academia da Lingua Galega, Méndez Ferrín, e o académico rianxeiro Xosé Luís Axeitos. Tras unha actuación musical e un recitado de poemas inaugurarase unha placa na Alameda de Tui para lembrar o paso do poeta rianxeiro polo Baixo Miño.
Pese a distancia física que nos separa, sentímonos vencellados aos compañeiros do IES San Paio na nosa admiración por Faustino Rey Romero e no noso compromiso coa súa memoria e coa petición dun Día das Letras para honrar a súa obra.
Aquí temos unha fermosa publicación sobre a súa vida e obra elaborada polos compañeiros do IES San Paio.
Avoa, estoxo, cadeira, anel, colexio...
Tantas palabras que estamos a perder case sen nos decatar, incluso aquí en Taragoña e no Araño onde somos galego falantes. Xa que este ano estamos a salvar libros na nosa lingua, o pasado mércores tamén salvamos palabras. Participamos nun xogo no que cada equipo tiña que buscar pistas agachadas en libros por todo o patio, resolvelas e descubrir palabras que merecen ser salvadas e usadas na nosa fala cotiá. Entre todos os equipos salvamos máis de cincuenta palabras: recompoñémolas letra a letra, pegámolas baixo a pista correspondente e debuxámolas. Agora só temos que usalas día a día!
As imaxes que publicamos neste blogue teñen un uso educativo. Se estiveran suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña. Grazas