A VOZ DA ESQUERDA


Voceiro de N.E.G.
(NOVA ESQUERDA GALEGA)
Nova Esquerda Galega (NEG) é unha organización que se define como alternativa, socialista, ecoloxista, galeguista, confederal, internacionalista, feminista, altermundista e que se esforza por impulsar as loitas contra toda forma de explotación, opresión e dominación sobre as persoas e a natureza. As mulleres e os homes de Nova Esquerda Galega (NEG) organizámonos politicamente para levar adiante a transformación revolucionaria da sociedade. Nova Esquerda Galega (NEG) procura a construción do socialismo sen renunciar a unha democracia avanzada e participativa, autoxestionaria, libre de explotación, alienación e opresión, onde todo o mundo poida participar dun xeito democrático e autónomo na elección dun novo futuro colectivo.

PULSA SOBRE A BANDEIRA DE NEG PARA SABER MÁIS SOBRE NOVA ESQUERDA GALEGA (NEG)


O meu perfil
aesquerdavigo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

AFECTADOS POLA HEPATITE C DE TODA GALICIA CONSTITÚEN UNHA PLATAFORMA
Plataforma de Afectados pola Hepatite CAFECTADOS POLA HEPATITE C DE TODA GALICIA CONSTITÚEN UNHA PLATAFORMA


Na tarde de onte celebrouse en Vigo a Asemblea Constituínte da "Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C" na que participaron afectados e afectadas procedentes de diversos lugares de Galicia.

Logo de case un ano de espera para que o Ministerio de Sanidad, Asuntos Sociales e Igualdad, incluíra as novas terapias de alta eficiencia no catálogo de medicamentos da Seguridade Social española, a alarma estendeuse entre os/as afectados/as ao recibir as denegacións de acceso ao tratamento das primeiras solicitudes cursadas polos profesionais sanitarios, que afectan aos casos máis avanzados e graves de enfermidade.
Ante esta situación na que é a nosa vida a que está comprometida non temos outra alternativa que denunciar a situación publicamente e organizarnos, unidos ao resto de afectados/as do resto do Estado, para conseguir canto antes o acceso dos/as doentes a unha medicación que cura nun alto porcentaxe de casos.
Neste sentido, unímonos as reivindicacións da Plataforma de Afectados por la Hepatitis C que se encontran actualmente pechados no Hospital 12 de Octubre en Madrid, e facemos nosas ás súas reivindicacións.
A Hepatite C é unha enfermidade que afecta en España a unhas 750.000 persoas. Os seus efectos son devastadores, sendo a primeira causa de carcinomas hepáticos e responsable de unha boa parte das cirroses hepáticas. O tratamento convencional ata agora, baseado na administración de Interferón en combinación con outros fármacos, ademais de producir graves efectos secundarios, fracasa nunha proporción importante de casos. As persoas que non conseguen curar a enfermidade, quer por intolerancia quer porque este lles resultou ineficaz, ata agora non tiñan alternativa terapéutica á espera de que o seu cadro se agravase ata o punto de ingresar nas listas de transplante hepático.
A finais do ano 2013 a FDA (Axencia Norteamericana do Medicamento) e a Axencia Europea do Medicamento deron luz verde á comercialización de novos fármacos, particularmente o Sofosbuvir (comercializado por Gilead baixo o nome comercial de Sovaldi). Este novo medicamento ten unha eficacia demostrada nas fases clínicas previas a súa comercialización de ata o 95% en algúns dos xenotipos do VHC. Inmediatamente as sociedades médicas que agrupan aos especialistas en hepatoloxía e os colectivos de doentes carentes de tratamento pediron que se dispense este fármaco no sistema público de saúde.
No mes de agosto pasado, Ana Mato, daquela Ministra de Sanidade, facía unhas declaracións en Santiago afirmando que esta medicación ía ser dispensada xa nos centros públicos. Desde aquela a triste realidade foi unha sucesión de declaracións en positivo desde o Ministerio que nunca se trasladaron á práctica. Moi poucas persoas afectadas por esta doenza tiveron a oportunidade de acceder a ela. Recentemente temos visto como se lle concedeu a algún enfermo despois de folgas de fame protagonizadas por familiares. Agora mesmo, os/as compañeiras da Plataforma de Madrid levan tres días pechadas no Hospital 12 de Octubre, esixindo que se lle administre a seis enfermos, algún deles ingresado en situación xa de moita gravidade.
O máis grave desta situación é que as persoas ás que non se nos está dando o tratamento témolo prescrito polos nosos médicos especialistas. E o que é peor: poderiamos mercalo se pagásemos o seu prezo libre (uns 50.000 euros). Por primeira vez desde que neste país existe un sistema público de saúde, acceder ou non a un tratamento do que depende a propia vida só é unha cuestión de ter ou non capacidade económica. Cada día que a solución se demora, esta chega tarde para unhas 10 persoas, o número medio de vidas que se cobra a Hepatite C en España (3.400 mortes en 2013, segundo datos da Asociación Española de Estudios de las Enfermedades Hepáticas; a mesma asociación aglutinadora dos médicos especialistas en Hepatoloxía que onte facía un comunicado criticando desde o punto de vista científico o documento de "Estrategia de Priorización para el Tratamiento de la Hepatitis C" do Ministerio de Sanidade por dificultar o acceso ás novas terapias curativas e concluír afirmando: "En el momento actual la AEEH se ve obligada a recomendar explícitamente a sus asociados NO seguir las recomendaciones incluidas en el documento ministerial."
Convidamos a todas as persoas de Galicia afectadas por esta situación a integrarse na Plataforma, para poder traballar xuntas en defensa do noso dereito a algo elemental: unha oportunidade de seguir vivindo. Por outra parte, pedimos á sociedade galega en xeral que apoien a nosa loita contra os recortes que matan persoas. Se permitimos que se instaure este precedente, mañá pode ser calquera outra terapia que a administración considere "cara" a que deixe de prestarse con carácter xeral.

Vigo, 20 de decembro de 2014
--------------------------------------
Para máis información contactar cos portavoces:
Xulia Alonso. Tel: 626398837
Quique Costas. Tel: 638232626
Facebook: plataformagalegadeafectadospolahepatitiscdegalicia


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-12-2014 11:39
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Fernando Souto, Presidente da Comisión pola Memoría Histórica da Coruña
Fernando Souto
Entrevista a Fernando Souto, Presidente da Comisión pola Memoría Histórica da Coruña

FONTE: SERMOS GALIZA
http://www.sermosgaliza.gal/articulo/memoria/xustiza-coas-vitimas-do-franquismo-continua-ser-debeda/20141219024505033445.html

“ A xustiza coas vítimas do franquismo continúa a ser unha débeda”A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña conmemora dez anos de existencia. Neste tempo, da súa man veu a forte oposición a que as rúas continuaran mantendo os nomes franquistas, a loita polo Pazo de Meirás ou a homenaxe permanente ás persoas que padeceron a represión. O seu presidente, Fernando Souto, fai balance e adianta as futuras accións da CRMHC.

-A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña fai dez anos. Que balance faría desta década de historia?

A Comisión nace en 2004 nunha asemblea aberta á que acode a cidadanía, convocada por Manolo Monge, entón presidente, para traballar sobre a situación na que se atopaba a simboloxía franquista da cidade. Desde entón, conseguiuse cambiar totalmente a mentalidade da cidadanía. O goberno municipal dicía que non existía simboloxía franquista senón que era “histórica”. Co traballo que se fixo pasou a considerarse franquista e non só pola aplicación da lei senón pola conciencia da cidadanía. Fíxose un traballo de investigación sobre os nomes da rúa, como se chega a tomar esa decisión na aplicación dun regulamento que dicía que se escollía para que os actos meritorios de quen levaba o nome fosen repetidos polas xeracións futuras. A xente descoñecía os por ques deses nomes e atopámonos cunha relación que enxalzaba, entre outros, a quen exercera a represión franquista.

"Pedirémoslle ao Valedor que reclame o cumprimento da lei e dos propios acordos tomados no Concello da Coruña"

-Esa orixe levou logo á organización formal?

Vimos a necesidade de organizarnos baixo a forma xurídica de asociación. Comprobamos que había un déficit importante de divulgación. A memoria estaba ocultada na cidade, en especial, polo papel do vazquismo. Borrárase, por exemplo, que existira unha Coruña emerxente, con moitos colectivos sociais interesante. Galiza, en xeral, era unha nación con forza a nivel asociativo. Na cidade, chegamos a identificar máis de vinte asociacións que pretendían a mellora da sociedade, non só a nivel social senón tamén intelectual. Urxía facer ese traballo de divulgación e reivindicación. Nace, como dicía, da situación esperpéntica de que a cidade continuase a conservar nomes franquistas que, seguen existindo dez anos despois, mais agora existe unha mentalidade social en contra. Poño por caso, o propio PSOE que en 2004 negaba a existencia de nomes franquistas dez anos despois afirma que cometeron un erro por non eliminar a simboloxía, como sinalou a súa actual candidata. Conseguimos que mudara esa mentalidade.

-Queda moita pegada do franquismo entón en rúas e espazos públicos?

Moita. O Concello aprobara un acordo no que se decidía a retirada de 55 elementos de simboloxía franquista e non se cumpriu. Algo se avanzou mais aínda persiste. Esixirmos que se elimine o nome do General Sanjurjo, General Mola ou Juan Canalejo. Conseguimos gañar nos xulgados un preito contra o concello pero queda moito por facer. Ademais deste ámbito que foi o xermolo da nosa historia, seguimos outras liñas de actuación como, poño por caso, homenaxear e dar a coñecer xente represaliada. A divulgación é un dos fundamentos da memoria histórica. Organizamos tamén a visita do relator de Nacións Unidas a Galiza e levamos a cabo actuacións conmemorativas en distintas partes da Coruña como o monumento no Portiño ou o de homenaxe ás vítimas. Cambiamos tamén a conciencia arredor de como os Franco se fixeron co Pazo de Meirás que pasou de doazón a roubo. Quixemos que o rigor presidira os nosos traballos e, por iso, a investigación e a colaboración de expertos foi fundamental.

-Nesta conmemoración anuncian que se dirixirán ao Valedor do Pobo para denunciar o incumprimento da Lei da Memoria Histórica na Coruña.
En varias ocasións puxémonos en contacto con institucións para reclamar o cumprimento da lei e o recoñecemento das vítimas. Agora enviaremos unha carta ao Valedor para denunciar que continúa a haber presenza de simboloxia franquista nas rúas da Coruña. Pedirémoslle que reclame o cumprimento da lei e dos propios acordos tomados no Concello. O alcalde dixo que si cumpría e nós esiximos un calendario para ese cumprimento.

-De cara ás vindeiras eleccións decidiron dirixirse ás distintas organizacións políticas para pedirlle que recollan nos seus programas a recuperación da memoria. En que consiste esta demanda?

Se seguimos as declaracións públicas dos políticos concluiríamos que todo o mundo está de acordo no cumprimento da lei, o que é moi fácil porque non marca pasos. Logo acontece que temos casos como o do PSdG-PSOE cun secretario Xeral como é o actual presidente da Deputación de Lugo que fala de tolerancia 0 co pasado franquista mais na cidade de Vigo hai un alcalde do mesmo partido que se nega a derrubar a cruz do Castro mesmo en contra dunha sentencia xudicial. Demandamos contundencia no cumprimento da lei e non tolerar a existencia de elementos que impidan o desenvolvemento dunha democracia madura.

-Por que decidiron apoiar a querela arxentina contra os crimes franquistas?

Apoiamos e continuamos nese compromiso. Oxalá outros países, en especial os que acolleron o noso exilio, se posicionaran de igual maneira contra a situación de indefensión das vítimas. Para nós é importante manter a querela. Se un estado non defende os intereses dos seus cidadáns calquera outro ten obriga de facelo. Hai delitos que non teñen fronteiras. A querela arxentina, nese sentido, é unha porta aberta.

-O seu traballo bate con moitos organismos, como o Concello da Coruña, foi sempre así nestes dez anos?

"Os netos teñen un papel moi importante na recuperación da memoria histórica, son os protagonistas"
Neste tempo compre destacar un momento de gran relevancia no apoio institucional á memoria na Galiza. Falo do compromiso que manifestou a Consellaría de Cultura no bipartito que, de saída xa fixo a declaración do Ano da Memoria. Tamén algúns concellos fixeron un traballo importante. Compróbase tamén que o cambio de tendencia política deu as costas a memoria. A creación do proxecto Nomes e Voces, promovido desde a Consellaría de Cultura no que participaron institucións e administracións foi fundamental á hora de que as vítimas e familiares puideran falar. Digo que foi un momento fundamental da memoria porque se foi ás súas casas e se lles solicitou a doazón da memoria. As asociacións colaboramos activamente no proxecto para que as casas se abriran e esa dor fora compartida e se dera a coñecer o que acontecera.

-As vítimas continúan a padecer un trato inxusto?

Precisamos un recoñecemento coas vítimas e ese é aínda o papel angular do traballo pola memoria. Adoitase encadrar a memoria histórica nos departamentos de cultura e historia mais ten outra vertente moi importante que é a da xustiza social. Nacións Unidas atinou ao falar de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición. É preciso reclamar maior xustiza para as vítimas do franquismo. O estado non está en perigo por crear unha comisión sobre estes temas. A xustiza coas vítimas continúa a ser unha débeda. Os netos teñen un papel moi importante na recuperación da memoria histórica, son os protagonistas. E fundamental que as novas xeracións saiban o que aconteceu.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-12-2014 13:39
# Ligazón permanente a este artigo
CANDIDATURAS DE UNIDADE POPULAR: GAÑEMOS GALICIA
Gañemos Vigo
* LOIS PÉREZ LEIRA

As recomendacións internas por parte do Consello Cidadán de PODEMOS do 29 de novembro en relación ás próximas eleccións municipais xerou un novo escenario de confluencia cidadá. A toma de distancia desta formación en relación a marcas xa preestablecidas no conxunto do estado como Gañemos ou, nalgunhas cidades, respecto ás Mareas, xerou un revulsivo xeralizado. Pablo Iglesias parece que intenta distanciarse da proposta de Ada Colau ou evitar que a marca Gañemos sexa a única beneficiaria desta próxima confrontación electoral. A isto débese engadir a incerteza de quen posúen o recoñecemento legal de Gañemos e os distintos modelos de confluencia que se producen nas distintas vilas e cidades.
Máis de 500 gañemos conformáronse en toda a xeografía do Estado español, cada un deles utilizando distintos métodos de confluencia. Nos lugares nos que participa Esquerda Unida o método é o acordo entre as direccións ou cúpulas dos partidos da «esquerda», noutros casos é resultado dunha unidade de acción cidadá real ou en Barcelona e Madrid onde é o resultado de experiencias mixtas de confluencia.
A marca legal Gañemos, usada no conxunto das cidades e vilas do Estado español (en mans aínda descoñecidas), terminou por converter devandita marca nun partido político de ámbito estatal e cuxos promotores atribúense o dereito a outorgar «franquicias». Devandita situación pode provocar a deserción dalgúns partidos estatais –como Izquierda Unida (IU)– que dan prioridade ao papel da súas propias siglas, a cota partidaria ou aos recursos económicos que xeran as eleccións.
Este debate de como debe ser a confluencia e as denominacións pon en verdadeiro perigo as candidaturas de unidade popular, tan necesarias para terminar coas elites e as castas locais –fraccións semellantes aos sectores caciquís galegos– e que haberá que combatelas –desde esta perspectiva de unidade de acción desde abaixo– para favorecer a derrota definitiva do bipartidismo e acabar de vez coas políticas neoliberais.

No devandito documento PODEMOS salienta: “As candidaturas de unidade popular e cidadá xeran unha identidade nova, aberta a todos. Non son «pasado en roupa nova», senón pasos cara adiante na perspectiva dunha vontade popular agregada e en formación que quere recuperar as institucións das mans das catervas corruptas e mafiosas e poñelas ao servizo da maioría social. Non poden ser xa que logo unha simple suma de siglas”.
Coincido con estas acertadas apreciacións. Sempre subliñei que ten que ser a propia cidadanía a protagonista e condutora deste proceso e a que determine o futuro nome da organización resultante da confluencia. Non se trata de Gañemos, Marea, Somos Maioría... pois o nome nunca debería ser o obstáculo para a conformación das necesarias candidaturas de Unidade Popular. Onde si debemos de ser esixentes é no método e o xeito de confluencia.
No caso da cidade de Vigo, o noso obxectivo inmediato ten que ser seguir abrindo Gañemos Vigo ao conxunto da sociedade, convidando a todas as forzas políticas e sociais a que se sumen a este proxecto e adherindo ao movemento a amplos sectores da veciñanza e dos colectivos cidadáns organizados. Esa unidade de acción e confluencia non debe significar nin cotas nin reparto de cargos. Cada integración ten que facerse de maneira individual. Todas e todos os participantes teñen que facelo en calidade de cidadás e cidadáns máis que asumen un proxecto plural ainda que unitario e que arelan transformar á nosa cidade.
Que o 2015 sexa o ano da confluencia cidadá e que a unidade popular se faga realidade favorecendo o cambio político e a mellora real nas condición de vida da maioría social.


* Lois Pérez Leira é escritor, documentalista, director de cine, analista político e dirixente da A ESQUERDA e Voceiro de Nova Esquerda Galega (NEG).
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-12-2014 12:39
# Ligazón permanente a este artigo
Comunicado do Comité Internacional pola Liberdade dos Cinco
Os cinco en CUBA
FONTE: NODO 50

Tradución ao galego: Xoel Vargas S. Calderón

http://info.nodo50.org/Los-5-ya-estan-en-Cuba.html

Desde todo o mundo chegan mensaxes de alegría e felicitación: Gerardo, Ramón e Antonio foron liberados hoxe, atópanse na súa amada Patria xunto ás súas familias e o seu pobo e únense a René e Fernando no abrazo esperado durante tantos anos de inxusta cadea.

Hoxe temos máis presente que nunca o que dixo Fidel en xuño de 2001 :.."Os Cinco son un quinteto de xigantes...só dígolles unha cousa: Volverán!"

Este triunfo da verdade foi froito da heroica resistencia de cada un deles, do pobo e goberno cubano e da solidariedade internacional.

Non só finalizan 16 anos de inxusto cárcere senón que se abre a posibilidade real de iniciar unha nova era nas relacións de EE.UU e Cuba.

A eles contribuíu a mediación do Papa Francisco e a boa vontade de ámbolos dous gobernos para arribar a unha solución.

Nese sentido uníronse homes e mulleres destacados de todo o mundo, 9 Premios Nobel, o Presidente do Salvador, Salvador Sánchez Cerén xunto a parlamentarios, relixiosos, artistas, xuristas e intelectuais de todo o mundo que solicitaron en carta a Obama que os Cinco puidesen estar xunto á súa familia este Nadal.

As adhesións á carta foi un proxecto iniciado pola Coordinación Europea da Campaña pola Liberdade dos Cinco, o Comité Internacional polos 5 Cubanos no Mundo Árabe e o Comité Internacional pola liberdade dos 5 Cubanos. (faga clic para ler a carta e ver as adhesións)

Grazas á vontade política de ambos os dous gobernos esta é a primeira ocasión en 16 anos de longo batallar que non houbo necesidade de enviala.

A misiva formará parte do testemuño da fermosa solidariedade internacional cara aos Cinco e a Revolución cubana.

Abrazamos a todos os comités [de solidariedade] e amigos dos Cinco que en fermosa unidade de acción loitaron sen descanso todos estes anos.

Novos desafíos requirirán o esforzo de todos, entre eles o fin do bloqueo xenocida contra Cuba.

Este día luminoso fainos aínda máis irmáns para continuar o camiño na procura da dignidade, a xustiza, a liberdade dese mundo mellor que tanto necesita a Humanidade.

Abrazámolos cheos de ledicia e amor neste día histórico,

La Habana, 18 de decembro de 2014

Comité Internacional pola Liberdade dos Cinco
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-12-2014 08:19
# Ligazón permanente a este artigo
NON Á LEI MORDAZA
Non á Lei Mordaza!
NON Á LEI MORDAZA
Fonte: ACCIÓN EN RED

Tradución ao galego: Adela Alonso
http://www.accionenredmadrid.org/spip.php?article979

O Goberno aprobou a Lei de Seguridade Cidadá que recorta o dereito de manifestación e desobediencia, sanciona a difusión de imaxes das forzas de seguridade e legaliza as devolucións sumarias na fronteira.
O xoves 11 de decembro o Congreso aprobou a reforma da Lei de Seguridade Cidadá, cos votos do Grupo Popular e a oposición de todo o resto da Cámara. En contra da lei situáronse ONGs, o Consello de Europa, a Igrexa Católica e o 82% da poboación, segundo unha enquisa de Metroscopia.
A “LEI MORDAZA” cataloga como infracción moi grave (con multa de 30.001 a 600.000 euros) reunirse ou manifestarse sen comunicalo en instalacións nas que se presten servizos básicos ou nas súas inmediacións, e como infracción grave (multas de até 30.000 euros) actos como desobedecer ou resistirse á autoridade e negarse a identificarse, entre outras moitas sancións. É unha lei de alto carácter represivo cuxo obxectivo é criminalizar e asfixiar todo intento de protesta social para desactivala. Deste xeito o Goberno intenta evitar a contestación ás súas medidas anti-sociais, especialmente no ano electoral que vai comezar, así como evitar outra serie de protestas concretas como aquelas que se producen perante instalacións lesivas contra o medio ambiente, ou as que se dirixen a evitar desafiuzamentos, por poñer algúns dos exemplos máis graves.
Outra das lamentábeis medidas incluídas na lei é a legalización de feito das devolucións en quente, é dicer, a expulsión sumaria de persoas que cruzan a fronteira, o que supón a vulneración da lexislación europea e os acordos internacionais sobre dereitos humanos, impedindo o exercicio do dereito de asilo e protección subsidiaria. Tamén ataca o principio de non devolución e os dereitos de protección do menor. Un total de 110 ONGs e entidades, entre elas ACCIÓN EN REDE, levaron adiante diversas accións de denuncia para impedir este ataque aos dereitos humanos. Trala aprobación en Pleno, continúa no entanto a campaña de denuncia á espera de lograr a paralización da medida no seu paso ao Senado.
Animamos a tod@s @s galeg@s a participar en todas as mobilizacións e manifestacións contra esta norma tan inxusta e represiva.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-12-2014 08:10
# Ligazón permanente a este artigo
Cuba resistiu e venceu
Duarte CorreaDuarte Correa *
Fonte: Sermos Galiza

Eisenhower, Kennedy, Johnson, Nixon, Ford, Carter, Reagan, Bush, Clinton, Bush e Obama foron as caras do imperialismo norteamericano fronte a Cuba, as cabezas dun imperio empeñado en impedir que unha pequena illa do Caribe exercera a súa soberanía e emprendera libremente o seu propio camiño para construír unha sociedade alternativa despois de derrotar á ditadura de Fulgencio Batista.
A poucos días de cumprirse o 56 aniversario do triunfo da revolución e da entrada dos barbudos na Habana prodúcese unha decisión histórica que levabamos décadas agardando, Cuba e os EEUU veñen de decidir normalizar as súas relacións como estados soberanos e restablecer as relacións diplomáticas, unhas relacións diplomáticas que foron rachadas de xeito unilateral polos Estados Unidos o 3 de xaneiro de 1961, uns EEUU que tres meses despois de adoptar esa decisión tentaron rematar co proceso revolucionario por medio da invasión de Bahía Cochinos que foi derrotada polo exército cubano e abriu un novo período no que o povo cubano adquiriu consciencia de que o imperialismo tentaría por todos os medios de poñer fin a unha experiencia política contraria á doutrina Monroe, un presidente norteamericano que no século XIX deixou claro coa frase “América para os americanos” o que farían posteriormente todos os que o sucederon na Casa Branca considerando todo o continente americano da súa propiedade.
O intercambio de prisioneiros que se produciu onte, o recoñecemento por parte de Obama do fracaso da política aplicada até o momento para rematar co “problema cubano”, o anuncio das xestións para retirar a Cuba do listado de países que fomentan o chamado terrorismo internacional, o anuncio de conversas para restablecer relacións diplomáticas..., son un triunfo do povo cubano, un povo que desde o inicio do bloqueo total ordenado por Kennedy o 3 de febreiro de 1962 pasou por moitas dificultades debido á imposibilidade de manter unha libre política comercial co resto do mundo, dificultades agravadas coa caída da URSS que deu paso a unha grave crise entre 1991 e 1998 coñecida como período especial, crise que se ben noutros países tería provocado grandes revoltas sociais en Cuba afrontouse con dor e privacións pero cunha firmeza da maioría da povoación convencida da necesidade de resistir pois o contrario suporía con case toda seguridade caer nunha situación como a da maioría dos países do entorno que non deixaban de ser simples colonias dos EEUU con todos os problemas e privacións que iso supoñía e sen as supostas vantaxes que debería conlevar ser aliados da primeira potencia mundial.

Nesta tarde xa varios supostos analistas imparciais, que á hora da verdade son simples propagandistas do sistema capitalista responsábel da actual situación mundial de inxustizas e privacións para a maioría da humanidade, empezaron a falar de que se lle acabaron as escusas a Cuba, querendo transmitir a unha opinión pública pouco informada a idea de que o bloqueo era unha simple palabra referida á alta política, unha entelequia que non afectaba á vida diaria dos cubanos e cubanas.
Cuba non tiña unha escusa, Cuba tiña e ten aínda un bloqueo criminal, un bloqueo imposto por quen non asume o dereito dos povos á soberanía e a escoller o seu propio camiño.

A nova situación que se abre non levará ao povo cubano ao paraíso, desaparecerán algúns problemas xa coñecidos e aparecerán outros totalmente descoñecidos, e moi posibelmente moitas das decisións adoptadas en 2011 para redefinir o rumbo da política económica e social co obxecto de mellorar as condicións de vida do povo cubano e redefinir o concepto de socialismo desde unha perspectiva cubana deberán ser reorientadas tendo en conta que estaban pensadas para un país condicionado polos efectos do bloqueo.

Cando en 1997 visitei Cuba estaban inmersos aínda no período especial, as privacións eran moitas e iso que os anos máis duros xa pasaran, pero algo que lembrarei sempre daquela viaxe son as palabras dun cubano moi crítico co sistema que nos dixo “ollo, eu son crítico cos erros que se cometen aquí pero sei moi ben onde estou e o que me deu a revolución, sei que isto non é Europa e sei que se a revolución cae a miña alternativa de vida non é a dun francés ou a dun galego senón a dun haitiano ou a dun hondureño”. Ese orgullo, esa capacidade para situarse no mundo é a que me fai confiar en que Cuba será quen de superar os novos retos.


* Duarte Correa é profesor e sindicalista da CIG
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-12-2014 07:59
# Ligazón permanente a este artigo
Matriarcas
Feminismo


Por: Carme Adán *


Fonte: SERMOS GALIZA

http://www.sermosgaliza.gal/opinion/carme-adan/matriarcas/20141216233242033375.html

“Matriarcas” de Guadi Galego abre unha interesante polémica feminista. Grande noticia. A cultura galega crea, chega a nós e móvenos algo por dentro. Confrontamos ideas porque estamos vivas.



“Matriarcas” de Guadi Galego abre unha interesante polémica feminista. Grande noticia. A cultura galega crea, chega a nós e móvenos algo por dentro. Confrontamos ideas porque estamos vivas.

As activista do noso cotiá mostran que o debate sobre a maternidade sempre é polémico. Foino no momento da publicación de O segundo sexo –unha grande parte das críticas ao libro apuntaban á visión desnaturalizada que ofrecía Beauvoir da maternidade-, foino nos movementos de mulleres dos anos setenta do pasado século, ten sido a bandeira das correntes do feminismo da diferencia, e na actualidade segue a ser un foco de polémica constante.

"“Matriarcas” de Guadi Galego abre unha interesante polémica feminista. Grande noticia. A cultura galega crea, chega a nós e móvenos algo por dentro. Confrontamos ideas porque estamos vivas".

As feministas, desde perspectivas máis teóricas ou activistas ou creadoras levan séculos abrindo espazos alternativos no que interrogar a maternidade na súa complexidade psíquica e social. Desde ópticas moi variadas seguemos na procura de estratexias discursivas alternativas para distanciarnos da concepción tan arraigada, nos discursos e nas prácticas cotiás, que non permite separar unha muller do seu ventre e que iguala o desexo feminino ao desexo de maternidade. Por iso, só poñer no centro da creación ou do pensamento o que significa “coidar” de por si é subversivo. Subversivo porque obriga a transmutar os valores, a desprazar tanto a lóxica da racionalidade mercantil do capitalismo ou a produtivista do marxismo. Obriga a unha mirada desde as marxes das dicotomías racional/sentimental ou público/privado. Obriga a que o fogar, ese que agocha o patriarcado e que as feministas soemos ollar de esguello emerxa como o topos da política. Situar o persoal como político para min segue a ser prioritario.

Para combater ese discurso da dereita que exalta a maternidade da abnegación, da individualidade, esa maternidade imposta da “Red Madre” necesitamos todas as deslocalizacións discursivas e prácticas que nos permitan vivir a maternidade como un dereito. Podemos vivir unha maternidade feminista? Penso que si. Supoño que con todas as contradicións que emanan de mudar as regras seculares do que implica ser nai. Visibilizar o coidado, recoñecelo desde o sorriso e a celebración é un paso. Establecer dereitos laborais para as nais e incluír a corresponsabilidade niso que se chama axenda política é outro.

"As feministas, desde perspectivas máis teóricas ou activistas ou creadoras levan séculos abrindo espazos alternativos no que interrogar a maternidade na súa complexidade psíquica e social".

O traballo doméstico é útil a todas as sociedades. Se queremos datos ou estadísticas podemos coller as últimas elaboradas en Galiza e sinalar que o traballo domestico equivale a máis da metade do noso Produto Interior Bruto. Calcúlase que se fose remunerado suporía máis de 28.000 millóns de euros na economía galega. Dese traballo as mulleres adican unhas catro horas diarias a realizalo, os homes non chegan nin a dúas. O desequilibrio é claro. Do mesmo xeito que a asimetría pervive nas menores taxas de actividade feminina, as maiores de desemprego, a fenda salarial, as dobres xornadas, os chans pegañentos que levan ao empobrecemento feminino, na falla de recoñecemento do noso traballo creativo, interpretativo, político ou intelectual.

Lembrar as mulleres galegas que nos precederon e o seu traballo invisibilizado en clave da semántica do activismo político é unha boa chamada de atención sobre o noso propio sistema de valores. Sobre os nosos puntos cegos nas retinas feministas da transformación. Existen moitas mulleres nas liñas non escritas da nosa historia que o seu traballo no día a día foi contestatario e transformador. Non creo que a palabra “Matriarcas” sexa grande para elas. Tampouco creo que iso sexa un exercicio de nacionalismo esencializante. Todo o contrario e menos nunha nación na que a figura central da súa literatura foi voz de denuncia e combate.

"Só poñer no centro da creación ou do pensamento o que significa “coidar” de por si é subversivo".

É certo que moitas das figuras da nai beben dunha longa tradición filosófica ou teolóxica que a mistifican para facer desaparecer as nais reais. As que todos os días viven na súa carnalidade as miles de formas de resistencia e transformación que se tecen historicamente. Coido que temos a obriga de modificar o noso concepto de política, de economía e de loita. Como dicía transmutar valores. Podemos comezar por respectar as diferentes estratexias discursivas e artísticas de todas nós, as que aleitamos e as que non.

A primeira vez que escoitei ao tempo que visionaba “Matriarcas” chorei. Sen lóxica, nin logos. Sen razóns abstractas do pensamento hexemónico. Pensar desde novas construción da maternidade, desde a nosa dor, o noso pracer, o noso ser, desde as presenzas e ausencias fica como reto. Recoñecérmonos, aínda que sexa desde a diverxencia, tamén é subversivo.

* Carme Adán é deputada do BNG no Parlamento Galego.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-12-2014 13:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chelo Martínez: pola transparencia no Parlamento
Chelo Martínez, 5ª pola esquerda, con membros de Cerna
Chelo Martínez: pola transparencia no Parlamento
PROPOSICIÓN NON DE LEI SOBRE RETRIBUCIÓNS, TRIBUTACIÓN E TRANSPARENCIA NO PARLAMENTO GALEGO

FONTE: CERNA
http://www.cerna.org/blog/chelo-martinez-pola-transparencia-no-parlamento/

Consuelo Martínez presentou o 4 de decembro de 2014 no Parlamento, unha Proposición non de lei sobre retribucións, tributación e transparencia das deputadas e deputados non Parlamento Galego

A negativa do PP e a falta de apoio do PSOE no Pleno de onte á emenda presentada por Consuelo Martínez respecto das retribucións e tributacións dos membros do Parlamento Galego, non só revelan unha postura corporativa defensiva senón que tamén pon de manifesto a incomodidade dos partidos do Réxime con esta cuestión. Cambio de retribución de doada aplicación se quixeran ao deter en comandita a totalidade da Mesa do Parlamento abondaría cun simple acordo dela para estabelecer ese réxime retributivo máis xusto, transparentar o uso dos fondos públicos e mesmo reducir custos suprimindo ou modificando contías que a xuízo desta deputada son indebidas ou desproporcionadas, pero que ambos impiden dun xeito ou doutro coa súa vontade negativa.

Consuelo Martínez quere facer pública a nómina coas cantidades que percibe como deputada como unha primeira contribución á transparencia que todas as persoas servidoras públicas deben á cidadanía cando se trata de diñeiro público, é para iso que se axunta a esta nota.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-12-2014 13:17
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Francisco Rodríguez Cruz
Bandeira de Cuba
Entrevista a Francisco Rodríguez Cruz
Estivemos en Cuba (de novo) e conversamos outra vez con Francisco Rodríguez Cruz, xornalista de Traballadores e editor do blog «Paquitoeldecuba» *
Fonte: Nodo50

Tradución ao galego: Alberte Cid García

http://info.nodo50.org/Estuvimos-en-Cuba-de-nuevo-y.html
En outubro de 2013, nodo50 estivo en Cuba e atopouse con Francisco Rodríguez Cruz, xornalista de Traballadores e editor do blog «Paquitoeldecuba».
Un ano despois, volvémonos a ver na Habana e aproveitamos para falar de novo repasando algúns dos temas que tocaramos o ano pasado.
Luísa Cuevas Raposo (LCR). Continuamos e facemos balance do que pasou este ano. O ano pasado estabades en pleno proceso de congreso da CTC e en pleno debate do Anteproxecto de Lei do Código do Traballo. Imos comezar falando destes temas. Tes datos por exemplo de número de asembleas, emendas presentadas, aprobadas, ...?.

Paquito (P). Bo, non teño datos, entras moi forte e a miña memoria non é tan enciclopédica. (risos)
Cando falamos naquel momento estabamos precisamente no proceso de discusión do anteproxecto e despois deuse unha información cando se levou o proxecto á asemblea de como fora ese proceso. Habería que procurar as referencias estatísticas onde se dicía cantas persoas participaran, cantas formulacións fixéronse, propostas de modificación, cantas foron incorporadas ou non, e mesmo cantos colectivos se reuniron e aprobaron o anteproxecto e cantos non. (1)
Foi unha cousa moi importante e houbo unha porcentaxe tamén de traballadores e colectivos que non estiveron de acordo co anteproxecto e iso fíxose público. Creo que iso foi importante porque dá unha idea de que non ten por que haber unanimidade á hora de discutir ningún proxecto de lei.
Isto fíxose público na Asemblea Nacional, na sesión oficial de decembro de 2013, xusto cando foi aprobado o proxecto de lei. (2)
LCR. Naquel momento falamos bastante de como ían regulamentarse os dereitos dos traballadores e traballadoras por conta propia e quen traballan para empregadores non estatais. Falabamos da diferenza cos dereitos dos traballadores estatais, ... Todo iso como quedou?.

P. Ben, algunhas cousas mantivéronse e outras se modificaron. Eu creo que non hai grandes diferenzas e chegouse a resolver o asunto das instancias de reclamación, que mesmo no caso dos traballadores particulares van directamente ao tribunal a dirimir calquera conflito.
Quedou algunha diferenza no tema das vacacións anuais pagas, porque no caso do estado, das persoas que traballan para institucións estatais, teñen garantido un mes de vacacións como mínimo, pero para o resto de traballadores privados o que se di é que como mínimo o empregador tenche que dar unha semana no ano. Hai dous xeitos de ver o asunto, algúns o ven como unha diferenza que favorece ao empregador privado e desfavorece ao traballador particular, e outros o ven tamén como un estímulo a que as persoas se empreguen co estado, porque xeralmente o que traballa por conta propia ten maiores ingresos e se o estado dáche máis garantía coas vacacións, ... é un tema a seguir discutindo pero así quedou na lei.
LCR. Outra cousa que comentabamos era que os dirixentes sindicais terían que aprender a lidar con estas novas situacións, porque até agora lidaban coas empresas estatais e agora terán que facelo con este tipo de empresarios, tanto pequenos, como contapropistas, como grandes empresas. Tendes algún dato de conflitividade laboral?.
P. Non teño datos Luisa, (risos) pero si creo que aínda falta moito por facer no tema de representatividade deste tipo de novos sectores de traballo.
Creo que o movemento sindical está tratando de aprender sobre a marcha a vincularse con outros intereses deste sector emerxente que non son os mesmos até na súa forma de traballar, de organizarse. Houbo determinados feitos puntuais de conflito en determinados territorios por inconformidade con determinadas medidas administrativas no xeito de organizar o traballo, nas áreas que se poden utilizar para determinados negocios, ou vendas, ou as medidas tributarias, as determinacións fiscais, ... houbo xa conflitos que dalgún xeito o sindicato ten que intervir como mediador perante as administracións ou os gobernos locais en representación destes traballadores.
O óptimo sería que non se tivese que chegar ao conflito, como está pensado é que se resolva nun debate colectivo pero ben, é parte dun modelo de relacións laborais.
LCR. E sobre a Zona Especial Mariel, a regulación quedou como estaba prevista?.
P. Iso regúlase coa Lei de Investimento Estranxeiro (3). En realidade non foron normas discutidas...
LCR. ... non, pero refírome á parte laboral, aos dereitos das persoas que traballen nesa zona.

P. ... ah! ben, os dereitos deses traballadores están contemplados pero indudabelmente danse unha serie de facilidades que os pon en situación diferente aos traballadores doutros lugares.
Houbo un tema polémico en relación cos pagamentos, coa retribución a estes traballadores porque se fixo unha especie doutra taxa máis de conversión de CUC´s e CUP´s para pagarlle a estes traballadores que creo que é 1/10 ó 1/11, co obxectivo de que os salarios destas persoas sexan superiores. De feito sono. Mesmo na separata de Economía de Traballadores do mes pasado, publicamos a inquietude doutros traballadores doutras empresas mixtas ás que non se lle está aplicando a mesma taxa de cambio esta para pagarlle o seu salario.
Hai cousas por precisar; creo que é un proceso que levará determinados axustes sobre a marcha e é lóxico, cando estás introducíndoche nun mundo novo, ten que ir co método de proba e erro, e nese sentido hai que darlle unha oportunidade á participación, a que a xente dea os seus criterios, e a que o propio sindicato exerza o seu papel de mediador e de representante das inquedanzas que poidan ir xurdindo. Creo que é normal en calquera proceso de transformación e de cambio; sempre hai resistencia ao cambio, mesmo algunhas resistencias son ás veces [reaccións de oposición ou resistencia] a cousas positivas porque cústanos traballo ás veces cambiar. É unha lei da natureza humana.
Isto está en plena implementación e aínda, ata, os investimentos no Mariel, aínda que a información pública que transcendeu é que hai intencións de varias firmas e empresas estranxeiras por investir aí, iso aínda non se concretou cun volume suficientemente representativo para que sexa un asunto claro, terminado.
Penso que está en marcha e hai que estar atentos, escoitar a todas as partes, son temas complicados en que todo o mundo ten un pouco de razón, e mesmo as voces máis críticas nos medios, nas redes, no ámbito mediático, que se están criticando determinados puntos, ás veces suscitan cousas que son atendíbeis, razoábeis e penso que o segredo do éxito estará en ser o suficientemente hábiles para consensuar todas esas tendencias e estar atentos a que non haxa ningún exceso nin ningunha inxustiza.
LCR. Xerouse en torno a este debate do Código do Traballo todo un movemento para que se recollese a non discriminación por razóns LGTBI (4), para abreviar. Como se formulou a proposta?.
P. Ben!, cando falamos o ano pasado xa estaba a proposta. Basicamente suscitaba incluír a non discriminación por orientación sexual, por identidade de xénero, por seroestatus VIH e despois xurdiron outros intereses, por exemplo por discapacidade. As propostas buscaban deixar explícito nos principios xerais do dereito do traballo, determinados temas que son polémicos e que se requiría unha manifestación clara para evitar que se convertese nun problema nun futuro, e a ton non só coa tendencia internacional senón coas propias problemáticas nosas do país.
O resultado foi metade e metade; quizá un chisquiño máis favorábel que desfavorábel, malia que non se logrou todo o que se quería. Finalmente iso foi na discusión do parlamente en decembro de 2013, aprobouse a Lei de Código do Traballo e xa o proxecto que chegou á Asemblea traía incorporadas algunhas das propostas feitas desde o activismo.
Fundamentalmente o tema da non discriminación por orientación. Non sucedeu igual co tema da identidade de xénero que é un concepto moito máis complicado de entender para os decisores e para os políticos nosos e que até desde as discusións na conferencia do Partido, na 1ª Conferencia Nacional do PCC suscitara polémica e volveu ser obxecto de discusión a partir das propostas da deputada Mariela Castro. Aí houbo erros procedimentais ou confusión á hora de someter a lei a votación e de encamiñar esas formulacións que se estaban facendo, o que xerou unha protesta de moitas persoas do activismo, incluíndo inconformidade dalgunhas deputadas e deputados polo xeito en que se manexou nese momento a discusión.
Seguiu a polémica logo da aprobación da lei. Porque se aproba a lei pero non queda claro cal era o contido que ía levar a lei, como quedaba definitivamente. Déuselle unha potestade a unha comisión de estilo e contidos que despois os membros da comisión dixeron que non era de contidos senón de estilo, pero o presidente do país indicara que era de contidos, e ao final cando sae a lei publicada en xuño deste ano, salta o asunto de que non se incorporaron todas as suxestións que se fixeron e reactivouse, por suposto, a polémica.
Niso o activismo xogou un papel moi importante porque lanzámonos a criticar desaforadamente a decisión e até houbo un grupo de activistas, ao que pertenzo, que non está vinculado ao CENESEX (5) que a título do grupo fixemos unha solicitude á Asemblea Nacional de que desen unha explicación sobre o tema. Houbo unha reunión con autoridades da Asemblea Nacional, non satisfixo a resposta que deron. Houbo unha reclamación ante a fiscalía a cal, até que eu teño coñecemento, non houbo resposta de se aceptaron ou declararon que non lles compete ese tipo de solución, porque en realidade sobre a Asemblea Nacional, constitucionalmente, non hai ninguén que poida erixirse en xuíz; pero ben, iso foi unha comisión da Asemblea.
Entón, o tema é procedimental pero é de concepto. E, por que che dicía que penso que é máis positivo que negativo malia todos estes detalles?, porque primeiro houbo unha parte das formulacións que foron recolleitos, escoitado e incorporados. Segundo, o que non se logrou incorporar, xerou un debate que permitiu explicarlle ás persoas os conceptos, as definicións que se están pedindo e que moita xente non coñece. Ou sexa que xa houbo unha aprendizaxe dos políticos e da poboación e sobre todo das persoas máis vinculadas a este tipo de discusión nas redes sociais, internet, ... porque lamentabelmente tampouco esta discusión transcende aos medios tradicionais de prensa e xa que logo hai un sector da poboación que está máis neste debate e iso é importante dicilo. Que sempre dalgún xeito a xente ten un nivel de coñecemento pero non o que quixésemos. Entón eu penso que este debate é positivo, houbo unha discusión, houbo unha sensibilidade e unha comprensión da autoridade do país de que son temas importantes e non se deben deixar da man.
E penso que é unha ensinanza para o activismo de como se pode, unindo forzas, e artellando estratexias comúns mesmo entre grupos que poden ser diversos no seu xeito de interpretar a realidade, pódese lograr determinado nivel de diálogo cos decisores para resolver determinados problemas.
LCR. Recentemente sacouse tamén da gabeta o proxecto de lei de matrimonio igualitario.
P. Ben, é o proxecto do Código de Familia. Oxalá fose o proxecto de lei do matrimonio igualitario!. En realidade, eu penso que isto é unha consecuencia tamén do debate sobre o Código do Traballo indirectamente. Evidentemente, esta discusión deixa varias portas abertas cara ao futuro. Unha delas é a posibilidade de facer unha proposta de Lei de Identidade de Xénero para introducir este asunto na lexislación vixente.
Aínda que estes son temas transversais, é o que sempre dicimos, e que teñen que estar incorporados a toda a lexislación que se vaia aprobando, pero é certo que faría falta tamén unha lei de Identidade de Xénero. E está o tema do Código da Familia que segue sen é resposta desde o punto de vista da súa discusión e debate na poboación, e despois no Parlamento, da proposta que se está facendo desde hai varios anos. Pero eu penso que esta discusión do Código (do Traballo), prepara o camiño cara a ese debate do Código de Familia que dalgún xeito había certa reticencia a incluílo dentro das normas que son urxentes modificar. Xa houbo un pronunciamento por parte do Secretario do Consello de Estado, por certo unha das persoas que fixo resistencia ao tema das modificacións do Código do Traballo, a que xa é unha das leis que están dentro das prioridades da Asemblea. E iso, por suposto, énchenos de esperanza e tamén un pouquiño de preocupación, porque evidentemente cando isto suceda vai haber que desenvolver un gran labor de persuasión, de convencemento, de defensa dos nosos dereitos para que se entenda a necesidade de modificar estes conceptos tradicionais ao redor da familia que inclúa algún amparo xurídico para as parellas do mesmo sexo.
Estamos esperando, estamos preparados...
LCR. ... para a batalla...
LCR. O ano pasado falamos tamén, porque eran estas mesmas datas e achegábase o 1º de decembro, sobre o tipo de campaña que se realizan de prevención do VIH e comentabas por exemplo que aínda hai dificultade para facer campañas nas que se fale explicitamente de sexo entre homes que aquí era a porcentaxe máis alta de transmisión. Este ano, como está a cousa?, que tipo de campañas hai?.

P. Aínda que non estou moi ao tanto do que hai previsto, si noto que neste último ano houbo unha evolución positiva, e polo menos nalgúns medios, fundamentalmente nas radios, abórdase máis desprexuizadamente o asunto. Até ver a diversidade sexual dun modo máis natural. Aínda nos falta moito por conseguir neste tema e no caso do VIH penso que este ano sexa un pequeno incremento da cantidade de infectados en relación co ano anterior -2013 en relación ao 2012- que din os expertos que non fai tendencia pero de calquera xeito é un asunto para pensar.
Creo que hai que seguir insistindo en chegar aos principais grupos poboacionais que son vulnerábeis. Estanse facendo cousas interesantes ata en proxectos recreativos ou con corte cultural, ata en antros, aquí dicímoslle discotecas, en cabarés, en espazos nos que comparte a comunidade LGTBI e nos que a mensaxe de prevención do VIH chégalle directamente aos grupos que puidesen ser os máis afectados.
De todas as maneiras este é un asunto no que nunca imos estar satisfeitos porque aínda está demasiado ligado a datas, a campañas, a momentos determinados do ano onde se fai máis énfase, aínda que xa che digo que vexo un tratamento máis sistemático en determinados espazos da comunicación.

LCR. Comentabamos tamén o ano pasado que, aínda que foran as mulleres lesbianas as primeiras en organizarse, chegou un momento en que os homes fostes máis visibles na loita polos vosos dereitos, como é normal nas sociedades machistas ás que pertencemos. Este ano en Santa Clara, decateime que María, do Mejunje, creara o grupo de mulleres lesbianas Labrys, para debater e para loitar polos seus dereitos. Tes idea de que isto ocorra en máis sitios?.

P. Ás veces uno non ten toda a información, non?, pero evidentemente o activismo está aumentando. As propias redes sociais do CENESEX estanse ampliando. Xa agora o que empezaron sendo grupos xa agora en moitos casos pódenselle chamar redes, porque teñen representación en diferentes provincias do país. Imaxino que este grupo de María ten que ver con isto. Coñézoa e ela estivo moi presente en determinados eventos, en contacto co CENESEX e ata estivo na conferencia rexional de ILGA para Latinoamérica en Varadero este ano. Supoño que por aí pode nacer o grupo.
Penso que si, que van seguir saíndo os liderados. Tamén as persoas trans están aumentando o seu nivel de participación. Tivemos un encontro xusto antes da viaxe a México a finais de outubro, que o fixemos ademais nun antro, nun bar por conta propia, privado, ao que asiches a comunidade LGTBI e fixemos aí en horario da tarde que é máis tranquilo ?

LCR. ... en horario infantil...

P. ... si, unha matiné, fixemos un taller que quedou moi ben ao meu criterio, precisamente sobre este tema do Código do Traballo e a discriminación no ámbito laboral. Estivemos activistas doutras provincias que viñeron e á miña sorprendeume moito a participación de público, estivo aquilo cheo, ata máis que talleres ou eventos similares que fixemos en espazos institucionais como o propio CENESEX, o cal indícanos un camiño de que achegándonos máis aos lugares onde vive e comparte a comunidade LGTBI, podemos ser máis efectivos nas nosas mensaxes.
A xente mostrouse moi interesada en todos estes temas e penso que empeza a comprenderse a necesidade de formarse non só como promotores de saúde senón como representantes e defensores de dereitos humanos e sexuais e creo que están as condicións creadas porque en xeral en Cuba hai un alto nivel de instrución e só fai falta sensibilizar un pouco á xente sobre o importante que é para o propio benestar e o das persoas que che rodean.
E creo que si está incrementándose moitísimo este sentido de combatividade social que necesitamos na cidadanía. Ademais é mesmo unha necesidade non só propia da poboación LGTBI senón de toda a sociedade cubana.

LCR. Primeiro a conferencia mundial de ILGA en México, tamén se celebrou a Latinoamericana en Varadero aquí en Cuba. A participación de Cuba a nivel internacional e a visión que os grupos de fóra teñen sobre o movemento en Cuba, vai cambiando, vai mellorando, ?? porque, bo, xa o falamos o ano pasado, sempre se dicía que en Cuba non había máis que represión, non había liberdade para expresarse.

P. É moi interesante e moi bo este achegamento á Asociación Internacional de lesbianas, gais, transexuais, trans e intersex, ILGA. Penso que é un espazo que hai que aproveitar, que nos permitiu facer vínculos con outros movementos LGTBI do continente e doutras partes do mundo e sobre todo intercambiar experiencias, darnos conta de que ás veces os problemas non son tan diferentes como un pensa.
E tamén das especificidades e vantaxes que podemos ter ou non en relación con determinados temas. Penso que é moi útil este tipo de intercambios porque se empeza a construír un coñecemento colectivo de como levar determinada axendas de dereitos, como negociar determinados temas, de como persuadir, até desde a diferenza de cada rexión, cada país, cada continente. Pero ademais permite a solidariedade internacional con outros grupos de persoas que están nunha situación ás veces máis difícil que a nosa e dalgún xeito permite visibilizar a importancia, que está ademais moi acorde coa idiosincrasia do cubano, de non só quedarse nas preocupacións locais senón de tratar de contribuír ao melloramento humano en calquera parte.
LCR. O 4 de decembro cúmprense 5 anos do teu blog, segue vento en popa?.
P. Ben, aí está. O blog foi unha experiencia interesantísima que me deu moitas satisfaccións. Imos ver como lle vai no seu aniversario número 5. Non sei aínda si celebrarémolo cun grupo de blogueiros que querían facer algo.
Pero eu penso que o que me reportou o blog son cousas boas, e ás veces un di, ben xa son cinco anos, quizáis é o momento de suscitarse unha reconceptualización do espazo, da súa necesidade ou non, pero por sorte sento que hai moitas persoas que están facendo blogs, que están facendo xornalismo aínda que non sexan xornalistas, que están facendo aportes aos debates e desde Cuba, .... moita xente nova, que escribe fenomenalmente ben, e con moita valentía. Isto dáme satisfacción porque até, é mellor que haxa moitos blogs e que non se centre todo en mirar un, dous ou tres.
Este espazo vai seguir estando aí, sendo unha oportunidade de participación e de expresión e de diversión tamén, porque é moi lúdico o que fago aí cando conto sobre o meu, sobre as miñas experiencias, sobre a miña familia, pero eu creo que vai normalizándose, no sentido de que por sorte xa non é nin o único, nin o mellor, a mellor voz dos que falan sobre o tema LGTBI e iso éncheme de moita tranquilidade e alíviame ... (risos).

LCR. (risos) ... quítache responsabilidade, ...

LCR. Un ano é pouco para ver a evolución dunha sociedade, pero polo que me estás contando as cousas avanzan, lentas pero firmes.

P. Non todo o que quixésemos pero eu penso que hai máis disposición de escoitar e tamén de opinar e de tomar posicións sobre determinados temas tamén desde o punto de vista de empoderamento máis sinais de que a cidadanía comeza a sentirse máis partícipe do que se está facendo. Mesmo desde a esixencia de negociación e ás veces desde a protesta.
E isto creo que non pode levarnos máis que a unha sociedade máis democrática, máis socialista, máis revolucionaria, que é o que queremos.

* http://paquitoeldecuba.com/
(1) http://www.trabajadores.cu/20131220/expresion-de-la-democracia-cubana-en-proyecto-de-codigo-de-trabajo/
(2) Páxina do Parlamento Cubano: http://www.parlamentocubano.cu/
(3) Lei de Investimento Extranxeiro (o capítulo XI fai referencia ao Réxime Laboral): http://www.granma.cu/cuba/2014-04-16/asamblea-nacional-del-poder-popular
(4) Lesbianas, gais, persoas trans, bisexuais e intersex.
(5) Centro Nacional de Educación Sexual: http://www.cenesex.org/
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-12-2014 12:12
# Ligazón permanente a este artigo
SEMELLANZAS ENTRE PODEMOS E O KIRCHNERISMO
Por: Lois Pérez Leira *

A agrupación xuvenil kirchnerista A Campora da Arxentina e o fenómeno PODEMOS do Estado Español, teñen algunhas similitudes e puntos de coincidencia. Ambos os dous fenómenos prodúcense no seo da mocidade, como parte dunha rexeneración democrática, fronte a unha clase política que actúa con métodos antigos e obsoletos.
Nos dous casos son movementos transversais, participativos e ilusionantes. No caso da Arxentina habería que salientar o liderado indiscutíbel da presidenta Cristina Fernández. No caso do Estado español a figura dun novo profesor universitario e excelente comunicador, como é o caso de Pablo iglesias.
Ámbolos dous fenómenos lograron en pouco tempo incorporar a amplos sectores da mocidade á actividade política. Moitos deles facíano por primeira vez. Os seus dirixentes, en ámbalas dúas experiencias, eran persoas case descoñecidas para o conxunto da sociedade e os medios de comunicación. Os dous movementos tiñan e teñen vocación de poder e puideron conectar de contado cunha mocidade que estaba necesitando un espazo de participación distinta.
No caso da Arxentina a tarefa era reforzar o liderado do proxecto inclusivo e soberanista da Presidenta arxentina, no marco da integración latinoamericana. Este movemento xuvenil intentou crear unha forza propia, que puidese competir co aparello burocrático do Partido Xusticialista e as formas gansterís do sindicalismo arxentino. Mentres que Podemos e o seu líder convertéronse na expresión política do movemento espontáneo do 15 M, intentando construír unha alternativa real e maioritaria contra a crise económica, a corrupción e o desprestixio do bipartidismo incluída a monarquía. O ascenso electoral vertixinoso de PODEMOS sitúano na mellor intención de votos do conxunto da cidadanía para as próximas eleccións xerais.
Ambos fenómenos políticos teñen como referencia ideolóxica e practica os procesos que se viven en Venezuela, Bolivia, Ecuador, Cuba, Nicaragua, Brasil, Uruguai e a propia Arxentina. E ten tamén unha procedencia en común, pois representan aos sectores da clase media, clase de procedencia dos seus dirixentes.
Tanto A Campora como PODEMOS teñen dirixentes de menos de corenta anos, como a maioría dos seus cadros medios e da súa militancia. Nos dous casos semella que a historia política de ámbolos dous países tivese nacido con eles, desbotando todo o anterior que feda a pasado ou que cheire a alcanfor.
O desafío da Campora é poder darlle continuidade ao proxecto nacional e popular, que até este mandato encarnou o matrimonio Kirchner, co apoio dunha ampla base social, incluída a activa participación a esquerda tradicional e no caso de PODEMOS o desafío é poder crear as condicións de producir unha segunda transición democrática no Estado español –neste caso rupturista– que abra un proceso constituinte. As importantes e inaprazábeis tarefas de PODEMOS en caso de gobernar é terminar co desemprego, democratizar o estado e legalizar o dereito a decidir das súas nacionalidades históricas.
Na formación política e no discurso dos líderes de ámbalas dúas formacións, teñen en común a referencia intelectual do pensador arxentino Ernesto Laclau.
En relación á mocidade Arxentina sinalo Laclau: “Hai que ver que o peronismo era o resultado histórico de forzas de signos moi opostos e dalgún xeito, o kirchnerismo, especialmente durante o goberno de Néstor Kirchner tivo que xogar a dous niveis: por unha banda, establecer compromisos con forzas políticas tradicionais do peronismo e pola outra, impulsar formas de organización xuvenís novas. E durante o último ano do goberno de Cristina é este elemento o que amosou a súa importancia capital”
Mentres que en PODEMOS “A razón populista” (2005), o libro máis destacado de Ernesto Laclau, é a guía de cabeceira da estratexia de Podemos. A admiración intelectual polo autor queda patente na tese doutoral dun dos ideólogos da formación, o profesor Iñigo Errejón. A súa tese doutoral, baseada nunha análise da loita pola hexemonía política en Bolivia, está centrada fundamentalmente nas ensinanzas de Laclau e Gramsci.
Tanto A Campora como PODEMOS son a expresión do populismo de esquerda na súa versión máis positiva do termo.
Está claro que a mocidade está reclamando un novo espazo neste mundo decrepito onde hai que renovar os espazos e actualizar as utopías.


* Lois Pérez Leira é escritor, documentalista, director de cine, analista político e dirixente de A ESQUERDA. Ademais é voceiro de Nova Esquerda Galega (NEG)
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-12-2014 08:41
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [5] [6] [7] 8 [9] [10] [11] ... [26]
© by Abertal