Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
<b>A VOZ DA ESQUERDA</b>


    A VOZ DA ESQUERDA


Voceiro de N.E.G.
(NOVA ESQUERDA GALEGA)
Nova Esquerda Galega (NEG) é unha organización que se define como alternativa, socialista, ecoloxista, galeguista, confederal, internacionalista, feminista, altermundista e que se esforza por impulsar as loitas contra toda forma de explotación, opresión e dominación sobre as persoas e a natureza. As mulleres e os homes de Nova Esquerda Galega (NEG) organizámonos politicamente para levar adiante a transformación revolucionaria da sociedade. Nova Esquerda Galega (NEG) procura a construción do socialismo sen renunciar a unha democracia avanzada e participativa, autoxestionaria, libre de explotación, alienación e opresión, onde todo o mundo poida participar dun xeito democrático e autónomo na elección dun novo futuro colectivo.

PULSA SOBRE A BANDEIRA DE NEG PARA SABER MÁIS SOBRE NOVA ESQUERDA GALEGA (NEG)


O meu perfil
aesquerdavigo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CEREBRO COLECTIVO, AUTOXESTIÓN E PODER POPULAR
Franci X. Muñoz, Javier Caso e Óscar Lomba
Por: Javier Caso Iglesias, Francí Xavier Muñoz e Óscar Lomba Álvarez *

PODEMOS critica o poder das elites e faino afirmando estar contra o poder establecido, utiliza a «verba ?poder ? para referirse, en realidade, a un ?determinado tipo de relacións de poder?. Refírese ao tipo de poder que atopamos nas ?relacións de dominación?, nas ?estruturas de dominación?, nos ?dispositivos de dominación?, ou nos ?aparellos de dominación?». A crítica de PODEMOS á explotación, á coerción, á alienación, sempre ten como pano de fondo unha crítica a un modelo moi concreto de dominación, sobre todo a dominación exercida por unha «casta». Porén, os dirixentes de PODEMOS non están desenvolvendo todos os mecanismos necesarios para construír poder popular. Os círculos de PODEMOS deberían asumir maior capacidade de decisión e iso porque son as ferramentas das que dispón a cidadanía organizada. Os círculos territoriais e temáticos deberían xogar un papel fundamental na construción dunha gran alternativa cidadá. Esa futura alternativa cidadá debería basearse nunha decidida vontade de alcanzar dous obxectivos prioritarios:
1. O primeiro sería a transferencia de competencias desde o Consello Cidadán Estatal á comunidade organizada en Consellos Cidadáns Locais que estivesen sempre controlados polos círculos e agrupacións locais e de barrio electas nas asembleas populares.
2. O segundo sería a través do sufraxio, tanto para a elección de representantes ás distintas instancias do poder cidadán, como para a toma de decisións trascendentais nos diversos tipos de referendo dispoñíbeis en cada proceso sempre abertos ao conxunto da cidadanía.
PODEMOS debe priorizar sempre un modelo plural e aberto de relacións sociais baseadas nunha ampla participación nos procesos decisorios, por medio de sistemas de resolución e acordo nos que non se produza unha absorción de todo o poder por arriba senón máis ben unha atomización e reparto do poder por abaixo. Deste xeito, estariamos aproximándonos a un modelo de radicalidade democrática.

A construción dun verdadeiro poder popular require tamén unha articulación de mecanismos de pensamento colectivo, razoamento agregado e decisión agrupada. Tomando as palabras de Rafael Rodríguez Delgado, investigador español falecido, un Cerebro Colectivo pode definirse como ¨unha estrutura supraindividual cibernética constituída por sistemas humanos, mecánicos e electrónicos organizados en subsistemas receptores de información, un dispositivo elaborador central, unha ou máis memorias masivas e un ou máis efectores produtores de información favorábel á conservación, ao desenvolvemento ou á transformación do organismo social do que forma parte¨.
Opinamos que PODEMOS debe ser gobernada por un gran cerebro colectivo, un verdadeiro dispositivo dinámico e composto por unha multitude interconectada de círculos territoriais e temáticos que favoreza a colaboración e a sinerxía entre todos eles para permitir a oxixenación do conxunto da organización.
Cada círculo debe desenvolver un modo de pensamento que as persoas adoptan cando están profundamente involucradas nun grupo cohesivo, cando os esforzos dos membros por unanimidade deciden concentrar e axuntar esforzos para alcanzar un obxectivo común.
Se non queremos ser iguais ás demais organizacións e partidos existentes debemos impulsar unha existencia radicalmente democrática, pública, viva, aberta, flexíbel, activa e agrupada como condición para calquera cousa que se intente fóra do actual sistema ultra-liberal dominante.

E isto que indicamos ten que ser posíbel no seo de PODEMOS pero tamén na súa contorna. PODEMOS debe impulsar procesos xenerosos de unidade popular. Non debe nin pode aferrarse de maneira identitaria e fetichista ás súas siglas. Os procesos de unidade popular son percibidos claramente pola cidadanía, teñan a denominación que teñan. Nas pasadas eleccións municipais comprobamos isto de xeito amplo e sistemático. Feito este que desmentiu a idea que mantiña primeiro IU, e agora PODEMOS, relativa a que a imposición do logo e denominación propia traerían aparellados mellores resultados electorais. A realidade veu a demostrar que as franquías en política frustran os procesos de unidade cidadá e o protagonismo da xente. O mellor é crear unha ferramenta concreta, un partido instrumental específico, para cada proceso electoral; evitando deste xeito lastres e mochilas innecesarias.
E como conseguilo? Existen moitos intentos respecto diso e hai tamén bastantes logros, só que morreron ou non se desenvolveron ben baixo a influencia do capitalismo, polo que a nosa estratexia debe acompañarse dun activismo comunitario continuo.
A idea é refacer a vida colectiva de xeito autoxestionaria e autosustentábel no político, o social, o cultural e o económico.


* JAVIER CASO IGLESIAS é Analista Político, FRANCÍ XAVIER MUÑOZ é Diplomado en Humanidades e en Xestión Empresarial e ÓSCAR LOMBA ÁLVAREZ é Licenciado en Dereito e Diplomado en Maxisterio.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-08-2015 09:14
# Ligazón permanente a este artigo
Radicalidade democrática fronte a fundamentalismo ultra-liberal
Óscar Lomba Álvarez
Óscar Lomba Álvarez *

Entre as características máis específicas do actual proceso de mundialización capitalista e as principais claves da estratexia ultra-liberal atópanse: unha rapidísima circulación de información, imaxes, ideas, opinións; a imposición dun «pensamento único»; a libre circulación de capitais, mercancías e servizos; límites moi selectivos á circulación de persoas; recortes demoledores de dereitos sociais e liberdades públicas, privatizacións xeneralizadas de servizos públicos, unha redución dos impostos directos e progresivos e a conseguinte mingua das políticas públicas de benestar; o empeoramento das condicións laborais e salariais do conxunto da clase traballadora en xeral e dos empregados públicos en particular; o incremento das agresións medio ambientais e do deterioro alimentario; o aumento do gasto en persoal e material policial e militar ...
A actual mundialización ultra-liberal é o resultado dunha reacción das clases dominantes e sectores privilexiados ante unha profunda crise estrutural e sistémica. Queren incrementar as taxas de ganancia e acaparar maiores porcións de plusvalía e iso malia estar inmersos nunha profunda depresión derivada dunha nova crise cíclica de sobre-produción.
Para alcanzar os seus obxectivos atacan desapiadadamente e sen contemplacións as políticas sociais que no Norte melloraran o sistema sanitario, educativo, os servizos sociais, as políticas de apoio á dependencia...
O xigantesco desemprego, xunto a recortes, represión e corrupción iría asociado a unha exacerbación do consumismo como signo dominante da identidade do actual sistema, incapacitación para a solidariedade colectiva, non implicación no social, reflexos e actitudes xenófobas e etnocentristas, desconcerto e desorientación vitais, falta de referencias alternativas...
Neste contexto nace Podemos, un partido que catro meses despois da súa formación, logrou cinco escanos, o que o converteu no cuarto partido máis votado do Estado español. Trátase dun partido-movemento con moitos centros, círculos cidadáns organizados en rede, nos que predomina (con todas as súas contradicións) o respecto á diversidade. Superouse a fase na que se consideraba que a forza dun movemento estaba na súa dirección e pensamento unificados. Porén opino que os círculos deberían coordinarse mellor aínda que terían que gañar maior autonomía en relación ás políticas locais e rexionais.
Os círculos son elementos fundamentais de PODEMOS que manteñen entre si relacións de horizontalidade, que non deberían xerar novas estruturas xerárquicas e que terían que configurarse como unha rede sen centro; ou mellor, con mil centros. Unha estrutura en rede é máis laxa, pero máis creativa e, posiblemente, máis eficaz que unha construción orgánica piramidal. A influencia que poden exercer un partido-movemento organizado en rede reside máis probablemente na súa capacidade de proposta e de compromiso, de referencia, que non na execución de directrices emanadas dun Consello Cidadán Estatal.
Creo que PODEMOS debería reformularse a súa concepción da democracia. Tería que incidir con maior intensidade e profundidade na súa idea da participación colectiva. A radicalidade democrática debe plasmarse no conxunto da organización dunha forma máis directa e menos formal, menos «delegativa », máis orientada ao acordo que non á imposición das maiorías... malia as rutinas de organización e funcionamento herdadas doutras tradicións políticas.
PODEMOS debe embarcarse nun proceso que, en certa maneira, non fixo senón comezar e, aínda que se asuman as intencións, con frecuencia faltan os instrumentos para convertelas en realidade. Se efectivamente PODEMOS desexa ser un axente determinante no cambio social e político do Estado español, deberá desenvolver estratexias e crear mecanismos tendentes a aumentar a participación da cidadanía e das organizacións sociais no deseño de políticas públicas. O obxectivo debería ser poñer en marcha un amplo proceso participativo e de planificación que permita a xeración de consensos, a loita contra as divisións sociais e o reforzamento das capacidades de decisión da xente e das nacións que conforman o Estado español. E iso encadrando aos inscritos, activistas, militantes e simpatizantes en círculos locais e temáticos, aínda que favorecendo diferentes tipos de participación como espazos de deliberación ou de encontro entre os intereses dos círculos locais, temáticos, consellos cidadáns locais, rexionais, nacionais e os obxectivos estratéxicos deseñados desde outros ámbitos de decisión.
A articulación de Poder Popular debe basearse na creación de ferramentas orgánicas para radicalizar a democracia a nivel local e ampliar de xeito exponencial a participación dos círculos na toma de decisións e nos procesos de selección de quen integrarán os cargos orgánicos de PODEMOS ou mediante espazos socialmente abertos para consultas sobre os contidos das políticas e os programas electorais. Incrementar igualmente a participación dos círculos na execución das decisións adoptadas polos órganos do partido favorecendo a desconcentración e descentralización da xestión política, que favoreza unha participación moito máis activa da cidadanía, organizada ou non, e ao mesmo tempo reforce a capacidade de organización da sociedade civil no seu conxunto.
Incrementar asemade a intervención no control e avaliación da execución das políticas desenvolvidas por PODEMOS, ou por outras estruturas cidadás máis amplas, a través de mecanismos que permitan verificar o desenvolvemento do proceso, para apoialo, corrixilo, melloralo ou rexeitalo.
Favorecer unha maior contribución dos círculos e os consellos cidadáns na esfera pública contribuíndo á creación de mecanismos propios de comunicación ou dando canles para que os círculos creen opinión nas contornas nos que teñan presenza.
En definitiva do que se trata é de ampliar a democracia representativa e incrementar os mecanismos de democracia participativa a fin de que a cidadanía manteña un rol político activo. PODEMOS debe estar sempre alerta e denunciar, sen tregua, a visión caricaturesca segundo a cal a democracia consiste unicamente en votar cada catro anos. Debe apostar, sen ambigüidades, por unha democracia radical, onde a participación cidadá sexa permanente. Finalmente, PODEMOS debe establecer mecanismos de participación a todos os niveis da esfera pública, que garantan a democracia real, axuden á conformación de amplos movementos de unidade cidadá e popular e contribúan a concienciación e auto-organización do conxunto da sociedade civil.
En resumo, radicalidade democrática fronte a fundamentalismo ultra-liberal.


* Óscar Lomba Álvarez é licenciado en Dereito e diplomado en Maxisterio


Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-08-2015 08:52
# Ligazón permanente a este artigo
ILUSIÓN DAS BASES CONTRA O PODER DAS ELITES
FRANCÍ XAVIER MUÑOZ, JAVIER CASO IGLESIAS e OSCAR LOMBA ÁVAREZ
Por: JAVIER CASO IGLESIAS, FRANCÍ XAVIER MUÑOZ e OSCAR LOMBA ÁVAREZ *

Apartados de dogmatismos, intolerancias e consignas «emotivas» de vago contido ideolóxico, distanciados das arcaicas bagatelas «esquerdistas», retirados de aburridas reunións celebradas por células clandestinas de «partiduchos» sectarios e marxinais, afastados de estratexias obreiristas de vangarda e superado o eixo esquerda-dereita, chega PODEMOS ao escenario político do Estado falando de participación cidadá, de renovación da política, de parar os pés ás elites dirixentes, arengando sobre os poderosos e os desherdados, sobre os de arriba e os de abaixo, sobre os corruptos e os decentes, sobre a casta e a xente corrente. E iso nun contexto de crise económica e institucional, mentres algúns medios de comunicación comezan a acusar aos seus dirixentes de «bolivarianos» e «bolcheviques».

Moitos cidadáns aínda temos moi presente a experiencia que supuxo o 15 M e a tan criticada ausencia de líderes. E agora aparecen Pablo Iglesias, Iñigo Errejón, Carolina Bescansa, Rafael Mayoral, Juan Carlos Monedero e tantos outros politólogos, sociólogos, xuristas e intelectuais diversos. Opinadores televisivos, mocidade de verbo vivo e look actual, que saben usar habilmente a palabra e que todo o mundo entende. Estes dirixentes de PODEMOS conseguiron capitalizar a indignación contra o réxime xurdido trala II Restauración borbónica.

Os partidos políticos, aparentemente progresistas, nados para canalizar as inquedanzas cidadás, revólvense como mastodontes, incapaces de aportar solucións en tempos de escaseza, pobreza, desemprego, desafiuzamentos, recortes e corrupción. Eses partidos tradicionais non conseguen conectar cos intereses cidadáns nin trasladar ás institucións estas preocupacións. Perden o tempo en loitas intestinas, pelexas nominalistas, manifestos aburridos, símbolos e bandeiras, sen aportar as mellores solucións para os graves problemas sociais. Hai tempo que xa só constitúen anquilosadas maquinarias loitando por manter á boia, na superficie do océano político, os seus depauperados, maltreitos e acartonados aparellos de inspiración decimonónica, e iso co único obxectivo de conservar as súas raquíticas parcelas de poder.

Moitos políticos, autodenominados progresistas e de esquerda, hai tempo que priorizan os seus intereses endogámicos como partidos do sistema fronte ás verdadeiras preocupacións da cidadanía. A súa misión orixinaria de vehiculizar as demandas populares se evaporaron. Sobrados de palabras ocas e fetichismo «progre», os partidos da «esquerda clásica» xa soamente serven como refuxio de decrépitos, nostálxicos e panfletarios. Coa aparición de PODEMOS suscitouse unha nova ?vía? no camiño cara á construción dunha nova sociedade.

PODEMOS suscita que a transformación radical do sistema político e económico, necesaria e paralelamente ten que cambiar o contido da política e todas as súas expresións, para poder ir máis aló das simples relacións de poder entre individuos socializados fragmentadamente en clases sociais; ten que comezar a establecerse unha política que sexa algo máis que expresión concentrada da economía, unha política máis efectiva, sistémica e permanente, que sexa quen de anticiparse e constituírse en actividade artelladora decisiva de relacións sociais da produción de nova natureza.


Trátase da actividade política como sistema de relacións específicas, como un proceso complexo (conxunto de procesos políticos) de aprehensión (identificación, valoración, sistemización.....) das necesidades sociais (dun grupo, sector, estrato, clase, institución, organismo social en xeral) e de organización e dirección dos recursos (obxectuais e humanos) dos actores sociais (individuos, grupos, organizacións, partidos, institucións de todo tipo, organismo social en xeral) para dar resposta a esas necesidades, sobre a base das posibilidades do sistema dado e o cumprimento dos obxectivos do proxecto colectivo en cuestión.

O tránsito que suscita PODEMOS supón crebar totalmente cunhas relacións sociais marcadas polo dominio dunha parte minoritaria da sociedade sobre o resto; demanda necesariamente un salto cualitativo na actividade política que, mantendo a súa estrutura como democracia formal, amplíe as súas posibilidades de participación e favoreza o poder de decisión real da maioría social e axude, ao mesmo tempo, á coordinación das accións de individuos libres e conscientes, en función da ampliación e fortalecemento desa liberdade real como premisa e resultado do máis progresivo e pleno desenvolvemento de cada un e da sociedade no seu conxunto.
Esta transformación que suscita PODEMOS debe propiciar e garantir a participación cada vez máis ampla do conxunto da cidadanía desposuída e sectores sociais subalternos e, progresivamente, de toda a sociedade, nas tarefas que lle son inherentes; en particular, no Goberno e resto de poderes do Estado, pero sobre todo fortalecer a participación progresiva de toda a sociedade no control e dirección da actividade económica e social.

Non se trata de ?pelexarnos? entre nós, os militantes, activistas, inscritos, simpatizantes e votantes de PODEMOS, pero é fundamental que defendamos a necesidade dunha organización participativa e gobernada polas bases. Ese debe ser o camiño se o que desexamos é comezar a construción da nova sociedade, con novos contidos e novos fins. De non ser así PODEMOS será un simple novo xogador na mesa do réxime do 78.

Non se trata tampouco de aferrarse a unhas siglas de maneira identitaria e patrimonialista. O camiño que indicou o 15M e comezou a rozar e limpar PODEMOS non é para reificar fetiches simbólicos, senón para cambiar unhas relacións sociais e de produción que nos degradan e precarizan como seres humanos; democratizar e horizontalizar esas relacións sociais e de produción para que ningún grupo social xogue con vantaxe e explote aos demais en beneficio propio.

Do que se trata é de apostar dun xeito decidido por procesos moi democráticos e participativos de "unidade cidadá e popular".

* JAVIER CASO IGLESIAS é Analista Político, FRANCÍ XAVIER MUÑOZ é Diplomado en Humanidades e en Xestión Empresarial e ÓSCAR LOMBA ÁLVAREZ é Licenciado en Dereito e Diplomado en Maxisterio.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-08-2015 10:18
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0