Contos do País do Solpor



O meu perfil
anoiteamericana@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O Comité de Resaca
Sí, ben cho sei, non se debe sair ó mar para competir cunha resaca do quince.

E mira que eu fun dos que máis cedo se retirou, precisamente pensando na etapa que nos agardaba ó día seguinte, e non cheguei ó barco antes das dúas da mañá!!.

Algúns , xa alboreaba o día, e estaban dormitando na cuberta. Supoño que non deron acertado co tambucho ...

A saída , por sorte, non estaba programada ata as 1300h. o cal supoñía que con estar ás 1200h. na auga éranos abondo. Así ainda había unha pequena marxe para que a xente se fose recuperando un pouco.

As condicións variaran con respecto ó día anterior e o vento caera a uns quince nós do NW. Todo esto , de manterse, implicaba unha travesía navegando a un descuartelar , practicamente ata virar a Torre de Hércules.

Cando xa estaba achegándose a hora da saída , pola radio escoitábase a voz de Alberte o director de regata, que soaba como se acabase de erguerse da litera... Non puiden aguantarme. Coa desculpa de ir a revisar o enlanado dos dous spís que contabamos con utilizar ó virar a Torre, agarrei o micro e susurreille a Alberte: “ Albertiño, esa voz máis que do Comité de Regatas parece a do Comité de Resaca”.

Oes, queres creer que non o tomou nada ben. O resto das tripulacións sí, porque deseguida empezou a montarse un sonoro cachondeo pola radio.

Pero, cando ía dar a unha da tarde , Alberte ameazou con dar a saída so coas bandeiras e sen avisos por radio (o reglamento permítello)... e o persoal acougou.

Na saída non houbo maiores problemas, foi limpa e sen “fora de línea”. No noso caso mantivémonos un chisco apartados do barco do Comité, que era onde se alviscaba máis presión de vento, e unha vez que se clarexou a zona , empezamos a trimar velas e saímos como un foguete.

Era certo que os primeiros levábanos algunha ventaxa; pero a nosa estratexia era clara: sair máis afora en busca de vento limpo e sen roles , para unha vez na enfilación da chimenea de Sabón empezar a abrir velas cara a Torre de Hércules e desde alí entrar xa na bahía con spí arriba e dándolle caña para recuperar o terreo perdido na búsqueda de maior presión de vento.

Por fortuna ,a cousa ía saíndonos segundo o previsto, e de seguido puxemos mar por medio entre nos e o resto da flota.

Pouco a pouco a xente ía quentándose e a traicionera resaca ía dando paso a maior precisión e rapidez nas maniobras.

Cando acadamos o través de Punta Langosteira empezamos a abrir trapo e deixarnos caer cara a Torre. Case estabamos a un largo cando o patrón ordeou izar o “Gennaker” pesado que estreabamos.

Caraaallo!!, que boa compra!!!. A disposición da vela permitíanos navegar case ata un rumbo de través e a súa cobertura facía funcionar como un xénova de código cero. En poucas palabras: Pasamos de oito nós a doce , trece.

Pola nosa banda de estribor , o resto da flota ,recuperaran moito do terreo perdido; pero foi poñer o novo paniño e vimos como nos largábamos escopetados en demanda da boia da Guisanda onde viraríamos para entrar xa na meta.

Ó lonxe víamos no peirao de petroleiros como os dous Sertosa (os remolcadores auxiliares do porto) empezaban a colocarse para iniciar a maniobra de desatraque dun petroleiro non moi grandiño.

Nos nen nos inmutamos, dado que coa velocidade que levàbamos teríamos marxe abondo para pasar antes de entorpecer a súa maniobra.

Pero, non todos pensabamos o mesmo. Parece ser, que do Contro de Tráfico do porto avisaron ó Comité para que nos deran instruccións de deixar libre a canle N. para a saída do petroleiro. Así nolo comunicaron por radio, e nos avisamos da nosa velocidade e confirmamos da nosa intención de virar a Guisanda antes de que remataran coa maniobra do petroleiro.

Non lles gustou. Practicamente nos ordearon que abortáramos a maniobra ata que saíra o petroleiro.

Eso, amiguiño, supoñía perder os case vinte minutos que lle levabamos ó segundo..., e claro, ninguén a bordo estaba pola labor.

Ainda que os remolcadores (un á proa e outro á popa do petroleiro) ían acercándose, nos veíamos claramente que coa nosa velocidade seríamos quen de pasar por diante do petroleiro antes de que poidésemos estorbarlle na maniobra.

Bueno, pois que nada ,tu. A xente do Comité empezou a berrar pola radio que abortáramos a maniobra dado que o Sertosa 28 (na proa) levaba unha estacha de remolque no petroleiro.

Xúroche que nos, que estabamos a ben poucos metros do Sertosa 28 non veíamos a estacha por nengures. Entre outras cousas porque se houbera tal estacha, esta formaría desde a proa do petroleiro unha catenaria ata a popa do remolcador.

A pesares do que escupía a radio con voz apremiante , todos a bordo apostábamos por seguir rumbo e o patrón dispoñíase a pasar entre o Sertosa e o petroleiro, cando de repente vemos como remolcador vira e comenza a enfilar cara a nos ameazadoramente.

Non dábamos crédito ó que veíamos. O patrón arribou mentres abríamos velas, pero eles tamén correxiron o seu rumbo!

Estaba claro que non querían de nengunha maneira que pasaramos entre eles e o petroleiro. A estas alturas xa estaba claro que non había tal estacha.

O patrón, por mor de evitar males maiors deu orde de arriar todo mentres virábamos a toda pastilla.

O lío que se montou co “genaker” foi dos que fan época. Líado entre o “Stay” e a botabara, cun rachón ó engancharse nunha cruceta nunha arriada tola. E mentres, o Sertosa, xa satisfeito por facernos desistir, seguía de novo rumbo de escolta do petroleiro.

Cando conseguimos aclarar todo e comprobamos, que non había máis estragos que o rachón da vela, empezamos a berrar lindezas ó “desconsiderado” patrón do remolcador. È ben certo que eles estaban traballando; pero tamén é certo que non se pode poñer en risco a vida humán tan alegremente.

Supoño, que nese intre ,a xente do remolcador fixo prevalecer os seus prexuizos de clase , antes que consideracións básicas de seguridade na mar.

Entre mentres, a flota xa estaba virando a Guisanda e o noso primeiro posto ficou nun cuarto... cabreados; pero vivos.
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-09-2008 19:30
# Ligazón permanente a este artigo
O Ràpido de Malpica





Ainda que a estas alturas debaríamos estar saindo de Liverpool camiño de Malmö (Noruega), por razóns técnicas e de falta de tripulación cambiouse a última hora o programa de navegación e o armador optou por probas máis cercanas, así que aquí nos tes preparando a saída da clásica “Illas Sisargas” que tantas veces disfrutamos xuntos a bordo do “Pedras de Hércules” , do “Riás” e agora no “Hansa”.
Ainda que íamos ben escasos de xente. Só contabamos con seis persoas, o armador estirouse e contratou a Pilar Mesa do “Navantia” (bicampeón do mundo da clase 670).
A adaptación da rapaza foi estupenda . Supoño que , entre outras cousas, porque dos catorce que deberíamos ser , só estabamos seis; e así minimizábase o risco de friccións a bordo. Por outra banda íamos ter que multiplicarnos para atender convinetemente ás maniobras e non creo que houbera moito tempo para vida social.
A fin de semán presentabase ideal: sol, mar chan, bo vento entablado do WNW cuns vinte nós. Deste xeito iríamos todos cara a Malpica navegando a un través .
Na saída había abarrote. Cerca de coarenta barcos .
Nos ó sinal de atención (cinco minutos) fumonos para atrás de todo e fuximos da pelexa que se montou sobre a liña de saída. Collimos inercia abondo para xenerar o noso propio vento aparente, e ahí estabamos!
Houbo varios toques sobre a liña e os berros dos patróns e os proas oíanse ben desde atrás.
Nos mentres tanto seguíamos á nosa, tomando un bordo cara a fora, para fuxir da prevista caida de vento que ,sempre nos acomete á caida da tarde cando estamos chegando a Malpica.
A metade da flota decidíu seguir polo bordo de terra para aproveitar o salto do vento terral , e pronto se destacou o “Raygrass” e o “Galiciaxoven” , que ó pouco tempo xa estaban enzarzados nunha loita de marcaxes sen fin , facendo a súa propia regata.
Aquelo máis ben parecía un “match race” entre os dous .Máis atrás o resto da flota en bordos de terra, intermedios ,e algúns como o “Fadesa” pegadiños á nosa popa cara a fora.
Nos non deixábamos de ollar para o noso inmediato perseguidor tentando por todos os medios non perder a ventalla que ostentábamos (nunca tanto corrín por unha cuberta, neno, non nos chegaban as máns); pero, hete aquí que nos veu a sorte a ver: O “Fadesa” (supoño que forzando ó máximo) rachou o seu xénova, co cal a súa velocidade caeu en picado mentres atendían a arriar os trozos da vela rota e izaban a toda presa outro xénova ,máis pequeño. Nos, que non baixábamos dos dez a once nós, seguíamos aumentando a ventalla, agora xa con tranquilidade.
Cando xa tíñamos a Sisarga Grande ó noso través, e o resto da flota estaba desperdigada polos Baixos dos Baldaios ben ó lonxe da nosa popa, viramos en demanda da boia de recalada ,que segundo as instruccións de regata debería estar na Praia das Salseiras..., pero, por máis que ollamos para o punto indicado alí , nen con prismáticos veíamos nada.
O patrón da orden de avisar por radio ó barco do Comité de Regatas por ver se o fondeo da boia garreara...
Caaa!!! chegaramos tan axiña que o Comité ainda non tivera tempo de colocar a boia!!.
Cando estabamos xa a menos de media milla da punta da escolleira do Porto vimos sair fungada unha neumática coa boia que fondearon xustiño co tempo xusto para que o balizador nos deixara sitio abondo para virar e enfilar a liña de meta.
Cando sonou o bocinazo que marcaba a nosa entrada levabamos dúas horas ,doce minutos , dazaseis segundos de regata. Acababamos de marcar novo record no recorrido desta proba!!!
Por radio os xuices deronnos a boa nova e os seis caimos cun sorriso de orella a orella sobre a cuberta. Ainda quedaba amarrar e arranchar as velas e a maniobra... pero, a satisfacción dabanos ás.
Non sabes a que se montou esta noite por Malpica coa tripulación do,agora coñecido como: “O Rápido de Malpica”.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-09-2008 22:34
# Ligazón permanente a este artigo
O Val das Almas ( e II)
Na concentración propiamente dita, o ambiente do mellor. Apertura, tolerancia, bo rollo , e os tolos que entre trinta mil persoas sempre hai, eran rápidamente abroncados polos seus propios colegas; ou no seu caso, chamados á orde pola GNR que patrullaba polas zonas de acampada nunhos carriños deses do golf a paso de persoa.
Pero bueno, a parte de motos (por certo o Sr. Harley e o Sr. Davidson debían de estar de oferta, porque parecera que as regalasen de tantas que había), e polos coarenta euros que pagas pola inscripción podías contar con todos os servicios da mesma, tres comidas diarias e , pola noite, con actuacións como a de Lou Reed,Gary Moore ou os Blues Brothers.
Esto pola noitiña, ó refrescar un pouco, pola tarde e entre os calores do Algarve en pleno verán, podías asistir a maravillosos espectáculos como a elección de Miss camiseta mollada, ou se estabas vago, simplemente sentarte baixo calqueira piñeiro a ver a paisanaxe , que claro, coa calor, xa se sabe.
Xúroche que nunha desas cheguei a pensar que estaba no ceo , ou que todo era realidade virtual e eran todas de plástico.
Sí,xa sei que é un comentario machista; pero, meu neniño, habías de estar ti alí para ver o que eu vin.
Se ata unha tarde especialmente calurosa un grupo de obsequiosas señoritas accederon ás duchas exteriores da nosa área de acampada ,e supoño que froito das calores algarvías, acabaron despoxándose dos seus micro pantalóns e dos seus escuetos tanguiñas...
Non che sei se sería cousa da organización (impecable por outra banda), ou serían grandiosas espontáneas... Pero, esto, meu amigo, é o que lle dovolve a fe no ser humán a un home de ben.
No segundo día da concentración xa a cousa empezou a animarse e podías ver xente da República Checa , de Rusia (estes a bodo de sendas Ural, que parecían traidas do Frente de Leningrado), de Viena, de Polonia... e ata da Coruña!!!.
Todos e todas (dúas rusas que ...te deixaban sen alento) nas súas motos cargadiñas ata o inimaxinable.
Algo que hei de salientar é o trato impecable por parte da organización, os voluntarios/as e a GNR que cubría o evento. En nengún momento malas caras, nen malos modos. Sempre pendentes dos inscritos/as e axilizando ata o insospeitado as colas para os xantares e a limpeza nos distintos lugares de aseo persoal.
Non che vou dicir que a xente non se "empiriquitou" nen un chisco... por suposto que sí, pero non se vía un mal momento nen unha mala cara porque alguén se pasara ou montase bronca por mor dunha copa de máis.
Con dicirche que o actor que sustitue a James Beluschi ó fronte dos Blues Brothers pillou unha boa enchenta de cervexa e rematou facéndose unha tatuaxe no seu lombo co anagrama do Motoclube de Faro!!!
Mira, ainda que non gostes das motos, xa só polos concertos, o espectáculo dentro e fora do escenario, dentro e fora da concentración; xa só por eso págache a pena vir ata Faro o ano que ven.
Ah, e non esquenzas repelente para os mosquitos!!

P.S.
Cerca de trinta mil inscritos , máis coches de apoio,máis amigos, máis turistas... poden darvos idea da magnitude do evento.
P.S. 2
Non sei se non habería tongo no certamen de Miss Camiseta Mollada. Para min que non debu gañar a local, se non a rusa Helena... ,vamos, onde vai parar...
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-09-2008 22:55
# Ligazón permanente a este artigo
O Val das Almas (I)

Sí, amiguiños e amiguiñas, xa estamos de novo aquí.
O meu Pentium 100 sigue tirando como un auténtico "Vintage" da informática ,e non o vas creer, pero ó final tiven que argallarme eu para quitar a mancha do fregadeiro... que país máis pouco formal,tu.
Boeno, agora deixote co primeiro capítulo de: "O Val das Almas"



Ainda que xa tiña ido a algunha concentración moteira desas grandes, todo o mundo me recomendaba ir á do Algarve. Sí, oh, a que se celebra no medio do verán no Val das Almas (Faro).
E para aló me encamiñei.
Como queira que o Algarve xa o teño coñecido do dereito e do revés, e dado que a viaxe ía ser enlatado por problemas mecánicos que me están facendo cada vez máis devoto de Nosa Sra. de Volusia, decidín facer a viaxe en etapas.
A primeira parada sería en Lisboa para ir cear á Adega de San Roque no Barrio Alto. É un sitio que ainda non probei e esta é unha boa ocasión. (Certamente recomendable)

Ó día seguinte saín cediño para aproveitar as baixas temperaturas da mañá (só 29ºC) e apretar a correr cara abaixo ca cabeciña posta na praia de Olhos da Auga onde me ía aloxar.
Cheguei medio cocido , a eso da hora do xantar e contactei cos outros membros do motoclube que xa estaban cas tendas montadas nunha das catro xigantescas áreas de acampada do Val.
Amiguiño, e eu que pensaba que o dos Pingüinos no inverno era grande... Aquí atopabas catro áreas perfectamente delimitadas e equipada con servicios, duchas e pequenos chiringuitos onde mercar comida e/ou bebida; así como varias zonas de “merchandasing”, taller e pezas de motos. Total, que podías traer a moto noviña e totalmente personalizada á volta para a casa.
Ademáis de toda esa enorme área con zonas peatonais, había un enorme escenario con doce (sí, leeches ben) pantallas xigantes nas que se emitía sinal de TV dos eventos que ó longo dos tres días da concentración tiñan lugar. E acarón dese escenario unha enorme carpa (según dicían os futboleiros ocupaba o que un campo de fútbol) con banquiños e mesas para facer a túa merendiña.
Pero , non vos vaiades ainda, un pouco màis aló, había unha exposición de motos antigas propiedade do Motoclube de Faro e de coleccións privadas; e outra exposición coas motos que ían participar no concurso de “customización”. Concurso este, por certo , que gañou unha rapaza escocesa con tres magníficas mostras de transformación de motos de rúa en auténticas obras de arte.
Para manexar todo esto, a organización contaba con mil quinientos voluntarios/as e coa colaboración da GNR, que (igualiño que no noso país) colaboraba activamente axilizando o paso dos inscritos e evitando algunha que outra tolería dos que querían queimar roda e armar bronca. Eso sí, sempre con exquisita diplomacia, e tendo en conta a enorme fonte de ingresos que esta concentración supón para a zona. Eso inclue (igualiño que aquí) nengún radar , nengún control de alcoholemia, e prioridade para as motos; tanto na baixada como na subida.
Ah, e que non se me esqueza unha cousa importantísima que puiden observar tanto en autopista como en estradas secundarias como a que une o Val das Almas con Olhos da Auga: Todas as zonas perigosas, todas, contan con gardarrais de doble barreira con zona de absorción de impactos, para previr os accidentes dos motoristas.
Non é que o estén estudando,non... E que xa están instalados!!! Igualiño que aquí.

(To be continued)
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-09-2008 20:21
# Ligazón permanente a este artigo
Pechado por vacacións
Este ano non me pasa coma o pasado.
Xa che digo agora que me vou.
Embarco mañá para unha travesía polo Golfo de Vizcaya con porto de destino: La Rochelle.
É unha destas probas de altura nas que nos metemos para ver se este ano tamén cae o Campeonato de Europa.

Supoño que a finais de mes poderemos vernos de novo e poñereite ó corriente de todo.

Mais , para ir abrindo boca, adiántoche algo:

Proximamente en esta pantalla a grande aventura moteira do Val das Almas!
Quere saber de que se trata?

Quere saber quen quedou finalista no certame de Miss camiseta mollada?

Qué se tatuou no lombo Jake Elwood dos "Blues Brothers" no seu concerto no Val?

Qué fai un ruso, un checo, unha escocesa, un polaco e un austríaco no Algarve? (Ah, non é un chiste,eh)

Por qué o Sertosa 28 (remolcador do Porto da Coruña) enfila a toda máquina cara a proa do Hansa?

Conseguirá salvarse a tripulación?

Quén ou qué é o "Ràpido de Malpica"?

A resposta a todas estas preguntas ,e moitas máis, agardante á volta desta pausa!!!

Non deixes de visitarnos!
A túa sede de aventuras verase colmada!!

NOTA:
Sr. ladrón; sí, a casa fica vacía, de todos os xeitos o que pode atopar de valor é un micro "Shure" de colección, e o equipo de música... non creo que lle compense o esforzo. Ah, non hai tele de plasma, e o computador é un Pentium 100...
Se, contodo, decide intentalo... podería pasarlle unha fregona á cociña, e ver se é quen de limpar unha mancha blancuzca no fregadeiro?
Eu, por màis que lle din, non fun quen.
Do baño xa me encarguei eu antes de sair.

Moitas gracias pola súa boa disposición.
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-07-2008 15:10
# Ligazón permanente a este artigo
Taxonomía xenofóbica
Entre pitos e frautas , acabo de darme de conta do tempo que levo sen contactar contigo.
Non teño desculpa. Estou embarcado en tantas aventuras , que xa sabes o que sucede ó final.
Ben, esta vez non vou perder o tempo artellando algunha historia para ti. Simplemente hei de contarche o que me aconteceu na derradeira cea do clube de borrachos...
Agarda un bocadiño.../...
Estou escribíndoche esto dende a cuberta do Hansa, e acaba de chegar unha goleta holandesa a Lotos. Non había ninguén en terra ... e claro, unha norma básica de cortesía mariñeira é a de botar unha man cando un colega está en apuros.
Non eran exactamente apuros, pero unha man desde terra para atracar éche algo que todos agradecemos, e máis ó chegarmos a outro país.
Que queres , penso que estes detalles son os que realmente dan a imaxe dun país de cara ós seus visitantes.
Ben , despois desta disquisición mariñeira, sigo contándoche a cea do clube de borrachos.
Verás , estabamos convocados/as para unha cata de viños franceses, que ía estar dirixida por un prestixioso “summellier” (creo que se escribe así) de Burdeos. A cata en sí non foi nada do outro mundo. Entre outras cousas porque a entrada do gabacho non puido ser peor. O tío non vai e di que o seu pai calificaba os viños españois como merda embotellada!!!
Claro o ambiente caldeouse máis que de presa.
Contodo , segundo ían avanzando as botellas o persoal relaxouse ó decatàrmonos do escaso dominio do español por parte do gabacho.Eso, e probablemente tamén as botellas catadas, fixeron que aumentara a condescendencia para co invitado.
Pero, esto non era o que eu quería contarche. No clube, que está aberto a todos os estmentos sociais, predominaban ata hai ben pouco xente do gremio da hostelería, da abogacía e últimamente ata do gremio do ensino, que non che sei moi ben por qué ainda que supoño que moitos/as deles/as decidiron tirarse á bebida, apuntáronse en masa ós cursos de iniciación á enoloxía e abrazaron esta nova fe con pasión de conversos.
Total, que cal non sería a miña sorpresa, cando entre o concurrida que estaba a cea oigo alguén que me chama con “voz de fin de cata”; e ó ollar cara alí non o vas creer, era Isabel e a sùa amiga Esther.
Si, oh, a que da clases nun deses colexios pijos de “Lacuruña”.
E ,xa postos uniuse á festa Carmen a de Fenosa e Antonio o bombeiro, que xa viña ben servidiño.
Como queira que ás once nos botaron do clube ,toda a nosa mesa decidimos continuar a esmorga pola nosa conta, e rematamos nunha “vinoteca” que acababa de abrir un dos nosos compañeiros do clube.
Por fortuna eu non tiña que entrar a currar moi cedo ó día seguinte ,posto que unha vez na “vinoteca” seguíu a animación.
Alí foiche o acabouse: Isabel empezou a relatarnos unha das movidas que vivíu nunha desas reunións que teñen os profes (á que lle chaman claustro) e deunos unha clara visión de como está o mundo do ensino no país.
Como nolo contou cho conto: No colexio onde traballa Isabel montaron un claustro por mor dun “brick” de chocolate!!!. Sí, eu tamén puxen esa mesma cara ; pero tanto insistíu que ó final non me quedou máis que creela.
A historia veu porque polo visto, un rapaz do colexio guindoulle un “brick” de chocolate á cachola dunha mai , dende a fiestra do autobús. E hete aquí, que con tan mala pata que lle acertou de cheo.
Nada fora do normal dentro do que se podería calificar como unha gamberrada. Aaaaiiii, amiguiño!!!, pero a cousa tiña máis miga. Se non como crees ti que ían convocar un claustro só por eso. Resulta que a mai en cuestión era a mai de Kevin de Jesús e de Michael Jordan (os nomes son reais como a vida mesma. Isabel trouxonos ós poucos días as fichas dos clientes para que non pensaramos que eran imaxinacións dela); e a mai en cuestión érache de raza negra!!!
E,este è o meolo do claustro. Parece ser , sostiña entre argalladas Isabel, que o seu director e parte dos claustrais dubidaban entre castigar ó rapaz por unha falta grave ou moi grave.
Se só valoraban o feito en sí (guindarlle un obxecto a un adulto) é un asunto grave;pero se se tiña en conta o feito diferencial por mor da raza, entón o asunto podería tratarse como un feito xenófobo e pasaría a ser moi grave. O cal conlevaría a expulsión do cliente.
Polo que nos contou Isabel, estiveron dúas horas discutindo sobre o asunto para chegaren á conclusión de que se tratou dun incidente de “xenofobia reiterante”(sì,coño, leeches ben). Claro ,supoño que terían en conta a raza da mai dos interfectos, e o feito de que o “brick” fora de chocolate...
Sempre o dixen: Eso do ensino non é unha profesión seria, joeeer!!!
Están todos/as tarados/as. Dúas horas para ver se era ou non xenofobia...!!

Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-07-2008 14:03
# Ligazón permanente a este artigo
O Comando "John Balan"
O sábado pasado como non había competición ,tocounos sair a entrenar; e total, como era un entreno sen moita importancia (parte da tripulación titular non podía vir por outros compromisos) invitei a Pepe (sí,oh, o anteriormente chamado Xosé Fernando ,e que xa me avisou que non quería que o alcumase así).
Ainda que pasamos moita da tarde pelexando co vento , bueno, mellor dito coa ausencia del, tivemos tempo de sobra para esbardallar un bo pedazo do divino e do humano.
Como queira que ainda estaba perto todo o rebumbio das letras galegas, a Hector ocurríuselle por en tela de xuicio a elección que fai a Real Academia Galega dos autores ós que lle adican o día en cuestión.
A conversa , mentres estabamos paradiños e sen gota de vento ó SW do Porto Exterior de Ferrol, ía fluindo rápida e implicando a cada vez máis xente dos nove da tripulación que íamos abordo.
A maioría de nos teríamos serias dúbidas para situar nun mapa cronolóxico a moitos e moitas dos/as últimos homenaxeados da Academia. E, o probe de Pepe, que viña como invitado e acababa de botar ata a primeira papilla pola borda, (xa sabes o incómodo que é estar parado sen vento e con mar de fondo), mentres que trataba de recuperar a verticalidade e retornar a unha cor máis humán que ese tono verdoso que se lle puxera, empezou a pensar en voz alta sobre o sistema que usa a R.A.G. para a elección do/a escritor/a do día das letras galegas.
Eu, xa me coñeces, sempre con ganas de meter o fuciño preguntei en voz alta por qué nunca se homenaxeaba a escritores vivos, como por exemplo Manolo Rivas, Sechu Sende ou a mesma ,e prolífica, Concha Blanco.
Todos coincidimos en que a mellor homenaxe que se lle podía ofrecer a unha persoa era aquel que disfrutaba en vida; pero, por extranas razóns que ningún acertaba a ver , a R.A.G. sempre elexía a escritores/as mortos, e últimamente só coñecidos na súa casa á hora do xantar.
Eu, xa lanzado, propuxen ó persoal enviar unha recollida de sinaturas para variar ese criterio da R.A.G. ; pero, meu amiguiño, aquí terciou Pepe , quen con bo criterio abriunos os ollos a todos:
Resulta que se propoñemos nomes de escritores/as vivos/as ,fraco favor lle estaríamos facendo ós/ás interesados/as, porque ,verás: Na R.A.G. hai un comando dirixido por Luz Pozo ( e coñecido no mundiño dos escritores/as galegos/as como: Comando John Balan) que se reune uns meses antes do 17 de Maio para elexir a quen lle toca ese ano, pero se por un “acaso” o autor/a elexido ainda está vivo, ese comando artella o procedemento necesario para que á altura do día das letras galegas o interesado/a xa non o estea.
Parece ser que os seus membros teñen contactos cuns amables e moi profesionais señores afincados na Ria de Arousa ,e que (cunha eficacia demostrada), efectúan o “traballo” para que chegado o día ,e a romería, o/a elexido/a esté xa en situación de recibir a homaxe da R.A.G. Esto é: fiambre.
Teño que chamar axiña a Concha e a Manolo para avisarlles do perigo que corren se reciben un “sauda” de Luz Pozo.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-06-2008 18:30
# Ligazón permanente a este artigo
A morena e o "señor" Navarro
O outro día leín nun xornal da miña cidade as declaracións (sempre inspiradas) do Director Xeral de Tráfico, o Sr. Navarro, que viña a un congreso de algo, no bloque de cemento que os nosos políticos colocaron para tapar as vistas ó porto da cidade.
Nesas declaracións o Sr. Navarro viña a dicir , a unha pregunta do periodista sobre a seguridade vial para as motos, que os gardaraìs estaban pensados para os autobuses e camións (sic) e que non se podía ter seguridade para todos (referíndose ás motos).
Como queira que na miña condición de moteiro coñezo a algún compañeiro mutilado ou morto polas coitelas dos gardaraìs (que son mortais nunha caida a partir de 30 km/h), eso evitou que as declaracións deste “señor” ,e permíteme que poña do de “señor” entre comiñas, me moveran á risa.
É curioso observar como os políticos que nos cos nosos votos puxemos ahi, queren ser os encargados do noso exterminio impune, ou dunha aparente reconversión dass forzas de seguridade na estrada en meros recadadores de impostos indirectos, sen importar o máis mínimo a “pretendida” seguridade da que tanto alardean nas diversas campañas de imaxe en distintos medios.
Desculpa que esta vez me deixe levar pola lembranza de compañeiros en cadeira de rodas ,ou mortos pola presunta desidia da nosa administración, e ainda por riba ter que leer as declaracións deste “señor” ,e ver como se criminaliza o uso da moto en diversas campañas agora vixentes , e nas que se asocia claramente moto=morte.
É unha mágoa ver en paises do noso entorno máis próximo (Portugal ou Francia) onde estas cuestións son tomadas en serio e onde, por exemplo no asunto dos gardaraìs, están xa implantando a doble bionda que impide as mortes e mutilacións ás que aquí estamos expostos cada vez que saímos á estrada.
Pero, non vou a seguir nesta senda, porque noto que se me está quentando o teclado, e non é plan.
Deixame que che relate o gasto de 122€ que tiven o outro día co meu coche.
Verás: Ía para traballar e nunha curva que hai perto do meu curro nunha enorme valla publicitaria na que ata a semán pasada anunciaban o último modelo de todoterreo, había unha aparición gozosa.
Eu vina, porque ía no coche,eh!. Que si chego a ir na moto ,nin flores. Bastante teño con ir atento ós coches para que non se me boten enriba, ou atento ós radares que “velan pola nosa seguridade” e me impiden prestar atención ó que de verdade importa: as circunstancias da vía ou calzada.
Total, que ollei distraidamente para a valla, e alí estaba a aparición.
Tumbada tan ancha coma longa sobre un leito de nubes, esa morena vestida só cun escueto conxunto negro e unha gargantiña cunha estrela e unha lúa.
Dende o seu marco incomparable ollaba para os incautos coma min e ofrecía esa boca...aaaai, esssa bocaaaammmmmm!!!.
Total, non tomei a curva.
Fun parar sobre a beirarúa,cheguei quince minutos tarde ó curro, e menos mal que non esnaquicei a roda.
Pola tarde ,cando fun ó taller a polo coche xa tiña o diagnóstico: 122 € de bellón... e ainda por riba “a seco”.
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-05-2008 21:51
# Ligazón permanente a este artigo
As Letras Galegas e a súa puñetera mai
O outro día na reunión mensual do clube de borrachos , ou si o prefires en fino: clube de cata; levei de invitado a Xosé Fernando (un día destes teño que buscarlle outro alcume menos venezolano). Él , xunto con “Juanito”, Ana e outros máis da cuadrilla exercen o seu maxisterio no vello Sur.
Ainda que no comenzo da cata estaba un pouco cortado pola demostración de creatividade dos/as presentes ( sabor lixeiramente afroitado, con retrogusto a melocotón escurridizo... etc,etc. ,xa sabes as chorradas que se din para definir o indefinible dun bon viño), ó ir andando a cata e a posterior cea, empezou a soltarsenos a todos/as a lingua. E ,deu a casualidade, de que él ó beber inspírase de moito nabo.
Velaiquí tes unha parte do que lembro do seu discurso que fixo as ledicias dos/as presentes na nosa mesa:
“Sí, amiguiños, cada vez queda menos espacio para as sensibilidades anarquistas con esperanzas internacionalistas como a miña.
Hoxe tiven unha xuntanza co consello de anciáns do meu colexio cogallo de tratar de perfilar e organizar a semán das letras galegas.
Non me tachedes de arrogante.Non me considero máis lúcido que os membros/as do Consello. A maior parte deles teñen máis anos de servicio no corpo ca min, e a súa forma de pensar está condicionada polas súas experiencias dos 60,70 e 80. Ás veces penso que a caida do Muro de Berlín é unha barreira invisible que marca o momento no que a maioría das xeracións de venerablea anciáns... (ui, perdón), e de anciáns femia, que nos controlan, deixaron de crecer intelectualmente.
Algo así como a brecha dixital noutros ámbitos.
Podemos velo tamén nos programas de TV. Tanto nos presentadores, tertuliáns ou convidados teñen como referentes culturais a Paco Martínez Soria e a Fernando Esteso. Se recuperades cachiños das súas intervencións comprobaredes que teñen os seus homólogos en guións de películas emitidas en “Cine de Barrio”.
Aquí, en Galiza, prodúxose a mestizaxe entre os citados referentes da mai patria e Ana Kiro ou Fuxan os Ventos.
Froito desta unión contra natura e ó abrigo dos pantalóns de pana e as fotos do Che, xurdíu o novo docente galego de finais do século pasado.
Este ano, adicado pola nosa ínclita Academia da Lingua, ó escritor Álvarez Blázquez, está tamén condicionado pola celebración dos 40 anos do triunfo de Massiel en Eurovisión.
Pero, bueno, despois desta disquisición deixádeme que vos diga, que este venres 16 temos no noso colexio o Festival das Letras Galegas; e a semán está,por tanto, chea de actividades que preparamos nunha reunión do claustro na que os membros máis novos non deixaban de fungar: “Con tanto ensaio a ver como vai a ir o programa”. “Pois ti non te queixes tanto, que tes dúas horas na semán, peor son eu que teño que arranxarme cunha soa”...
Eu,visto o visto, preguntei se había turno de palabra para facer a miña aportación, que máis ou menos viña a dicir: “Se o obxectivo do traballo é dar a coñecer ás familias algúns dos traballos de seus fillos, e non hai tempo para nada; podíamos rodalo e ofrecerllelo ás familiasa nun DVD ó final de curso, o mesmo que facemos a revista escolar que había de sair esta semán, e poderemos darnos con un canto nos dentes se sae para finais de mes.”
Oes, como se falase cunha parede. Un festival, é un festival ca súa presentadora, o seu público; e ,ademáis, despois do 17 de Maio xa non é a semán das letras galegas.
En fin, como terei que estar presente no festival dos collóns, hei de ir provisto dun escapulario ca foto de San Luis Uribarri e Santa Massiel."

Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-05-2008 18:55
# Ligazón permanente a este artigo
Un honroso último posto
Hola. Ainda sigues aquí?.
Sí, tes razón, non teño vergoña. Xa vai para un mes que non busco un anaco de tempo para adicarche.
Bueno, vou ver se son quen de tentar remedialo. Polo menos vou contarche como foi a pasada “navejasión” que fixemos na pachanga de fin de semán.
Verás. A cousa comenzou renqueante. Déronnos a saída no límite da legalidade. Tiñamos escasos seis nos de vento e ó pouco empezou a caer estrepitosamente ata quedar entre dous e un ; co cal a nosa velocidade non pasaba, no mellor dos casos, de medio nó. Quen di velocidade , di arrastrarse nunha mar plana e vendo como as velas máis que portar, colgaban do mastro.
A situación era de moitas risas. Ó noso lado veíamos como o “Aguas de Mondaríz” e o “Aledapa”, dous barcos regata pura sen apenas peso e completamente vacíos por dentro ían avanzando e deixándonos atrás ata vermonos nun honroso último posto. Con todo , o patrón non perdía a esperanza. A previsión meteorolóxica era de aumento de vento ó longo da tarde e baixada de temperaturas á entrada dunha fronte fría. Só era cuestión de esperar. Mentres, o peso movible de abordo era trasladado a sotavento , e todos/as estabamos facendo banda nese lado e tumbados sobre a regala ca segreda intención de non alterar a aerodinámica da nosa xénova 1, nen xenerar turbulencias no seu pujamen en aras de aproveitar o pouco vento existente.
Funcionou!. Pouco a pouco, e paseniñamente fumos empezando a tomar algo de aceleración e xa nos movíamos á vertixinosa velocidade de dous nós!!.
Eu non apartaba os ollos da baluma da maior ,reaxustando a cada segundo a posición do carro e da escota tentando de non desaproveitar nen unha pinga de vento. Pola súa conta, Fran, na xénova facía o propio con movimentos suaves e delicados.
O patrón decidíu tomarse a cousa ben ,e como xa contaba con chegar fora de tempo, ordeou que polo menos tentaramos divertirnos.

Mentres nos seguíamos arrastrándonos, un compañeiro deu a voz dunha brisiña que se percibía remolona poucos metros máis adiante. Tentamos dirixir o barco cara alí , no medio da ría, e quixo a sorte ou Eolo, que arrastrándonos,chegaramos a collela.
De súpeto tiñamos presión nas velas.
A solución estaba no medio do campo de regatas. Mentres o “Mondariz” e o “Aledapa” optaban polo bordo de terra na procura de ventos terrais, o noso patrón decidíu confiar na anunciada entrada da fronte e mantermonos no medio da ría. E ,alí estaba!
Non podes imaxinar a sensación de veren ó resto da flota parada na costa , e nos , poucos metros máis ó interior da ría despegando como foguetes mentres oíamos as voces dos outros barcos tentando virar para poñerse ó noso rumbo e aproveitar o noso vento.
As voltas que da a vida, tu. Despois de caseque dúas horas nun honroso último posto, en menos de dez minutos estabamos comandando a proba con autoridade. E o que é mellor, dándolle para o pelo ó “Mondaríz”, o barco das nenas ( a súa tripulación é enteiramente feminina e a súa patrona está preñada. Sí,sí, en serio).
O “Aledapa” foi o primeiro en chegar á nosa estela e pillar o noso bordo. Contodo, xa levabamos máis de dúas esloras de ventaxa e nos íamos aumentando a distancia co noso propio vento aparente. A cousa tornárasenos de cara, e na primeira virada na boia de barlovento todo volvía a funcionar como un reloxio suizo.
O noso “genaker” estaba arriba en menos de vinte segundos, e cando caeu a primeira granizada da tarde , pola popa veíamos como o “Raygrass” se veía na obriga de cortar a driza da súa xénova ó non seres capaces de arriala ; e o “Mondariz” daba boa conta do “Aledapa” e dispoñíase a vir na nosa caza en pugna co "Esoga" que se unira á festa dos 40 pes.
Agora, xa ninguén abordo pensaba en divertirse. O único que nos valía era manter a raia ó “Mondariz” e non perder nen un metro da ventaxa sacada.
Ó inicio da nosa segunda ceñida, vimos como as esloras que nos separaban do noso perseguidor se ían acortando. Pensamos que íamos telo marcándonos todo o que restaba da proba, pero as rapazas decidiron seguir o bordo do medio da ría para o tramo de ceñida, mentres nos optamos por cobixarnos debaixo do borde da oscura nube que nos aseguraba un chisco máis de presión.
Non negarei que era unha decisión perigosa e arriscada; pero o patrón pensou que nos daría un punto máis de velocidade e uns metros de adianto cando fixéramos a última virada.
Durante un pedaciño ó noso través, tiñamos de continuo as nenas do “Mondariz”, pero un role de vento, que pillamos de cheo, e que as deixou clavadiñas no sitio, empurrounos cara a boia como voando.
Alí subimos o “spí” pesado, dado que agora o rumbo cara a meta era de 180º (popa pechada), e o vento xa rozaba ben os vinte nós, e entre rachóns de caseque trinta ,entramos na meta como quen di derrapando con chulería.
Sí, oh. Ó cruzar a meta e ata o pantalán, en vez de arriar todo e dar motor, decidimos orzar un chisco e cando me dispoñía a abrir a maior para equilibrar o barco nunha racha, o patrón nun susurro indícame: "Non toques nada". Claro, a escora foi das que fan época. Metimos o pujamen do “spí” na auga , e a botabara sobrevolaba a escasos centímetros as ondiñas da bahía. Estabamos de foto!!
Igualiño que Fernando Alonso nunha carreira de exhibición... e que cando nos poñemos...

Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-04-2008 17:17
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [5] [6] [7] 8 [9] [10] [11] ... [17]
© by Abertal