Tere, a nai de Iago e María, puxo o broche de ouro ás nosas sesións de contacontos do mes dos libros.
Rematamos co Sorriso de Daniela, e un sorriso ben grande é sen dúbida o mellor broche de ouro para esta actividade que tanto nos gustou a tod@s os que participamos nela.
Dolores, a nai de Irene, leunos un conto que gardaban na súa casa de hai moitos anos. Un conto que falaba de como eran e como se divertían os nenos antes, nos tempos dos avós e as avoas. Os protagonistas, Comido e Comeorellas eran ben fedellos pero tamén ben espelidos. E é que hai cousas que non cambian e de seguro que a todos nos vén a memoria algún neno ou nena así.
E aínda que abril rematou, os recreos na nosa biblioteca seguen recibindo mamás contadoras de contos que aceptaron o noso convite e se animaron a compartir con nós algúns dos seus contos favoritos. Hoxe, foi Ánxela, a nai de Paula quen nos contou un conto fermosísimo e moi divertido, protagonizado por unha gata diferente e especial. Como non nos vai gustar a gatiña Rosalinda?
Así comezou Esther e menos mal que tiña aspecto inofensivo e que traía nas mans un conto para nos contar, que senón...
Esther, a nai de Andrea, contounos unha historia sobre os medos no último luns de abril. Era un conto especial, un dos favoritos de Andrea de pequeniña e a nós tamén nos gustou un montón e nos fixo sorrir.
Un ano máis celebramos o día central do mes do libro coa lectura do manifesto do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e co Apadriñamento Lector dos máis pequen@s da escola.
Esta é unha das actividades que máis nos gustan na BBS, pero este ano resultou aínda máis especial. Un grupo de antig@s alumn@s compartiu a celebración con nós, volveron ser padriños e madriñas como cando aínda estaba no Brea Segade. Que gusto velos de novo contando contos, decorando os seus diplomas, falando e rindo cos máis pequenos! E que gusto vervos a tod@s enredados cos contos e coa lectura!
E o primeiro ano que apadriñamos e amadriñamos lector@s con chuvia. Tivemos que adaptanos e facer a actividade a cuberto pero resultou moi ben, sobre todo grazas aos esforzos de Tino para ternos listo o novo escenario do auditorio e a José Luis que instalou o son en tempo récord. Graciñas aos dous!
O venres tivemos un conto rimado que falaba dun terrible pirata: O pirata pata de lata. Contóunolo Esclavita, a nai de Sergio, que nos deixou a tod@s coa boca aberta vendo o ben que recitaba esta divertida aventura.
E seguimos enchendo os recreos da BBS de contos e de fantásticas contadoras! Hoxe estivo con nós Isaura, a nai de Miguel, contándonos como enredar e enredar para non tomar o leite antes de ir durmir.
Hoxe tivemos no recreo a visita dunha ninfa dos bosques que nos contou unha historia moi especial: Unha lenda de outono. A historia tiña como protagonistas a un grupo de nenos e nenas da escola de Outeiro que nos resultaron ben coñecidos: Miguel, Carla, Ruth, Gloria, Paula, outro Miguel, Nico... Todos eles están xa no Brea Segade, pero cando eran máis pequenos protagonizaron un conto que inventaron na casa de Aida e Miguel e que sucedía na súa escola. Hoxe Pili, a ninfa dos bosques, leu para nós este conto inventado, manuscrito e ilustrado en familia e ensinounos un novo exemplar, recén saído do prelo para poder estar hoxe na nosa biblioteca.
Conchi, a nai de Irene e César, estivo hoxe na nosa biblioteca para traernos un novo agasallo, a lectura de Croco. Como nos está gustando este abril cheíño de contos!
Tino foi o encargado de abrir as nosas sesións de contacontos do mes de abril, e foi unha apertura de luxo! O seu conto viña de moi cerca, de Asados, e acababa cunha pregunta que nos fixo pensar. Seguro que O can forasteiro aínda nos dará que falar.
Cal era o conto preferido dos vosos avós e avoas, dos vosos pais e nais, dos irmáns ou irmás maiores...? Botádelles unha man para lembrar e para ilustrar.
Con abril chegan á nosa biblioteca, como cada ano, actividades para celebrar o noso compromiso coa lectura e cos libros. Un compromiso que coidamos con mimo ao longo de todo o curso desde a biblioteca, desde as clases, desde as casas... Pero en abril damos un paso adiante e fachendeamos con máis ganas desta nosa paixón pola lectura e pola cultura e convidamos a tod@s a fachendear con nós.
O punto de partida deste mes dos libros, o Día do Libro Infantil e Xuvenil, colleunos na Pascua, pero nós celebraremolo igual ao longo do mes.
Este é o cartel que a Oepli , Organización Española para o libro Infantil e Xuvenil, difundiu este ano para promover os bos libros infantís e xuvenís.
As imaxes que publicamos neste blogue teñen un uso educativo. Se estiveran suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña. Grazas