Voceiro de N.E.G.
(NOVA ESQUERDA GALEGA)
Nova Esquerda Galega (NEG) é unha organización que se define como alternativa, socialista, ecoloxista, galeguista, confederal, internacionalista, feminista, altermundista e que se esforza por impulsar as loitas contra toda forma de explotación, opresión e dominación sobre as persoas e a natureza. As mulleres e os homes de Nova Esquerda Galega (NEG) organizámonos politicamente para levar adiante a transformación revolucionaria da sociedade. Nova Esquerda Galega (NEG) procura a construción do socialismo sen renunciar a unha democracia avanzada e participativa, autoxestionaria, libre de explotación, alienación e opresión, onde todo o mundo poida participar dun xeito democrático e autónomo na elección dun novo futuro colectivo.
PULSA SOBRE A BANDEIRA DE NEG PARA SABER MÁIS SOBRE NOVA ESQUERDA GALEGA (NEG)
|
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Entrevista a Xosé Manuel Beiras, voceiro de AGE no Parlamento galego |
|
http://www.crtvg.es/informativos/no-tempo-da-nosa-entrevista-falamos-con-xose-manuel-beiras-668262 |
|
|
|
R. Suárez Picallo, X. Manuel Beiras e a Fronte Popular. |
|
 * Lois Pérez Leira
A importante declaración de ANOVA ? Irmandade Nacionalista convocando a creación dunha fronte electoral sen exclusións para as vindeiras eleccións europeas é un paso moi importante para ir perfilando unha nova Fronte Popular como en 1936. Naquel entón participaron partidos da esquerda estatal como o Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), Partido Comunista de España (PCE), Izquierda Republicana (I.R.) e formacións nacionais como o Partido Galeguista, Acción Nacionalista Vasca (EAE-ANV), Esquerra Valenciana, Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) entre outros. Tamén foron parte desta Fronte os anarquistas, os trotskistas e as centrais sindicais.
A Fronte Popular presentouse en Cataluña, como Front d'Esquerres, nucleada en torno a Esquerra Republicana de Catalunya mentres que en valencia participou co nome de Front d'Esquerres.
No noso país un dos impulsores desta fronte popular será o Partido Galeguista, tendo como animadores principais a Ramón Suárez Picallo e Alfonso D. Rodríguez Castelao.
Co triunfo da dereita en 1933, o panorama político presentábase moi difícil. O 13 e 14 de xaneiro de 1934 o Partido Galeguista convoca a súa III Asemblea na cidade de Ourense. Na devandita Asemblea Picallo enfróntase co sector conservador do partido, representado por Vicente Risco e Otero Pedrayo. Para Picallo o gran inimigo é o fascismo e hai que pór todas as forzas para derrotalo. A III Asemblea de Ourense foi un profundo debate ideolóxico entre dous xeitos distintos de concibir o Partido Galeguista. Picallo e Risco encarnarán estas dúas opcións, que tempo despois darán na escisión da dereita galeguista. Durante a Asemblea Picallo formalizou unha Proposta de Declaración que contou con 70 votos a favor e 1 en contra.
Esta sinalaba a posición que habería que adoptar con respecto á coalición e coordinación cos partidos republicanos e autonomistas de Galiza. No debate di:
"O Partido non pode presenciar impasíbel o retroceso da historia política de Galiza". Na Declaración recóllese: "o ascenso ao poder dos máis encarnizados inimigos das aspiracións autonomistas; inimigos, igualmente, das máis puras esencias do réxime republicano e democrático, e tamén inimigos das conquistas obtidas ou por obter, das clases obreiras, campesiñas e mariñeiras de Galiza, así como do rexurdir integral do espírito da galeguidade ?lingua, arte e cultura?, principios e aspiracións que o Partido Galeguista defende e sostén, por mando do seu programa, e por vontade dos seus afiliados".
Entre os puntos principais desta declaración está o primeiro punto que esixe a máis plena autodeterminación política de Galiza e a defensa do réxime republicano para Galiza. O segundo punto propón un labor conxunta (de todos os partidos que defendan o dereito da autodeterminación,) contra o avance das dereitas. A aprobación das teses de Picallo, sintetizadas nesa Declaración política, vai significar una esquerdización do Partido Galeguista.
En abril de 1935, realizouse en Santiago de Compostela a IV Asemblea do Partido Galeguista; durante as discusións Picallo ten una histórica polémica con Otero Pedrayo. Este debate será parte dos enfrontamentos ideolóxicos entre as distintas correntes internas. Picallo, o expoñente máis claro da esquerda dentro do Partido, dirá nesta oportunidade:
"O problema de marxismo ou anti-marxismo é unha creación arbitraria das dereitas españolas e significa un erro profundo facerlle o coro a tales xentes".
Arredor do marxismo Picallo fai consideracións que demostran un fondo coñecemento do asunto e a utilización deste pensamento na súa análise política. Picallo dirá posteriormente:
"Non renuncio á colaboración con estas forzas políticas. Que dende logo entre Roma ou Moscova, como agora se di, eu sen dúbidas con Moscova..". Para despois engadir: "E se fose católico sería católico, apostólico e galego. O problema no mundo é de marxismo e fascismo. O noso país e un pequeno termo medio. Polo seu liberalismo e constitución económico-social".
Picallo, malia a súa formación marxista, considera que o Partido Galeguista por ser un partido que ten que representar a toda una nación e non se pode decantar por una soa ideoloxía. Pensa que é necesario que neste partido conflúan todas as correntes do pensamento patriótico.
"O Partido Galeguista non é marxista, dende logo, mais a asemblea non pode tampouco facer ningunha declaración nin de marxismo nin de anti-marxismo. Estes son, en Galiza, dous tópicos importados.
O noso Partido é un partido político e como tal ten que vivir a realidade do momento. Hai un problema plantexado que é o de liberdade ou opresión e o Partido non pode dubidar. É un problema circunstancial e de táctica e hai que afrontalo..."
Posteriormente na II Asemblea Extraordinaria do Partido Galeguista, na que tomaron parte máis de 100 representantes, entre os que había delgados da emigración, son proclamados os candidatos a deputados, para integrar as listas do Fronte Popular, os cales foron elixidos por votación dos delegados: Castelao, 1.785 votos. Picallo, 1775. Antón Villar Ponte, 1.771. Alexandre Bóveda, 1.735. Gómez Román, 1.683. Álvarez Gallego, 1.639. Plácido Castro, 1.498. Carballo Calero, 1.416. Otero Pedrayo, 1354. Valentín Paz Andrade, 1.304. Manuel Peña Rey, 1.219. José Nuñez Búa, 828. Sebastián González, 805. Víctor Casas, 680. Álvaro Xil, 569. Enrique Peinador, 534. Xosé Moreira, 352. Ánxel Fole, 312. Ánxel Casal, 287. Xosé R. F. Oxea, 245. Johán Carballeira, 244. Xosé P. Fernández 227. Ramón Vilar Ponte, 212. Francisco Domínguez, 192.
A pesar dos anos transcorridos daquel debate dos nacionalistas e das actuais circunstancias políticas, ambas as dúas etapas históricas teñen puntos de semellanzas. Agora é ANOVA e Xosé Manuel Beiras os que encarnan as posicións frontistas de Picallo e do Partido Galeguista. Naqueles anos non se equivocaran na caracterización do momento político e a necesidade de crear un instrumento unitario contra o fascismo. Na actualidade a regresión democrática do neo-fascismo, require dunha resposta contundente das forzas nacionalistas e as das esquerdas rupturistas, para derrotar á monarquía e garantir o dereito autodeterminación de Galicia.
|
|
|
|
Convite á presentación en Alcalá de Guadaíra de Compromiso LA IZQUIERDA (C-LI) |
|
http://compromisolaizquierda.blogspot.com.es/2013/09/invitacion-la-presentacion-en-alcala-de.html
Á atención de todas as organizacións sociais, sindicais e políticas de esquerdas.
Na Casa da cultura de Alcalá de Guadaíra (Sevilla), ás 16:00 horas do día 5 de outubro, e no marco do 3º Congreso Andaluz de ISA-ISI, terá lugar a presentación do espazo de confluencia política COMPROMISO A ESQUERDA (C-LI).
Trala presentación terá lugar un debate público sobre o papel de C-LI, e das organizacións que a conforman, na articulación dunha gran Fronte Cidadá e Popular de Esquerda.
INTERVIRÁN NO ACTO:
Javier Madrazo. Ex-Conselleiro de Vivenda e Asuntos Sociais do Goberno Vasco e membro da dirección de Ezker Batua - Berdeak (EB-B).
Óscar Lomba. Asesor xurídico da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) e actual co-voceiro e responsábel de Nova Esquerda Galega (NEG), organización membro de ANOVA e AGE.
José Javier Agorreta. Ex-deputado da Asemblea de Estremadura e Voceiro do Colectivo Rede Verde de Estremadura (RV-Ex).
Juan Francisco Luís. Presidente e Voceiro de Converxencia por Estremadura (CEx).
Antonio Criado. Secretario Xeral Federal de Iniciativa Socialista de Esquerda (ISI).
Este debate público que iniciaremos ás 16:00 horas terá continuidade, ata as 20:00 horas, con outros nos que participarán como relatores Luís González do CATP, Carlos Quintero de Republicanos; mais tamén membros destacados das organizacións que conforman Compromiso A ESQUERDA (C-LI).
Os temas que se abordarán nestes debates públicos, ademais do referido á Articulación dunha gran Fronte Cidadá e Popular de Esquerdas, serán os seguintes: 1) A utilidade do sindicalismo en defensa da Clase Obreira. 2) Monarquía ou República como forma de Estado. 3) A vivenda, un dereito irrenunciábel.
 |
|
|
|
Concentración en Vigo contra os malos tratos. |
|
A Asociación Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo convoca á concentración que terá lugar hoxe xoves día 26 de setembro de 2013 ás 20h. diante do Museo de Arte Contemporánea (MARCO) .
50 mulleres e cativas/os foron asasinadas/os no que vai de ano 2013. Lembremos que non só as mulleres casadas ou maiores de idade sufren a violencia, senón que nenas e mozas de todas as idades son agredidas a diario no noso país.
A Rede unha vez máis vai estar manifestándose contra os malos tratos e os asasinatos das mulleres.
Cómo é habitual lerase un comunicado, nesta ocasión estará a cargo dunha persoa da Rede.
Precisamos do voso compromiso. A vosa colaboración é fundamental que a cidadanía tome conciencia do drama da violencia de xénero cara as mulleres.
|
|
|
|
Actos organizados pola Asemblea Republicana de Vigo |
|
 Manuel Blanco Chivite e Pablo Mayoral Rueda,condeados a morte e a trinta anos de reclusión respectivamente nos derradeiros Consellos de Guerra Sumarisimos de 1975 que asesinaron a Baena, Sánchez Bravo, García Sanz, Txiki e Otaegui, estarán hoxe xoves 26 ás 20 horas no Edificio Municipal do Areal (antigo retorado) para falar ? Da transición á República?
O acto organizado pola Asemblea Repúblicana de Vigo.
Ao dia seguinte, 27 se setembro e ás 18 horas, habera unha homenaxe no cemiterio de Pereiro a Xose Humberto Baena Alonso, no 38 cabodano da súa morte no que estaran tamén presentes Blanco Chivite e Pablo Mayoral.
|
|
|
|
Nova Esquerda Galega (NEG) súmase ao 38 homenaxe a Xosé Humberto Baena. |
|
 Nota de prensa de NEG
O 27 de setembro de 1975, agonizando o dictador Francisco Franco Bahamonde e mudando de pel a víbora fascista, xa argallaba a estratexia que a levaría a pór a careta de «monarquía constitucional» para que todo, no fundamental, seguise igual.
Mentres incubaba o ovo que procrearía o -mal chamado- «Estado de Dereito», foron fusilados os patriotas vascos Txiki e Otaegi, mais tamén os loitadores antifascistas Sánchez Bravo, García Sanz e o noso compatriota Xosé Humberto Baena, militantes do Partido Comunista de España (marxista?leninista ) e voluntarios da Fronte Revolucionaria Antifascista e Patriota (FRAP).
Nova Esquerda Galega (NEG) súmase á homenaxe a Xosé Humberto Baena que terá lugar no cemiterio de Pereiró de Vigo o vindeiro 27 de setembro ás 18 horas.
Tamén desexamos refrescar a memoria colectiva ao lembrar que se lle acusou de matar a un policía nun xuízo farsa ao que eles denominaron consello de guerra sumarísimo. Non houbo probas nin testemuñas. Nin falta que facía para un fascismo sanguinario necesitado de vítimas propiciatorias que sacrificar para intentar manter o réxime. Porén seguiron preparando a mutación e comezaron a deseñar a careta e o disfrace completo para facer emerxer a IIª Restauración borbónica e así levar adiante o travestismo político seudo-democrático.
Nova Esquerda Galega (NEG) solicita a revisión do xuízo a Baena e a todos os mártires da ditadura franquista. Nova Esquerda Galega (NEG) solicita, tamén, o dereito á verdade para todas as vítimas e as súas familias. Pensamos que teñen o dereito imprescritíbel a coñecer a realidade dos feitos. O Estado español debe adoptar as medidas idóneas para facer efectivo este dereito, incluídas as medidas necesarias para garantir o funcionamento independente e eficaz do poder xudicial, para facer efectivo o dereito a saber e coñecer toda a verdade. Igualmente pedimos dereito á xustiza, pois toda vítima dunha violación manifesta das normas internacionais de dereitos humanos ou dunha violación grave do dereito internacional humanitario, ten dereito a un recurso xudicial efectivo. E para rematar dereito á reparación, xa que as vítimas de xenocidio, violacións manifestas das normas internacionais de dereitos humanos e de violacións graves do dereito internacional humanitario teñen dereito a interpoñer recursos e obter unha reparación. Pensamos que o desagravio e reparación ten que ser proporcional á gravidade das violacións e ao dano sufrido.
Por todo o exposto NEG solicita memoria, verdade, xustiza e reparación! |
|
|
|
38 aniversario do fusilamento de Txiki, Otaegi, Sanchez-Bravo, García Sanz y Xosé Humberto Baena |
|
Fonte: Productora do Documental Setembro do 75
http://info.nodo50.org/Homenaje-a-Xose-Humberto-Baena-en.html
Xosé Humberto Baena Alonso, nado en Vigo en 1950. Estudante de filosofía e letras da Universidade de Santiago de Compostela, foi detido unha primeira vez por reivindicar os dereitos dos estudantes e foi absolto. Participou na mobilización estudantil de 1970 polo que foi xulgado polo Tribunal de Orde Pública. Foi membro galego do Partido Comunista de España (marxista-leninista) e integrante dos FRAP. En 1974 participou no lanzamento de cócteles molotov contra unha sucursal do Banco de Bilbao en Vigo en protesta pola execución de Salvador Puig Antich.
Foi detido de novo o 22 de xullo de 1975 baixo a falsa acusación de asasinato. Para o réxime franquista X. H. Baena era o autor do atentado a un policía en Madrid. Foi condenado a morte e executado o 27 de setembro de 1975.
Antes do fusilamento de Xosé Humberto Beana, o seu pai Francisco Baena Fernando escribiu unha carta ao entón Príncipe de España, Don Juan Carlos I, pedindo o seu amparo e comprensión: necesitaba a súa intercesión, para evitar a execución. A resposta non se fixo esperar, nunha carta asinada polo entón Xefe da Casa Real, Xeral Alfonso Armada: aquela petición excedía as atribucións da institución e do Príncipe, recoñecéndose incapaz de axudalo.
Tralos fusilamentos do día 27 de setembro de 1975, o pai de Xosé Humberto, convencido da súa inocencia, decidiu que debía demostrar a inxustiza daquela sentenza. Por unha banda, pretendía descubrir as posíbeis probas que lle exculparan. Por outra, procurar o amparo nalgunha institución do Estado, que recoñecese as flagrantes ilegalidades e deficiencias existentes, desde a detención á execución.
Aínda que as súas intencións eran desatinadas nunha ditadura, en poucas semanas pareceu coma se a historia se puxese do seu lado. Dous meses despois, coa morte de Franco os rumores sobre un posíbel cambio de réxime xurdiron por todas partes. A ?democracia? convertíase na gran esperanza da familia Baena. Porén, a transcendencia pública que tiveron o proceso xudicial e o fusilamento nunha cidade pequena como Vigo, obrigou á familia Baena a vivir rodeada dun incómodo medo e certa marxinación. Ser familiares dun condenado por terrorismo era motivo suficiente para sufrir o desprezo ou os comentarios a media voz.
Aínda que a transición á democracia seguía o seu curso e a ditadura parecía estar liquidada (con cambios importantes como a legalización do PCE, o referendo da Constitución ou as primeiras eleccións xerais), o complexo e fráxil escenario político e social impediu que a loita emprendida por Fernando Baena puidese concretarse dalgún modo. Aínda habería que esperar un pouco máis, pensaba.
Os anos pasaron, e aínda que a ?democracia? quedou establecida, a inestabilidade do país era evidente por mor da delicada situación económica, un exército remiso a perder o seu poder, e por imparábel actividade armada de ETA. Nese contexto, parecía imposíbel que aquela procura de xustiza avanzase.
En 1982 Francisco Baena falecía sen ver avance ningún na súa loita. A testemuña recolleríaa a súa esposa, Estrella Alonso, quen seguiu procurando xustiza para aqueles consellos de guerra de 1975. Até o momento do seu falecemento no ano 2003, non recibiu noticia ningunha respecto diso.
Desde entón é Flor Baena quen loita porque algunha institución recoñeza a inocencia do seu irmán e anule o proceso. Até hai poucos anos, a familia Baena non atopou nunca apoios, nin públicos nin institucionais, e si ameazas e presións para que abandonase a súa reivindicación.
Os avogados da familia Baena presentaron en 2002 un recurso ao Tribunal Constitucional, onde se esixía que aquel consello de guerra de 1975 fose declarado nulo, recoñecendo a inocencia de Xosé Humberto.
A resposta do Tribunal Constitucional en 2004, como noutras denuncias que se refiren á ilegalidade dos procesos xudiciais do franquismo, alude á falta de lexitimidade de devandita institución para valorar procesos que se desenvolveron antes de ser asinada a Constitución en 1978, que outorga os seus poderes a devandito Tribunal.
Ante esta negativa, que resolvía definitivamente a loita xudicial no Estado español, o novo obxectivo foi o Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo. Respecto dun escrito das mesmas características, a resposta tamén foi similar. Este Tribunal non atopa entre as súas atribucións valorar a lexitimidade e legalidade dun proceso xudicial no Estado español, porque en 1975 -devandito Estado- aínda non asinara a declaración dos dereitos humanos. [...]
[...] Segundo a Declaración Universal dos dereitos Humanos e o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, amparados pola ONU (que o Estado español acepta, apoia, recoñece e utiliza), non poden existir amnistías de ningún tipo en situacións de violacións graves dos dereitos humanos. E a pena de morte é a máis grave de todas elas.
Ante estes graves delitos, esíxese polo dereito internacional ás autoridades de cada Estado o dereito á verdade, a reparación e a xustiza.
Dereito á verdade: as vítimas e as súas familias teñen o dereito imprescritíbel a coñecer a verdade. Os Estados deben adoptar as medidas axeitadas para facer efectivo este dereito, incluídas as necesarias para garantir o funcionamento independente e eficaz do poder xudicial, para facer efectivo o dereito a saber.
Dereito á xustiza: toda vítima dunha violación manifesta das normas internacionais de dereitos humanos ou dunha violación grave do dereito internacional humanitario, ten dereito a un recurso xudicial efectivo.
Dereito á reparación: As vítimas de violacións manifestas das normas internacionais de dereitos humanos e de violacións graves do dereito internacional humanitario teñen dereito a interpoñer recursos e obter reparacións. A reparación ten que ser proporcional á gravidade das violacións e ao dano sufrido. [...]
Desde o ano 2001, Amnistía Internacional da cidade de Vigo apoia a loita de Flor Baena para esclarecer os feitos que desembocaron no fusilamento do seu irmán en 1975.
Realizáronse actos de apoio e presentado comunicados de prensa, téñense promovido mocións no concello de Vigo e escritos e cartas cada ano ao presidente do Goberno, a responsábeis do poder xudicial (xuíces e fiscais), e a moitos líderes políticos. Todo iso, buscando comprensión ou apoio. Como resposta, só obtiveron difusas promesas que nunca se cumpriron.
Flor Baena seguirá a súa loita, apoiándose nalgunhas das reivindicacións que Amnistía Internacional esixe ao goberno español:
Cumprir as recomendacións do Comité de Dereitos Humanos de Nacións Unidas de outubro de 2008, que inclúe: ?prever a creación dunha comisión de expertos independentes encargada de restablecer a verdade histórica sobre as violacións dos dereitos humanos cometidas durante a guerra civil e a ditadura?.
Non opoñer, ante denuncias en sé xudicial, mecanismos de impunidade incompatíbeis co dereito internacional, e eliminar da lexislación española as disposicións sobre amnistía cuxa aplicación puidese pretenderse para impedir a obrigación de investigar crimes contra a humanidade.
Adoptar as medidas necesarias para que as vítimas de graves abusos contra os dereitos humanos poidan exercer o seu dereito á reparación de xeito compatíbel coas normas internacionais.
As intencións da familia Baena, desde hai trinta e cinco anos, son que aqueles xuízos de 1975 sexan declarados nulos e ilegais, as sentenzas condenatorias revogadas, e que se recoñeza a inocencia de todos os acusados.
-Fragmentos extraídos do comunicado de prensa de Amnistía Internacional de Vigo, nº 261208, con data 26 de decembro de 2008.
Derradeira carta de Humberto Baena aos seus pais:
"Papá, mamá: Executaranme mañá de mañá. Quero darvos ánimos. Pensade que eu morro pero que a vida segue. Lembro que na túa derradeira visita, papá, dixéchesme que fose valente, como un bo galego. Funo, asegúrocho. Cando me fusilen mañá pedirei que non me tapen os ollos, para ver a morte de fronte. Sinto ter que deixarvos. Síntoo por vós que sodes vellos e sei que me queredes moito, como eu vos quero a vós. Non por min. Pero tendes que consolarvos pensando que tedes moitos fillos, que todo o pobo é o voso fillo, cando menos eu así volo pido. Lembrades o que dixen no xuízo? Que a miña morte sexa a derradeira que dicte un tribunal militar. Ese era o meu desexo. Pero teño a seguridade de que haberá moitas máis. Mala sorte! Canto sinto morrer sen poder darvos nin sequera o meu último abrazo! Pero non vos preocupedes, cada vez que abracedes a Fernando, o neno de Mary, ou a Manolo facervos á idea de que eu continúo neles. Ademais, eu estarei sempre convosco, asegúrovolo. Unha semana máis e cumpriría 25 anos. Morro novo pero estou contento e convencido. Facede todo o posíbel para levarme a Vigo. Como os nichos da familia están ocupados, enterrádeme, se podedes, no cemiterio civil, á beira da tumba de Ricardo Mella. Nada máis. Un abrazo moi forte, o derradeiro. Adeus papá, adeus mamá. O voso fillo Xosé Humberto?
|
|
|
|
Nova Esquerda Galega apoia a mobilización convocada por ECOAR. |
|
 Fonte: ECOAR
O vindeiro xoves 26 de setembro a militancia de Nova Esquerda Galega (NEG) participará na mobilización cidadá que terá lugar ás 11:30 horas na porta principal da factoría Citroën en Vigo.
Os príncipes visitarán a cidade de Vigo, e dende o Equipo de Acción de ECOAR))) proponse ?recibilos como se merecen?!! A Monarquía é un tipo de institución que concibe que hai persoas con máis dereitos que outras; que hoxe ademais atópase azoutada por decenas de membros acusados por corrupción; e que, no caso do estado español, ten a gravísima cuestión de que a coroa foi elixida por un xenocida, recoñecido como tal internacionalmente, como é Francisco Franco.
Por esta cuestión convócase a toda a cidadanía na porta principal de Citroën ás 11:30, o vindeiro xoves 26/09/13, e prégase que levedes carteis e obxectos cos que facer ruído, para amosar a nosa repulsa á monarquía.
Nova Esquerda Galega fai un chamamento a toda a cidadanía viguesa a participar activamente neste acto.
Difunde!! Participa!! Actúa!!
|
|
|
|
28-S SAÍMOS Á RÚA EN DEFENSA DA CIENCIA! |
|
Convocatoria de mobilización do Comité Vigués en defensa da Ciencia!
Fonte: 28-S SAÍMOS Á RÚA EN DEFENSA DA CIENCIA
http://info.nodo50.org/27S-movilizacion-durante-La-Noche.html
"Por agora, cóntanme amigos investigadores que hai balbordo de batas nos laboratorios. Logo de ter recolleito 230.000 sinaturas en defensa da Ciencia, uníronse nunha plataforma, e para comezar sairán á rúa o vindeiro 28 de setembro, todos xuntos: persoal investigador, técnico, de xestión e bolseiro da Universidade de Vigo, OPIs e spin-offs. Nesa data é a ?Alborada dos investigadores?, e a comunidade científica non está para moitas celebracións" (Isaac Rosa)
O vindeiro sábado 28 de Setembro, con motivo da ?Alborada dos Investigadores?, sairemos á rúa para denunciar o desmantelamento da Ciencia en Galicia e no conxunto do Estado español por mor dos sucesivos recortes aos que os últimos gobernos téñennos condenado....
.... porque SEN CIENCIA NON HAI FUTURO!!
Convocamos a toda a cidadanía viguesa a unirse a nós na manifestación que terá lugar no Centro de Vigo: Sairemos ás 11:00 da mañá desde o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) |
|
|
|
Pensións: Rebaixa inxusta e injustificada |
|
 * Antonio Antón
(Público, 11 de xuño de 2013).
http://www.pensamientocritico.org/antant0713.htm
O Goberno do PP prepara unha reforma profunda e regresiva do sistema público de pensións. O efecto das medidas fundamentais propostas no Informe do ?seu? comité de expertos é unha rebaixa drástica, inmediata e xeneralizada das pensións públicas.
O pretexto utilizado é a súa ?insostibilidade?, cousa que como veremos é falsa. A solución do Informe é a redución do gasto social previsto en pensións públicas cun recorte substancial dos dereitos adquiridos de traballadores e pensionistas. A consecuencia sería menor distribución pública da renda global con maior empobrecemento, inseguridade e desigualdade para a maioría da sociedade: pensionistas presentes e futuros. Si existen algúns desequilibrios entre os ingresos e os gastos, pero ao contrario que a opinión do Informe, son resolúbeis polo incremento dos recursos a medio prazo: máis emprego, maiores salarios medios e baixos e, se é preciso, transferencias orzamentarias puntuais. E a curto prazo pódese utilizar o fondo de reserva.
A proposta de reforma é insolidaria e non ten base obxectiva
A súa xustificación é a actual política neoliberal de austeridade, sen impulso á creación de emprego, coa aposta pola diminución de custos laborais e a referencia principal do pagamento da débeda aos acredores financeiros, consolidada na reforma constitucional. Por iso, deixa á marxe e non é capaz de contemplar a alternativa de incrementar os ingresos do sistema para garantir a suficiencia financeira do sistema público de pensións. Pero iso é unha opción política unilateral en beneficio do poder económico e financeiro e fronte aos intereses da maioría da sociedade: os traballadores e pensionistas. Xa que logo, é unha opción que pola súa transcendencia e impacto debe ser sometida a debate público e decisión democrática.
Lonxe da aparencia técnica, o devandito Informe parte dun diagnóstico interesado: o sistema público de pensións é insostíbel. Nese sentido, dramatiza e amplifica o previsíbel aumento do gasto en pensións, particularmente a través do incremento da esperanza de vida.
Ao contrario, non considera que as pensións no Estado español son baixas: a pensión contributiva media a fin de 2012 non chega a mil euros -955 euros-, só algo máis da metade (56%) do salario medio bruto -1.700 euros-. Ademais, no Estado español, a porcentaxe de gasto público respecto do PIB (10,1% en 2010), dedicado a pensións públicas, é menor que nos principais estados da eurozona (15,3% de Italia, 14,6% de Francia, 12,5% de Portugal e 10,8% de Alemania, e inferior á media da UE-27 -11,3%-).
Tal como se detalla noutro libro (ver Antonio Antón -coord.- ?A reforma do sistema de pensións?, ed. Talasa), no Estado español non hai un ?exceso? de gasto en pensións, o seu importe non é ?xeneroso?, a súa evolución tampouco é ?insostíbel? e, xa que logo, a actual reforma das pensións non ten fundamento científico ningún e é regresiva. Os plans de reforma impulsados desde a UE constitúen un paso relevante na reestructuración regresiva do Estado de benestar e o debilitamento do modelo social europeo. Os seus fundamentos son os intereses dos inversores privados, a custa da calidade de vida da poboación, as prestacións sociais e as garantías públicas das ?persoas?. Vexámolo detidamente.
O ?factor de sostibilidad? como xustificación do recorte
Para manter o equilibrio orzamentario da Seguridade Social o Informe propón o chamado ?factor de sostilidade? con dúas medidas principais: 1) a non revalorización anual das pensións actuais respecto do IPC senón sobre un novo índice menor que a inflación, diminuíndo o seu poder adquisitivo (FRA-Factor de Revalorización Anual); 2) rebaixar a pensión media ao asociala a variábeis demográficas máis restrictivas, como a esperanza de vida (FEI-Factor de Equidade Inter-xeracional).
Como recoñece o Informe ?a aplicación do Factor de Equidade Inter-xeracional dá lugar a unha pensión inicial que irá diminuíndo respecto da súa base reguladora? (p. 12). Analicemos brevemente esta variábel demográfica. Segundo o INE-2012, con datos que tamén recolle o Informe, a esperanza de vida aos 65 anos é a seguinte: no ano 2014 é de 20,17 anos; no 2020, 21,14; no 2030, 22,52; no 2040, 23,80, e no 2050, 24,97. Iso supón un incremento porcentual, en cada periodo respectivo, de 4,3%, 6,5%, 5,7% e 4,9%; en total case cinco anos, máis dun 20% adicional da esperanza de vida media que temos aos 65 anos. Así, segundo o índice utilizado polo Informe, o resultado desta última medida é unha redución acumulada e progresiva de aproximadamente un 5% cada década. En concreto, para o ano 2030 o recorte das pensións sería do 10% e no ano 2050 cerca do 20%, o que supón en torno a 20.000 millóns de euros -de hoxe- (2 puntos do PIB).
Respecto do outro factor (revalorización anual) non se concreta, pero alude a ter en conta un periodo anterior e posterior ao ano de referencia (para evitar cambios conxunturais moi pronunciados). Tamén se consideran as previsións de ingresos e gastos do sistema. Todo iso leva abandonar a referencia do IPC como garantía de mantemento do poder adquisitivo, aínda que a tendencia actual xa era o seu distanciamento progresivo respecto da evolución do salario medio que incorporaba, salvo nestes anos, unha pequena parte do aumento de productividade. Co novo índice, o resultado posíbel é, cando menos, unha perda dun punto anual de poder adquisitivo; é dicer, nun periodo medio de cobro de 20 anos a pensión final terminaría perdendo un 20% do poder adquisitivo da pensión inicial, cunha redución media do 10% no conxunto do periodo.
Sumando o impacto das dúas variábeis temos que a rebaixa da pensión para o ano 2050 pode roldar o 30% respecto dos dereitos actuais; é dicer, en torno a uns 30.000 millóns de euros -de hoxe-, cerca do 3% do PIB. Pero, ademais, segundo os datos do anterior Goberno socialista, o impacto da súa reforma das pensións, aprobada no ano 2011 e aplicada desde primeiros deste ano 2013, cando se desenvolva totalmente para o ano 2050, suporá unha redución duns 3,5 puntos de PIB, é dicer, se retraerán do sistema uns 35.000 millóns de euros, respecto do gasto previsto cos dereitos anteriores. Se engadimos a repercusión orzamentaria da recente restricción da xubilación parcial e anticipada (calculada oficialmente nuns 5.000 millóns, o 0,5% do PIB), temos que o conxunto destas reformas, cando se apliquen totalmente, van detraer ao sistema público de pensións uns 70.000 millóns de euros.
Fronte á perda de dereitos, incremento dos ingresos
Non é de estrañar esta cifra, de recorte de gasto público do 7% do PIB. Nalgunhas previsións oficiais (por exemplo, da Comisión Europea) o gasto estimado en pensións no Estado español, para o ano 2060, antes da reforma do ano 2011, situábase no 17,7% do PIB e agora, deducindo o impacto da reforma en vigor, cífrano no 13,7%. Pois ben, o obxectivo institucional de gasto público en pensións parece que se sitúa entre o 9% e o 10% do PIB, semellante ao destes últimos anos. É dicer, que este gasto, o maior de todos os gastos sociais, pretende conter e reducir os dereitos dos traballadores e xubilados para que encaixen nese nivel distributivo.Deste xeito, aínda que haxa máis pensionistas, vivan máis tempo e a contía das pensións que se dan de alta no sistema sexan maiores que as que se dan de baixa, o total da torta a repartir sería o mesmo; ou sexa, mensualmente tocariamos a menos.
Os obxectivos económicos e políticos da dereita son a contención do gasto público social en detrimento da seguridade dos xubilados, a prioridade aos compromisos de pagamento da débeda aos acredores financeiros (a confianza dos mercados) e o impulso dunha nova oportunidade de negocio para o sector financeiro ao estimular os fondos privados de pensións. Pretende impoñer a perda de dereitos e calidade de vida da maioría social, para defender os privilexios distributivos privados. Os seus resultados son o empobrecemento dos pensionistas e a subordinación da maioría da sociedade, o retraemento do consumo da poboación e a consolidación da desigualdade distributiva e o poder empresarial. Todo iso favorece o estancamento económico e do emprego e a prolongación da crise socioeconómica.
Pero a alternativa, particularmente para os sectores progresistas, debe ser a clásica protección social suficiente á vellez. Existen recursos para iso e a xustificación social e económica é clara. Se aumenta a esperanza de vida (un logro civilizatorio) é normal que a sociedade aumente os recursos necesarios para evitar o deterioro da calidade de vida dos anciáns. Se o nivel de riqueza e rendas do conxunto da sociedade se incrementa, do mesmo xeito que os beneficios da productividade do traballo e, xa que logo, a suficiencia orzamentaria e de impostos, sería lóxico que se arbitrase un novo acordo inter-xeracional, cun amplo debate social, que beneficie a toda a sociedade novas, adultos e anciáns. É un principio básico para garantir a cohesión social. O obstáculo é que a maior parte da torta, e cada vez máis e de forma insaciábel, quérea para si as capas ricas e o sistema financeiro. O resultado é que se somete ao deterioro económico e a subordinación e inseguridade á maioría da sociedade cuestionando os alicerces da solidariedade social e o seu benestar.
En definitiva, para consolidar o sistema público de pensións e para remontar tamén a crise económica hai que incrementar o emprego decente (cotizantes), as rendas salariais (bases de cotización) e a suficiencia orzamentaria cunha reforma fiscal progresiva para ampliar o noso débil Estado de benestar e mellorar a nosa democracia. Estamos ante unha pugna distributiva e democrática: as opcións están entre si a prioridade son os mercados financeiros ou é o benestar público e a seguridade social. Lonxe dunha discusión técnica estamos ante un debate ético e socio-político que vai definir a calidade social e democrática da nosa sociedade.
____________________
* Antonio Antón é profesor honorario de Socioloxía da Universidade Autónoma de Madrid.
|
|
|
|
|
|
|
|
|