A VOZ DA ESQUERDA


Voceiro de N.E.G.
(NOVA ESQUERDA GALEGA)
Nova Esquerda Galega (NEG) é unha organización que se define como alternativa, socialista, ecoloxista, galeguista, confederal, internacionalista, feminista, altermundista e que se esforza por impulsar as loitas contra toda forma de explotación, opresión e dominación sobre as persoas e a natureza. As mulleres e os homes de Nova Esquerda Galega (NEG) organizámonos politicamente para levar adiante a transformación revolucionaria da sociedade. Nova Esquerda Galega (NEG) procura a construción do socialismo sen renunciar a unha democracia avanzada e participativa, autoxestionaria, libre de explotación, alienación e opresión, onde todo o mundo poida participar dun xeito democrático e autónomo na elección dun novo futuro colectivo.

PULSA SOBRE A BANDEIRA DE NEG PARA SABER MÁIS SOBRE NOVA ESQUERDA GALEGA (NEG)


O meu perfil
aesquerdavigo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

MANIFESTO: MAREA GALEGA, A FORZA DA XENTE
A FORZA DA XENTE
FONTE: A.C.G. NO OLLO DO FURACÁN

http://www.blogoteca.com/noollodofuracan/index.php?cod=141999



As mulleres e homes que formamos a corrente A FORZA DA XENTE (integrada en PODEMOS GALICIA) e os integrantes da asociación Cidadá Galega NO OLLO DO FURACÁN (integrante de Mareas en Común) identificámonos cos valores da liberdade, a igualdade e a fraternidade inseparábeis da loita pola xustiza social, os dereitos democráticos da cidadanía, o feminismo e o ecoloxismo. Somos persoas que traballamos a cotio desde diversos ámbitos sociais por un cambio real, plenamente democrático, transparente, participativo e desde a base, que poña as institucións ao servizo da xente e modifique radicalmente o xeito de facer política.
Á vez, consideramos que para lograr estes obxectivos neste momento constituínte, o mellor escenario para Galicia, é lograr converternos nunha nación soberana, social, solidaria e ecoloxicamente sustentábel que decida libremente o seu futuro, con lazos de irmandade, solidariedade e cooperación co resto de pobos e nacións que conforman a comunidade de países lusófonos, o Estado español, o marco europeo e o arco mediterráneo.
En consecuencia con todo isto, queremos manifestar que, como soberanistas e galeguistas de esquerda, identificámonos plenamente cun proxecto verdadeiramente unitario e daremos o noso apoio á construción dunha gran candidatura galega unitaria de todas aquelas persoas e colectivos sociais que loiten por abrir un novo proceso constituínte que acabe definitivamente co réxime xurdido trala IIª Restauración borbónica. Convencidos que esta sería a única opción que mellor representaría os valores da verdadeira esquerda transformadora, que mellor defendería o dereito a decidir do pobo galego e a súa materialización a través dun referendo democrático.
Ao mesmo tempo queremos manifestar o noso apoio a unha gran confluencia de todas as Mareas Municipalistas, EN MAREA, Encontro Cidadá por unha Marea Galega, Mareas en Común, Foro Galego, asinantes do Chamamento de Vidán e todos os partidos galegos (PODEMOS, ESQUERDA UNIDA, ANOVA, BNG, CERNA, CxG...) opostos ás políticas austericidas da dereita.
Estamos convencidos de que unha GRAN MAREA GALEGA sería a única garantía para derrotar as políticas reaccionarias de Feijoo e acabar co caciquismo, a corrupción xeneralizada e lograr un cambio real nas institucións, catapultando cara ao parlamento galego a importantes segmentos das clases populares e defensores dos intereses da maioría social, rompendo co bipartidismo, impulsando unha sociedade máis xusta e igualitaria e, ao mesmo tempo, logrando o recoñecemento de Galicia como suxeito político soberano e un pacto democrático que facilite a celebración dun referendo de autodeterminación a través do cal a cidadanía decida de xeito claro, reflexivo e sen distorsións se quere ou non a independencia.
Polas razóns expostas, como persoas de esquerda que defendemos o dereito das galegas e galegos a decidir libremente o seu futuro, porque aspiramos a unha Galicia xusta, igualitaria e soberana defendemos unha candidatura de toda a esquerda e o nacionalismo galego, encabezada polo candidato idóneo elixido democraticamente nun proceso de primarias abertas ao conxunto da cidadanía.

En Compostela a 15 de xullo de 2016
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-07-2016 01:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal