Contos do País do Solpor



O meu perfil
anoiteamericana@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Descafeinada porno (I)

Nada máis vérmonos os percorridos e as instruccións de regata quedounos claro que esta edición da Rías Altas ía ser descafeinada. Porno non, mais leín en algures que se algo leva a palabra “porno” ten máis audiencia... así que ...

Ben, de todas as etapas tradicionais desta proba, só deixaron nesta edición a subida a Cedeira; o resto despacháronno cuns paseiños pola Ría de Ares e a da Coruña. Podes creelo?

Supoño que neste plantexamento pesou moito a dichosa crise e a decisión de detraer parte do presuposto da proba para financiar a asistencia de equipos punteiros como o “Vizcaia-Maitena” ou o “Deputación de Ourense” (un rapidísimo Farr 45 e un First 40 respectivamente).

Dentro da nosa categoría tíñamos como rivais directos os dous Farr da Armada: o “Mirfak” e o “Etea” ;e,por suposto, o “Vizcaia”. Contodo só nos deron a lata nas dúas etapas interiores da Ría de Ares , polo demáis todas elas caprichosas no tocante ó vento con seguidos roles e unha intensidade que en nengún caso superou os 19 nós.

Así as cousas encarábamos a penúltima etapa (a subida a Cedeira) con certa tranquilidade e confiados na nosa capacidade para mantelos na popa.

A saída , que estaba prevista na altura do dique do Porto de Ares , tivo que ir movéndose cara a bocana da Ría por mor da case total ausencia de vento , que se palíou un chisquiño cos 8 nós que tivemos á hora do bocinazo de partida.

En estas condicións de vento, que se ían manter ó longo da xornada, os verdadeiros beneficiados eran os máis lixeiros, esto é: os dous Farr e o “Ourense” que en boa lóxica optaron por un bordo pegado a terra a fin de aproveitar os ventos terrais que nesta época do ano suelen ser habituais nesta zona.

Nos necesitábamos máis presión e o noso táctico decidíu que nos viría ben un bordo ó NW ,para ,a altura da boia de recalada en Cedeira, virar cara ó E e entrar con potencia na Ría recuperando así o terreo perdido no bordo de fora.

Por si acaso, un de nos non deixaba de lado os prismáticos e de cando en vez ía tomando marcacións do grupiño de terra , non fora a ser o demo...

Neste grupo mandaba claramente o “Vizcaia”, seguido do “Ourense” e remontando con autoridade o “Riás”. Un pouco máis descolgados inexplicablemente, os dous da Armada: O “Mirfak” e o “Etea”.

As previsións do táctico non ían descamiñadas e efectivamente había presión de vento afora... mais non abondo como para darmonos unha ventaxa suficiente.

Cando xa debíamos ter a boia de recalada ó noso través abrimos rumbo e velas para baixar na súa demanda. Tíñamos a esperanza que ese pouco máis de presión e a nosa propia inercia xeneraría o suficiente vento aparente para dàrmonos ese empuxe que necesitabamos e non permitir que o “Vizcaia” nos adiantase na virada.

No grupo de terra só unha posición seguía inalterada: a do primeiro. Por detrás turnábanse o Riás e o “Ourense” na segunda e na terceira posición.

As noticias que nos daba o noso vixía do grupo de terra non eran nada alentadoras. Pouco a pouco íamos vendo como aceleraban sen cesar mentres que nos estabamos metidos nun sinfín de roles que non acababan de poñer claro o rumbo que debíamos seguir mentres non deixábamos de trimar todo o trapo en aras de non perder nen unha brizna do ,cada vez máis escaso, vento.

Mentres O “Vizcaia”, o “Ourense” e o “Riás” viraban xa a boia de recalada e enfilaban a bocana da Ría de Cedeira cara a meta colocada na punta do dique e a baliza das Pedras de Media Mar que sinala uns perigosos baixos cara ó SW.

Nos veíamos como se escapaba a victoria ;cando o noso táctico indica que parece haber máis presión xusto no lado SW da líña de meta. Loitaríamos ata o bocinazo final, estaba claro para todos.

O patrón consulta co navegante sobre a posibilidade de pegarse á baliza, a pesares dos baixos, co fin de aproveitar esa creciente presión para recuperar parte do terreo perdido e loitar ata o fin por unha victoria “in extremis”.

Xa non houbo necesidade de agardar a resposta. Estabamos abrindo rumbo cara a baliza e notabamos o acelerón. Ainda había posibilidades...
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-02-2010 17:06
# Ligazón permanente a este artigo
Un moderno no arcén (e IV)





Ata as oito non ía abrir a caseta de inscripcións. Faltaba ainda media hora e xa tiven serias dificultades para aparcar a miña Volusia nas cercanías. Por non falar da inmensa cola dos que queríamos sermonos os primeiros en inscribirnos.

Nas cercanías xa había xente montando as primeiras tendas de campaña e a cousa , ainda que este ano por mor dun pelotazo urbanístico o Val das almas onde se asentaba a Concentración sufríu un bocado na súa superficie, prometía encherse xa neste primeiro día da festa moteira.

Ás oito en punto , sen demora a cola escomezou a moverse e avanzar a bon ritmo. Antes de que me dera tempo a buscar a ninguén dos compañeiros que viñan en camiño xa estaba na porta da caseta.

Xusto cando ía entrar para iniciar os trámites vin pasar unha Fazer cunha silueta no asiento do copiloto que me resultou familiar. Seguinos coa mirada e ó aparcaren xa vin que non estaba trabucado. Os primeiros pelegríns do Norte eran chegados.


Deixei o meu sitio na cola e achegueime a xunto deles. Antes de que tivera tempo a quitar o casco xa estaba eu dándolle unhas palmetadas na cachola de Puchi, mentres a súa copilota escachaba de risa e Xavier aparcaba tamén ó noso carón.


Saudos, crónica rápida da viaxe (a deles pola Ruta da Prata) e volta de novo para a cola. Por eles entereime de que Tino e Abel chegarían ó día seguinte e de que Gloria , Kike e Kike Jr. Xa estaban coa acampados nunha esquina da nova zona de acampada que tiveron que habilitar para compensar a falta de espazo deste ano.

Unha vez inscritos, en ben pouco tempo, por certo, xa que a eficiencia da organización seguía sendo a norma, fumos en santa compaña ata achegármonos a onde estaba o campamento base dos “Artabros ”. Alí xa Kike montara a súa tenda-chalet e alí empezaron, mellor dito empezamos a montar o resto do campamento.

A zona notábase que non tiña a rodaxe dos anos anteriores. O chao estaba cheo de raices de piñeiros , había moita area das dunas cercanas e o solpor estaba xa enriba co cal teríamos que darnos presa ou ficaríamos sen luz.

Eu, dada a falta de experiencia de Xavier nesto do “camping”, apresteime a botarlle unha man coa montaxe da súa minúscula tenda monopraza. E menos mal que andibemos listos, porque se non collíanos a noite e non habería quen lle dera traza ó asunto.

Mentres, Kike e Puchi estaban facendo o propio con Mario, que tamén viña de estrea.

No tocante á concentración propiamente dita compre dicir que non tiña que ver moito coa do ano pasado. Máis xente , en menos sitio e unha organización que se notaba que non lle tiña tan ben collido o punto ó lugar ó contrario que no 2008 que xa levaba anos de rodaxe no mesmo sitio.

Eu, como ficaba a vinte minutos de Faro ía e viña da concentración. Aproveitaba a tardiña para pasala na praia de Quarteira ou ben na piscina do hotel, onde ó final se uniron a maioría dos artabros acampados para tratar de escapar dos 44º C. que chegou a marcar o termómetro a tarde do venres ; e achegándonos á hora dos conciertos e xa na fresca (con só 30ºC) desfilábamos camiño do mogollón. Todos uniformadiños coa camiseta do motoclube (deseño de Puchi, ben bonito por certo) e o que máis e o que menos co casco aberto, gafas de sol, unhas bermudas e abondaba. É que encima o aire que recibíamos ó rodar era quente e non había quen soportase máis roupa encima.

Eso á ida, que ainda facía soliño. O problema era á volta. Verás:

Son consciente de que unha “amoto” como a Volusia exixe uns sacrificios de imaxe que non podes esquecer , esto é: un “look” acorde ó da moto , polo cal non me apeaba das miñas gafas “Wayfarer” porque ,claro, para seres guapo tes que sofrir.

E á ida cara Faro, ainda ,ainda...; mais á volta (ó redor das tres da mañá) maldita a gracia que me facía sair da concentración todo retrachero e moderno na miña Volusia coas “Wayfarer” calzadas , pero sen ver un pemento. Eso sí, como moito en 2ª, por mor de non levarme a ninguén por diante.

Aguanto ata deixar atrás a concentración, paro, colgo as gafiñas na camiseta e tiraba para Quarteira.

Eso en teoría.Ò empezar a darlle algo de caña pola autovía noto como se un paxaro me pasara rozando a cara e me golpeara no casco... pero ,claro un paxaro pola noite non tiña moito senso.

Boto man ó meu peito para ver se por un acaso foran as “Wayfarer”, e Oh, desjrasia!!! Sairan voando do meu cuello!!

Freno en seco, baixo da moto e dispóñome a voltar atrás a pe para per se coa luz dos coches as atopaba.

Nada. Seguro que foran parar á calzada e un coche as machacara...; pero non me dou por vencido e co meu móvil a modo de linterna volvo à búsqueda mentres me vou encomendando a Santo Antoniño de Lisboa... E apareceron!. Enteiras e todo.

Como resumo, só direiche que as actuacións ó longo dos tres días propiamente ditos non defraudaron: Loquillo, Europe (sí os míticos suecos), e un coro Gospel , así como o grande espectáculo que conformábamos os asistentes cada un de seu pai e súa nai. Á volta parada en Lisboa de toda a tropa artabra con cea incluida na Trinidade e un dixestivo no Pavellao Chinés.
Ata o ano que ven!
Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-12-2009 18:47
# Ligazón permanente a este artigo
Intermedio
Pola liberdade :

MANIFESTO EN DEFENSA DOS DEREITOS FUNDAMENTAIS EN INTERNET:

"Ante a inclusión no anteproxecto de lei sobre a economía sustentábel das modificacións lexislativas que afectan o libre exercicio das liberdades de expresión, de información e o dereito de acceso á cultura a través de Internet, os xornalistas, blogueiros, usuarios, profesionais e creadores de Internet manifestamos a nosa firme oposición ao proxecto, e declaramos que ...

1 .- Os dereitos de autor non poden estar por riba dos dereitos fundamentais dos cidadáns, incluíndo o dereito á privacidade, a seguridade, a presunción de inocencia, á tutela xurisdicional efectiva e a liberdade de expresión.

2 .- A suspensión dos dereitos fundamentais é, e debe seguir sendo, unha competencia exclusiva do Poder Xudicial. Nin un peche sen unha sentenza. Este anteproxecto, ao contrario do disposto no artigo 20.5 da Constitución Española, pon en mans dun corpo non xudicial, un organismo dependente do Ministerio de Cultura español, a potestade de poder impedir o acceso dos cidadáns españois a calquera páxina web.

3 .- A nova normativa vai xerar inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico estatal, perxudicando unha das poucas áreas de desenvolvemento e futuro da economía española e dos países integrantes do Estado, dificultando a creación de empresas, introducindo barreiras á libre competencia, e trabando a súa expansión internacional.

4 .- A nova lexislación proposta ameaza aos novos creadores e dificulta a creación cultural. Coa Internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratízase drasticamente a creación e emisión de todo tipo de contidos que xa non veñen principalmente das tradicionais industria culturais, se non de moitas fontes distintas.

5 .- Os autores, como todos os traballadores teñen dereito a vivir do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades relacionadas coas súas creacións. Tentar de soster con modificacións lexislativas unha industria anticuada que non sabe adaptarse a ese novo ambiente non é xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio se basea no control das copias dos traballos e na Internet non é posíbel sen violar os dereitos fundamentais, terán que atopar un outro modelo.

6 .- Cremos que as industrias culturais precisan para sobrevivir de alternativas modernas, eficaces, credíveles, accesíbeis e que atendan os novos usos sociais, en vez de limitacións tan desproporcionadas coma ineficaces para o fin que afirman perseguir.

7 .- Internet debe funcionar libremente e sen interferencias políticas patrocinadas por grupos que buscan perpetuar modelos de negocio obsoletos e impedir que o coñecemento humano siga sendo libre.

8 .- Demandamos que o Goberno español asegure por lei a neutralidade da rede no Estado, ante calquera presión que poda ocorrer, como un marco para o desenvolvemento dunha economía realista e sustentábel para o futuro.

9 .- Propoñemos unha reforma real dos dereitos de propiedade intelectual co fin de: retornar á sociedade o coñecemento, impulsar o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.

10 .- Nunha democracia as leis e as súas modificacións deben ser aprobadas despois do debido debate público e de ter consultadas todas as partes implicadas. É inaceptable que se fagan modificacións lexislativas que afectan ós dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que trata doutro tema".

Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-12-2009 11:43
# Ligazón permanente a este artigo
Un moderno no arcén (III)





Tomeime tres “bicas cheias” que , para o meu saber e entender , habían de manterme desperto ata chegar ó Algarve.
Alomenos eso pensaba. Mais , cando pola popa da miña Volusia xa ían quedando atras as últimas casiñas de Setúbal, notaba como os ollos se me pechaban sen remedio. Abrín o casco para que o vento de viaxe me despexara; pero a estas alturas da mañá (dez horas, hora local) a temperatura que marcaba o termómetro do meu manillar xa riscaba os 35º e o ar que me aloumiñaba a cara era como o que percibes ó abrires a porta dun forno de panadeiro.
Optei por tirar un pouquiño máis ata atopar unha gasolineira. Alí pensaba encher o depósito da moto, refrescarme,... e xa veríamos.
Quedaba pouco para Grándola, e como queira que ainda tiña gasolina abondo decidín coller unha botella de auga fría para botarme pola cabeza e así , xa máis esperto, seguir ata a Vila Morena.
Non che eran moitos Kms. , mais fixéronseme eternos.
Xa estaba chegando e decidín parar na área de servizo que tes xusto na entrada. Non podía máis. Aparquei á sombriña dunha “azinhiera”, quitei o casquiño e tumbeime na herba ó carón da Volusia. O xusto para recuperarme un pouco, pensei.
Sí, foi só un "pouco" de caseque tres horas!
É curioso, pero mira ti que na miña primeira viaxe ó Algarve na vella Yamaha XJ tamén paráramos a xantar en Grándola , e agora ,algúns anos despois, e dada a hora que era, pensei que podería aproveitar e ver se ainda existía o Restaurante “A Lanterna” ,onde tan ben xantaramos aquel grupo de tolos aventureiros que saíran a lombo de cinco motos camiño de Andorra unha Semana Santa; e acabaran cruzando o Estreito rumbo ó Norte de Africa e voltando cara á cidade de partida pola Ruta da Prata.
Aquí me tes, dazaoito anos despois, disfrutando do ar acondicionado e dun bo menú na “Lanterna”.
Supoño que este é un deses círculos máxicos que de vez en cando pechas ó longo da vida.
Érache outra cousa. Agora , xa descansadiño e ben alimentado podía seguer ruta cara o Sur.
Non queiras saber a temperatura ambiente.
Menos mal que xa restaban ben poucos kms. , que se non compría alongar a sobremesa e agardar a que baixara un pouco a calor, pero bueno, xa estaba de novo “on the road”.
Este último tramo da ruta foiche ben rapidiño. Supoño que influía a necesidade de manter un fluxo de ar na cara para mitigar un chisco a temperatura e en parte as ganas dunha ducha. O caso é que vinme na entrada de Faro antes de que abriran a oficina de inscripcións da Concentración; así que encamiñei o meu rumbo cara a Quarteira, onde tería a miña base , nun hoteliño con piscina.
Non queiras ver como e canto creceu e cambiou Quarteira desde aquela na que estiveramos ti e máis eu por aquí. Estaba ,agora todo cheo de edificios, rúas, xardíns … perfectamente urbanizado e non recoñecible.
Claro, pasaran moitos anos, a vila crecera en relación inversa ó que o fixera o meu pelo ,e ainda que confiaba en dar pronto co hotel; precisei de varias voltiñas e preguntar a unha amble aborixen para chegar a él.
Ah!, da igual que sexa en terra como no mar. Canto se agradece unha ducha , e xa postos, un chapuzón na piscina que había ó pe do piñeiriño onde se enclavaba o hotel.
Sonche un home novo.
Agora xa podía dirixirme á Concentración onde ,esa era outra, a ver como carallo ía dar cos compañeiros da Coruña, de Pontevedra e de Vigo que estarían a punto de chegar ; e cos que quedara...

Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-11-2009 15:18
# Ligazón permanente a este artigo
Un moderno no arcén (II)




Estabache de non. Verás:
Acababa de aparcar a miña Volusia (xa che contei o cómoda que é para viaxes longos? È como viaxar nun sofá!); pero bueno, ó que ía. Estaba descabalgando cando ollei para a Casa Adelia e mosqueoume un chisco ver que non estaba a habitual parrilla diante do local , onde preparan o peixe grellado, pero según me ía achegando á porta para reservar mesa xa vin todo apagado e na porta un letreiro de pechado por descanso toda a semán!.
Manda carallo con esta xente. En plena tempada alta collen unha semán de vacacións e tan panchos.
Bueno, xa me buscaría a cea despois.Agora necesitaba unha ducha e quitar canto antes a roupa de moto ,que protexer protexe; mais é unha auténtica sauna con estes 35ºde calor.
A segunda no hotel. Aquí tamén estaban de non. Resulta que o amable recepcionista xuraba e perxuraba que non recibira nengún e-mail coa miña reserva.
Home, ben é certo que non recibín confirmación, pero como nunca tivera problemas confieime.
E agora aquí me tes. Composto sen cea e sen cama.
Ponte ti , en plena tempada alta a buscar aloxamento en Nazaré!!.
Mentres a miña temperatura ía en aumento e renegaba unha e mil veces do Hotel Miramar, entrei nunha xeladería a pe de praia para arrefriar a cachola e pensar unha solución. Alí decateime de que metera na chaqueta a funda do móvil... vacía.
Mentres me estaba cagando no ciberespacio, na tecnoloxía GSM e na miña cabeciña tola , ocurríuseme pedir a guía de teléfonos e buscar o número da Pensao do Barrio Alto que suelo frecuentar nas miñas descubertas por Lisboa.
Cargueime de cambio e encamiñeime cara a caravana de Portugal Telecom que sempre poñen nas zonas de praia nestes meses, para os , que coma min , renegan do telemóvel (sobre todo cando esquecen o terminal na casa).
Xa tiña habitación. Sí, eran uns cuantos Km. Máis , pero polo menos podería durmir a cuberto, e ainda me daría unha homaxe na Pastelaría Suiça.
Era a primeira vez que entraba coa miña Volusia pola Avda. Da Liberdade, e a sensación non podía ser mellor. A estas alturas da tarde-noite a temperatura xa baixara a uns cómodos 28º e a comodidade de moverte por Lisboa onde todo o mundo che deixa paso ó ir en moto, é maravillosa.Xusto como a primeira vez que entrei nesta cidade ,tamén en moto , nunha XJ600.
Deixei a Volusia no Parking de Restauradores e, no elevador da Gloria, subín ata Don Pedro V para tomar posesión do meu cuarto na pensao.
Ainda que a temperatura baixara , e ainda que xa estaba vestido de persoa e limpiño , os 28º e a humidade do río facían o seu traballo . Acababa de baixar da recepción e xa estaba sudando.
Encamiñeime ó “Casa Fartabrutos” aquí pertiño, sen sair do Barrio Alto e como queira que con este calor e sen ar acondicionado no cuarto ía ser difícil durmir , ainda tomei o postre e un dixestivo no Pavillao Chines (nunca debes pedir postre no Fartabrutos, porque é ahí onde che van meter o clavo.Non o esquezas!)
Mañá pensaba sair cediño para evitar o calor e non cumplía estirar moito a sobremesa .Ás doce e media (hora local) xa estaba na cama tentando durmir, cousa complicada dado o calor que facía e os ruidos que entraban dos que estaban de marcha polo Barrio. Pero, bueno, ainda fun quen de botar unha soneadiña ata eso das cinco da mañá (máis ou menos) , hora na que espertei co son da percusión dun concerto en directo.
Pechei a xanela, pero era imposible aguantar coa calor. Abrín de novo e a música impedíame reenganchar.
Vista a situación, decidín erguerme e sair á rúa na procura da orixe da música. Baixei por Diario de Noticias seguindo o son e tropezando cos que estaban finalizando a noite, logo despisteime por Atalaia, mais non lograba dar coa fonte . O caso é que estaba ben perto, pero non localizaba o local onde se estaba a celebrar o concerto.
Mentres , a luz do día xa clarexaba as rúas ó tempo que escurecía as mentes dos que buscaban un “afterhours” no que celebrar a derradeira eucaristía da noite.
Eu seguía por Atalaia con Auga da Flor ata que se me ocurríu ollar para o ceo. Sí, amiguiños, o concerto, “jam-session” ou o que carallo fora, estaba a celebrarse nun piso. E alí , xusto na esquina de Atalaia con Auga da Flor estaba un rebumbio de xente nunha terraza e dende a rúa oíase con nitidez a música que me desvelou.
Agora o caso era dar co portal por onde poder acceder ó show. Din varias voltas á mazá ata que vin sair dunha casa a varias persoas con vasos de plástico e pinta de modernos. Non me cortei un pelo. Pregunteille a un deles, confirmoume o portal e deume a clave da entrada: “Son amigo do Rui”.
Para dentro fun. Pensei que ó achegarme á porta do piso alguén me pararía, pero era tal o desfase da audiencia que entrei sen alardear da miña amizade co Rui na festa que se celebraba na terraza e no salón da casa.
O caso é que a un moderno coma min non se lle ía escapar unha festa deste calibre en pleno Barrio Alto.E aquí me tes , moito máis fresquiño que o resto do persoal e disfrutando cos aboríxenes coma un máis.
O que aconteceu na festa, contareicho en privado; e a eso das oito,xa día clariño, cando remataron os músicos, a xente escomenzou a retirada, e eu voltei á realidade mentres baixaba ó Rossío para enlazar un “cafeçinho” detrás de outro e así poder aguantar sobre a Volusia camiño do Sur.


To be continued
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-11-2009 20:19
# Ligazón permanente a este artigo
Un moderno no arcén (I)




Aquí me tes, de novo cara abaixo. Esta vez por terra abordo da miña Volusia.
A ver se un día destes baixo ó Algarve en avión para completar a triloxía: Por terra, mar e aire.
Ía camiño do Val das Almas en Faro para a concentración anual; pero esta vez con menos espacio por mor dun pelotazo urbanístico que arrancou unhas dentelladas ó bosque onde tantos anos se celebrou a concentración.
Ainda que nun principio a viaxe ía ser en compañía, ó final vou de ruta soiño, xa que Texas María e Carliños ,que ían acompañarme, causaron baixa no último momento por problemas médicos.
Por tanto, o meu plantexamento ruteiro non podía ser máis conservador: Devagariño pola A-1 ata Marinha Grande, desvío a Nazaré e parada e fonda cunha cea homenaxe na Adega de Adelia.
Levaba xa uns cuantos kms. ó lombo e empecei a pensar no que sempre di o meu padriño moteiro Sir Henry , que unha radio nunha moto non é de “pijos”(eu sempre sostiven a opinión contraria). A estas alturas do día, e co aumento da temperatura do aire que entraba no casco e ía cocéndome, non me viría mal algo de música para amenizar a viaxe.
O termómetro da miña Volusia non baixaba dos trinta grados , o cal quería dicir que coa moto parada podería estar a cousa nuns trintaecinco fácilmente. E mentres debullaba nestas e noutras andrómenas vexo por detrás do camión que ababa de adiantar como se ía afastando o desvío de Marinha Grande que debería ter tomado. “Cagontoooo!”
Empecei a cabilar como arranxalo e cheguei á conclusión de que un pouco máis adiante había outro que me daba un pouco de volta por Batalha, pero polo que podía chegar a Nazaré. Aló fun.
Non me digas onde metín o cazo.
Supoño que por mor do cansancio xa non tiña a cabeza moi centrada, e rematei nunha estradiña chea de baches e estreita que non me soaba de nada.
“Malo será que non me leve a algures coñecido e dende alí xa me orientarei.”
E, carallo se me levou!
Acabei nunha enorme explanada rodeada de diversos supermercados católicos onde podías mercar todo tipo de indulxencias, velas, estampiñas e demáis achifánfanos que garantían a túa entrada no ceo por autovía de seis carrís.
Pero eso non che era todo. Aló ó fondo vin unha enorme manada de monxas e cregos que , ou moito me trabucaba ou, se dirixían cara a min en estampida!!
Mentres daba a volta á miña querida (e pesada:215kg) Volusia ainda me pareceu ver ó seu fronte a Paco Clavell... ou, vaites, non sería Rouco?
Non che estaba como para agardar e comprobalo. Din gas buscando unha saída e cando vin o letreiro de Batalha apreteille a orella a xeito.
Oes, queres creer que ten un “reprisse” esta moto... que para ser unha “custom”...
Unha vez en Batalha xa non estaba en territorio comanche e dende alí por Alcobaça xa deseguidiña estaría en Nazaré ainda con tempo para darme un bañiño na praia.

(To be continued)
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-10-2009 19:31
# Ligazón permanente a este artigo
Aló ó pe de Lagos
Xa vos vale.
Un toma unas semáns de asueto despois dun intenso, e triunfante, verán no eido deportivo e non contentos con poñerme a parir en privado, mediante “emails” e mensaxes ó móvil, onde o máis bonito que me decíades era: “vago”; agora encima queredes avergoñarme públicamente diante destes amables e desocupados señores que nos leen.
E ainda por riba vai comentalo alguén que habitualmente lee esta páxina e nunca deixa nada en público...
En fin , vou comezar por onde vos deixei onte ( e que Frai Luís de León me perdoe).
Embarcamos no “María Visitación” un Benneteau Oceanis 39 que tíñamos que levar ata Lagos aló en baixo no Algarve.
O barco levámolo dende Camariñas.O seu dono quería pasar as súas vacacións no Algarve e non podía perder tempo no transporte.
Nun principio o encargo recibírao Xurxo e María , quenes con moi bo criterio pensaron en Fuco, Manolo e eu para completar a tripulación .
O barco, xa o seu nome o di todo: “María Visitación”, é un cruceiro, cruceiro.
Esto é: Nengunha concesión á maniobra ou á rapidez de navegación, e todas ó confort interior e exterior.
A bañeira en vez de estar libre e despexada para facilitar o movimento por ela da tripulación , estaba presidida por unha mesa con neveriña de xeo para as comelladas fondeados ; e o carro da maior fora trasladado ó teito da cabina por mor de non estorbar á comodidade dos invitados.
O interior ía en consonancia: Por ter, ata había unha enorme pantalla de plasma no salón e no baño privado do armador unha ducha de hidromasaxe... tonterías de “pijo”.
Esto, queiras que non, era un novo concepto de navegación para min.
A vida a bordo durante a travesía foi extremadamente cómoda e con amplitude inusitada . Pola contra á hora das escasas maniobras que tivemos por mor da falta de vento, evidenciábase a falta de ergonomía da bañeira e da disposición dos “winches” e demáis aparellos que quedaban nun plano secundario fronte as concesións ó luxo e ós invitados.
E ainda por riba de pesado , era lento, lento.
Pero bueno, o vento tampouco nos deu moitas alegrías; e fixemos a motor a maior parte do percorrido ata Cascais, onde paramos a facer gasoil , e onde por fin poidemos probar o (moi escaso) potencial da lencería da que dispoñíamos: Unha maior enrollable e sen sables, e un xénova tamén enrollable.
Como ves un barco feito para correr...(??)
Despois da parada da repostaxe e da carga de auga doce , demos rumbo en demanda de Cabo Espichel , vendo como segundo nos íamos afastando da enseada de Cascais ía caendo de novo o vento , botando man do motor.
Por máis que ollábamos para o anemómetro de vento real a cousa non pasaba dos catro nós no mellor dos casos.
Así seguimos ata caseque a altura de Punta Arrifana onde reaxustamos o rumbo a un 200º para darlle un resgardo suficiente ó Cabo San Vicente que nos agardaba unhas vinte millas máis abaixo .
Por entre a bruma albiscábamos xa o promontorio do Cabo; e de non haber problemas poderíamos estar entrando na Mariña de Lagos á noitiña.
Cando viramos San Vicente ó noso estribor disfrutamos dun solpor deses que parecen feitos co “photoshop” , e caseque ó tempo entrou unha brisa de vento terral que nos permitíu de novo izar (mellor dito desenrolar) o trapo e aumentar un chisco de velocidade.
Tíñamos gañas de chegar ,e eu, xa me permitira chamar á Adega da Marinha para reservar unha mesa en previsión de que nos quedáramos sen cea quente.
Ás nove (hora local) estabamos xa amarrados no pantalán da nova e lustrosa Mariña de Lagos, co cal nunha hora estaríamos ceando en terra. Sí, era unha hora imprudente para tentar cear nun país europeo; pero como queira que xa avisara, non houbo problemas.
Lagos seguía igualiño que sempre na parte vella. Pola contra os arredores enchéranse de edificios de apartamentos e unha enorme e coidade mariña ocupaba toda a banda de beiramar da estrada principal da cidade dándolle un novo pulo e vida á esa zona.
Como o Algarve é vello coñecido para min , e moito máis Lagos, permitínme facer de cicerone ata que o cansancio poido máis e a eso das tres da mañá encamiñei os meus pes cara o barco xunto con Fuco , mentres o resto da tripulación daban boa conta duns dixestivos (noutro lares chámanlle:”gin-tonics”) nun dos baretos a rebosar na parte vella da cidade pertiño do Mercado de Escravos.
Ó fin e ó cabo ,eu en poucos días estaría de volta no Algarve ainda que esta vez a bordo da miña resucitada Volusia.
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-09-2009 16:50
# Ligazón permanente a este artigo
Senvergoña
Di un bo amigo meu e compañeiro na tripulación do Hansa ,que non ten perdón por non actualizar en tempo e forma a súa páxina (sí, él tamén ten a súa paxina , neste caso de surf)...
Eu o que non che teño é moita vergoña.
Onte ó chegar a terra en vez de buscar un ciber para contarche a accidentada travesía, fumos a celebrar que estabamos todos vivos, e o barco máis ou menos enteiro.
Pero bueno, en poucas horas embarco cara o Algarve e agora non podo atenderte como ti te mereces.
Tereite ó corriente.
Segue atento/a a esta pantalla.

Piiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiii...
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-07-2009 14:39
# Ligazón permanente a este artigo
Dende o Quinto Pino (e V)





E deron as sete. Malo se non daban!

O resto da tarde pasaramolo cargando víveres , gasoleo e auga doce para o resto da travesía.

O novo fichaxe chegou puntual ,e xa na entrada deixounos ben clariño que él non era un tripulante máis.

Por suposto nin se molestou en botar unha man para axudar na estiva da comida, e despois na cea enseñou as súas cartas: Él non era “Marck” se non o Capitán Reedhood.

Visto o carid que tomaban as cousas para a segunda etapa ocurríuseme comentarlle ós meus colegas que ían listos co tal Marquiños.

Na miña cándida inocencia nin se me ocurrira pensar que o Capitán Reedhood soubera falar outra cousa que non fora inglés; pero mira ti por onde, sí que sabía.

Marquiños falaba portugués e entendíu á perfección o meu comentario.

Mentres eu tentaba distribuir a froita dunha caixa vin ó tipo que se viraba cara a min medio desencaixado e me botaba un chorreo (en perfecto portugués) sobre o respeto ós oficiais e a importancia da disciplina abordo.

Oes, queres creer que se me quitaron as gañas de continuar viaxe con eles?
Despois da cea , Marquiños saíu a cuberta encendeu un bo puro e serviuse un vasiño da petaca que levaba consigo. Nós mentres recollíamos todo e fregábamos os platos da cea.
Ó acabarmonos , saímos con intención de tomarlle o pulso a Horta, pero en vista do animada que estaba a noite acabamos contentándonos cuns cacharros no Café Sport que era ( de todo o que vimos) o garito máis animado da vila.

Alí deseguida fixemos migas cos da mesa a carón nosa que tamén ían cara Bahamas e nos puxeron ó corriente dunha tradición dos que andan por estas latitudes, verás:

Lembras os “graffities” que había no dique?, pois éche unha inmensa galería de arte ó aire libre con traballos das tripulacións que nun ou noutro senso cruzan o Atlántico.

Cada barco que fai escala aquí debe deixar a súa pegada cunha pintura alusiva ó seu destino, e o nome do barco .

Se así o fas, a túa travesía será placenteira e arrivarás ó porto de recalada sen novedade; se non Neptuno tomará venganza facéndoche pilladas como a de embarcarseche o Capitán Reedhood para ir tocando os melindres o resto da travesía.
Por si acaso, á mañá seguinte fun a unha das moitas tendas de efectos navais a procurar uns botes de pintura e uns pinceis para deixar a nosa obra no dique.
Ainda que a miña intención era a dunha bandeira galega enmarcada co nome do barco e a tripulación ; ó final tiven que calar , dado que como moi ben apontou Xulio e Anxo : dado que eu non completaba travesía non podía participar na obra.
Así que como alí non pintaba nada aluguei un coche para dar unha volta pola illa ata a saída do meu voo para Lisboa á noitiña.

Non che había moito que ver. A poboación máis grande era Horta ,e a paisaxe era unha sucesión de vales e conos volcánicos apagados . Había tamén algunha plantación de te, piñas e algún viñedo para facer o rico e caro viño de lava.

Ía sobrado de tempo e non me apetecía voltar tan cedo, así que parei o coche nunha praia desas de area negra e aproveitei para tumbarme un pouco ó sol .

Estaba tan tranquilo ata que notei esa sensación de que alguén esta a ollar para ti. Abro os ollos e dentre unhas rochas vin asomar unha cabeciña e pouco despois un corpo con pintiñas azuis. Era un dos lagartos típicos destas illas .

Estabamos os dous sos na praia e non lle din máis importancia , ata que ó cabo dun cachiño sentín como un “tap,tap,tap” sobre a area. De reollo para non asustar ó dono da praia, miro e era o lagartiño que viña a ver quen era ese bicho tan grande que invadira a súa propiedade.

Non se cortou un pelo. Achegouse máis ollando curioso ,e así estivemos un pedaciño, ata que ,supoño que canso do pouco xogo que lle daba este bicho tan grande, deu media volta e “tap,tap,tap” paseniño encamiñouse cara a rocha de onde saira en viaxe de exploración. Eu seguino coa vista e cando xa estaba sobre a rocha, mirou para min, fixo un aceño coa cabeza e soltoume:"Dalle recordos a Tucho o da Pena Nejra!!"

Sí, o mesmo pensei eu... o viño de lava e o sol non casan nada ben.

Ó chegar a Horta antes de devolver o coche ainda fun ata o dique para ver a nosa obra de arte.

Non era a miña bandeira galega, pero no seu lugar había unha do Depor cos nomes da tripulación, o do barco e un grande “Forza Depor”... (sen comentarios)

A hora de zarpar xa chegara. Fun ata o pantalán para despedirme e desexarlles bo vento e boa mar. Largueilles as amarras e encamiñeime cara o aeroporto da Srta. Pepis de Horta.

Dende aquí voo a Lisboa no que aproveito para toquear un chisco. Logo ben cargadiño de café collo “carretera” e manta rumbo Norte .
Ainda paro nunha área de servizo para botar un soniño e así chegar algo máis fresco, dado que ó día seguinte ía ser agraciado cun maravilloso día de curro.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-06-2009 20:47
# Ligazón permanente a este artigo
Dende o Quinto Pino (IV)





Acabamos de amarrar nunha das dúas enormes mariñas de Horta, e mentres Mr. Magoo vai cos papeis do barco á oficina do Náutico a rexistrarmonos, o resto aproveitamos o tempo para facer unha primeira carga de auga doce, arranchar a maniobra e separar ben a roupa sucia para levala máis tarde á lavandería.
A miña primeira impresión da cidade non difire moito de calqueira vila mariñeira dalgunha das Canarias.
Poucas casiñas salpicadas pola ladeira dun volcán apagado, vellos edificios abandonados evidencia dun rico pasado colonial non moi lonxano; e un grande porto comercial que é continuidade ás dúas mariñas cheas a rebosar de persoal que cruza cara un ou outro lado o Atlántico. Unha romería,vamos.
E aló o fondo na parede do dique un enorme “graffiti” que desde aquí non son quen de alviscar con claridade.
A cita co meu relevo, unha vez cumplidas as formalidades coa GNR, era, claro é , no Café de Peter. Alí o que primeiro chegara debía deixar recado e o xeito de contactar.
E, a primeira na fronte. Mentres avanzábamos polo paseo que da ós pantaláns preguntamoslle a un aborixen de historiado mostacho polo Café de marras, e, cun sorriso retranqueiro, nos informa de que o Café de Peter non existe. Na realidade chámase Café Sport (e polas indicacións que nos dou xa pasaramos por él facía un anaco no noso animado paseo de exploración).
Voltamos atrás e ó entrar nel xa percibimos o ambente mariñeiro de anos e anos.As paredes cheas de fotos de vellos baleeiros da illa e modernos “iatistas” da talla de Tamberlay con foto adicada. Ó fondo había un panel que facía as veces de tablón de anuncios e alí había xa un aviso para o “Rohna” co nome do tipo Mark Reedhood e un tfno. de contacto.
Xa desde alí, mentres tomabamos un refrixerio, chamamos a Mr. Reedhood e ás sete (hora local) achegaríase ó barco para coñecermonos.
Eu, mentres non puiden por menos que indagar de onde carallo viña o de Café de Peter, e esta érache a historia do Peter:
Cando se empezaron a tirar cables submariños para a comunicación telefónica Europa-América, as empresas (na súa maioría alemáns e inglesas) que se encargaban da tarefa fixeron base tamén aquí en Horta. Os barcos cableiros abastecíanse aquí de material que almacenaban edificios que á súa vez albergaban instalacións repetidoras ,e que hoxendía co avance das comunicacións por satélite, ficaron abandonados a finais do século pasado.
Andando os anos 60 o fillo dun oficial dun dos cableiros alemáns que tiña base en Horta , e que atendía ó nome de Peter tiña un enorme parecido co fillo do dono do Sport. E (alomenos así mo contaron) a xente empezou a chamarlle ó Café Sport o Café de Peter... e así chegou ata hoxe.
Non sei que terá de certo o conto que che me contou o parroquiano, pero o que sí che podo dicir é que moitas das empresas de charter , de efectos navais e de aluguer de barcos para avistamento de baleas que podes atopar por toda Horta teñen nomes de inequívoco orixe ario ou saxón.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-06-2009 19:19
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [3] [4] [5] 6 [7] [8] [9] ... [17]
© by Abertal