 Óscar Lomba Álvarez, naceu hai 51 anos no barrio obreiro de Lavadores en Vigo. Lomba foi elixido candidato nº 2 no corpo de lista de VIGO PODE nas primarias municipais de PODEMOS en Vigo. Licenciado en dereito e diplomado en maxisterio. Tamén é un coñecido activista social e estivo vencellado a diversos colectivos e asociacións. Foi membro do consello reitor e vicepresidente da Cooperativa Árbore, asesor xurídico da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) e voceiro de SOS PXOM, entre outros. Actualmente é membro do Observatorio para a defensa dos dereitos e libertades (ESCULCA) e socio-fundador do Ateneo Atlántico.
Colaborou e publicou artigos de opinión nos seguintes medios: Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, Tempos Novos, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Correo Gallego, A Peneira, Galicia Confidencial, Praza Pública e Sermos Galiza. Escribe tamén nos blog Aforzadaxente e No Ollo do Furacán.
Entrevista realizada polo xornalista Xurxo Rodriguez Pérez. Xurxo Rodriguez dirixiu e presentou programas de radio como Troula, Trisquel e Ultreia, entre outros, nas emisoras Radio Archipiélago, Canal 9, ´Las Arenas´ e ´Radiodifusión Fuerteventura´. Asemade publica habitualmente no seu blog Distopías 18 e colabora tamén co blog Aforzadaxente e no blog da asociación ?No Ollo do Furacán?. Tamén publica artigos de opinión en ´Noticia Vigo´ e noutros xornais dixitais.
1) Vostede é candidato número dous no corpo de lista de ´VIGO PODE´ nas primarias de PODEMOS en Vigo. Como se presentaría?
Son candidato número dous no corpo de lista nas primarias municipais de PODEMOS en Vigo. Estou convencido de que en Galicia hai moita xente progresista e en Vigo existe tamén unha maioría progresista que non quere que as torpezas de determinados dirixentes dunha parte da ?esquerda? nos arrastren ao enfrontamento e ao retroceso. Porén unha boa parte desa maioría viguesa progresista e con formulacións transformadoras necesita un novo proxecto que renove a súa ilusión e confianza en que as cousas pódense facer aínda mellor. Para iso hai que abrir e sumar indo máis aló de etiquetas ou nomes como MAREA DE VIGO.
As forzas políticas do cambio son necesarias, a cidadanía e a súa creatividade son imprescindíbeis. Hoxe todo o mundo sabe que necesitamos un revulsivo.
As próximas eleccións municipais en Vigo son moi importantes. Vigo é unha cidade poliédrica e ten varias facianas. Unha das súas facianas está debuxada polas loitas da súa xente, nas folgas xerais históricas como a de 1972, pero tamén polas grandes mobilizacións en defensa da sanidade pública, do naval, o comportamento exemplar dos vigueses e viguesas limpando as nosas praias coas súas propias mans despois da catástrofe do Prestige ou a autoorganización dos veciños e veciñas que apagaron a vaga de incendios do ano 2017. Porén tamén ten outra faciana máis gris representada polo populismo localista, o nepotismo e o enchufismo de Caballero
Por iso retirei a miña candidatura a encabezar a lista de PODEMOS EN VIGO e decidín integrarme na lista unitaria que encabeza Xaquín Pastoriza. Estou convencido de que é necesario un proxecto de confluencia amplo cun programa conxunto e participativo, compasando nosas primarias de PODEMOS VIGO coa posibilidade de incorporar a outras moitas persoas nun proxecto integral, optimista e de futuro.
Paréceme necesario facer un chamamento en Vigo a xuntarse, a sumar a todas as forzas verdadeiramente progresistas e a toda a cidadanía con ou sen adscrición de partido, á que segue atenta esperando un cambio e tamén á quen está na apatía ou a dúbida.
A política debe ser da xente e fana os vigueses e as viguesas. Estou convencidos de que a cooperación, a apertura e a transversalidade multiplican e son as mellores chaves para converter a Vigo nunha cidade con futuro.
2) Se fixéramos un percorrido pola biografía da cidade, considerada coma un organismo vivo e falaramos dos estiróns que deu no seu medre ou crecemento que momentos ou xeiras salientaría?
No primeiro terzo do século XX salientaría o desenvolvemento e crecemento do Porto de Vigo que se asocia á imaxe de emigración de miles de galegos que se embarcaron rumbo ao continente americano, pero tamén ao desenvolvemento económico. Comezan a crearse importantes empresas na cidade como os estaleiros de Barreras (a finais do século XIX) e Vulcano, así como Pescanova e unha multitude de empresas relacionadas co mar, sendo o sector industrial por antonomasia, ao cal hai que imputar a creación e expansión da maior parte das demais industrias.
Outro símbolo da cidade foi o tranvía, que comezou a funcionar en 1914. A cidade neste tempo ten unha enorme actividade social, abundan os xornais e semanarios, as asociacións e as organizacións de carácter político ou sindical, pero todo este dinamismo quedou neutralizado co estoupido da Guerra Civil. Segundo avanza o século, Vigo absorbe o municipio de Bouzas en 1904 e o de Lavadores en 1941, agrandando o seu termo administrativo e aumentando a súa poboación.
A mediados de século trázase a Gran Vía e a cidade sofre un enorme medre demográfico coa incipiente creación de barrios residenciais como o de Coia. Instálanse novas industrias, como Citroën Hispania, á vez que melloran as comunicacións e créanse novos plans para ensanchar a cidade. Vigo sofre un elevado crecemento demográfico, pasando dos 30.000 habitantes que había en 1910 aos case 300.000 de hoxe en día?
3) ¿Como valora a xestión dos anos de goberno do Alcalde Abel Caballero, practicamente a última década na cidade?
A miña valoración non é positiva. O goberno de Caballero partía das mellores condicións posíbeis, pero non as aproveitou. En 10 anos Vigo recibiu 2.500 millóns de euros e destes só dedicou a investimentos 300 millóns de euros. Ao meu xuízo a xestión da actual Xunta de Goberno Local non foi boa. Non se produciu unha transformación da cidade. Dedicáronse inxentes cantidades de recursos a beirarrúas, lousas e baldosas. Non se desenvolveron proxectos estratéxicos de importancia. Non se construíron urbanizacións. Non se crearon vivendas de protección oficial. Vendéronse moitas das que había antes. Non se construíron novas zonas verdes? Fomentouse o enfrontamento permanente e a ficción do inimigo exterior levounos ao illamento de Vigo.
Caballero baseou a súa política no enfrontamento gratuíto. Enfrontamento coa Zona Franca, co Celta de Vigo, coa Xunta de Galicia, co Goberno central, cos concellos do Área metropolitana? co resultado dunha cidade illada e con menos aliados. En xeral a miña opinión é que houbo mala xestión?
4) Engadiría algunha cousa positiva?
Positiva? Non. Engadiría que coa suspensión do PXOM a situación urbanística de Vigo retrocedeu 25 anos. O Tribunal Supremo tombou o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo que levaba en vigor desde o ano 2008. A sentenza do Supremo, atendendo ao recurso interposto por unha asociación veciñal cualificou como ?radicalmente nula? a tramitación ambiental ?indebidamente xustificada?. A caída da achaiadura devolveu á cidade á situación urbanística do ano 1993, con miles de vivendas ilegais.
A nulidade da achaiadura urbanística de Vigo é un problema do Concello de Vigo e tecnicamente falando a súa solución está no propio Concello, sen que se poida descargar esta responsabilidade na Comunidade Autónoma.
5) Posta a óptica no investimento en gasto social. Como valora as políticas sociais e cal é a súa alternativa?
Estimo que o gasto social en Vigo foi insuficiente. E non o digo eu. O informe anual da asociación de directoras e xerentes dos servizos sociais cualifica de «precario» o gasto social por habitante de Vigo, xa que simplemente dedícanse uns 42,43 euros por habitante. O estudo, realizado cos datos publicados polo Ministerio de Facenda e Administracións Locais recolle os 384 municipios con máis de 20.000 habitantes e mostra as cifras reais sobre gasto social. Mentres cidades como Santurce e Baza lideran a listaxe con máis de 200 euros por habitante, ou cidades como Barcelona e Zaragoza superan os 100 euros habitante, Vigo sitúase nunha zona baixa da táboa con pouco máis de 42 euros.
6) Xa rematando, a modo de resumo e síntese. Cal é o seu modelo de cidade?
O meu modelo de cidade é ben diferente do modelo de Caballero. Opino que Vigo debe recuperar o dinamismo perdido. A riqueza da nosa cidade é creada de xeito agregado e cooperativo e acho que é necesario repartila dun xeito xusto. Esa é a clave para construír un novo modelo produtivo que favoreza o benestar de toda a cidadanía viguesa e que modifique o modelo de cidade. Durante os últimos anos aceptouse estoicamente por parte dos distintos gobernos municipais exclusivamente unha economía baseada no sector naval, a automoción ou o comercio e o emprendemento individual. O resto da economía viguesa estivo «impulsada» por unha elite egoísta e obtusa, composta por individuos como Fernández Gayoso e Pego Alonso da antiga entidade financeira NovaGalicia Banco, Manuel Fernández de Sousa e Alfonso Paz Andrade de PESCANOVA, González Viñas e García Costas no sector naval?que favoreceron unha economía especulativa.
Fronte a ese modelo fracasado opino que é necesario favorecer a recuperación da economía viguesa e debería potenciarse a investigación, o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica, é dicer, o I +D+ i. É necesaria unha nova industria que impulse a produción innovadora, creativa, con alto valor engadido e un comercio adaptado ás necesidades reais dos vigueses e viguesas. Habería que impulsar unha economía do próximo, un comercio local baseado nas iniciativas cooperativas, as empresas de economía social e as redes de economía solidaria que respecten o medio ambiente e os dereitos dos traballadores e traballadoras. Creo que é necesario elaborar un Plan de Desenvolvemento Local de Vigo. Sería moi necesario un amplo debate cidadán para a preparación dun Plan de Desenvolvemento Local e un Plan Estratéxico para o Desenvolvemento Económico de Vigo e a súa área de influencia. Ese futuro plan estratéxico debería ser elaborado por expertos pero con achegas da propia cidadanía a través de métodos participativos, un plan deseñado para axudar a mellorar a calidade de vida da poboación de Vigo, rompendo as dinámicas de marxinación e que poña énfase na poboación máis indefensa, como as mulleres e os mozos. Non podemos seguir baseando a nosa economía no sector Naval, a automoción e o comercio. Sería imprescindíbel impulsar novos sectores económicos, como o sector aeroespacial, o sector das telecomunicacións, o sector da ciencia, a medicina e o medio ambiente (investigacións biomédicas, investigacións mariñas, sector farmacéutico?), un sector financeiro propio e tamén o sector cultural vigués.
Para iso teriamos que impulsar un gran debate cidadán e de sectores implicados co obxectivo de crear un consorcio de empresas públicas co apoio da comunidade autónoma, do propio concello e da universidade de Vigo.
Ao mesmo tempo penso que habería que crear un Instituto de Crédito Municipal e unha sociedade de capital risco que axudarán ao financiamento de proxectos complementarios de desenvolvemento local baixo a protección e o control público. En resumo habería que priorizar as persoas fronte ao formigón.
Sen máis deséxolle sorte nesta andaina.
|