A VOZ DA ESQUERDA


Voceiro de N.E.G.
(NOVA ESQUERDA GALEGA)
Nova Esquerda Galega (NEG) é unha organización que se define como alternativa, socialista, ecoloxista, galeguista, confederal, internacionalista, feminista, altermundista e que se esforza por impulsar as loitas contra toda forma de explotación, opresión e dominación sobre as persoas e a natureza. As mulleres e os homes de Nova Esquerda Galega (NEG) organizámonos politicamente para levar adiante a transformación revolucionaria da sociedade. Nova Esquerda Galega (NEG) procura a construción do socialismo sen renunciar a unha democracia avanzada e participativa, autoxestionaria, libre de explotación, alienación e opresión, onde todo o mundo poida participar dun xeito democrático e autónomo na elección dun novo futuro colectivo.

PULSA SOBRE A BANDEIRA DE NEG PARA SABER MÁIS SOBRE NOVA ESQUERDA GALEGA (NEG)


O meu perfil
aesquerdavigo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Gañemos Vigo.
No centro da imaxe, Lois Pérez Leira (Cabeza de Lista de Gañemos Vigo)
Fonte: Secretaria de Comunicación de Gañemos Vigo


Un novo tempo está percorrendo a nosa cidade. Os últimos resultados electorais das europeas sinalaron que a cidadanía comeza a estar farta dos políticos que nos gobernan. Entre os que votaron por candidaturas progresistas, cidadás, de esquerdas, mais o que optaron pola abstención consciente, somos a maioría. Por iso un grupo de cidadáns de distintas actividades, pensamentos e pertenzas políticas, que queremos a Vigo e vimos loitando por un Vigo mellor, máis democrático, máis participativo e máis habitábel, pensamos que é posíbel e necesario gañar Vigo para a cidadanía.

Os partidos do PSOE-PP que nos seguen gobernando na cidade, son parte do sistema inmoral e corrupto do bipartidismo.

Os partidos do sistema converteron á nosa cidade nunha urbe onde reina o cemento e a insolidariedade. Onde humanizan as beirarrúas, cando se debería humanizar as políticas sociais ao servizo para os máis necesitados.

Os que amamos Vigo debemos de dar un paso histórico na cidade olívica co obxectivo de gañar as próximas eleccións municipais e poder desenvolver políticas ao servizo da maioría social.

Para iso é preciso iniciar un proceso que implique a moita xente e permita traballar a partir de obxectivos concretos. Este proceso non pode comezar cun programa electoral pechado. As propostas para transformar a nosa cidade e as súas institucións teñen que ser elaboradas de xeito colectivo. A partir de iniciativas xa existentes, pero tamén con outras que teremos que ir construíndo coas mellores voces dos movementos políticos, sociais, veciñais e sindicais; con técnicos e traballadores de diferentes sectores; con xente politicamente organizada, e coa contribución cidadá.

Este proceso debe de confluír nunha candidatura cidadá plural e transversal onde o conxunto da cidadanía poida ser o axente activo deste proceso de acumulación de forzas e confluencia popular. Para iso debemos terminar co dogmatismo, o sectarismo, os vetos, as exclusións e as imposicións. A nosa confluencia debe ser programática e ao servizo da cidadanía e non dos mesquiños intereses partidarios.

1.- Queremos gañar Vigo para garantir traballo e vida digna para os nosos veciños. Somos unha cidade industrial e debemos de defender os postos de traballo e fomentar a creación de emprego digno. Ningunha familia traballadora debe quedar desamparada. Para iso debemos transformar o modelo económico e produtivo que beneficiou ás grandes empresas e ás entidades financeiras. Queremos reverter esta situación e promover unha economía social e sostíbel. Queremos gañar Vigo para que os cidadáns gocen dunha renda mínima, unha alimentación axeitada e un fornezo suficiente de auga, luz e gas.


Para garantir unha política social solidaria municipalizaremos os servizos fundamentais da nosa cidade especialmente o do auga.


2.- Queremos gañar Vigo para que sexan os barrios e a cidadanía a que determine as necesidades e os orzamentos participativos necesarios. Os recursos de todos os veciños/as deben reverter directamente nas necesidades do conxunto da sociedade sen especulacións electorais. Mentres miles de familias están padecendo necesidades o Concello gasta centos de miles de euros nunha escaleira mecánica para subir usuarios desde a rúa do Príncipe até o Concello.

3.- Queremos gañar Vigo para terminar coa corrupción, os orzamentos opacos, o enchufismo, os cargos múltiples dos que nos gobernan, como é o caso escandaloso da concelleira e senadora Carmela Silva. Tense que impedir a acumulación innecesaria de cargos e funcións. Esta medida é esencial para impedir a concentración de poder en poucas mans e para garantir a máxima dedicación dos representantes á función pública. Os representantes electos terán que someterse á rendición de contas da cidadanía. Somos partidarios de establecer un límite temporal de dous mandatos para todos os cargos electos. Tamén impulsaremos a limitación de soldos acorde ao seu traballo e responsabilidades, evitando privilexios innecesarios.
Gañar Vigo significa un compromiso ético vinculante coa cidadanía.

4.- Queremos gañar Vigo para terminar coa intolerancia do actual goberno municipal que mercou os medios de comunicación co diñeiro de todos os vigueses para garantir a súa continuidade no exercicio do poder. Queremos un Vigo plural onde se poidan escoitar todas as voces e estean abertas as portas e os espazos institucionais do concello.

Queremos un Vigo onde recuperamos a nosa memoria histórica e terminemos para sempre coa simboloxía da ditadura franquista que asasinou a miles dos nosos veciños. A devandita cruz fascista aínda segue en pé coa complicidade do actual alcalde

5.- Queremos gañar Vigo para que ningunha familia quede sen unha vivenda digna. Onde se penalice con impostos aos que teñen vivendas baleiras con fins especulativos. Queremos un rexistro exhaustivo de vivendas baleiras e sancións efectivas a entidades financeiras e aos grandes propietarios que fagan uso antisocial da vivenda.

Impulsaremos que se promova e fomente a rehabilitación de vivendas con créditos a baixos interese. Queremos un concello que priorice a vivenda social, de aluguer, cooperativa ou en cesión de uso. O Concello porá o solo público ao servizo da construción de vivendas sociais.

6.- Queremos gañar Vigo para defender o pequeno comercio. Impulsar os novos emprendedores e fomentar empresas cooperativas e de economía social. Tamén impulsaremos a agricultura urbana. Crearemos espazos de venda permanente para os artesáns radicados na nosa cidade.


7.- Queremos Gañar Vigo para recuperar a potencialidade cultural da nosa sociedade apoiando as distintas expresións populares. Fomentaremos a nosa lingua e cultura. Apoiaremos as expresións culturais emerxentes da nosa mocidade. Priorizaremos aos nosos artistas locais á hora das programacións culturais, evitando o malgasto económico nas figuras mediáticas. Poremos os espazos culturais da cidade, de xeito gratuíto, ao servizo do tecido asociativo da nosa cidade.


8- Queremos gañar Vigo para terminar coa especulación electoral do cemento e construír unha cidade máis humana, habitábel, solidaria, ecolóxica e sostíbel.

9.- Queremos gañar Vigo para termos unha asistencia sanitaria de calidade que garanta unha atención pública gratuíta, universal, equitativa e eficiente, pero non movida polo ánimo de lucro. Ningún cidadán pode quedar excluído da atención sanitaria.

10.- Queremos gañar Vigo para poder ter unha educación pública de calidade. Queremos unha cidade sen segregación escolar onde os orzamentos da Xunta estean destinados ás escolas públicas, corrixindo o trato de favor que hoxe se outorga á educación concertada. Crearemos garderías infantís para as familias traballadoras.

E faremos outras moitas cousas que termos que deseñar entre todos e todas.

Esta é hoxe a nosa tarefa. Gañemos Vigo.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-04-2015 08:10
# Ligazón permanente a este artigo
Grecia e o que de verdade conta: un goberno europeo anti austeridade
SYRIZA

Fonte: Sen permiso

Tradución ao galego: Alberte Cid García

Por James K. Galbraith
“A cousa vai máis aló desa gravísima situación, visíbel en cada rúa e en cada muro da cidade de Atenas. Vai máis aló, e apunta ao futuro mesmo de Europa, e máis aló ata do futuro de Europa, ao significado propiamente devandito da palabra «democracia» na nosa época”.

Acabo de volver de Atenas, onde durante os últimos días terei o privilexio de traballar co goberno de Grecia, particularmente co Ministro de Finanzas e bo amigo meu, Yanis Varoufakis. Son dous xa, polo momento, as ocasións en que puiden ser testemuña directa do drama europeo desde unha atalaia de privilexio.

A primeira foi durante a semana de negociacións en que se forxou o acordo histórico do 20 de febreiro [Véxase na revista SinPermiso]. A segunda, agora, durante estas últimas semanas en Atenas, que foron tamén interesantes porque precederon a unha serie de pagamentos, entre eles un farto copioso ao Fondo Monetario Internacional. Ambos os dous momentos gozaron -digámoslo así- de gran seguimento e espertaron interese en todo o mundo, salientabelmente nos círculos financeiros.

O que anda en xogo en Grecia vai moito máis alá de cuestións simplemente financeiras. Vai máis aló da situación dun país pequeno e historicamente mal gobernado que ten unhas institucións débiles e que sufriu abominabelmente a raíz da crise dos últimos cinco anos: perdeu máis ou menos o 27% do seu PIB, rexistra unhas taxas de desemprego comparábeis ás de Estados Unidos durante o peor momento da Gran Depresión, as súas taxas de desemprego xuvenil superan o 50%, e non hai ámbito da súa vida pública e social que non estea transido de graves tensións.

Pero, como digo, a cousa vai máis aló desa gravísima situación, visíbel en cada rúa e en cada muro e valado da cidade de Atenas. Vai máis aló, e apunta ao futuro mesmo de Europa, e máis aló mesmo do futuro de Europa, ao significado propiamente da propia palabra «democracia» e do seu significado na nosa época.

O que os gregos fixeron estes últimos meses resulta simplemente asombroso; de aquí a miña decisión de involucrarme na situación ate onde me resultou posíbel. Digámolo claro: o que fixeron é desmantelar -eu creo que definitivamente- toda a clase política política do país. Puxeron fin a un duopolio bipartidista podrecido e corrupto e estableceron un goberno de disidentes, activistas e profesores, entre os que se atopa, por suposto, o actual Ministro de Finanzas, a quen, durante anos, até hai ben pouco, as anteriores autoridades non deixaban aparecer na televisión grega. Yanis Varoufakis é agora o Ministro de Finanzas da República Helénica.

E sexa dito de pasada, o pobo grego fixo isto a contrafío dos medios de comunicación gregos e a contrafío da remisa incredulidade dos seus socios europeos, unha remisión que aínda perdura. Eu podería dicer que probabelmente non sucedeu nada comparábel en Europa desde a elección de Solidarnosc en Polonia a finais dos anos oitenta. Ademais, obviamente, terá un efecto catalizador na atmosfera política fóra de Grecia, salientabelmente en tantas e tantas prazas europeas, comunicando por todas partes unha sensación de factibilidade inexistente até agora e abrindo unha fiestra de oportunidade política. Paréceme que a palabra española que expresa esta atmosfera emerxente é, precisamente, “Podemos”. Unha brisa que trae aire fresco a todo o escenario europeo.

Está demais dicer que veño observando o escenario europeo con certa paciencia e detalle, sobre todo nos cinco últimos anos. A transformación, o cambio psicolóxico xa se pode percibir fóra de Grecia. Na mesma Grecia, é un feito fundamental que calquera pode observar en todo momento.

Ao mesmo tempo, tamén é certo que o novo goberno fai fronte a unha trampa económica e politicamente ben urdida. De feito, é máis que unha trampa. Asemella máis a un campo de minas, ou a unha carreira de obstáculos que, sen dúbida, trae causa nunha construción humana: é puramente artificial.

O campo de minas está armado cos prazos de vencemento, cos prazos de vencemento das revisións, cos prazos de vencemento dos calendarios de pago e coa carreira de obstáculos dos fluxos de efectivo. Todas esas minas son anteriores ás eleccións do pasado 25 de xaneiro, pero nalgúns casos foron colocadas precisamente en previsión dun resultado electoral como o que se deu. Obstáculos-trampa deste xénero son tamén as limitacións ás facilidades de liquidez para o sistema bancario, á emisión de bonos do tesouro e á posibilidade de descontar eses bonos no Banco Central Europeo (este último obstáculo, está claro, entrou en xogo logo das eleccións).

Cada unha desas medidas pode ser, e foi, xustificada como unha medida de supervisión, vixilancia ou precaución. Poderiamos discutir se estas son xustificacións lexítimas ou non. Teño as miñas dúbidas. Pero o certo é que o conxunto deses obstáculos e “dígase así” medidas financeiras preventivas é, desde un punto de vista macroeconómico e psicolóxico, esencialmente contraproducente. Aumentan significativamente a inestabilidade percibida en relación á economía grega, a inestabilidade do sistema financeiro. Incrementan a fuga de capitais e as presións políticas ao goberno, presións ás que nin o goberno nin a poboación grega mostraron a menor intención de aplanarse.

Para superar a trampa e atravesar este campo de minas foron necesarias manobras habilidosas en polo menos tres etapas. A primeira foi a de establecer, en principio, o abandono do anterior acordo, o Memorando de Entendemento, que puxera a Grecia baixo algo parecido a un goberno colonial (posto que practicamente todo o que o goberno facía obedecía ao ditado de axentes externos, as institucións coñecidas como “a Troika”). É dicer, establecer o fin do anterior acordo e dar forma así ao rexeitamento da poboación grega, expresado nunhas eleccións abertas e decisivas, a ser gobernada deste xeito. Cando menos en principio, esta proposta quedaba aceptada logo dunhas negociacións, desenvolvidas nun clima de gran hostilidade, que desembocaron no comunicado do 20 de febreiro. Foi un gran paso adiante, aínda que custou o adiamento dalgunhas medidas do programa electoral de SYRIZA, como o aumento do salario mínimo, a reversión dalgunhas privatizacións en marcha e a aceptación dun obxectivo de superávit fiscal que, aínda que é menor que o anterior “totalmente imposíbel de cumprir”, segue supoñendo unha restrición para o goberno grego.

A segunda etapa, aínda en marcha, implica a posta por obra desta nova realidade. É dicer, a construción dunha relación de traballo profesional e aceptábel cos grupos internacionais que desempeñen un papel lexítimo. Este papel é o de determinar os feitos e convencer aos socios europeos da boa vontade do goberno grego. Para iso foi necesario un cambio por parte dos grupos internacionais que foron a Atenas pensando, creo eu, que podían conducir a situación do mesmo xeito que fixeran anteriormente, é dicer, basicamente baixo os mesmos criterios operativos que había co Memorando de Entendemento. Porén, atopáronse cun goberno grego moi distinto, un descubrimento que non se deu sen agudas friccións.

Creo que é xusto dicer que nos últimos días fixéronse algúns progresos. As discusións técnicas foron suspendidas por un tempo pola proposta de que os grupos presentasen as súas peticións de documentos do goberno grego por escrito. E agora están facendo isto, están traballando para presentar unha lista dos documentos que solicitan, e responderanlles. O Ministro de Finanzas grego lanzou unha declaración dicendo que ven isto como algo constructivo. Isto é así porque sitúa a relación entre ambas as dúas partes nunha lóxica correcta de petición e intercambio regular de documentos.

A terceira etapa do proceso haberá de resolverse a nivel político. O que implica que o goberno grego recupere a súa liquidez e que o sistema bancario teña suficiente estabilidade financeira para que a actividade económica poida proseguir. Leste foi un dos principais problemas, especialmente nestes últimos dous meses, debido ao clima de medo que envolveu as eleccións e ao posterior ambiente de incerteza. O que ocorreu, en substancia, é que os bancos suspenderon gran parte da súa actividade e boa parte do capital saíu do país. Facer fronte a iso, require, como é o caso, aumentos intermitentes e non moi cuantiosos de axudas á liquidez, a fin de manter o sistema en funcionamento.

Pero isto non é suficiente para que o goberno teña a marxe de manobra necesaria, para desenvolver o seu plan de reforma, nin para empezar a abrir vías de recuperación da economía. E a decisión de deixar atrás este mecanismo de desestabilización deberá tomarse a nivel político, aínda que é posíbel que isto se lograse xa, cando menos parcialmente en Berlín (o pasado 29 de marzo).

E neste caso, como no do acordo do 20 de febreiro, creo eu que hai que recoñecer a pragmática intervención de alguén a quen non cae no eloxio efusivo da Chanceler da República Federal Alemá. É un paso pragmático que pode significar a superación e o relaxamento das presións do Banco Central Europeo que resultaron extremadamente problemáticas nos últimos días.

Así que, a medida que maduran estas manobras, como eu chámoas, debúxase unha posibilidade interesante. A posibilidade dun goberno europeo antiausteridade politicamente estábel e liderado, como xa debedes observar, por personalidades vigorosas capaces de gobernar unha economía que caeu xa tan baixo que non pode facer xa outra cousa practicamente que volver subir. O cal ben podería darse, dentro dun curto periodo de tempo, mediante unha vía cara a unha certa recuperación, unha melloría no emprego e unha estabilización da situación da débeda externa.

Todo isto, no ronsel dunha crise que foi provocada polas políticas financeiras neoliberais de principios deste século, agravada e prolongada, ademais, pola ideoloxía da austeridade e as conseguintes políticas, profundamente contraproductivas, coas que Europa reaccionou á crise. Así pois, a posibilidade de que un goberno anti-austeridade poida liderar o comezo dunha recuperación da situación xerada polo réxime da austeridade é, na miña opinión, unha realidade presente e “nin que dicer ten” un pesadelo para certos sectores.

Por suposto, isto é o peor que lles podería pasar a aqueles que están vinculados co sistema político e a política económica que Europa veu aplicando. De feito, hai moitas persoas asociadas con esta ideoloxía e con estas políticas, e puidemos ver as súas reaccións nos últimos días.

Son eles quen arroxaron outra batería de minas e obstáculos á vista de todo o mundo. Na miña opinión, merecen algún comentario, aínda que este non verse estritamente de política económica. Trátase dunha campaña de difamación que estivo especificamente dirixida cara a un dos alicerces da potencial recuperación grega, o meu amigo o Ministro de Finanzas, Yanis Varoufakis.

Esta parte do xoguetiño resúltanos familiar, polo menos aos norteamericanos. Os norteamericanos da miña xeración habemos ter moitas veces ocasión de ver ese xogo practicado contra figuras políticas progresistas, ou presumibelmente progresistas: o caso de Gary Hart, que se remonta aos anos oitenta, ou o de Bill Clinton en varias ocasións durante os noventa, son algúns dos exemplos. houbo intentos do mesmo tipo dirixidos ao noso actual Presidente, Barack Obama.

Hai dous factores que andan sempre por detrás do éxito de ataques deste tipo. Un deles é o gran principio de que a liberdade de prensa é un concepto que vale do modo máis particular para quen a posúen, que son, neste caso, ultradereitistas propietarios de bancos propietarios das empresas de medios de comunicación.

E o segundo factor esencial é a resposta de todo punto de espera, especialmente nas grandes audiencias, cando se fan referencias públicas ao feito de que os varóns están normalmente dotados dun órgano reprodutivo. Díxeno con suficiente delicadeza para que se entenda?

Por suposto, nos casos do meu amigo Gary Hart e do Presidente Clinton hai problemas que deberían suscitarse, si uno preocúpase por estas cousas. No caso do Presidente Obama, temos un home cuxa vida familiar visible é máis pura que a de calquera desde Ozzie e Harriet. Xa que logo, no seu caso este segundo elemento esencial estivo completamente ausente, razón pola cal o Presidente Obama librouse deste tipo de acoso mediático.

E no caso de Yanis Varoufakis, quen se aprestan a acosarlle teñen esencialmente o mesmo problema. A vida real non lles dá suficiente pé, nin sequera man, nin sequera dedo. De maneira que todo ha ter que montarse sobre ela suposta peineta que pretendidamente fixo hai moito tempo nunha conferencia case académica. A consígna é aquí: aproveitar, lamber o prato até o final.

Pero iso formou parte da dinámica política e mediática, dirixida especificamente contra a figura que máis fixo nestes últimos meses para transformar o clima político do debate mundial, e particularmente europeo, sobre política económica. E a súa actual posición é a resultante de moitos anos e de millóns de palabras empregados nunha análise farta certeiro do que estaba pasando.

Temos, pois, que estar atentos e procurar non pasar por alto ou minusvalorar estes asuntos, que poden parecer triviais ou fáciles de descartar, pero que con conscientemente construídos co propósito de obter un obxectivo de todo punto político.

Eu creo que isto pasará. E pasará porque o líder do goberno grego, o Primeiro Ministro Alexis Tsipras, é a peza capital. Hei ter ocasión de coñecelo, aínda que non tan ben como coñezo a Yanis. Pois ben; debo dicer, que aínda que coñecín a moitos líderes políticos na miña vida, nunca coñecín a ningún que tivese a habilidade de Alexis para avaliar unha situación política coa mirada fría e extraer dela unha valoración sólida. Por iso, en catro anos ?en realidade en ano e medio?, pasou de non ser ninguén a ser agora o Primeiro Ministro dun país europeo.

O pobo grego elixiu ao seu goberno en aberto desafío aos seus propios medios de comunicación, e véno apoiando na crise que seguiu ás eleccións cunha marxe de respaldo raiano no 80%. O que significa que a metade aproximadamente daqueles que votaron en contra deles nas eleccións pasaron a apoialos: si máis non, no algún momento do período.

Hai un espírito de dignidade en Atenas que vale moito máis que o diñeiro. Hai aquí algo moi profundo digno de ser observado. Eu só o vin en dous ou tres ocasiones ao longo da miña vida. É un espírito contaxioso, que ben podería empezar a sentirse moi pronto en España, en Portugal ou en Irlanda.

Espero, pois, non resultarlles a vostedes demasiado estupendo, si pecho este artigo dicindo con palabras de Zola o que representou para min neste momento a posibilidade de participar neste proceso: Zola: a vérité est en marche et rien ne l´arrêtera. [A verdade púxose en marcha, e nada a deterá.] Merci.

P.-S.
Notas: James K. Galbraith é profesor de goberno e relacións empresariais na Escola Lyndon B. Johnson de Asuntos Públicos da Universidade de Texas. Presidente da Association for Evolutionary Economics, o seu último libro publicado é "Inequality and Instability" , unha soberbia investigación empírica e teórica sobre o capitalismo dos nosos días. Está actualmente terminando de escribir un libro intitulado The End of Normal (O final da normalidade). Tradución para www.sinpermiso.info : Laura da Vila e Mínima Estrela
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-04-2015 13:15
# Ligazón permanente a este artigo
Eduardo Galeano e Galicia.
Eduardo Galeano
Por: Lois Pérez Leira

http://www.galiciaconfidencial.com/nova/23634-eduardo-galeano-galicia

O día e a noite, o comezo e o final, a vida e a morte. O xogo permanente da existencia. Eduardo Galeano faleceu malia que sempre pensei na súa presenza física eterna. Como a moitos, quizais a centenares de miles, Galeano marcou a miña vida, especialmente por mor dun libro expresivo e magoante titulado As Veas Abertas de América Latina.
Para quen somos fillos da revolución Cubana e do pensamento de Ernesto Guevara aquel libro converteuse na nosa «biblia revolucionaria». Alí estaba o argumento teórico que nos indicaba porque tiñamos que loitar. Relatábanos a América Latina dos anos 60, a dependencia, o papel do imperialismo, o rol nefasto das oligarquías crioulas...
Tiven a sorte, hai agora ao redor de 15 anos, de coñecer a Eduardo Galeano nunha das súas viaxes por Europa. Fora convidado a dar unha conferencia no Concello de Soutomaior, un municipio moi próximo a Vigo, cidade onde resido desde 1990. O alcalde daquela vila, naquel momento, Fernando Pereira, amigo de Galeano que vivira en Montevideo, organizou unha conferencia que se converteu nun gran suceso de público. Case 200 persoas achegáronse para escoitar a este home singular e salientábel pensador uruguaio. Ante a noticia aparecida nos medios de comunicación daquel momento, non dubidei en trasladarme os vinte quilómetros que separan Vigo desta famosa vila, coñecida polas ostras e o albariño, para escoitalo e ter o pracer de coñecer a Eduardo persoalmente. Facíame moita ilusión saudalo e dalgún xeito agradecerlle a súa obra literaria e política.
Doutra banda, había tan só un mes acontecérame un feito curioso, que estaba moi ligado ao propio Eduardo Galeano e o seu famoso libro. Dalgún xeito sentía a necesidade de contarlle esta historia a el, persoalmente. Aínda que fose unha simple e intima anécdota.
Así foi como aquel día puntualmente, cheguei ao recinto da conferencia e con moita emoción escoitei atento a súa intervención. Logo como de costume varios dos presentes pediron a palabra. Non tardei moito en levantar a man para dar a miña opinión. Quería custe o que custe que Galeano coñecese algunha das historias da proxección do seu propio libro. Co meu acento arxentino, no medio dun público galego, comecei a relatarlle o que me sucedeu unha tarde na cidade de Vigo. Comenteille que era galego-arxentino. Que había pouco tempo que regresara á miña patria de nacemento fuxindo das políticas neoliberais. Díxenlle tamén que naquel momento estaba traballando como empregado do Concello de Vigo, no servizo da ORA, como controlador dos automóbiles estacionados na zona céntrica da cidade. Un especie de policía municipal, con uniforme, gorra... O noso papel era poñer multas aos coches que non pagaban o correspondente estacionamento.
Ante min vos potente, con acento distinto, funlle narrando un feito curioso que me sucedeu. Unha tarde, comeceille a comentar, cando percorría unha rúa da cidade, un coche medio antigo, quizais tiña ao redor de 10 anos , estaba estacionado sen o correspondente tique. Ao detectar esta situación prepáreme para realizarlle a obrigatoria multa. Antes de facelo mire ben o coche, dando unha volta á súa ao redor. Ata que miro que no cristal do parabrisas, tiña tres adhesivos uruguaios. Un era a bandeira do Uruguai, outra una da bandeira artiguista e a última da Fronte Ampla Uruguaia. Cando ollei os devanditos autocolantes quedei gratamente sorprendido. É un dos meus, pensei! Nese momento fíxenme a min mesmo a seguinte pregunta: múltoo? Seguín fitando o coche e dando voltas ao redor del, ata que reparei no que no interior do vehículo había un libro. Por curiosidade ollei a través do vidro do portelo e decateime que se trataba do libro As Veas Abertas de América Latina e quedei . Ao velo sentín unha sensación de sorpresa. Comecei a dar voltas ao redor do vehículo e a pensar no contido e no significado do libro. Lembrei aos miles de compañeiros e compañeiras de toda América Latina que deron a súa vida polos ideais que expresaba Galeano dese libro. Pensei nos meus compañeiros desaparecidos. Trasladeime no tempo e a emoción converteuse en ledicia. Apaguei a máquina electrónica de facer multas e díxenme falando en voz alta – como un tolo – como vou multar a un compañeiro que está a ler As Veas abertas de América Latina?
E seguín camiñando e ollando outros coches, preguntándome quen sería o compañeiro que estaba lendo aquel libro que nos marcou tanto.
O publico escoitou nun silencio admirábel as verbas emocionadas que saían da miña boca. Ao terminar a miña intervención a parte dos correspondentes aplausos, tamén emocionados, Galeano respóndeme: «algún día esta historia vouna a incorporar ás miñas narracións curtas».
Un ano despois, nunha segunda viaxe, que coordinei co líder do BNG naquela época, Xosé Manuel Beiras, visitamos Montevideo e Bos Aires. Na primeira viaxe con Beiras entrevistabámonos co fundador da Fronte Ampla Liber Seregni e o intendente de Montevideo o arquitecto Mariano Arana. Na segunda xira o programa xa era máis amplo e representativo. A parte de estar coa colectividade galega, entrevistámonos con Reinaldo Gargano, dirixente histórico do Partido Socialista Uruguaio, con Tabaré Vázquez, con Mariña Arismendi do Partido Comunista. E como non podía faltar –a través de amigos en común– organizamos unha cea con Eduardo Galeano. O noso candidato –naqueles anos– a presidente da Xunta de Galicia, quería coñecelo e o propio Galeano tiña excelentes referencias de X.M. Beiras. Aquela cea foi máxica. Ao saudalo lembreille a anécdota que lle contara uns meses antes. Volveu sorrir e a dicirnos o moito que lle gustaba Galicia. Falamos da súa amizade con Pereira. Durante varias horas escoitamos as palabras poéticas deste gran pensador latinoamericano. O man a man intelectual entre Galeano e Beiras converteu aquela cea fraternal, nunha noite histórica desas que nunca máis se esquecen. Foi o encontro de dous grandes. O encontro de dous homes que soñaron que outro mundo é posíbel.
Eduardo Galeano Até a Vitoria Sempre!
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-04-2015 12:26
# Ligazón permanente a este artigo
Mobilizando o tecido social de Vigo e construíndo a participación cidadá.
Óscar Lomba
Por: Óscar Lomba

Os Concellos, como institucións máis próximas á cidadanía, xogaron durante a etapa democrática un papel moi importante para o desenvolvemento dos servizos públicos e das infraestructuras locais contribuíndo deste xeito á cohesión territorial e social de Galicia. Sen dúbida ningunha isto permitiu arraigar ás persoas a determinados territorios –noutros non ocorreu o mesmo– e desenvolver as potencialidades socioeconómicas dos nosos municipios e comarcas. Porén, nalgunhas administracións locais producíronse prácticas reprobábeis, fundamentalmente vinculadas ao desenvolvemento urbanístico especulativo e a corrupción.
O goberno do PP e o PSOE actuaron de xeito nefasto nas súas políticas de austeridade e recorte sistemático do gasto público que nos conduciu ao deterioro das condicións de vida, ao menoscabo dos servizos públicos municipais e ao quebrantamento sistemático das liberdades da cidadanía. Coa súa presunta política de racionalización da actividade municipal pretenderon xustificar a adopción de medidas que non tratan de solucionar os problemas da cidadanía nin das entidades locais, senón que se realizan coa intencionalidade de impedir que a representación democrática elixida nos concellos poida adoptar medidas onde primen o interese xeral e o ben común da cidadanía sobre o pagamento duns xuros abusivos e ilexítimos aos bancos.
A falta de sostibilidade é consecuencia da endémica e estrutural falta de financiamento das entidades locais que está caracterizada por uns baixos recursos propios en comparación coa administración central e as comunidades autónomas. Estas carencias económicas foron paliándose tradicionalmente polos ingresos derivados do boom da construción, abrindo as portas á corrupción, e as subvencións condicionadas doutras administracións.
Ao deterioro económico actual dos concellos contribuíu a política gobernamental de prohibir a renovación de préstamos a longo prazo, malia ser os que teñen un menor endebedamento, e ao non solucionar a insuficiencia económica dos municipios cunha axeitada reforma da actual Lei Reguladora das Facendas Locais.
Por mor disto e necesario cambiar moitos as cousas. Imaxinar uns concellos distintos. Por exemplo, imaxinar un Vigo dinámico e participativo, concibir unha cidade moi diferente da actual. Iso é o primeiro que tería que facer un novo goberno que quixese converter a cidade nun ente aberto e permeábel á participación popular nos asuntos públicos. Abrir as portas do Concello a todas aquelas persoas que desexen traballar nun proceso de intervención e construción municipal desde a base, desde o propio movemento veciñal. Imaxinar a cidade e os barrios que desexamos construír, como queremos que fosen eses barrios e parroquias. E incorporar a esas imaxes outras: as da convivencia, as da creatividade... as novas imaxes que poderían reflectir unha cidade plural e non esclerotizada.
O proceso de construción e deseño dunha nova cidade esixe máis tempo dedicado ao propio deseño urbanístico e moito máis tempo dedicado á interlocución co conxunto do movemento veciñal e desde logo moita máis paciencia.
A plataforma cidadá promotora do cambio debe ser unha organización asemblearia e plural, pero tamén debe dotarse de mecanismos de coordinación eficaces e aparellos executivos eficientes. A representatividade desa estrutura cidadá debe ser ampla e debe ter implantación en todos os barrios e parroquias da cidade e a súa contorna.
Ese grupo cidadán debe estar integrado por un amplo conxunto de persoas de toda a área metropolitana e ese colectivo humano debe englobar aos habitantes e veciñanza dos diversos distritos e parroquias. Debe pois abranguer un espazo tan amplo como Vigo e as súas área de influencia, e onde (ademais) queden reflectidos os distintos xeitos de habitar, de vivir e de crear convivencia nos barrios (profesións, sexos, idades, orixes xeográficas, extractos sociais...).
Nese grupo promotor deben acharse: individuos significativos dos diferentes barrios (polo seu coñecemento da realidade local, polo seu grado de implicación e compromiso); asociacións de veciños (moi significativas e combativas neses barrios); asociacións de comerciantes (importantes nun barrio no que a cuestión do comercio estábase convertendo nun dos temas de confrontación entre os antigos e os novos veciños); asociacións de festas (pola súa capacidade máis ou menos aberta de inclusión do outro); veciños antigos (dado o seu coñecemento das lóxicas e prácticas barrais); novos veciños (polas achegas que puidesen envorcar sobre Vigo); entidades de apoio e colectivos de activistas sociais (Ecoar Vigo, Cáritas, Plataforma de Afectados pola Hipoteca – Stop Desafiuzamentos, Esculca, asociación parroquial Cristo da Vitoria, asociación cultural O Coto, asemblea de movementos sociais de Vigo, Federación Veciñal Eduardo Chao...); asociacións de inmigrantes (que introducirán un novo dinamismo aos barrios, xunto cunha pluralidade de visións).
Pero ese colectivo promotor pódese enfrontar a outras dificultades: as que se derivaban dos hábitos e vicios das formas de participación que xa existen en Vigo.
Temos que decatarnos que, para crear ese grupo impulsor da plataforma cidadá, hai que partir do tecido social existente e ese armazón asociativo debe ser mobilizado. Non se trata tanto de crear unha nova rede, senón de crear as condicións para que se dean os espazos de encontro e intersección entre as redes que xa existen. En primeiro lugar, porque cada nó de rede ten o seu propio funcionamento, os seus hábitos e os seus oportunos discursos. Desde cada un dos puntos nos que o grupo cidadán promotor reinterprete a proposta nos seus propios termos. É probábel que exista certa dificultade para saír dun espazo propio para entrar nesoutro punto de intersección creado por outros axentes sociais. En segundo lugar, polo propio perfil das persoas implicadas. A maioría teñen detrás unha gran tradición como activistas sociais, o cal é moi positivo para a futura plataforma cidadá unitaria aínda que tamén podería xerar problemas á hora de engarzar ulteriores accións conxuntas.
Todos temos detrás a nosa traxectoria en grupos e colectivos sociais diversos. Xa que logo as reunións futuras tenderán a reproducir o discurso propio de cada cal e mesmo poderá existir a tendencia a enrocarnos en formulacións que temos desenvolvidos noutros foros. En terceiro lugar, podería suceder que pese á aceptación do convite para participar nunha futura asemblea cidadá unitaria, poucos dos participantes confiarán de verdade nunha nova proposta que poderá ser vista con desconfianza polos activistas que loitan nas súas respectivas áreas. En xeral adoitan existir receos cara ás organizacións que nacen espontaneamente pois se adoita especular coa posíbel existencia de mans ocultas manipulando por detrás os fíos e iso con razón. É habitual que os partidos políticos clásicos tendan a instrumentalizar os movementos sociais. Por todo o exposto debemos ter presente que os esforzos para construír algo distinto, que non estea contaminado polas prácticas clásicas da vella política, resulta moi difícil, e ademais os discursos ou propostas diferentes ás que habitualmente adoitan xurdir nos ámbitos ocupados habitualmente por todos os compoñentes do movementos veciñal e activistas sociais resulta arduo. Non é moi habitual, e en Vigo tampouco, que os cidadáns e cidadás sexan convidados a participar nun proxecto de cambio social como axentes protagonistas e non simplemente como interlocutores.
Por iso, mesmo aqueles que estaremos comprometidos con esa futura plataforma cidadá –algúns de nós ademais somos participantes en asociacións, colectivos veciñais, ONGs, grupos ecoloxistas e solidarios, plataformas varias... – acudiremos ás convocatorias gustosamente, pero debemos asumir un papel de interlocución e apoio desprendido e non tanto de «protagonistas hexemónicos».
Impulsemos unha plataforma cidadá que realice propostas realistas e asumíbeis pola maioría social viguesa.
Na primeira Asemblea cidadá debuxarase unha estrutura que mostre dúas redes claramente diferenciadas: 1) A dos militantes e afiliados a partidos políticos e sindicatos e outra 2) A dos activistas sociais desvinculados da vida orgánica e alleos aos aparellos dos partidos políticos. Ademais haberá individuos illados que probabelmente establecerían relacións cuns e outros.
A futura plataforma cidadá unitaria terá que ter en conta a situación do movemento veciñal e dos colectivos barrais, terá que estar atenta ás tensións no seo das asociacións de veciños, e a súas propias contradicións como espazos de participación veciñal. Á vez que deberá ser audaz e observar con intelixencia a distancia entre as formas de percibir e vivir o barrio entre os inmigrantes e os autóctonos, aínda que deberá conectar con todos. Finalmente, e desde un enfoque máis global, tamén deberá facerse unha distinción entre os membros da plataforma que desexan incidir máis en cuestións técnicas e urbanísticas dos barrios, aqueles que teñan formulacións máis ideolóxico-reivindicativas (que insistirán en distinguirse), e aqueloutros que teñan moita dificultade para pasar dunha visión individual a unha óptica máis colectiva. Porén todos serán fundamentais para obter unha visión plural, diversa e profunda de Vigo.
En cada unha das asembleas que se celebren faranse evidentes as tensións, así como a oscilación entre o grado de satisfacción e insatisfacción de cada un dos membros da plataforma cidadá en función dos vaivéns que se dean en cada actividade durante a preparación e desenvolvemento da campaña electoral. Practicamente todos terán présa e sentirán a necesidade de materializar en algo concreto as reunións, os mitins e os foros cidadáns de participación que se leven adiante.
Pero, dado que as expectativas serán dispares (sobre todo ao principio), a decantación cara a unha temática concreta ou un problema específico poderían favorecer a expulsión do grupo daqueles membros que non se sintan implicados en determinadas problemática máis particulares ou propios dunha zona ou un barrio concreto da cidade. E ao revés.
O grupo promotor da plataforma cidadá unitaria debe ser especialmente heteroxéneo. O interese e o grado de implicación de cada unha das persoas que o poderían conformar serán diversos. E a miúdo, mesmo poderían entrar en conflito cos dos outros. Por iso, nesta primeira etapa, deberémoslle dar unha especial relevancia ao diálogo: a que os individuos que conformaban o grupo promotor vaian manifestándose, descubríndose e recoñecéndose.
Temos que intentar que os espazos sexan abertos, porque o que pretendemos é que as persoas que acudan á nosa chamada se sintan liberados para que poidan pensar e construír sen referentes absolutos previos. Pretendemos que as reunións se diferencien doutras onde cada un dos promotores da plataforma adoitaba participar. O noso obxectivo debería ser que os membros e activistas implicados no proxecto de construción desta gran plataforma cidadá deixasen de sentirse interlocutores e pasasen a ser copartícipes e executantes no desenvolvemento do novo movemento cidadán. E, ao mesmo tempo, que persoas tan dispares fosen descubrindo algún punto en común; ou mellor, que pensasen conxuntamente no barrio ou distrito. Así decatarémonos de que todos temos que pensar primeiro no barrio e no conxunto da cidade.
As reunións, que ás veces terán aparencia caótica en certa medida, irán posibilitando que cada un se exprese sen barreiras e sen armaduras, que cada un senta que este lugar é noso. É importante saltarse nalgún momento esa linguaxe politicamente correcta que crea distancia e comezar a empregar unha linguaxe máis emocional. É importante que se verbalicen todos os prexuízos e estereotipos para desde esa visualización poder traballar con todos os veciños e veciñas dos distintos barrios que queiran implicarse no proxecto.
A consolidación do grupo promotor como tal darase a partir da organización colectiva das primeiras actividades dirixidas á poboación do barrio ou distrito. A planificación destas actividades (asemblea veciñal de Coia, encontro de veciños e veciñas de Castrelos, asemblea da veciñanza de Navia,...) servirán de nexo de unión, permitirannos ir consensuando os obxectivos, as prioridades, a través das discusións (e nas mesmas discusións) ir conformando grupo. Necesitarase aglutinar unha diversidade de intereses individuais ao redor dunha actividade común; ir creando un discurso colectivo no que se poidan recoñecer cada un dos integrantes do grupo promotor. Teremos que buscar, pois, puntos de converxencia entre experiencias e intereses diversos.
Esta procura realizarase mediante a organización de dúas actividades que responderán ao formato de mesas redondas asemblearias: unha Mesa de sistemas de participación e unha Mesa de urbanismo. Na primeira, buscábase dar conta de todo o potencial asociativo e organizativo que existe en Vigo. Non só darase conta da nosa gran tradición de activismo e participación no movemento veciñal vigués (haberá que recuperar o empuxe daqueles anos onde a presión dos veciños conseguiron as máis importantes reformas nos barrios) senón que, ademais, os novos veciños aportarán a súa gran experiencia enriquecendo tamén as formas de organización da plataforma cidadá. Do que se trata é de visualizar a riqueza de saberes que existen nos barrios e parroquias de Vigo e a súa contorna. De aí os nosos obxectivos: buscar as sinerxías entre uns e outros e pensar de forma conxunta a reactivación social dos barrios para fortalecer a plataforma cidadá e afrontar con éxito a campaña electoral.
O eixe temático central proporcionaránnolo as tensións que se vivirán nas asembleas que se celebren nos barrios como consecuencia da iniciativa municipal de poñer en marcha un novo plan urbanístico para Vigo.
Non podo entrar en moitos máis detalles pero estou seguro que un traballo de base intelixente favorecerá a creación dunha ampla rede que crecerá con xente nova que queira implicarse na nosa plataforma. Podo dicer que Vigo en marzo de 2015 será unha cidade efervescente e en ebulición onde se abriran amplos caudais de participación cidadá e veciñal.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-04-2015 10:48
# Ligazón permanente a este artigo
Un saber tan cruel
http://info.nodo50.org/Un-saber-tan-cruel.html

Fonte: Diagonal e Nodo50

Tradución ao galego: Marta Garrido

Pasaron 40 anos desde que Focault denunciou en “Vixiar e castigar” as institucións de control. A eliminación da Filosofía nos estudos pon un cravo máis no ataúde doutra educación é posíbel.
Hai demasiados ladrillos no valado. Que o sistema educativo está obsoleto non é novo. Que está realizado baixo a falsa filantropía do bo, do que se debe saber e da obrigatoriedade normativa desde a adquisición progresiva do coñecemento e o estamento das idades tampouco é novo (o que hai que coñecer aos catro, aos quince ou aos vinte e cinco anos), así como tampouco a economía do tempo, o espazo, a distribución nunha institución pechada que extrae do corpo todo o útil desde a recompensa e o castigo, desde a clase “social e física” dos bos e dos malos, estigmatizando ao estudante como o individuo ao que hai que enderezar e ensinar desde a ollada puntillosa do detalle disciplinario, desde o marco institucional, as técnicas de control e a pedagoxía analítica.
Pero é posíbel pensar unha forma de coñecemento e ensino non ligado á escola, a obrigatoriedade, os libros, o modelo exame, a asistencia de trinta horas semanais cinco días á semana a un centro institucional pechado que prepara xa para o horario do mercado laboral? Podería­mos pensar unha pedagoxía da diferenza? Poderiamos pensar unha educación pola educación?
En 1970, o filósofo francés Michel Foucault atopábase estudando o nacemento da prisión para a súa obra mestra Vixiar e castigar, publicada en 1975. A grandes liñas, é unha obra que trata sobre o corpo como foco disciplinario desde os espazos da escola, a fábrica e o hospital, e de como o poder non só posúe unha función negativa (coarta, prohibe, rexeita), senón que exerce unha función positiva “no sentido de positividade” (fabrica, produce, deseña) en realidades, corpos e conciencias acordes ao poder establecido e ás funcións de utilidade e eficacia. A máxima función do poder non é prohibir nin coartar as liberdades, senón introducir dentro do corpo -individual e social- unha forma de poder menor que permite aos individuos estar normalizados e que sexan policías de si mesmos. A esta política analítica e individual chamouna Foucault “anatomopolítica”.

Ese mesmo ano, o filósofo francés, xunto á súa parella Daniel Defert, fundou o Grupo de Informacións de Prisións (GIP) para realizar unha teoría que non fose allea aos afectados das prisións, que eran substancialmente os que sufrían os seus anacronismos e crueldades. Os prisioneiros e os funcionarios tiñan algo que dicer sobre o sistema penitenciario que sistematicamente era considerado non digno de ser narrado. No mesmo sentido podemos facer un paralelismo e intentar estender este modelo cara a unhas novas pedagoxías con axuda dos seus propios afectados, os alumnos e os profesores, xa que moi probabelmente terían grandes achegas ao sistema educativo. Porén, a ollos dalgúns, este feito non terá ningún valor, pois unha persoa de dez ou quince anos nada pode aportar a un sistema organizado por quen non o sofren.
Pero se os grandes dirixentes estivesen nun aula escoitando os rumores e as voces dos alumnos e profesores, asombraríanse. Os alumnos teñen algo que dicer e están no seu lexítimo dereito de ser escoitados e tidos en conta á hora de redactar un marco legal que incumbe en gran medida ao conxunto das súas vidas. Pero o seu sentido crítico depende ao mesmo tempo dos profesores porque, se no canto de fomentar a memorización se fomentara o espírito crítico e individual de coñecemento, si terían algo que dicer e, de facto, moitos o din moi ben cando se lles presentan as ferramentas necesarias para construír un discurso crítico. Por suposto, moitos profesores terían algo que dicer sobre as pedagoxías e as formas de ensino.
As preguntas son urxentes: existe coñecemento máis aló dos «muros» escolares? Podería pensarse un método educativo non enclaustrado na forma escola? Se os tempos están cambiando, por que o modelo educativo só cambia de materiais -de libros a ordenadores, por exemplo-, pero non substancialmente de forma e lugar desde o seu inicio? Todas estas preguntas poden pensarse desde unha cuestión: é posíbel outra forma de pensar a educación? Temos unha arte moderna, unha literatura moderna, ?unha política moderna?, unha ciencia moderna. Para cando unha educación realmente moderna?

A tecnificación nas aulas non é síntoma de modernización, senón de falso investimento en educación, un investimento baseado na obsolescencia dos recursos técnicos. Aínda que é certo que son urxentes dentro das aulas para estar ao mesmo nivel que a sociedade de aí fóra, non se pode chamar á compra de portátiles ou iPads investimento en educación, senón investimento ou renovación de estruturas, que non é exactamente o mesmo.

“Life on Mars”
Sento empañar a lectura coas miñas propias miserias, pero é necesario facer pasar ao lector polos mesmos puntos que me conduciron a esta reflexión. A semana pasada no metro unha nena cantaba nun inglés perfecto "Life on Mars", de David Bowie. O feito illado carecería de interese incluso tratándose do home ao que recitaba si non fose porque, ao ver a miña cara de asombro, a nai miroume, se compadeció da miña condición de espectadora e dixo que ela non llo ensinaba, que era a pícara quen o pedía en casa e aprendíase unha gran cantidade de letras do cantante.

Este xesto en aparencia vulgar e cotián esconde unha profunda lección filosófica, a saber, que só existe o coñecemento desde o autocoñecemento e que só pode aprenderse (e aprehenderse) aquilo que se ama desde certo exercicio de liberdade de pensamento porque, si non é así, cae no baleiro, aínda que a curto prazo cumpra a súa función: aprobar un exame, agradar a un profesor, contentar aos pais. Un saber tan cruel? Non fai falta recorrer a terceiras persoas para facer este exercicio sobre os fondos de “o capital cultural” herdado da Educación Secundaria e o Bacharelato (ata de moitas materias universitarias). Persoalmente, pouco recordo das infinitas leccións de Física ou Literatura durante a Educación Secundaria Obrigatoria e o Bacharelato, por non falar das Matemáticas, desterradas da miña memoria como Hécuba, feito que non me honra en absoluto, pero tampouco o fai ao sistema educativo, que non considerou nin por un momento a miña individualidade, senón que expuxo universalmente uns contidos que debiamos aprender obrigatoriamente para exercer unha presión constante de sometemento a un mesmo modelo. “Para estar todos obrigados á subordinación, á docilidade, á atención nos estudos e exercicios e á exacta práctica dos deberes e da disciplina. Para que todos aseméllense”.

Aínda que é certo que debe existir unha obrigatoriedade que permita aos individuos comprender de xeito básico o mundo e ter unhas bases de cultura xeral, ten pouca repercusión en dous sentidos. O primeiro porque na era da información, onde está máis ao alcance da man que en ningunha outra época, temos un sistema educativo que xera individuos dóciles recheos de contidos memorísticos. A información está toda envorcada nunha rede infinitamente accesíbel e elástica. Non valería a pena acabar coa memoria para convidar a pensar e a problematizar, a desestabilizar os marcos de pensamento e a deixar de facer obrigatorios os contidos a favor dunha individualidade? Non merecería a pena cambiar a forma de coñecer e aprender? E, sobre todo, como se fai todo isto? Que profesores necesitaría esta nova educación? O segundo, porque onde queda a individualidade de cada un si por todas as partes atopamos un sistema castrante de represión normalizadora da personalidade que, ademais, suscítase de forma hipócrita como un sistema libre?

Descoñezo se existen novas pedagoxías a este respecto, pero si coñezo as novas leis que gobernarán o noso sistema educativo polo menos uns anos e que son o marco teórico nos que se desenvolverá o exercicio escolar desde os contidos básicos e competencias. Existe un gran movemento contra esta nova lei que segue implantando esta mala educación que denunciamos, onde as disciplinas humanísticas que son as encargadas de problematizar devandito asunto están cada vez máis ausentes dos plans de estudos. A gran afectada é a Filosofía, que, carente de interese nun mundo dominado pola utilidade, a eficacia e o capitalismo, sofre os estragos do modelo educativo, un declive que non é illado para fórmaa escola, senón para todas as institucións do noso país. En particular, este declive que comezou, como ben sinala José Luís Pardo, fai xa algúns anos, débese a un cambio de terminoloxía en aparencia técnica e inofensiva cando, en lugar de materias, as universidades empezaron a ter créditos en clara analoxía coa terminoloxía financeira. Esta falta de finalidade capital de non servir para nada (nin a nada) non ten cabida no mundo actual e atópase nun perpetuo non-lugar e a piques do seu extinción na Educación Se­cun­daria Obrigatoria e o Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-04-2015 12:19
# Ligazón permanente a este artigo
OBRADOIRO ENCALADO DO NOVO LOCAL DE ÁRBORE
Os vindeiros 17, 18 e 19 de Abril, o Estudo de Construcción Bioconstruír, coordinara un obradoiro onde os asitentes poderán aprender as técnicas de pintado con pintura de cal para as paredes e teitos, o proceso será dirixido por Xulio Fernández, Arquitecto técnico e polo artesán Luciano López.

Para realizar esta operación en tres días, dado os metros cadrados a tratar, é moi importante reunir un mínimo de 15-20 persoas.
Horarios. Podedes inscribirvos soamente parte dos días senon vos fora posible asistir os tres días. Os horarios do taller serán:
- Venres 17 de Abril, de 16:00-20:00h
- Sábado 18 de Abril, de 10:00h-14:00h e de 16:00h-20:00h
- Domingo 19 de Abril, de 10:00h-14:00h
Importante
Vir con roupa cómoda para traballo, traer un caldeiro e se puidera ser, escaleira de man.
Inscrición
Coa intención de organizar o obradorio, agradeceríamos que nos confirmarades antes destas datas as persoas que queirades vir, incluíndo os horarios nos que participaredes. Podedes incribirvos en info@arbore.org ou no 986233497.
Comidas
Nos ocuparemos de ter empanadas para todo o mundo o día 18 de Abril, para comer no local.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-04-2015 12:11
# Ligazón permanente a este artigo
Carmela Silva e os nazis
Por: Óscar Lomba

Fonte: La Voz de Galicia (01/04/2015) e web de Óscar Lomba

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/vigo/2015/04/01/carmela-silva-os-nazis/0003_201504V1C12993.htm

http://oscarlomba.com/carmela-silva-e-os-nazis

O nazismo é o movemento político e social do Terceiro Reich alemán de carácter panxermanista, fascista e antisemita. O termo nazi aplícase á persoa que é partidaria do nazismo: a actitude dos nazis adoita ser intolerante e racista.
Vén a conto este pequeno apunte sobre o nazismo porque a tenente de alcalde de Vigo, Carmela Silva, arremeteu na súa conta de Twitter contra a veciñanza que se opuxo á redonda de Coia e chamoulles, sen cortarse un pelo, nazis.
A polémica sobre o barco Alfageme e a súa colocación na redonda de Coia xorde cando os veciños e veciñas protestaron de xeito enérxico contra o uso de diñeiro público para colocar ese barco nunha redonda do barrio obreiro de Coia, cun custo que se estima moi superior aos 500.000 euros. A veciñanza de Coia considerou un despropósito gastar esa cantidade nesa praza cando existe pobreza, desemprego e precariedade e no canto de investir devandita cantidade nun proxecto que considera innecesario, propoñían empregar eses cartos en fins sociais, como investimentos que creen postos de traballo ou levando adiante políticas de xustiza social, incrementando as axudas de emerxencia e apoiando a todas as familias que se atopan desprotexidas.
Xa que logo non parece que os veciños e veciñas de Coia que protestaban teñan nada que ver cos nazis. Porén si que tiveron que sufrir a represión do Concello, con intervencións pouco afortunadas da policía local xunto co grupo especial GOA (Grupo Operativo de Apoio) que mostraron, nalgunha ocasión, presuntos episodios de fustrigación como empurróns e provocacións.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-04-2015 09:52
# Ligazón permanente a este artigo
CEA SOLIDARIA
CEA SOLIDARIA

Cea solidaria organizada pola organización galega para o desenvolvemento Da Man
O vindeiro sábado 9 de maio ás 21:30 horas no salón de banquetes da Casona da Torre en Redondela.

Reservas nos teléfonos:

666 618 202
691 109 283
670 910 488


WEB: http://www.orgdaman.org/
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-03-2015 11:16
# Ligazón permanente a este artigo
Vigo e o urbanismo cálido
Por: Óscar Lomba

Fonte: Web de Óscar Lomba

http://oscarlomba.com/vigo-e-o-urbanismo-calido

Opino que habitamos unha cidade mercantilizada na que os usos do espazo público privatizáronse. Porén, entendo que Vigo debería impulsar outro tipo de urbanismo que tivese en conta outros usos do espazo público e que nacese dun xeito menos impositivo. Opino que resulta urxente artellar outro xeito de construír a nosa cidade que estea máis atenta ao benestar da cidadanía viguesa. O desenvolvemento urbano de Vigo debería ser menos indiferente á vontade colectiva. Debería ser un urbanismo cálido. Humanizar non debería consistir en ateigar a cidade de lousas e baldosas por todos os recantos. Debemos ser conscientes de que toda formulación urbana afecta ao noso quefacer cotiá. Resulta importante suscitar proxectos que se fagan desde a cidadanía aínda que sen descartar a colaboración da administración e que poñan en xogo outras perspectivas como son os sentimentos cidadáns, o coidado do espazo e o seu relato nas prácticas domésticas de cada vigués. Os recursos dos que dispomos non son só materiais e económicos, senón que tamén existen outros capitais como son o afectivo, o da saúde ou o da sostibilidade. Opino que é necesario transformar os espazos públicos, reactivar os solares baleiros, incrementar a mobilidade, ampliar a cultura colaborativa, mellorar a salubridade de determinadas áreas periféricas, potenciar a economía responsábel ou a educación ambiental. Todas as persoas de Vigo deberían ter dereito á cidade sen discriminacións de ningún tipo. Sería fundamental preservar a memoria histórica de Vigo e a súa identidade cultural. Vigo abrangue un espazo colectivo culturalmente rico e diversificado, posto que pertence a todos os seus habitantes. Todos os vigueses e viguesas teñen dereito a participar na propiedade do territorio urbano, xa que os espazos e bens públicos e privados da urbe deben utilizarse dando prioridade ao interese social, cultural e ambiental. Vigo deben ser un ámbito de realización de todos os dereitos humanos e liberdades fundamentais, porén debería recoñecerse unha protección especial a grupos e persoas en situación vulnerábel. Debería impulsarse unha economía solidaria. O concello de Vigo debería adoptar medidas efectivas para lograr de xeito progresivo a plena efectividade dos dereitos económicos, sociais, culturais e ambientais de toda a cidadanía viguesa. E para logralo non basta con ornamentos nin con decorados de cartón pedra. Non se trata ornamentar para ocultar a cidade real. A fría pedra non pode paliar a angustia dos miles de parados e paradas que esperan unha axuda de emerxencia. Vigo necesita un urbanismo máis humano, máis cálido.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-03-2015 11:05
# Ligazón permanente a este artigo
Vigo e a illa decepción
Por: Óscar Lomba

(Fonte: web de Óscar Lomba e La Voz de Galicia)

http://oscarlomba.com/vigo-e-a-illa-decepcion

Decepción é unha illa integrada no arquipélago das Shetland do Sur, no noroeste da Antártica. O seu nome débese a unha lenda que fala do sentimento de decepción provocado no seu momento pola crenza de que existían fabulosos tesouros de piratas e bucaneiros que, unha vez alí, non apareceron nunca.

Vigo non é esa illa e a súa cidadanía non busca tesouros, pero moitos teñen un sentimento de insatisfacción xurdido ao non cumprirse as súas expectativas de futuro, se é que nalgún momento as tiveron.

Moitos vigueses e viguesas humildes deambulan polas rúas da cidade e observan numerosos letreiros que din: «vivimos nunha cidade fermosa», porén ao ser pobres as súas emocións primarias xeran sorpresa e mágoa. Entrementres descobren perplexos como a cuñada de dona Carmela Silva, parella política e primeira tenente de alcalde de Abel Caballero, gozou dun soldo sen ter que achegarse ao seu posto de traballo. A «fermosura» non é vivida do mesmo xeito por todos, xa que mentres uns non teñen que esforzarse nada e perciben o seu salario sen ter que madrugar, outros sofren un retraso intolerábel na resolución e concesión das axudas sociais de emerxencia, que moitas veces nin sequera acaban chegando.

Pasear por rúas prodixiosamente empedradas non axuda moito cando quedas sen traballo, es desafiuzado da túa casa ou pasas fame e frío. Moita xente de Vigo coñece demasiado ben esas sistuacións como para permitir que un alcalde se ría deles e rexeite dar explicacións sobre os presuntos enchufes no Concello.

Vigo non é unha illa pero os parados que esperasen algún emprego xerado por tantas obras e humanizacións si que deben estar moi decepcionados. Porque o tesouro non aparece.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-03-2015 10:55
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [3] [4] [5] 6 [7] [8] [9] ... [26]
© by Abertal