 Óscar Lomba Álvarez *
Entre as características máis específicas do actual proceso de mundialización capitalista e as principais claves da estratexia ultra-liberal atópanse: unha rapidísima circulación de información, imaxes, ideas, opinións; a imposición dun «pensamento único»; a libre circulación de capitais, mercancías e servizos; límites moi selectivos á circulación de persoas; recortes demoledores de dereitos sociais e liberdades públicas, privatizacións xeneralizadas de servizos públicos, unha redución dos impostos directos e progresivos e a conseguinte mingua das políticas públicas de benestar; o empeoramento das condicións laborais e salariais do conxunto da clase traballadora en xeral e dos empregados públicos en particular; o incremento das agresións medio ambientais e do deterioro alimentario; o aumento do gasto en persoal e material policial e militar ...
A actual mundialización ultra-liberal é o resultado dunha reacción das clases dominantes e sectores privilexiados ante unha profunda crise estrutural e sistémica. Queren incrementar as taxas de ganancia e acaparar maiores porcións de plusvalía e iso malia estar inmersos nunha profunda depresión derivada dunha nova crise cíclica de sobre-produción.
Para alcanzar os seus obxectivos atacan desapiadadamente e sen contemplacións as políticas sociais que no Norte melloraran o sistema sanitario, educativo, os servizos sociais, as políticas de apoio á dependencia...
O xigantesco desemprego, xunto a recortes, represión e corrupción iría asociado a unha exacerbación do consumismo como signo dominante da identidade do actual sistema, incapacitación para a solidariedade colectiva, non implicación no social, reflexos e actitudes xenófobas e etnocentristas, desconcerto e desorientación vitais, falta de referencias alternativas...
Neste contexto nace Podemos, un partido que catro meses despois da súa formación, logrou cinco escanos, o que o converteu no cuarto partido máis votado do Estado español. Trátase dun partido-movemento con moitos centros, círculos cidadáns organizados en rede, nos que predomina (con todas as súas contradicións) o respecto á diversidade. Superouse a fase na que se consideraba que a forza dun movemento estaba na súa dirección e pensamento unificados. Porén opino que os círculos deberían coordinarse mellor aínda que terían que gañar maior autonomía en relación ás políticas locais e rexionais.
Os círculos son elementos fundamentais de PODEMOS que manteñen entre si relacións de horizontalidade, que non deberían xerar novas estruturas xerárquicas e que terían que configurarse como unha rede sen centro; ou mellor, con mil centros. Unha estrutura en rede é máis laxa, pero máis creativa e, posiblemente, máis eficaz que unha construción orgánica piramidal. A influencia que poden exercer un partido-movemento organizado en rede reside máis probablemente na súa capacidade de proposta e de compromiso, de referencia, que non na execución de directrices emanadas dun Consello Cidadán Estatal.
Creo que PODEMOS debería reformularse a súa concepción da democracia. Tería que incidir con maior intensidade e profundidade na súa idea da participación colectiva. A radicalidade democrática debe plasmarse no conxunto da organización dunha forma máis directa e menos formal, menos «delegativa », máis orientada ao acordo que non á imposición das maiorías... malia as rutinas de organización e funcionamento herdadas doutras tradicións políticas.
PODEMOS debe embarcarse nun proceso que, en certa maneira, non fixo senón comezar e, aínda que se asuman as intencións, con frecuencia faltan os instrumentos para convertelas en realidade. Se efectivamente PODEMOS desexa ser un axente determinante no cambio social e político do Estado español, deberá desenvolver estratexias e crear mecanismos tendentes a aumentar a participación da cidadanía e das organizacións sociais no deseño de políticas públicas. O obxectivo debería ser poñer en marcha un amplo proceso participativo e de planificación que permita a xeración de consensos, a loita contra as divisións sociais e o reforzamento das capacidades de decisión da xente e das nacións que conforman o Estado español. E iso encadrando aos inscritos, activistas, militantes e simpatizantes en círculos locais e temáticos, aínda que favorecendo diferentes tipos de participación como espazos de deliberación ou de encontro entre os intereses dos círculos locais, temáticos, consellos cidadáns locais, rexionais, nacionais e os obxectivos estratéxicos deseñados desde outros ámbitos de decisión.
A articulación de Poder Popular debe basearse na creación de ferramentas orgánicas para radicalizar a democracia a nivel local e ampliar de xeito exponencial a participación dos círculos na toma de decisións e nos procesos de selección de quen integrarán os cargos orgánicos de PODEMOS ou mediante espazos socialmente abertos para consultas sobre os contidos das políticas e os programas electorais. Incrementar igualmente a participación dos círculos na execución das decisións adoptadas polos órganos do partido favorecendo a desconcentración e descentralización da xestión política, que favoreza unha participación moito máis activa da cidadanía, organizada ou non, e ao mesmo tempo reforce a capacidade de organización da sociedade civil no seu conxunto.
Incrementar asemade a intervención no control e avaliación da execución das políticas desenvolvidas por PODEMOS, ou por outras estruturas cidadás máis amplas, a través de mecanismos que permitan verificar o desenvolvemento do proceso, para apoialo, corrixilo, melloralo ou rexeitalo.
Favorecer unha maior contribución dos círculos e os consellos cidadáns na esfera pública contribuíndo á creación de mecanismos propios de comunicación ou dando canles para que os círculos creen opinión nas contornas nos que teñan presenza.
En definitiva do que se trata é de ampliar a democracia representativa e incrementar os mecanismos de democracia participativa a fin de que a cidadanía manteña un rol político activo. PODEMOS debe estar sempre alerta e denunciar, sen tregua, a visión caricaturesca segundo a cal a democracia consiste unicamente en votar cada catro anos. Debe apostar, sen ambigüidades, por unha democracia radical, onde a participación cidadá sexa permanente. Finalmente, PODEMOS debe establecer mecanismos de participación a todos os niveis da esfera pública, que garantan a democracia real, axuden á conformación de amplos movementos de unidade cidadá e popular e contribúan a concienciación e auto-organización do conxunto da sociedade civil.
En resumo, radicalidade democrática fronte a fundamentalismo ultra-liberal.
* Óscar Lomba Álvarez é licenciado en Dereito e diplomado en Maxisterio
|