biblioteca brea segade


Blogue da Biblioteca Brea Segade de Taragoña.

Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia




PREMIO BIBLIOTECAS ESCOLARES





























Libriño
breasegade@yahoo.es
 CATEGORÍAS
 BIBLIOGALERÍA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

La increíble historia de la abuela gánster
Este libro vai dun neno que todos os venres vai durmir a casa da súa avoa. Un día descubre nunha lata de galletas moitos diamantes e moitas xoias. Este libro tan gracioso é moi recomendable e se vos gusta temos máis do mesmo autor e da mesma colección na biblioteca.En concreto cinco novos libros.

Recomendación por: Iria,Jorge Castaño e Rubén.
Comentarios (0) - Categoría: Novidades - Publicado o 27-01-2016 16:03
# Ligazón permanente a este artigo
Leandro e os números
Esta semana, coincidindo coa estancia na nosa escola da Maleta matemática, tivemos a presentación de Leandro e os números de Rocío Peréz Castro e Lidia Brea Pedreira.
As clases de 1º e 2º puideron escoitar a Rocío contar o seu conto e despois traballaron con ela sobre os números que aprendeu Leandro e ata cantaron unha canción.
Tivemos a sorte de saber de Rocío e do seu Leandro e os números por Mateo de 2º, que é o seu curmán. E xa que Rocío aceptou vir ata a BBS para presentarnos o seu libro aproveitamos para que un grupo dos maior@s, os de 5º, a entrevistaran, porque sempre que vén unha escritora ao cole temos moito que preguntar.

Neste enlace do blogue dos de 5º tedes a entrevista.


Tamén podedes entrar ao blogue de 2º, a clase de Mateo, para ver como recolleron a visita de Rocío á nosa biblioteca.














Buscade a Leandro na BBS, temos un exemplar asinado por Rocío.

Graciñas Rocío por vir presentarnos Leandro e os números. Gustounos moito, oxalá non tardes en voltar con novos contos.
Comentarios (0) - Categoría: Novidades - Publicado o 25-01-2015 20:39
# Ligazón permanente a este artigo
Nicomedes o pelado
Helena e Carla fixéronnos botar unhas risas con Nicomedes o pelado de Pinto & Chinto. Nicomedes é un texto sinxelo pero moi imaxinativo e ten unhas ilustracións sorprendentes e divertidas. Pinto & Chinto volven agasallarnos cun conto que non vos podedes perder.
Clicade no enlace para ver outros títulos destes autores na nosa biblioteca.

Máis títulos de Chinto & Pinto na BBS.

Graciñas contadoras por traernos a Nicomedes á biblioteca e polo ben que nolo contastes!







Comentarios (0) - Categoría: Novidades - Publicado o 10-11-2014 17:49
# Ligazón permanente a este artigo
A rúa da Tixola
Na rúa da Tixola
un neno estaba chorando.
Aqueles choros
fixeron que o veciño de abaixo
se puxese
dun humor de raios.

Entón o veciño de abaixo
pegou un zapatazo no chan
e pisoulle o rabo ao gato.


Andrea, Iria e Noa leváronnos de paseo pola Rúa da Tixola. Un pequeno incidente é o punto de partida dunha divertida historia na que pequenos problemas parecen grandes traxedias, pero se van resolvendo de forma sinxela, coa axuda dos veciñ@s da rúa e tamén, dos contos.
A Rúa da Tixola é unha obra de Charo Pita e Massimiliano di Lauro, con divertidas ilustracións e un texto que nos convida a pensar sobre o doado que pode ser resolver pequenas traxedias.
Na BBS gustounos moito, moito o final. Graciñas contadoras por presentarnos unha das novidades da BBS.












Comentarios (0) - Categoría: Novidades - Publicado o 23-10-2014 17:50
# Ligazón permanente a este artigo
Maruxa
Ana, Gloria e Paula escolleron Maruxa de Eva Mejuto & Mafalda Milhões para o seu primeiro conto deste curso.
Que boa escolla! E que boas contadoras estas rapazas de 6º!
Maruxa decide darlle unha lección ao seu home e convencelo con moita retranca de que o traballo da casa está mal repartido e ten que cambiar de actitude.
Canta faltiña nos fan contos coma este que desde o humor apostan por facer mellor o mundo no que vivimos.
Non deixedes de buscar a Maruxa na biblio.





Anunciando o conto














Gloria, Paula, Ana e Maruxa


Comentarios (0) - Categoría: Novidades - Publicado o 19-10-2014 23:52
# Ligazón permanente a este artigo
A vaca que puxo un ovo
Como? Que unha vaca puxo un ovo? Pero, pero...
Tremenda novidade trouxeron á BBS un equipazo de contadoras: Patri,Noa, Andrea, Laura, Silvia, Fátima e Helena. Sete contadoras en acción pero é que o que tiñan que contar non era para menos.
A vaca que puxo un ovo con texto de Andy Cutbill e ilustracións de Russell Ayto é unha divertidísima historia que fala dunha vaca moi especial que quere facer algo diferente para non ser coma todas as demais. Pero sobre todo esta historia fala da amistade e de como con bos amigos e amigas todo é posible.
Encantounos! Está escrito con moito humor e as ilustracións son moi divertidas.
A vaca que puxo un ovo é un dos recomendados da BBS. Grazas contadoras por facelo tan ben e por presentarnos esta novidade.




Comentarios (0) - Categoría: Novidades - Publicado o 08-04-2014 23:42
# Ligazón permanente a este artigo
As Crónicas de Bran
Hoxe presentamos no noso blogue unha obra que para a BBS é moi especial. Non é literatura para nenos e nenas, pero estamos seguros de que en poucos anos moitos de vós descubriredes a triloxía As cronicas de Bran de Xosé Duncan e gozaredes moito coa súa lectura.


Pero, por que é especial para a BBS?

* Porque é unha historia de fantasía épica e aventuras escrita en galego que se desenvolve nun mundo que nos resulta estrañamente familiar.

* Por que Taragoña inspira ese mundo de fantasía no que se ambienta a obra.

* Por que é a obra dun escritor de Taragoña que aposta por un xénero que estaba pouco desenvolvido na nosa lingua pero que ten moitos seguidores entre os xoves e os adult@s.

* Por que coñecemos a Xosé Duncan e admiramos o seu traballo e o seu compromiso coa literatura fantástica, coa nosa lingua e coas súas orixes.

* Por que temos a sorte de que Xosé Duncan se puxera en contacto coa BBS para darnos a coñecer a súa obra e nos ofrecera a posibilidade de organizar unha presentación de "As Crónicas de Bran" aquí, en Taragoña.

Como vedes sobran motivos para que esta obra sexa especial para a BBS. Convidámosvos a adentrarvos nos dous primeiros títulos da saga, publicados por Contos Estraños Editora: A revolta dos mestres e A porta de Annwn

Para saber máis sobre Xosé Duncan e sobre As crónicas de Bran non deixedes de visitar a súa páxina.



Comentarios (1) - Categoría: Novidades - Publicado o 04-04-2014 00:47
# Ligazón permanente a este artigo
Troco
Raúl, Laura, Alba e Dunia contáronnos Troco de Roberto Castro e Margherita Micheli, un conto sobre unha ovella lectora que quería estar cómoda para rematar o seu conto, un sobre tres porquiños e un lobo. E cando xa cría que estaba ben acomodada para ler, un problema coa súa cadeira fai que comece unha sucesión de trocos na busca dun asento xeitoso para ler eses contos que tanto lle gustan. Troco é unha historia divertida na que se mesturan personaxes de dous contos para falarnos da aventura de ler.
Hoxe, unha vez máis, a nosa biblio foi un lugar cómodo e acolledor para ler e escoitar a un grupo de bos contador@s.


Comentarios (0) - Categoría: Novidades - Publicado o 12-03-2013 19:44
# Ligazón permanente a este artigo
A partes iguais
No equipo de biblioteca A partes iguais gustou moito desde a primeira lectura. Gustounos porque é unha boa historia que ademais convida a reflexionar sobre as desigualdades e a inxustiza, e sobre os valores que deben presidir a sociedade na que nos gustaría vivir e na que nos gustaría que medren os nos@s nen@s. A partes iguais de Darabuc e Lina Žutautėfoi foi unha das recomendacións para o Nadal das bibliotecas do Concello de Rianxo, pero aínda non se "presentara en sociedade" na nosa biblioteca.
Encantounos que Astrid, Tania, Lía e Eva escolleran este título entre as nosas novidades para o contacontos desta semana e sobre todo encantounos que ao devolver o libro despois de practicar para contalo, a unha delas lle saira de dentro:
- Este libro é precioso!
Porque o é, claro que o é, no texto e nas ilustracións. E que gusto dá ter boas historias e boas contadoras nos nosos recreos lectores!








Comentarios (1) - Categoría: Novidades - Publicado o 23-02-2013 21:25
# Ligazón permanente a este artigo
Herdeiros pola forza

Mañá venres 8 de febreiro, ás 8 da noite, Xurxo Ayán e Manuel Gago presentarán o seu libro Herdeiros pola Forza na nosa biblioteca. O coloquio-presentación terá lugar no marco dos actos que baixo o título Chamando ás portas da historia organiza o equipo de dinamización lingüística en colaboración coa ANPA.
Este acto está aberto a todo o público que queira visitarnos, así que animádevos.

Recomendamos unha visita aos blogues dos autores:

Xurxo Ayán
Manuel Gago
Comentarios (0) - Categoría: Novidades - Publicado o 07-02-2013 23:10
# Ligazón permanente a este artigo
A voda dos ratos
E os ratos casaron e foron felices! Pero antes tiveron que loitar contra moitísimos obstáculos, froito da forte oposición do pai da ratiña á voda. Dunia, Laura, Iria e Carla trouxeron aos martes lectores unha divertida historia de amor, cunhas ilustracións moi fermosas e cheas de detalles. A voda dos ratos de Margarita del Mazo e Lisa Kaser é outra das novidades da editorial OQO que podedes atopar na nosa biblioteca.







Comentarios (0) - Categoría: Novidades - Publicado o 24-10-2012 20:59
# Ligazón permanente a este artigo
A vaca condesa
Antía e Carla encargáronse de presentarnos a unha vaca moi peculiar que nos fixo botar unhas risas e que seguro que vai ter moito éxito na nosa biblioteca. A vaca condesa de Juan Alfonso Belmontes e Evelyn Daviddi, é unha das novidades da editorial OQO que podedes atopar nos andeis da BBS. Non a perdas!








Comentarios (2) - Categoría: Novidades - Publicado o 17-10-2012 22:54
# Ligazón permanente a este artigo
Desaparizión
Xa temos na biblio o novo libro de Pereledi,xa sabedes, Pere Tobaruela e Ledicia Costas. Non é a nova entrega da inspectora Nola, pero tamén ten moi boa pinta. Desta vez trátase dun misterio coas letras do abecedario e está inspirado nunha obra dun escritor francés George Perec, escrita en 1969. Non vola perdades.


Comentarios (0) - Categoría: Novidades - Publicado o 09-03-2012 18:02
# Ligazón permanente a este artigo
"Libros para agasallar" á BBS
Empezan a estar xa nos andeis de novidades algúns dos títulos que escollestes como favoritos na nosa exposición "Un libro para agasallar". Aquí tedes doce dos libros máis votados, que xa forman parte dos fondos da BBS.



Comentarios (0) - Categoría: Novidades - Publicado o 09-02-2012 00:18
# Ligazón permanente a este artigo
Maxia
Precioso!
Rematamos o conto cun:- Ahhh!
A nosa amiga Charo Pita escribiu unha historia sinxela e máxica que nos fala con humor do máis natural do mundo, os bebés e as mamás.
Alba, Iria e Laura escolleron este conto dunha das nosas escritoras e contadoras favoritas, ilustrado por Madalena Matoso e publicado por OQO.






Comentarios (0) - Categoría: Novidades - Publicado o 08-02-2012 23:25
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal



Contador gratis



As imaxes que publicamos neste blogue teñen un uso educativo. Se estiveran suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña. Grazas