biblioteca brea segade


Blogue da Biblioteca Brea Segade de Taragoña.

Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia




PREMIO BIBLIOTECAS ESCOLARES





























Libriño
breasegade@yahoo.es
 CATEGORÍAS
 BIBLIOGALERÍA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Despedida do club de adult@s

En maio tamén tivemos a última xuntanza do Club de Lectura de Adult@s. Falamos sobre "El abuelo que saltó por la ventana y se largó" ese personaxe que nos fixo botar máis dunha gargallada a medida que iamos lendo e que nos deu para falar sobre a amistade, a vellez, a nosa historia máis próxima.
Os adult@s tamén avaliamos a experiencia, o noso primeiro ano de club. As nosas valoracións son moi positivas tanto polo que se refire a crear un espazo para compartir lecturas e vivencias como á escolma de títulos que lemos neste meses. Queremos repetir! Así que para o ano agardareos polos Clubs de lectura de grandes e pequenos.
O único malo, nunca nos lembramos de quitar fotos e cando o facemos xa marchou alguén, ai que desastriños!
Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE LECTURA ADULT@S - Publicado o 10-06-2013 20:07
# Ligazón permanente a este artigo
El abuelo que saltó por la ventana y se largó
"Momentos antes de que comece a celebración do seu centésimo aniversario, Allan Karlsson decide que nada de iso vai con el. Vestido co seu mellor traxe e unhas zapatillas, salta pola ventá e se fuga da residencia de anciás na que vive, deixando plantados ao alcalde e á prensa local. Sen saber a onde ir, encamíñase á estación de autobuses. Alí, mentras espera a chegada do primeiro bus, un mozo pídelle que vixile a súa maleta, coa mala fortuna de que o autobús chega antes de que regrese e Allan, sen pensarlo dúas veces, sube ao autobús coa maleta, ignorante de que no seu interior hai millóns de coronas de dubidosa procedencia. Pero Allan Karlson non é un avó fácil de asustar. Ao longo da súa centenaria vida tivo un montón de experiencias do máis singulares: dende inverosímiles encontros con personaxes como Franco, Stalin o Churchill, ata amistades comprometedoras como a muller de Mao, pasando por actividades de alto risco como ser axente da CIA ou axudar a Oppenheimer a crear a bomba atómica. Esta vez, cando cría que coa súa xubilación chegara a tranquilidade, está a punto de poñer todo o país patas arriba." Reseña editorial.

El abuelo que saltó por la ventana y se largó de Jonas Jonasson será o último libro deste curso do Club de Lectura de Adultos. Rematamos cunha lectura alegre, optimista, cargada de humor e de sentido común, que boa falta nos fai tal e como está todo. De feito foi petición de varias persoas do club: "Que nos faga sorrir". Veremos se o consigue.
Jonas Jonasson naceu en 1962 en Växjö, unha pequena cidade do sur de Suecia. Tras unha longa carreira como xornalista, consultor de medios y produtor de televisión, Jonasson decidiu empezar unha nova vida e redactar a novela que levaba anos queriendo escribir. Instalouse en Ponte Tresa, unha pequena cidade xunto ao lago de Lugano, en Suiza, onde escribiu El abuelo que saltó por la ventana y se largó. Na actualidade, Jonasson vive en Suecia, nunha pequena illa no mar Báltico.

Entrevista en El País.

Comentarios (1) - Categoría: CLUB DE LECTURA ADULT@S - Publicado o 02-05-2013 17:19
# Ligazón permanente a este artigo
A mansión dos Pampín
Mañá falaremos de dous libros no Club de Lectura de adult@s: Sol de Inverno de Rosa Aneiros e A mansión dos Pampín de Miguel Anxo Prado.
Será a nosa segunda xuntanza con Sol de Inverno un libro para falar do pasado e tamén do presente, das voltas que dá a historia, das similitudes entre os tempos convulsos nos que se desenvolve a vida de Inverno e dos tempo difíciles que estamos a vivir.
E tamén falaremos sobre Miguel Anxo Prado e a súa visión da especulación urbanística e dos tempos previos ao momento que estamos a vivir reflectidos na obra de banda deseñada A mansión dos Pampín. Miguel Anxo Prado é un dos creadores de banda deseñada máis premiados e recoñecidos a nivel mundial, precursor e dinamizador de numerosas iniciativas encamiñadas a prestixiar e dar a coñecer a banda deseñada galega e internacional. Na Mansión dos Pampín unha familia recibe en herdanza unha casa e unhas terras. O que o principio lles pareceu unha grande fortuna acaba sendo un rompedeiro de cabeza para eles.
Non deixedes de visitar a súa páxina oficial
Esta é a primeira incursión no mundo da banda deseñada do noso club de lectura de adult@s, a ver como resultou.




Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE LECTURA ADULT@S - Publicado o 28-04-2013 21:37
# Ligazón permanente a este artigo
Sol de Inverno
Os adult@s estamos a ler Sol de Inverno de Rosa Aneiros. Esta obra foi Premio Xerais de novela no ano 2009.
Rosa Aneiros naceu en Meirás-Valdoviño en 1976.É xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega. Colabora habitualmente en distintos medios de comunicación impresos e dixitais.En 1999 presentou a súa primeira novela, Eu de maior quero ser, á que seguiron Corazóns amolecidos en salitre (2002), Resistencia (2003, Premio Arzobispo San Clemente, 2003), O xardín da media lúa (2004), Veu visitarme o mar (2004), Ás de bolboreta (2009), Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro Xuvenil 2009 e Premio The White Ravens (Internationale Jugend Bibliothek)2010 e Sol de Inverno (Xerais, 2009), Premio Xerais de Novela 2009 e Premio Fervenzas Literarias a Mellor portada adultos, 2009. Ten publicados igualmente relatos e artigos xornalísticos que recibiron inumerables mencións e recoñecementos.




Sol de Inverno é unha novela comprometida, que nos leva ao longo da vida da súa protagonista, Inverno. A protagonista habita diversos escenarios que van desde a perdida aldea de Antes a Barcelona, para relatarnos a crueldade da guerra; e logo ás circunstancias da fuxida a Francia e ao longo exilio cubano; á revolución castrista; e mesmo á viaxe ao París do maio do 68. En Cuba, Inverno entrará en contacto coa emigración galega e tamén cos descendentes dos cimarróns.
Na historia é fundamental a permanente loita da protagonista por voltar á súa aldea natal.
Vidas entrecruzadas que nos debuxan a historia máis recente en forma de novela, desde a rebeldía dos seus personaxes e a defensa da xustiza.
Comentarios (4) - Categoría: CLUB DE LECTURA ADULT@S - Publicado o 07-04-2013 12:10
# Ligazón permanente a este artigo
O club da calceta
E xa que estamos cos clubs seguimos c@s adult@s, que tamén cambiaron de libro e neste momento están a ler sobre un grupo de mulleres que se xuntan en torno a unha afección: O club da calceta de María Reimondez, publicado en Xerais.


Reseña editorial.
"Seis mulleres moi diferentes entre si acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. Inspiradas na figura liberadora da tía Davina, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Fernanda van facendo ás lectoras e lectores partícipes da súa historia desde unha perspectiva múltiple que desfai os fíos dunha sociedade machista. A través dun espazo tan tradicionalmente feminino como a calceta, María Reimóndez dálles voz a estas mulleres que desde as súas diferenzas atopan no valor da unidade a forza para sobrepoñerse a un presente que as nega e as minusvalora. Desde a intriga, cun estilo áxil, que tira do ánimo de quen le, de xeito entretido e mesmo producindo hilaridade, a autora do Club da calceta ofrécenos unha novela que, tras a sorpresa que causa, fai emerxer unha profunda reflexión e revisión sobre a condición feminina."


Para saber máis sobre María Reimondez, autora deste libro e muller polifacética e comprometida, convidámosvos a visitar:





- A súa páxina web.
- A súa ficha na Biblioteca Virtual Galega. BVG
- A súa entrada na Wikipedia
Comentarios (1) - Categoría: CLUB DE LECTURA ADULT@S - Publicado o 05-03-2013 23:22
# Ligazón permanente a este artigo
Los aires difíciles
O Club de lectura de adult@s tamén tivo a súa primeira xuntanza á volta do Nadal. Falamos sobre a adaptación ao cine de 84 Charing Cross Road , que non nos enganchou tanto coma o libro, e sobre a fermosísima e poética novela, Seda

A nosa seguinte lectura é Los aires difíciles de Almudena Grandes, publicada en Tusquets no ano 2002.

Almudena Grandes é unha escritora española, habitual colaboradora da prensa escrita e da radio, que desde a súa primeira obra, Las edades de Lulú, publicada en 1989, leva escrito númerosas novelas que foron moi ben acollidas tanto pola crítica como polos lector@s.


Na súa páxina podedes atopar a súa biografía, reseñas sobre as súas obras, entrevistas, entradas de prensa sobre os seus libros, o listado das adaptacións cinematográficas...
Páxina de Almudena Grandes.




Reseña editorial.

Sara Gómez e Juan Olmedo son dous estraños que se instalan a principios de agosto nunha urbanización da costa gaditana dispostos a reiniciar as súas vidas. Iremos descubrindo que ambos arrastran uns pasados ben diferentes, dos que queren fuxir. Sen buscalo acaban intercambiando confidencias e camaraderías, grazas á inesperada complicidade que propicia compartir unha asistenta, Maribel.


Para ler algunhas das súas colaboracións en El País premede neste enlace.
Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE LECTURA ADULT@S - Publicado o 15-01-2013 23:08
# Ligazón permanente a este artigo
Seda
O club de lectura de adult@s tamén levou libro para ler nestas festas e unha película para ver. Despois de 84 Charing Cross Road, que tanto nos gustou, decicimos buscar e ver a peli. E cambiamos de temática, de época, de estilo... co noso seguinte libro, Seda de Alessandro Baricco, publicado por Rinoceronte.

Así explica o autor a xénese do seu relato. "Un bo día, un amigo contoume que un devanceiro seu tiña un oficio un tanto estraño. Partía unha vez ao ano, cruzaba o mundo, meses despois chegaba a Xapón, compraba ovos de vermes da seda, regresaba a Italia e vendíaos. O resto do ano descansaba. Estabamos esquiando cando me contou esta historia. Detívenme, saquei os esquís e comecei a pensar e a lle dar voltas, e non parei de facelo ata que escribín a última páxina."
Influenciado por Céline, Salinger, McEnroe, Stanley Kubrick, Walt Disney, Liberatore..., Alessandro Baricco é o escritor italiano vivo máis internacional. "Seda é unha historia antes de ser un libro. É, sobre todo, unha historia. E ás historias esváranlles as fronteiras".


Que o 2013 traia as mellores historias posibles para tod@s!




Comentarios (2) - Categoría: CLUB DE LECTURA ADULT@S - Publicado o 31-12-2012 19:34
# Ligazón permanente a este artigo
O noso Club de Lectura para adult@s
Temos un novo club de lectura na BBS!
Neste caso trátase dun Club para adultos e adultas aos que lles guste ler e falar sobre libros: pais, nais, avós, avoas, profesorado, amig@s e familiares do alumnado do Brea Segade. Estamos moi ilusionados con esta nova aventura da BBS dirixida ás familias; ímola mimar para que vaia medrando e consolidándose. As xuntanzas celebraranse os luns cada tres semanas ás 15:30 da tarde.
Tivemos xa unha primeira xuntanza de constitución do club e estamos a ler o noso primeiro libro, sobre o que falaremos na segunda xuntanza, o vindeiro luns 17 de decembro.

Aquí tedes a ficha e unha reseña da editorial do libro que estamos a ler:

84, Charing Cross Road
Helen Hanff
Colección Panorama de Narrativas
187 páxinas
Editorial Anagrama

"En outubro de 1949, Helene Hanff, unha escritora xove e descoñecida, envía unha carta desde Nova Iorque a Marks & CO., unha librería situada no 84 de Charing Cross Road, en Londres. Apaixonada, maniática, extravagante e moitas veces sen un peso, a señorita Hanff pídele ao libreiro Frank Doel volumes pouco menos que inencontrables que calmarán a súa inesgotable sede de descubrimentos. Vinte anos despois, continúan escribíndose, e a familiaridade pasou a ser unha intimidade case amorosa. Esta correspondencia excéntrica e chea de encanto é unha marabilla que evoca, con infinita delicadeza, o lugar que ocupan na nosa vida os libros e as librerías. 84, Charing Cross Road pasou case inadvertido no momento da súa publicación, pero desde a década dos setenta convertiuse nun verdadeiro libro de culto a ambos lados do Atlántico."


Agardamos que esta novela curtiña que fala sobre os libros e a súa importancia nas nosa vidas sexa unha boa maneira de comezar o nosa andaina. Animádevos a participar no club! Aínda estades en tempo de vos incorporar.

Comentarios (4) - Categoría: CLUB DE LECTURA ADULT@S - Publicado o 06-12-2012 20:24
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal



Contador gratis



As imaxes que publicamos neste blogue teñen un uso educativo. Se estiveran suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña. Grazas