soñaba que un faro me guiaba


Na procura dunha luz que me guíe ó abrigo dun porto
contadores web


O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

25N07. CIM Mondoñedo
Aquí vos deixo un vídeo coas actividades que se realiaron o pasado domingo desde o Centro de Información ás Mulleres de Mondoñedo.




Saúdos, colegas blogueiros
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-11-2007 13:47
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
25 de novembro: contra a violencia de xénero
Cartel conmemorativo da Secretaría Xeral de Igualdade
Chego tarde, xa o sei, para a conmemoración do día internacional para a eliminación da violencia contra a muller, pero teño defensa: para min todos os días do ano deberían ser día internacional para a eliminación da violencia contra a muller, así que, segundo a miña teoría, estou dentro de prazo.

Como vedes, non é o día contra a violencia de xénero, senon contra todo tipo de violencia que se exerce sobre as mulleres polo feito de ser muller, pero nos últimos anos utilizouse para honrar a todas esas mulleres víctimas do maltrato inflixido polas súas parellas e ex-parellas.

Supoño que moitos de vós estaredes a preguntarvos por que se escolleu o 25 de novembro e non, por exemplo, o 7 de agosto. Elíxese esta data do 25 de novembro porque nese día, pero de 1960, foi cando asasinaron ás Irmás Mirabal. Entre 1930 e 1961 na República Dominicana existía un réxime dictatorial e personalista ó fronte do cal se encontraba o Xeneral Trujillo (tamén autoproclamado "Xeneralísimo"). En 1959 un grupo de dominicanos intelectuais toma conciencia da situación pola que estaba pasando a sociedade e decide organizarse na Asociación 14 de junio, na que se atopaban as irmás Mirabal, tres mozas de boa familia pero de mellor conciencia social que deron a súa vida (literalmente) para loitar contra a dictadura. Voltaban de ver ós seus maridos na cárcere (elas estaban en arresto domiciliario) cando os militares, por orde de Trujillo, lles fixeron caer nunha emboscada, someteronas a múltiples vexacións e rematáronas dun tiro e lanzaron o seu vehículo por un acantilado para facelas desaparecer "por accidente". Afortunadamente había testemuñas que fixeron que hoxe coñecamos a súa historia.

Na honra das irmás Mirabal, as asociacións que loitaban polos dereitos das mulleres quixeron facer dese día una conmemoración oficial para loitar contra a violencia contra a muller. A ONU acabou institucionalizando a data en decembro de 1999.

Deixo uns enlaces por se queredes máis información.

Saudos colegas blogueiros
O que di a ONU
As irmás Mirabal na wikipedia
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-11-2007 17:25
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Unha imaxe irrepetible
Estos días estaba a facer limpeza no ordenador familiar e atopeime cunha serie de fotos de hai algo máis de tres anos entre as que estaba a seguinte:



Trátase do meu pobo, Foz, e está sacada desde a outra beira da súa ría, en Barreiros. Mirándoa ben, aparte de parecerme preciosa, dinme conta dunha cousa: é unha imaxe irrepetible, case histórica a pesar de ter tan pouca antigüedade. Esta foto non se pode volver a facer por dúas razóns: a primeira é evidente, a fachada ribeireña de Foz cambiou por completo en pouco tempo, pero a segunda é peor: ó lugar desde onde está tomada non se pode acceder debido non só á urbanización privada senón tamén á "urbanización pública", ou sexa, os paseos marítimos que destrozan as singularidades do litoral e que uniformizan toda a costa chegando un momento en que é difícil identificar cada lugar.

Saudos, blogueiros
Comentarios (0) - Categoría: Urbanismo - Publicado o 13-11-2007 13:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Que levante a man...
... quen nunca fixo botellón!!

Cada certo tempo os medios de comunicación aparecen con amplos reportaxes onde se fala dos estragos causados polos seres insignificantes que se adican a practicar algo tan inmundo como é o botellón. Políticos locais, autonómicos e nacionais organizan grandes reunións coas súas correspondentes rodas de prensa onde se dedican a pasar a pelota duns a outros para solucionar o tremendo problema de índole mundial que é o botellón. Pero ó final ninguén fai nada e todo queda como estaba ata que dentro de un par de anos volva a empezar a historia.

E xa está ben, home!!

Vamos a ver, o botellón en si non é malo e os que o practican tampouco son mala xente. Dubido moito que eses que escriben e eses que tanto falan nunca na súa vida tiveran practicado botellón. Onde está claro que radica o problema é en que una minoría de persoas aproveita esta práctica para adicarse ó vandalismo. ¿E cal é a solución? Pois a mesma que para acabar coa video-violencia, co bulling, co acoso ós profesores... a arma é o RESPETO, a educación no respeto ós demáis e a un mesmo. Se respetamos ós demáis, non agrederemos, non ensuciaremos, non romperemos... pero se nos respetamos a nós mesmos, non nos poñeremos "cegos" de alcohol ata as orellas provocándonos un estado lamentable e o botellón será o que inicialmente foi: unha reunión de amigos que queren pasalo ben pero non queren ser estafados en ningún local para tomar unha copa.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-11-2007 13:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A perruqueira e eu
Hoxe abandono o tono filosófico-profundo que caracteriza a este blog para tratar un tema máis superficial pero que me amarga bastante: a dona da perruquería á que vou.

Trátase dunha perruquería de certa sona no meu pobo, unha sona nun dobre sentido: por boa e por cara... pero eu engadiría un terceiro sentido: por dona petarda.

Resulta que hoxe atópeme pola tarde no meu despacho, co traballo feito, co traballo pendente sen poder facelo ata a última hora da tarde, cunha horiña libre, cun mozo traballando de tardes e cun pelo que reclama a berros un saneamento de puntas desde hai máis dun mes. Miro o calendario e comprobo, por enésima vez, que hoxe é mércores e antes cando pasei por diante a perruquería estaba deserta. Como vexo que os planetas, por unha vez e sen que serva de precedente, alíneanse no meu favor, decido ir á perruquería.

Todo moi ben, ata que cando xa me están acomodando vexo que a dona está alí... parece ser que fixeron unha redistribución de horarios porque ata hai tres meses os mércores alí non estaba nunca... xa non podo dicir que non, así que haberá que soportalo da mellor maneira. Cando chega o momento do corte, empeza o de sempre: que se tés a puntas moi estropeadas (para iso veño cortalas), que se por que non corto máis (pois para darche máis ganancia vindo cada dous meses e non cada seis), que se non teño brillo, que se me oscureceu o pelo, que se teño as cutículas abertas, que lle compre o seu acondicionador, que lle compre o seu antídoto, que lle compre o seu champú, que lle compre... en definitiva, que teño unha merda de pelo e que para salvalo teño que comprar tropecentos productos, dos cales o máis barato custa 17 euros e dura un mes escaso.

Eu, que son moi educada, xa non sei como dicirlle educadamente que non, así que optei por oír e calar xa que que vexo que ela é feliz soltando o seu rollo e porque nese momento sería capaz de soltarlle unha moi mala contestación e facerlle palidecer de vez.

A todas estas, ODIO como corta o pelo, sempre me fai algo mal: desfaime o corte, corta de máis, ponme flequillo, sácame moitas capas ou a última que foi desta, cortoume máis dun lado que doutro. Pasei de dicirlle nada porque, sinceramente, o corte de pelo estilo rapaz non me senta nada ben.

Saudos, colegas blogueiros
Comentarios (3) - Categoría: Cousas que pasan - Publicado o 24-10-2007 19:43
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Outra vez as listas de espera do SERGAS
Pois si, volveu a pasar... esta vez con Dermatoloxía.

O 6 de setembro acudín ó médico de cabeceira, quen me deu un volante preferente para acudir ó dermatólogo do Hospital da Costa. E déronme cita... para o 12 de febreiro.

Como a cousa pareceume de risa, mandei unha inquedanza vía web e contestan que as listas publicadas son meras estadísticas e que dan cita por orde de entrada. Total, que se teño algo que dicir que acuda ó Servizo de Atención ó Paciente.

E acudín, vaia se acudín, pero pola vía postal. Enviei o mércores 26 de setembro unha reclamación escrita e o luns 1 de outubro chamáronme por teléfono: a cita para o 23 deste mes.

Xa me avisaran da outra vez que este é o medio habitual (a cita para a proba de cardioloxía adiantáronma un ano pola mesma vía). ¿Non mo credes? Aquí vos poño o e-mail que me enviaron daquela:

Bo día Sra. XXX:

Unha vez lida a súa mensaxe presentada na páxina Web do Sergas, no que amosaba a súa queixa en relación ás demoras para consultas e probas no servizo de cardioloxía do H. de Burela, unha vez tramitada a mesma á dirección do centro e recibida a correspondente información, en primeiro lugar lamentamos as molestias ocasionadas polo motivo que vostede prantexa no seu escrito.
A Dirección do hospital deu as explicacións pertinentes e comunicoulle a nova data da súa cita, que como se expón no escrito remitido, é sempre a maneira habitual de actuación dentro das posibilidades reais.
Agradecemos a súa comunicación, posto que nos servirá para a mellora de aspectos significativos na atención sanitaria.


Atentamente,

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2007
División de Asistencia Sanitaria


Conclusión, "quen non chora, non mama"

Saúdos!

ACTUALIZACIÓN DO 10 DE OUTUBRO:
Este SERGAS nunca deixa de sorprender: o luns chamáronme ó teléfono do traballo ás 12h30 para dicirme que tiñan un oco e se quería adiantar a cita para ese mesmo día ás 16h. Por suposto que aceptei, algo que lle chamou á atención á persoa que me atendía, que me recalcou unha e outra vez: "é para esta tarde, é para a tarde de hoxe".

Hala, xa sabedes, se cando pidades unha cita vedes que a lista de espera é moi longa, reclamade de modo formal que xa vedes o que pasa.

Saúdos
Comentarios (10) - Categoría: Cousas que pasan - Publicado o 04-10-2007 13:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Unha de frikis
O meu retrato Simpsoniano

Pois a imaxe que vedes aquí ó lado pertence á autora deste blog. Si, esa son eu... en estilo Simpsoniano.

Existe unha web na que, introducindo unha fotografía real que cumpra unhas determinadas condicións, podemos obter unha imaxe nosa de como seríamos na fabulosa serie de Matt Groening. A única pega, que ás veces non acerta demasiado e hai que "amañar" o resultado...

Un saudo, blogueiros
Simpsonizeme
Comentarios (0) - Categoría: Televisión e ocio - Publicado o 01-10-2007 10:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Urbanismo
Sinto facer esta intervención despois de tanto tempo tocando un tema tan delicado coma é o urbanismo, pero é que cada vez que saio á rúa, a pé ou en coche, póñome mala: suciedade por todas partes, baches, aceras rotas, atascos, rúas cortadas sen máis, grúas, ruído... ¿E todo para que? Para nada, bueno si, para que veñan os madrileños e os vascos comprar apartamentos por ducias créndose ser os máis listos do mundo...

Haberá xa un ano que abrín este blog coa miña preocupación coa vivenda, o peor de todo, que sigo igual, agora si que está imposible de verdade e ata mediados do ano que vén non me poño a buscar en serio... de novo. E preguntarédesvos, ¿por que esperar ata esa data? Nesta zona, ó paso ó que vamos, será cando aumenten as oportunidades no mercado de segunda man e incluso nos bancos debido á imposibilidade dos compradores a facer fronte ós pagos das hipotecas e, por tanto, tamén aumentarán os embargos. Síntome un pouco "buitre" por este razonamento, pero, desgraciadamente, é o único que me queda.

Espero que se dentro dun ano este blog segue aberto, poda invitarvos á inauguración da miña casa jejejeje

Saudos colegas blogueiros
Comentarios (1) - Categoría: Urbanismo - Publicado o 26-09-2007 10:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
¿Quen di que a costa non necesita protección?
Tras case un ano sen ir, onte subín a un pico desde o que se vislumbra unha panorámica de Foz que chega ata Ribadeo e incluso ás veces, se está despexado, vese Tapia. Ben, pois cando cheguei atopeime con isto:



O primeiro que se ve é Foz, a continuación Barreiros e despois Ribadeo. A verdade é que me deron ganas de chorar, comprendedes por que ¿non? Dame na alma que a intención de protexer a costa chega un pouco tarde...
Comentarios (0) - Categoría: Urbanismo - Publicado o 30-03-2007 10:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
As listas de espera do SERGAS
O pasado 30 de xaneiro de 2007 sufrín unha forte dor no peito con sensación de afogo e mareo polo que acudín ó meu médico de cabeceira ó día seguinte, 31 de xaneiro. Debido a que menos dun ano antes a especialista en Reumatoloxía do Hospital da Costa de Burela notara a presencia dun leve sopro no corazón, o médico de cabeceira, tralas oportunas probas, decide que debo ser atendida polo especialista de Cardioloxía mediante volante preferente no mesmo hospital a fin de descartar calquera problema cardíaco. Unha vez pedida cita, esta concértase para o 17 de abril de 2007, exactamente setenta e seis (76) días máis tarde.

O luns desta semana, 26 de marzo de 2007, chamáronme ás 19h30 do Hospital da Costa para ofrecerme a atención da “Consulta Central”, servicio que trata de alixeirar a lista de espera de Cardioloxía para primeiras consultas mediante a consulta por un médico internista, a cal acepto, citándoseme para o mércores 28 de marzo de 2007.

Acudo á consulta de forma puntual, dez minutos antes incluso, e son atendida no momento mandándome facer un electrocardiograma para a continuación someterme a unha exploración exhaustiva e determinar que efectivamente teño un sopro, pero que debo facer un ecocardiograma para descartar malignidade.

Pido cita no mostrador de admisión para facer a proba e cítanme para o 14 de maio de ¡¡2008!!, é dicir, catrocentos doce (412) días despois, polo que decido poñer unha reclamación no servicio de atención ó paciente, xa que non me parece un tempo de espera razoable para unha proba que considero bastante importante.

Os primeiros 76 días de espera para atención en cardioloxía só superan en 4 días á que o SERGAS publica como a oficial nos seus informes (pódese consultar en www.sergas.es, no apartado de “hospitais”), pero a segunda espera, de 412 días, non é que simplemente a supere de forma ampla, senón que é cinco veces máis á tan publicitada lista de espera de 72 días de media. Facendo un simple cálculo matemático, se eu teño que esperar todo ese tempo, hai outra persoa por aí á que citaron para douscentos sesenta e oito (268) días ANTES. ¿Que pasa logo no SERGAS? Unha de dúas, ou existen as “citas retroactivas” ou as estatísticas teñen algún problema no cálculo...
Comentarios (0) - Categoría: Cousas que pasan - Publicado o 28-03-2007 17:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
1 [2] [3]
© by Abertal