Contos do País do Solpor



O meu perfil
anoiteamericana@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Dende o Quinto Pino (e V)





E deron as sete. Malo se non daban!

O resto da tarde pasaramolo cargando víveres , gasoleo e auga doce para o resto da travesía.

O novo fichaxe chegou puntual ,e xa na entrada deixounos ben clariño que él non era un tripulante máis.

Por suposto nin se molestou en botar unha man para axudar na estiva da comida, e despois na cea enseñou as súas cartas: Él non era “Marck” se non o Capitán Reedhood.

Visto o carid que tomaban as cousas para a segunda etapa ocurríuseme comentarlle ós meus colegas que ían listos co tal Marquiños.

Na miña cándida inocencia nin se me ocurrira pensar que o Capitán Reedhood soubera falar outra cousa que non fora inglés; pero mira ti por onde, sí que sabía.

Marquiños falaba portugués e entendíu á perfección o meu comentario.

Mentres eu tentaba distribuir a froita dunha caixa vin ó tipo que se viraba cara a min medio desencaixado e me botaba un chorreo (en perfecto portugués) sobre o respeto ós oficiais e a importancia da disciplina abordo.

Oes, queres creer que se me quitaron as gañas de continuar viaxe con eles?
Despois da cea , Marquiños saíu a cuberta encendeu un bo puro e serviuse un vasiño da petaca que levaba consigo. Nós mentres recollíamos todo e fregábamos os platos da cea.
Ó acabarmonos , saímos con intención de tomarlle o pulso a Horta, pero en vista do animada que estaba a noite acabamos contentándonos cuns cacharros no Café Sport que era ( de todo o que vimos) o garito máis animado da vila.

Alí deseguida fixemos migas cos da mesa a carón nosa que tamén ían cara Bahamas e nos puxeron ó corriente dunha tradición dos que andan por estas latitudes, verás:

Lembras os “graffities” que había no dique?, pois éche unha inmensa galería de arte ó aire libre con traballos das tripulacións que nun ou noutro senso cruzan o Atlántico.

Cada barco que fai escala aquí debe deixar a súa pegada cunha pintura alusiva ó seu destino, e o nome do barco .

Se así o fas, a túa travesía será placenteira e arrivarás ó porto de recalada sen novedade; se non Neptuno tomará venganza facéndoche pilladas como a de embarcarseche o Capitán Reedhood para ir tocando os melindres o resto da travesía.
Por si acaso, á mañá seguinte fun a unha das moitas tendas de efectos navais a procurar uns botes de pintura e uns pinceis para deixar a nosa obra no dique.
Ainda que a miña intención era a dunha bandeira galega enmarcada co nome do barco e a tripulación ; ó final tiven que calar , dado que como moi ben apontou Xulio e Anxo : dado que eu non completaba travesía non podía participar na obra.
Así que como alí non pintaba nada aluguei un coche para dar unha volta pola illa ata a saída do meu voo para Lisboa á noitiña.

Non che había moito que ver. A poboación máis grande era Horta ,e a paisaxe era unha sucesión de vales e conos volcánicos apagados . Había tamén algunha plantación de te, piñas e algún viñedo para facer o rico e caro viño de lava.

Ía sobrado de tempo e non me apetecía voltar tan cedo, así que parei o coche nunha praia desas de area negra e aproveitei para tumbarme un pouco ó sol .

Estaba tan tranquilo ata que notei esa sensación de que alguén esta a ollar para ti. Abro os ollos e dentre unhas rochas vin asomar unha cabeciña e pouco despois un corpo con pintiñas azuis. Era un dos lagartos típicos destas illas .

Estabamos os dous sos na praia e non lle din máis importancia , ata que ó cabo dun cachiño sentín como un “tap,tap,tap” sobre a area. De reollo para non asustar ó dono da praia, miro e era o lagartiño que viña a ver quen era ese bicho tan grande que invadira a súa propiedade.

Non se cortou un pelo. Achegouse máis ollando curioso ,e así estivemos un pedaciño, ata que ,supoño que canso do pouco xogo que lle daba este bicho tan grande, deu media volta e “tap,tap,tap” paseniño encamiñouse cara a rocha de onde saira en viaxe de exploración. Eu seguino coa vista e cando xa estaba sobre a rocha, mirou para min, fixo un aceño coa cabeza e soltoume:"Dalle recordos a Tucho o da Pena Nejra!!"

Sí, o mesmo pensei eu... o viño de lava e o sol non casan nada ben.

Ó chegar a Horta antes de devolver o coche ainda fun ata o dique para ver a nosa obra de arte.

Non era a miña bandeira galega, pero no seu lugar había unha do Depor cos nomes da tripulación, o do barco e un grande “Forza Depor”... (sen comentarios)

A hora de zarpar xa chegara. Fun ata o pantalán para despedirme e desexarlles bo vento e boa mar. Largueilles as amarras e encamiñeime cara o aeroporto da Srta. Pepis de Horta.

Dende aquí voo a Lisboa no que aproveito para toquear un chisco. Logo ben cargadiño de café collo “carretera” e manta rumbo Norte .
Ainda paro nunha área de servizo para botar un soniño e así chegar algo máis fresco, dado que ó día seguinte ía ser agraciado cun maravilloso día de curro.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-06-2009 20:47
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Dende o Quinto Pino (IV)





Acabamos de amarrar nunha das dúas enormes mariñas de Horta, e mentres Mr. Magoo vai cos papeis do barco á oficina do Náutico a rexistrarmonos, o resto aproveitamos o tempo para facer unha primeira carga de auga doce, arranchar a maniobra e separar ben a roupa sucia para levala máis tarde á lavandería.
A miña primeira impresión da cidade non difire moito de calqueira vila mariñeira dalgunha das Canarias.
Poucas casiñas salpicadas pola ladeira dun volcán apagado, vellos edificios abandonados evidencia dun rico pasado colonial non moi lonxano; e un grande porto comercial que é continuidade ás dúas mariñas cheas a rebosar de persoal que cruza cara un ou outro lado o Atlántico. Unha romería,vamos.
E aló o fondo na parede do dique un enorme “graffiti” que desde aquí non son quen de alviscar con claridade.
A cita co meu relevo, unha vez cumplidas as formalidades coa GNR, era, claro é , no Café de Peter. Alí o que primeiro chegara debía deixar recado e o xeito de contactar.
E, a primeira na fronte. Mentres avanzábamos polo paseo que da ós pantaláns preguntamoslle a un aborixen de historiado mostacho polo Café de marras, e, cun sorriso retranqueiro, nos informa de que o Café de Peter non existe. Na realidade chámase Café Sport (e polas indicacións que nos dou xa pasaramos por él facía un anaco no noso animado paseo de exploración).
Voltamos atrás e ó entrar nel xa percibimos o ambente mariñeiro de anos e anos.As paredes cheas de fotos de vellos baleeiros da illa e modernos “iatistas” da talla de Tamberlay con foto adicada. Ó fondo había un panel que facía as veces de tablón de anuncios e alí había xa un aviso para o “Rohna” co nome do tipo Mark Reedhood e un tfno. de contacto.
Xa desde alí, mentres tomabamos un refrixerio, chamamos a Mr. Reedhood e ás sete (hora local) achegaríase ó barco para coñecermonos.
Eu, mentres non puiden por menos que indagar de onde carallo viña o de Café de Peter, e esta érache a historia do Peter:
Cando se empezaron a tirar cables submariños para a comunicación telefónica Europa-América, as empresas (na súa maioría alemáns e inglesas) que se encargaban da tarefa fixeron base tamén aquí en Horta. Os barcos cableiros abastecíanse aquí de material que almacenaban edificios que á súa vez albergaban instalacións repetidoras ,e que hoxendía co avance das comunicacións por satélite, ficaron abandonados a finais do século pasado.
Andando os anos 60 o fillo dun oficial dun dos cableiros alemáns que tiña base en Horta , e que atendía ó nome de Peter tiña un enorme parecido co fillo do dono do Sport. E (alomenos así mo contaron) a xente empezou a chamarlle ó Café Sport o Café de Peter... e así chegou ata hoxe.
Non sei que terá de certo o conto que che me contou o parroquiano, pero o que sí che podo dicir é que moitas das empresas de charter , de efectos navais e de aluguer de barcos para avistamento de baleas que podes atopar por toda Horta teñen nomes de inequívoco orixe ario ou saxón.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-06-2009 19:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Dende o Quinto Pino (III)
Xa quedaba pouco para avistar pola nosa amura de estribor a punta leste da Ilha do Pico ,e que segundo as nosas cartas recibía o pintoresco nome de Punta Manhenha.
A partir de aquí bordearíamos a costa Sur do Pico e a unhas once millas ó W xa enfilaríamos o porto de Horta ,na Ilha de Faial.
Esta sería a primeira e única parada da travesía ,e na que eu había de baixarme para embarcar ó que se ía facer cargo de capitanear o barco no resto da viaxe e nas probas que habían de celebrarse nas seguintes semáns en Bahamas.
A borrasca quedaba xa pola nosa popa , seguía a súa derrota cara a Europa continental, e deixábanos como regalo unha apestosa calma chicha e unha mar de fondo do NW que nos disuadía de calqueira intento de baixar a preparar algo de almorzo so pena dun mareo dos que fan historia.
Mira ti por onde, que ,a bon seguro , estas ondas farían as ledicias de Rubén o afamado surfeiro da Costa da Morte; pero a nos estabannos ... fastidiando de moito nabo.
O avance ,dadas as condicións , era o que nos permitía a máquina e a mar, que nos freaba arreo.
Segundo nos fumos achegando en demanda da Punta Manhenha e ó tempo que íamos entrando no resgardo da Illa notabamos como a altura e a forza das ondas disminuía deixándonos así unha navegación ben máis cómoda, polo cal decidimos aproveitar esa ventaxa para ver se eramos quen de chegar a xantar en Horta apretando un chisquiño a máquina.
Pola nosa banda de estribor ía quedando a mole do volcán apagado que da nome á Ilha do Pico, e que nesta ocasión non poderíamos admirar debido á espesa néboa que cubría o seu cúmio.
A navegación nestes momentos èrache ben calmiña de non ser polo monótono roncón do motor e o forte cheiro a gasoil que íamos deixando atrás.
Mentres a costa seguía desfilando ó noso carón de estribor deixándonos ver ó lonxe as casiñas de Lajes (unha das máis importantes cidades de Pico) pola nosa proa xa se distinguía a silueta de Horta e , coa axuda dos prismáticos que Pepe subíu á bañera , albiscábamos algunhas casiñas do que supoñíamos serían as aforas de Horta .
As conversas abordo a estas alturas só versaban sobre a ducha quente que nos íamos dar ó atracar e a comilona que nos pegaríamos no Café de Peter, visita obligada para calqueira navegante que cruce o Atlántico nun ou noutro senso, e onde podías completar tripulacións ou deixar mensaxes nun tablón de anuncios para os que ían ou viñan dun ou doutro lado do charco...
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-05-2009 17:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Dende o Quinto Pino (II)
Cando rematei o meu turno de garda e baixaba para deitarme na litera, as condicións xa estaban tornándose complicadas.
A última lectura que alcancei a ver nos instrumentos marcaba 35 nós de vento e a tendencia era a subir segundo íamos entrando na borrasca. Pola proa , a mar íase facendo,tamén, máis grosa; e os pantocazos eran continuos.
Contodo nada máis tumbarme non acordei máis.
Pero xa non nos dou tempo a rematar o descanso do noso turno. Cando ainda faltaba unha hora para que entraramos de novo de garda, despertounos un forte golpe e as voces de Mr. Magoo para que subiramos a escape.
Saimos escopetados da litera e xa o suelo do salón tiña unha anormal escora e embarcaramos bastante agua. Arriba a cousa pintaba bastante mal.
O vento arreciaba en rachas de máis de 40 nós e por entre a chuvia vimos que Carlos estaba na proa tentando arriar o xénova coa axuda de Fernando no pao. Rápidamente nos distribuimos para evitar que a vela se fora á auga e nese intre unha racha máis forte caseque nos mete a botabara na auga. Por fortuna , eu , que estaba no piano , acertei a abrir a trapa e evitar males maiores.
E digo ben, cando digo “fortuna”, porque se che son sincero ,ainda estaba a medio despertar ata que unha onda un pouco máis forte barreu a cuberta e nos trouxo a todos á realidade. Ó seu paso ollamos para os dous homes de proa e seguían alí aferrados á xénova e ós seus arneses ben afianzados na liña de vida.
Mira ti ,as voltas que da a mente, que neses momento lembreime das palabra de Pablo (o proa do “Hansa”) baixando dende Stockholmo a Polonia: “Rapaces, ceñir é de probes”.
Canta razón tiña... E pensar que máis da metade da travesía fora un plácido rumbo de popa...
Pouco a pouco fumos facéndonos coa situación e arranchando a son de mar a xénova nunha banda, mentres no pao tentabamos tomarlle dous rizos á maior para facer un chisco máis manexable o barco.
É curioso, pero a maniobra de toma de rizos sempre hai que facela en condicións complicadas e non sei por que non dan deseñado un sistema sinxelo de facelo … Nótase que nas mesas dos arquitectos navais non se ven as cousas como no medio dun temporal...
Entre o barullo que había alguén prendera xa a máquina, e ainda que con lentitude íamos abrindo o rumbo e evitando a mar de fondo que acompañaba a borrasca e nos entraba directamente pola proa.
Mentres tanto deixábamos pola banda de estribor a Punta de Gonçalo Vello na Ilha de Santa María e albiscábamos por entre os chubascos a luz do faro do cabo.
Ainda tíñamos como unhas 200 millas ata o porto de Horta e pouco resgardo íamos ter ata a Ilha do Pico , xa pertiño de Faial.
De todos os xeitos , de acordo cos datos meteorolóxicos de abordo, a borrasca estabamos deixándoa pola popa e era de esperar que a cousa fose un pouco máis pausadiña unhas millas máis adiante.
A luz do día empezaba a querer mandar xa sobre a escuridade da noite , mais coa que estaba caendo non che estabamos para amañeceres románticos.
Supoño que entre que a choiva ía amaninando e que a luz do día fai ver as cousas máis calmadiñas, alguén apostillou que polo menos ó non estar en regata non tiñamos que andar cambiando os pesos para a banda de sotavento; e coa axuda da máquina íamos avanzando devagariño. Menos mal que cundía o optimismo...

(To be continued)
Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-05-2009 18:46
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Dende o Quinto Pino (I)



O outro día chamoume Fernando para propoñerme un deses negocios que un non pode rechazar.

Fernando, seguro que ainda te lembras de él, estaba conmigo cando eu empezaba a cimentar a miña tardía vocación mariñeira a bordo do “Espantallo I”; e ainda que logo desa primeira tempada compartida , esa tripulación foi tomando rumbos deportivos ben distintos, no persoal ficou un poso que unha vez ó ano nos xunta nunha cea na que nos poñemos ó día da vella “Bichero`s Sailing Team”.
Pero, imos ó conto.
Fernando estaba buscando xente con experiencia para facer o transporte do “Rohna” ( un “Sun Oddisey 51”) desde Cascais ata Bermudas para participar alí nunhas probas. Cando lle oín ó outro lado do teléfono a proposta pedínlle tempo para pensalo … e ,ós dous segundos xa lle estaba dicindo que sí.
Era unha oportunidade para o meu primeiro cruce do Atlántico, e non estaba disposto a renunciar a ela.
Tiña que solucionar os permisos no curro; mais esa cuestión era o que menos me incomodaba agora.
Ainda que para a viaxe sería ideal contar con alomenos dez persoas, o día da partida, no peirao do Nautico de Cascais só estabamos seis.

A estas alturas só un inconvinte me puxo atrancos: Ó final no curro só me deron dez días , co cal ía desembarcar na metade do camiño aló por Faial , no arquipélago das Azores. Alí embarcaría o capitán que se faría cargo do barco ata a final da viaxe e ó longo das probas en Bahamas.
E, chegou o día.
Alboreaba a mañá ás nosas costas nas costas de Lisboa e un vento suave do NE afastábanos do continente nun cómodo rumbo de aleta cunha intensidade que non sobrepasaba os 18 nós.
Ainda que o “Rohna” contaba a bordo cunha “lencería” do trinque, tíñamos orde estricta do armador de usar para o transporte só as velas de dacrón.
A tentación era forte , mais , quen paga manda.
Por dentro o barco era ben cómodo e preparado para a navegación oceánica ata o punto de dispoñer dunha potabilizadora de auga, e ter o teito da cabina cuberto de placas solares ,que en todo momento permitían ter as baterías de servicio en estado óptimo para calquera eventualidade.
A travesía prometía ser relaxada. Estabamos bordeando o S. dun anticiclón que nos ía levando paseniño cara o W ; e o feito de que non fora competición permitíanos , no caso de baixar o ritmo, prender a máquina para empuxar un chisquiño .
Con todo , ó longo das primeiras xornadas de navegación disfrutamos de boa temperatura, ventos portantes en entablados e unha mar tranquila. A única visita que recibimos foi a dunha familia de golfiños que nos acompañaron durante un par de días, non sei se atraidos pola selección musical que levábamos ou polo pouco éxito do meu arroz ,que caseque acababa indo pola borda a cotío.
Éche o que ten non ter unhas boas condicións para demostrar as miñas dotes culinarias.
Xa pensabamos que todo ía ser navegación de placer e relax e felicitábamonos pola sorte que tiveramos, cando á mañanciña do sexto día (cando eu xa levaba unhas horas de plácido sono na miña liteira) baixou Alexandre (Mr. Magoo) todo alporizado para que subíramos a botar unha man.
Un role de vento ó NW facía imperativo e urxente arriar o “genaker” e necesitábanse mans en cuberta.
Era a cola dunha borrasca que , a medida que a nosa derrota ía virando en demanda da Punta de Gonçalo Vello no S. da Illa de Sta. María, empezaba a mostrarnos a súa forza...

(To be continued)



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-04-2009 19:26
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
The Manhattan Transfer Suomi Tour (e III)
Non che me apetecía nada contarche o terceiro capítulo desta historia.
De feito podería resurmircho moi rápido: Nevada, retraso, sen enlace, desesperación, enxaimadas, outra vez a realidade.
Ala, xa está.
Que che pareceu?... Boeno , vale. Enseguida remato.
Como di a copliña: “Eran las sinco de la mañana...” Sí, a esa hora me erguín porque o meu voo desde Helsinki a Londres saía ben cediño, e tiña que estar no aeroporto antes das 0730h. (hora local).
Cando saín á rúa caía unha nevada de moito carallo. Contodo , a cidade non estaba parada nen moito menos. Os taxis e os buses circulaban coas súas rodiñas de cravos (non de caraveis, ollo) e eu encamiñeime á boca de metro máis cercana á casa de “Oljiña” para achegarme ó aeroporto.
Afórroche a edulcorada despedida.
Unha vez alí os avisos dos voos informábanme do retraso na saída do voo de Londres por mor da nevarada. Eu, xa pensei en que ía pasar alí o día ; mais ó remate duns cincoenta minutos, os voos estaban operativos de novo (segundo me comentou un aborixen, gracias a un sistema de calefacción interno debaixo das pistas).
Total, que unha hora despois xa estaba facturado e embarcadiño cara á capital do decadente imperio británico.
Cando cheguei aló cagueime en todo. O retraso da nevada impedíu que chegara a tempo de pillar o meu enlace cara a Santiago.
O avión de Ryanair ainda estaba na pista ; pero xa sabes como che son de estrictos os ingleses. O embarque xa estaba pechado e eu ficaba en terra e perdía os 50€ do voo. Ala, a copularse tocan!!
Mentres maldecía en arameo e lle daba, por fin, utilidade ós dous tacos en finés que me enseñaran nestes días, empecei a ver a posibilidade de atopar un enlace (a un precio aceptable, por suposto) que me deixara en Madrid, Santiago, Bilbao , ou onde carallo fose que me permitise chegar ó día seguinte ás 0900h. ó meu curro.
Nada. O máis parecido que atopei era un voo a Bilbao , pero a precio prohibitivo. Ah, eso sí, voaría en “Bussiness Class” que eso, debeche ser a ... monda.
Despois de dar voltas e voltas de mostrador en mostrador por fin atopei algo que, máis ou menos, me “cuaseque” solucionaba a cuestión. Só había un pequeno problema: Non chegaría a currar ata un día despois.
Chamada ó xefe para avisar do inconvinte e da miña desolación viaxeira e apretar a correr cara ó mostrador de Tui (sí,facendo patria ata no baixo custo).
Adoecía coa fame , así que tirei cara un caixeiro para obter libras (putos ingleses que non son zona euro...) e así poder pillar algo de comer e un chisco de auga.
Despois apresteime a localizar unha esquiniña pouco transitada e agardar a poder botar un soniño ata a saída do voo que me levaría a Palma de Mallorca.
Sí, leeches ben, o enlace era: Londres-Palma e despois Palma-Santiago D.C. (tempo perdido, pero mooooito máis barato).
Aquí debe ir unha xaculatoria na honra de Nosa Sra. bo Baixo Custo; mais como che son algo agnóstico (a Deus gracias) evítocha.
Funde a negro.
Abre de negro, e xa estou en Palma.
Como ainda tiña unhas cuantas horas ata o enlace de Air Berlin cara a Santiago tomei o bus que me levaba ó centro para botarlle unha ollada á Palma de inverno e sen barco.
Joeeeer, que merda!! Nada de “glamour”, nada de cuchipandas “gratix total” no náutico... e chovendo arreo.
Polo menos o paseo ainda me deu para aprovisionarme de enxaimada e tomar algo de comida decente nun chiringuito do barrio vello ó que imos ás veces cando vimos co barco.
Xa reposto, volta ó aeroporto ,e camiño do País do Solpor. Mentres mensaxe de móvil para por ó corrente a Finlandia do meu periplo. Desde Finlandia confirma o que xa todos sabemos sobre a miña escasa cordura.
E despois dunha reparadora sesta aérea, Santiago D.C. e a miña mochiliña viaxeira intacta. Non quero pensar onde carallo estaría de ter que facturala en cada trasbordo!!
Mañá volta á aburrida e nada emocionante realidade...
Fin...e chegoume...
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-03-2009 19:54
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
The Manhattan Transfer Suomi Tour (III)
Despois do concerto non había moito que rascar.
Xa sabedes que a vida nocturna por estas latitudes non é moi abundante, así que arrancamos para a casa.
Ó día seguinte, que “Oljiña” non curraba , había preparado un tour polas cercanías da cidade e unha visita á casa da familia de Karol nunha vila ó NW de Helsinki perto dun lago que nesta época do ano está completamente xeado. O pobo chámase Karkkila (creo que se escribe así, pero xa sabes que os meus coñecimentos de finés ainda non están moi afianzados).
Á mañá seguinte collimos un tren de cercanías e puxémonos no sitio ese nunha hora.
A paisaxe que albiscábamos entre a penumbra do alborear o día (e eso que eran as dez da mañá) era dunha maxestuosidade estonteante. Inmensos bosques de abetos e de cando en vez a luz de casiñas perdidas na espesura. E todo cuberto dunha capa de neve que facía pensar nun perfecto Nadal.
Ó chegarmos xa nos estaba agardando na estación un dos irmáns de Karol que nos acomodou no seu Volvo para achegarnos ata a casa que estaba nas aforas da vila e pertiño do lago xeado. Alí fomos agasallados pola familia deles e, non che sei ben de quen foi a idea, pero a alguén se lle ocurríu que antes de xantar podíamos ir dar unha volta polo circuito de ski de travesía que hai perto do lago.
Eu, haiche ben anos que practico o ski alpino , mais nunca probara o ski a pao seco. Esto é: sen remontes nen nada. Só ti e as túas pernas. Así que esta era unha boa ocasión.
Maldita a hora!
Achegaronme á vila para alugar nunha tenda unhas botas e uns skís da miña medida e púxenme con todo o ánimo a seguir ó grupo.
“Mecagonoskidetravesía”. Durei dez menutiños escasos.
Esto non che era para min. Eu que presumía de saber eskiar e ata de baixar pistas de todas as cores; pero, esto do skí de travesía... Esto éche outra cousa!
Aquí non tes outra axuda que a túa forma física, e en dez menutos foi máis que evidente que a miña forma física necesitaba con urxencia unha posta a punto.
Saquei os putos skís e apresteime a agardar que completaran o percorrido mentres como podía encamiñaba os meus pasos cara a casa de Karol.
Alí , sentadiño tranquilo disfrutei da paz do lugar e das vistas ó lago xeado onde algúnha xente facía figuriñas mentres patinaba.
Mentres eles non daban chegado e dado o aroma embelesante que me chegaba dende a cociña ofrecinme para botar unha man. Ainda que as limitacións en Inglés dos pais de Karol ,e as miñas máis que evidentes limitacións en finés non facilitaron as cousas.
Contodo, ó reunírmonos todos, disfrutamos dun sabroso asado de reno e unha exquisita tarta de “nonseibenqué” de postre.
A sobremesa non se prolongou moito,dado que eu tiña que coller o meu voo de volta á madrugada seguinte e ademáis estabamos limitados polo tren.
Ó chegarmos de volta a Helsinki, pedínlle consello a “Oljiña” para ter un detalle con Karol e o seu “correspondiente” pola invitación , e acabamos nun deses lugares típicos para turistas (e que eu ainda non visitara) era o “Ice Bar”. Un bareto onde todo é xeo. Verás: A barra é de xeo, as banquetas son de xeo, as estanterías son de xeo... Para entrar danche unha especie de capa acolchada para poder aguantar alí dentro e só sirven vodka.
O lugar é pintoresco, mais non é para visitalo dúas veces. Con unha abonda.
Nos estivemos un pedaciño alí tomándolle uns cocktails de vodka, e a verdade hei dicirche que ó cabo dun cachiño xa non notas o frío extremo que cando entras che da na cara.
De alí xa nos fumos para o metro máis cercano e á casa , que á mañá ben cediño tiña que estar no aeroporto para non perder despois o enlace en Londres.
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-02-2009 15:17
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
"The Manhattan Transfer Suomi Tour" (II)
O puñeteiro tranvía non daba chegado. Pois nada , será cousa de meterme no metro e ver que liña me leva ó barrio de Kallio que é onde me agardaba a Karol ,a veciña de “Oljiña” que qudou encargada de darme as chaves mentres ella non chegaba de traballar.
Mira ti por onde, que alomenos aquí abaixo non vai tanto frío. Tres estacións máis aló xa estou perto da rúa.
Ó chegar pitei no timbre da casa de Karol e ó escoitar o meu inconfundible acento galego-finés baixou ó portal para axudarme coa mochiliña.
Unha das cualidades do bo anfitrión neste país é a invitación a unha sauna. Así que Karol citoume unha hora máis tarde para tomar unha sauna na instalación comunitaria do edificio onde viven ela e “Oljiña”.
Así que unha vez adecentado da viaxe apañei unha toalla que había pola casa e agardei a chamada ó timbre da porta para acompañar a Karol.
Neste país , civilizado e sen Conferencia Episcopal que de o coñazo, as saunas son mixtas e lugar de encontro, charla e de negocios. Total, que cando chegamos xa había dúas persoas do bloque de vivendas disfrutando do vapor , e nos aló nos metimos tamén.
Eu, por ser amable e sacar tema de conversa , non se me ocurríu mellor cousa que falarlle a Karol da cantiga do meu país que versa sobre unha rapaza chamada Carolina e a súa saia ( máis ou menos viñen a dicirlle que tíñamos unha cantiga sobre “Karol`s skirt”) . E hete aquí que ela interesouse e xa me ves a min cantandolle a ela e ós seus asombrados viciños , A Saia da Carolina.
Estaba lanzado, tu.
Ó pouco saímos a tomar unha ducha ben fría e apunteille que ademáis da cantiga hai tamén unha danza tribal dos aboríxenes do meu país. Esto supoño que provocou a curiosidade antropolóxica de Karol e dos seus viciños (que dito sexa de paso, pensaban que en España só había touros e sevillanas), e eu , nen corto nen perezoso, coa miña toalliña atornillada á cintura empezo a arrancarme cun “puntatacón” de colleita propia acompañado da “Karolina`s skirt”.
Ainda tiven sorte non esbarar e ir parar ó chao!. Pero o caso é que esta mostra de exotismo emocionounos e cando decidín dar por rematada a exibición arrancaronse a aplaudir sorrintes e agradecidos.
Nese momento sentínme como Lina Morgan na apoteose final dunha revista.
Xa arriba na casa de “Oljiña” tiven outro xesto patriótico (e por qué carallo non me subvenciona a Secretaría Xeral de Turismo … promoción coma esta non van atopar!) abrín unha das dúas botelliñas de Mencía que trouxen e inviteina a probalo. Estaba que daba xenio, de rico. Ella trouxo da súa casa unhas lonchas de salmón ...e así estabamos cando chegou “Oljiña” de currar. Mentres se poñía cómoda , non sei que carallo lle dixo en finés Karol (ainda que sospeito que tería algo que ver coa apostura e habilidades danzariñas do “galician man”), pero acabaron as dúas escachándose de risa.
Dimos boa conta da botella que empezaramos e ainda nos fixo falta abrir a outra.
Cando rematamos a merenda , xa medio achispadiños, elas procederon a acicalarse para irmos ó concerto, e nun pispás estabamos na porta do teatro os tres e máis o "correspondente" de Karol.
Dos “Manhattan” que che podo dicir, o fundador Tim Hauser ten menos pelo ; pero segue conservando esa elegancia que sempre transmite sobre o escenario.
As coreografías perfectas, como sempre, e o público... un chisco frío para os meus parámetros.
Pero , foi por pouco tempo. Cando se arrancaron cos temas clásicos plenos de “swing” faltoume tempo para apañar a “Oljiña”pola man e marcarnos uns bailes no corredor entre as butacas.
Era imposible manter os pes quietos!, e entre o viño , e que aquí non me coñecía ninguén... ala, pa diante!!.
Nunca bailara con “Oljiña”, pero, oes deixase levar de moito nabo; e as miñas seis horas de clase de baile semanais de algo tiñan que servirme.
Foi caralludo. E, oes durante a interpretación de “Cançon d`amour” os dos das luces nos iluminaron a unha seña dunha das cantantes dos “Manhattan”!!
“Oljiña” estaba que non cabía no vestido. Eu pensei que se cabrearía polo meu arranque... , pero que va!!.
Aii!! que miragres fai un bo Mencía... seguro que ata lle parezo “juapo”!!
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-01-2009 19:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
"The Manhattan Transfer Suomi Tour"
Sí, xa sei que te tiña moi abandonado últimamente.
Verás dende que me deron a alta do trastazo da perna , a miña vida reduciuse a ir ó curro e despois sesións de fisioterapia. Logo, ó chegar á casa, pedalear sen tino camiño de ningures na p... bicicleta estática.
Según a miña fisio necesitaba recuperar masa muscular e ,ala, a facer kilómetros a diario.
Acababa tan canso que só tiña forzas para cumplir escasamente cos meus compromisos profesionais, unha cea lixeira e á cama.
Por fortuna a cousa xa vai indo, paseniño, mais vai indo.
Cando acabe con todo esto ou me presento como corredor revelación ó “Tour” ou merco unha lata de gasolina e lle planto lume á puñetera bicicleta dos...

Menos mal que a un ainda lle quedan amigas/os e outro día recibín unha mensaxede “Oljiña” avisando dun concerto de “Manhattan Transfer” a un pasiño da súa casa.
Sabes ben o que che me gustan e que a única vez que os vin en directo fora naqueles Concertos do Milenio que houbera xa fai algúns anos por aquí.
O caso é que chamei a “Oljiña” e pedinlle que pillara entradas para os dous. Púxenme a dar voltas pola rede ata atopar algún voo barato de Londres a Helsinki (ela agora vive alí).
Non tardaría moito máis dun par de horas en ter todo arranxado. Un Santiago-Londres e un Londres-Helsinki. Só había unha pega: O voo de Santiago deixábame en Stansted e o de Londres saía de Gatwick.
O problema era menor. Chegaba a Londres á tardiña e o voo de Helsinki non saía ata as seis da mañá. Tiña tempo abondo.
Unha vez en Stansted procureime un horario dos trens que me levaban ó centro para unha vez alí tomar outro cara Gatwick, e mentres din boa conta dun cacho de empanada de bonito que metera na miña mochiliña por mor de matar a fame durante a espera. E, buen, xa postos, dúas botellas de Mencía para beber aló... ó mellor son moitas...Non!! carallo, que nooon!!!
A escena era digna dunha películade Paco Martínez Soria...
Xa ben ceadiño, ainda aproveitei un curruncho para botar unha boa soneada, e despois erguerme a tempo para coller o tren que me levaba ó centro e de alí daría un paseiño ata “Victoria Station” para coller outro tren que me levara a Gatwick ó Sur da capital.
Deuss!! xa non lembraba o caros que son os trens ingleses!! Prefiro non facer contas porque se non , seguro que a combinación de voos e aeroportos non che me saíu tan axustada como pensaba.
Pero, bueno, benditos voos baratos! Ás dez da mañá (hora local) xa estaba en Vantaa (o aeroporto de Helsinki). De alí un autobús ata o centro e logo no tranvía ata a casa de “Oljiña”.
Ves, esto é o malo deste país nesta época do ano. Ó igual que no verán a noite duraba apenas dúas horas, agora ás doce da mañá clarexaba algo o día e a eso das tres da tarde xa é noite pecha. Polo demáis a visión da cidade nevada é algo inusitado para min.
Mentres non viña o tranvía ainda aproveitei para achegarme ata o peirao onde estiveramos atracados co Hansa. Agora só había os ferries da línea”Viking Line” a Tallín nos que traballa “Oljiña”.
Que sensación de vacío. Desde logo o peirao perdía moito sen a animación da regata.
(To be continued)
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-01-2009 21:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O Sr. Pere Navarro
Ainda que non suele ser habitual nesta páxina, ídesme permitir que hoxe me poña un pouco serio pola morte de dous moteiros (e van...) que foron envestidos por un coche hai poucos días en Barcelona.

Como sempre , os medios dirán que a culpa é dos moteiros por iren en moto (por algo xa o dixo o Director Xeral de Tráfico o Sr. Pere Navarro: "Los propietarios de motos son gente con una situación económica más que desahogada")... pero prefiro que, se queredes , lle votedes unha ollada a este artículo que define ben ás claras a miña postura neste campo:

http://www.portalmotos.com/www/contenidos.asp?contentid=5883
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-11-2008 18:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal