AS GABARRAS


Caderno do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Breamo



 ÍNDICE
 GALERÍA DE FOTOS
 WEBS RECOMENDADAS
 BUSCA NESTE BLOG

Sóavos esta canción?
O blog está medio morto, a xente anda cansa, uns estudan para exames, outras confeccionan exames, esta preséntase a exames, aquel corrixe exames... En fin, no medio de todo este stress, déixovos esta canción de Luar na Lubre que penso que vos vai gustar. Chámase "Os animais" e pertence ao seu último disco Camiños da fin da Terra. Trátase dunha melodía de orixe irlandesa, adoptada polos norteamericanos como propia con distintas letras. Na versión de Luar na Lubre o texto é a adaptación que Xabier Cordal fixo dunha das letras tradicionais da canción.

Deixa o teu comentario (1) - Categoría: 04. Música - Publicado o 10-12-2007 10:01
# Ligazón permanente a este artigo
Blogs en galego
Como podedes ver no apartado de RECOMENDADOS incluímos blogs feitos en galego polo alumnado do IES Breamo. Xa tiñamos desde o final do curso pasado os da Ninfa Vermella e Vagalumes. As autoras de ambos estiveron de descanso por vacacións, pero vanse poñer en acción de novo. Agora incluímos tamén o de tres alumnos do centro que acaban de abrir xuntos o seu caderno dixital e comezaron con moito brío, chámase Os De Breamo, entrade nel e teredes, entre outras cousas, información de deportes, xogos e cine.

Isto só é o comezo. Agardamos poder recomendar axiña moitos máis.

Deixa o teu comentario (2) - Categoría: 01. IES Breamo - Publicado o 19-11-2007 09:54
# Ligazón permanente a este artigo
Crónica das Festas da Coruña

Velaquí está o artigo que vos prometera sobre as festas da Coruña. Gustaríame comezalo pedindo desculpas a tódolos lectores que o esperabades. Ben sei que este retraso quítame puntos para converterme en gabarreiro de honra, pero que se lle vai facer... O malo é que tedes que agardar a novembro para enterarvos de como foron as festas da Coru. O outro malo é que, malia que eu estiven alí, tampouco me enterei de moito porque, como sabedes os coruñeses, e como os non coruñeses deberiades saber, esta cidade é un maldito caos circulatorio sempre que hai concerto, xa sexa de Chenoa ou de King África. O bo de publicalo con taaanto retraso é que así podemos criticarlles as festas de verán aos concelleiros, para que se garden de cometer os mesmos erros nas de Nadal. Porque, ainda que vos pareza mentira, as altas esferas políticas non len El Mundo ou El País, non: len As Gabarras.

Imos retroceder un pouco no tempo: estamos no día 2 de agosto (para vós chovería moito desde entón, pero a min paréceme que foi onte). Tocan na praia de Riazor, encadrados no festival Noroeste pop-rock, Dover, Deluxe e Triángulo de Amor Bizarro. Eu xa estaba na Coruña desde o día anterior. A noite do concerto póñome fashion e baixo á rúa.

Cómpre dicir que eu teño o piso polo mesmiño centro, polo tanto baixar á praia non me custa moito traballo, pero eu non contaba cos meus amigos de...A PASAXE!!! que baixaban en coche e (terror!) tiñan que aparcar... Isto traduciuse nunha longa espera mentres aparcaban, en tanto os coruñeses do centro agardamos pacientemente no paseo marítimo a que os periféricos desen aparcado.

Cando, ás doce da noite, chegamos á praia, Deluxe e Triángulo de Amor Bizarro xa actuaran. Polo que dicía a xente estiveron moi ben, pero tampouco podo dar fe diso porque ultimamente a cidade está perdendo o gusto... O que si é certo é que o tipo de música dos do Triángulo era máis ben tirando a rock do bo, a pesar de que, co nome que lle puxeron ao grupiño, toda a peña pensaba que ía ser un estilo Camela ou Pasión de Gavilanes, pero nada diso. A nota de humor da noite chegou cando uns amigos que viñan de Cádiz me preguntaron cando cantaba MAPIE, ao ver o anuncio da Estrella Galicia...Ai, estes andalús...

Para rematar o artigo, gustaríame destacar o despilfarro espantoso que fixo o concello ao contratar tres orquestras que tocaban á vez para o día dos fogos artificiais e da batalla naval. As tres orquestras eran Ráfaga, unha da que non se me acorda o nome e outra que tocaba en homenaxe a Queen, que debían de ser o máis para quen lle gustase Queen, pero que provocou que o resto dos coruñeses acabaramos indo para o Orzán antes de que comezaran coa terceira canción.

Ben, pois nada, xa sabedes que aquí tedes ao voso coruñesísimo gabarreiro para o que gustedes, informando da actualidade da cidade e dos espectaculares acontecementos (para ben ou para mal) que teñen lugar nela. Vivir na Coruña que bonito é...e que bonito é tamén contalo nas Gabarras. Unha aperta a todo o mundo.


Artigo realizado por Yago Fdez. (2°- BAC-A)



Deixa o teu comentario (8) - Categoría: 04. Música - Publicado o 08-11-2007 08:46
# Ligazón permanente a este artigo
Sobrevivir en galego
Artigo de Marisol López Martínez, Secretaria xeral de Política Lingüística
publicado en La Voz de Galicia


A pregunta xa ten algúns anos. ¿Que pasaría se, tras unha catástrofe universal, dentro de mil anos uns arqueólogos viñesen a Galicia e tentasen reconstruír a nosa cultura a partir das cousas máis duradeiras que temos, que son as lápidas de pedra dos nosos camposantos? Pois dirían que esta é unha terra na que só un 3% da poboación falaba o galego. E, aínda que a conclusión sería errónea, estaría aparentemente fundada en documentos sólidos. Sólidos, por certo, pero non fiables. A lei non escrita da rutina leva a enterrar en castelán mesmo os que case nunca o falaron.

Non sempre foi así. Calquera que visite as nosas igrexas pode encontrar lápidas en galego ata o século XVI, dende as da xente común ata as de condes ou almirantes. O estraño é que, precisamente cando o Concilio de Trento mandou catequizar e predicar nas linguas que falaba a xente, en Galicia se eclipsou a lingua galega escrita. Algo aconteceu aquí que deba explicarnos a asimetría coa Bretaña, o País Vasco, Cataluña ou Sardeña. Os mortos en Galicia empezan a ser despedidos en latín ou en castelán no século XVI, linguas que en moitos casos non eran a súa lingua habitual. E nesa lingua non habitual empezan a recibir o carné de identidade definitivo, que é a lápida. Haberá que esperar ao cambio de milenio para que empecen a ter unha certa presenza as lápidas en galego. Só dende a emigración se percibe a contradición e os galegos de Cuba pagan a excepción: o sepulcro de Rosalía de Castro, no Panteón de Galegos Ilustres, en Bonaval.

¿Por que hoxe só se publica en galego un 3% das notas necrolóxicas, cando o número dos que falan sempre o galego supera o 56%? ¿Por que a industria funeraria non lles pregunta aos seus clientes (ou os sacerdotes aos seus fieis) en que lingua queren os seus servizos, do mesmo xeito que unha perruqueira pregunta como se quere o corte de pelo ou o restaurante se se quere carne ou peixe? Este prato único indica falta de calidade no servizo. É como se o castelán fose o pasaporte indispensable para a outra vida, a moeda necesaria para lle pagar ao barqueiro Caronte.

En tempos, a política obrigaba a facelo así. Hoxe é simple rutina. E a rutina arruína os afectos e despersonaliza as emocións. Mesmo as emocións fortes da despedida.

Pero algo vai cambiando. Hai agora nove anos, exactamente o 30 de novembro de 1998, unhas cen persoas das máis diversas profesións e idades reuníronse en Bonaval, no Panteón de Galegos Ilustres, para asinaren perante o notario José Antonio Montero Pardo un documento público individual no que declararon que a súa lingua é a lingua galega, a lingua do pobo ao que consideran pertencer, a lingua que queren que os acompañe deica a morte; que, en chegando a hora do seu pasamento, queren que todo o relativo ao seu funeral e enterro, incluídas necrolóxica e lápida, se as houbese, se realice exclusivamente en lingua galega e, polo tanto, pídenlles á familia, aos amigos, ás autoridades relixiosas e civís e aos servizos funerarios que fagan en lingua galega canto teñan que facer, público ou privado, oral ou escrito; que se terceiras persoas, sexan da familia ou autoridades relixiosas ou civís, tentasen impedir a realización desa derradeira vontade, lle pidan a calquera outro familiar ou amigo que tome todas as medidas para facela cumprir e, en caso de absoluta imposibilidade, que faga que o enterren en silencio.

Lembro que máis de mil persoas realizaron actos notariais semellantes na Coruña, en Redondela, en Vigo, en Ferrol, no Carballiño, no Couto Mixto e en Ourense. Houbo mesmo algún caso no que este documento notarial tivo que facerse efectivo.

As notas necrolóxicas dos máis novos adoitan estar en galego. Tamén as das persoas do mundo cultural, político e sindical. Hai xa camposantos nos que devanceiros egrexios teñen hoxe unha nova lápida en galego que, no seu momento, razóns políticas non lles permitiron ter. Hainos nos que á entrada campa unha inscrición en galego que di: «Honor aos que nos deixaron a vida, a terra e a lingua». Hai xa numerosas axencias funerarias que descubriron que é máis elegante personalizar os servizos.

A esperanza de vida en Galicia é a máis alta de Europa, porque en Galicia non se morre ata que un neto ou bisneto leva para o faiado a foto que campaba no salón. Galicia honra os seus devanceiros cunha memoria moi tenaz. Estou segura de que, en canto se repare na contradición, moitos quererán despedir aos seus pais na mesma lingua que falaron e que nesa lingua queden identificados para sempre nesa lápida, que é o carné de identidade definitivo.


Deixa o teu comentario (1) - Categoría: 15. Reflexións sobre a lingua - Publicado o 05-11-2007 11:40
# Ligazón permanente a este artigo
A lingua da parroquia dos mortos
Os galegos e as galegas falamos moito máis en galego do que poida parecer se lemos o que se escribe en Galicia, pero o exemplo máis paradóxico témolo nas lápidas dos nosos cemiterios. Só unha de cada mil lápidas está escrita en galego. Será que na parroquia dos mortos non se entende o galego?




Deixa o teu comentario (3) - Categoría: 16. Sociolingüística - Publicado o 01-11-2007 17:20
# Ligazón permanente a este artigo
A festa das cabazas de defuntos

Aproxímase o Día de Defuntos e con el a Festa das Cabazas.

Na páxina web do Consello da Cultura Galega infórmasenos de que entre as celebracións que se fan no noso país con ocasión do día de Defuntos, existen costumes ancestrais como deixar un oco na mesa ou racións de comida para os defuntos ou facer colares coas castañas novas. Son moitas as persoas de máis de corenta anos de diferentes puntos da nosa xeografía (Noia, Catoira, Cedeira, Muxía, Sanxenxo, Quiroga...) que lembran que tamén era habitual por Defuntos coller cabazas, tallarlles unhas caras feroces e deixalas nos camiños para asustar os viandantes. Este costume coincide co americano de Halloween e aínda co máis antigo celta do Samaín, no que eran os cranios dos inimigos os que brillaban na escuridade con candeas no seu interior.

O Samaín (Samhain en gaélico significa "Fin do verán") era unha festividade celta coa que se celebraba o inicio do Novo Ano, que para os celtas coincidía co remate da colleita e a chegada do tempo invernal.

Os celtas crían que neste tempo, que non se concretaba nunha soa noite, a barreira que separaba o mundo dos vivos e o dos mortos desaparecía e que en Samaín as almas dos mortos regresaban a visitar os fogares terrenais. Dise que para manter estes espíritos contentos e afastalos dos seus fogares, os celtas deixaban comida ou doces fóra das casas, una tradición que se convertiría no que hoxe fan os nenos indo de casa en casa pedindo doces.

Os cristiáns concretaron esta celebración nun só día e rebautizárona como Día de Todos os Santos. De aí vén o nome co que se lle chama en Estados Unidos, Halloween (All Hallow's Eve, que significa "Véspera de Todos os Santos"), a esta festa que chegou alí a través dos emigrantes irlandeses no século XIX.

As festas das cabazas, pois, que se realizaban e realizan en torno ao Día de Todos os Santos e Defuntos, teñen a súa orixe nos pobos celtas de Europa.

Rafael López Loureiro, autor de Samaín, a festa das caliveiras, e animador da recuperación do Samaín na vila de Cedeira, demostrou o carácter galego desta festa que, asociada ás de Santos e Defuntos, existía por todo o territorio galego até hai menos de trinta anos. Pero ademais de iniciar a recuperación desta festa ancestral, tamén a rebautizou dándolle un nome sen ningunha tradición na nosa lingua.

Desde o blog Brétemas dísenos que "Recuperar ou reinventar esta tradición, desde os centros escolares de primaria e secundaria, pode ser unha boa estratexia educativa para defender un patrimonio inmaterial que todos debemos conservar e mimar." Nós sumámonos a esa iniciativa, pero facéndonos unha pregunta: é preciso que o fagamos inventándolle un nome?

Se non precisamos chamarlle co nome inglés de Halloween á nosa festa, aínda que compartan ambas a mesma orixe, por que imos precisar chamarlle cun nome gaélico como Samaín ou Samhain? Se queremos recuperar unha festa tradicional e agraria que perviviu da man dos nosos paisanos, por que chamarlle cun nome exótico podendo reivindicar un nome máis próximo a nós como Festa das Cabazas ou Festa de Defuntos?


Deixa o teu comentario (12) - Categoría: 07. Patrimonio Inmaterial - Publicado o 25-10-2007 16:27
# Ligazón permanente a este artigo
Rosa e o seu zapato

Foto: "jamelah" en Flickr (baixo unha licencia de Creative Commons)


Todo foi grazas ó anuncio que puxen no xornal: ?Ofrécese meiga con boas intencións?. Aquela mesma tarde chamou unha rapaza chamada Rosa e contoume que as súas irmás sempre a trataban mal. Aquela noite había unha festa na casa dun mozo e ela estaba convidada, pero as súas irmás no lle ian deixar ir.

-Tesme que axudar! O rapaz é moi guapo e cáeme moi ben, gustaríame ir a esa festa!

-Pensemos- dixen-, o ideal sería que as túas irmás estivesen ocupadas. - E, tocando o meu piercing do embigo, engadín- Feito!

Ai, que cabeza a miña! Aínda non vos dixen que toda a miña maxia reside no piercing que levo no embigo.

A festa era ás nove da noite, e ás oito viñeron as irmás de Cinsenta (así alcumaban a Rosa) dicindo que uns amigos as convidaran ó cine e que preferían ir alí que ir á festa. Cinsenta aplaudiume abraiada. Pero aínda quedaba unha cousa que solucionar? a roupa.

- Non teño con que vestirme para ir á festa?

Toquei unha vez máis o meu embigo e ela apareceu moi ben amañada, cun vestido fermoso negro, unhas bailarinas e un diadema prateados e co pelo perfecto, liso como unha táboa.

Marchou para a festa, pero volveu moi cedo e chorando. Pregunteille que pasaba e contoume que cando estaba co rapaz unha moza moi celosa tiroulle un pastel á cabeza.

-Coa rabia perdín un zapato- dixo entre saloucos.

De súpeto, soou o timbre, era o demo do rapaz, recoñecino porque traía o zapato na man. Deixeinos falar sós e cando volvín, decateime de que xa eran moi amigos. Teño a lixeira impresión de que esa amizade chegará a algo máis?


Conto de Silvia Legaspi Grueiro (3º ESO-D)



Deixa o teu comentario (7) - Categoría: 01. IES Breamo - Publicado o 23-10-2007 12:16
# Ligazón permanente a este artigo
Decreto de promoción do galego no ensino
O Consello da Xunta aprobou o xoves 28 de xuño de 2007 o decreto que desenvolve a Lei de normalización lingüística, polo cal o alumnado ten que rematar cada tramo educativo coa mesma competencia oral e escrita en ambas as dúas linguas oficiais.

Redacción Vieiros- 14:51 28/06/2007

No ensino de réxime xeral e na educación de persoas adultas, recollidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación ( LOE), asignarase globalmente o mesmo número de horas ao ensino da lingua galega e da lingua castelá. Nas clases de lingua galega e literatura e lingua castelá e literatura, usarán as respectivas linguas profesorado e alumnado. Nas programacións e outros documentos didácticos referidos á lingua castelá poderase utilizar esa lingua.


Infantil e primaria


Por etapas, na educación infantil o profesorado usará na clase a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial, dentro dos límites propios da correspondente etapa ou ciclo. No caso de contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensino, será, como mínimo, igual á da lingua castelá.

En toda a etapa da educación primaria, o alumnado recibirá cando menos o 50% da docencia en galego, por medio de tres materias: matemáticas, coñecemento do medio natural, social e cultural e educación para a cidadanía e os dereitos humanos.


Secundaria e ensino de persoas adultas


En educación secundaria obrigatoria (ESO), impartiranse en galego ciencias da natureza, ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas e educación para a cidadanía. Cando ciencias da natureza se desdobre en bioloxía e xeoloxía por un lado, e física e química por outro, ambas as dúas materias se impartirán en galego. Ademais, o claustro completará o número de materias, excluída aquela que a LOE determina de carácter voluntario para o alumnado, que garantan que como mínimo o cincuenta por cento da docencia se imparta en galego.



Bacharelato e FP


E por último, no bacharelato, o alumnado recibirá tamén a metade da docencia en galego. Na formación profesional específica, ensinanzas artísticas e deportivas, de grao medio ou superior, impartiranse en galego os módulos atribuídos á especialidade de formación e orientación laboral e os módulos profesionais que decida a dirección, logo de escoitar os departamentos correspondentes, pero sempre supoñendo que o alumnado recibirá a metade da docencia en galego. Ademais, en todos os módulos garantirase que o alumnado coñeza o vocabulario específico en lingua galega.

No ensino de persoas adultas, nos niveis I e II impartirase tamén a metade das materias en galego; no nivel III, correspondente á ESO, e no bacharelato, as ensinanzas impartiranse integramente en galego, agás as materias doutras linguas. Neste sentido, establecerase un plan específico destinado á nova poboación inmigrante que se está a asentar en Galiza, que abranguiría formación lingüística e coñecementos históricos e socioculturais de cara a facilitar a súa integración.


Proxecto educativo


Cada centro, dentro do proxecto educativo, elaborará o seu proxecto lingüístico: nel constarán as linguas que se deben empregar nas áreas, materias, módulos ou ámbitos de coñecemento distintos aos que veñen determinados na nova normativa, as medidas de apoio e reforzo necesarias, os criterios para determinar a lingua predominante do contorno; e as medidas adoptadas para que o alumnado que non teña o suficiente dominio da lingua galega poida seguir con aproveitamento as ensinanzas que se lle impartan nesa lingua. Este proxecto será redactado por unha comisión do profesorado do centro designada polo equipo directivo, e aprobado e avaliado polo consello escolar.


A Administración educativa avaliará os proxectos lingüísticos dos centros e fará o seguimento dos resultados que se desprendan da súa aplicación, coa finalidade de adoptar, se é o caso, as medidas necesarias para garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita a competencia lingüística propia de cada nivel e etapa nas dúas linguas oficiais de Galicia.


Equipos de normalización lingüística e formación específica nos centros dependentes de Educación


A nova norma prevé que nos centros dependentes da Consellería de Educación se constitúa un equipo de normalización e dinamización lingüística formado por profesorado, persoal non docente, e representantes do alumnado, quitando infantil e primaria.


Por outra banda, a Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolverá un plan de formación para o persoal dos centros educativos, de xeito que lles achegue coñecemento de sociolingüística galega e unha competencia oral e escrita suficiente para comunicarse e desenvolver a súa actividade profesional en galego. E o persoal seleccionado para a docencia recibirá formación específica de terminoloxía, estilos, linguaxes propias da especialidade e aspectos sociolingüísticos.


Deixa o teu comentario (4) - Categoría: 12. Política Lingüística - Publicado o 22-10-2007 20:06
# Ligazón permanente a este artigo
Dámosvos a benvida no novo curso


Aquí estamos outra vez reencontrándonos co instituto e coa xente que non viramos no verán e, como non, mentalizándonos para aproveitar o mellor posible este novo curso, cos seus libros de texto e os seus cadernos noviños... E como non hai tempo que perder, aquí estamos tamén desde o blog As Gabarras lembrándovos que as nosas portas están abertas e que agardamos impacientes as vosas ideas e colaboracións.

Grazas pola visita!


Deixa o teu comentario (3) - Categoría: 01. IES Breamo - Publicado o 08-10-2007 23:35
# Ligazón permanente a este artigo
A canción do verán
Comeza a segunda edición de A polo ghit, o concurso que anda na procura da canción do verán e que organizan Vieiros e a Radio Galega.

Os internautas xa podemos escoitar, votar e opinar sobre as propostas que se van recibindo, e os artistas poden seguir enviando as súas candidaturas até o 21 de xullo.

Entra e vota a túa canción favorita.
Deixa o teu comentario (2) - Categoría: 04. Música - Publicado o 25-06-2007 00:47
# Ligazón permanente a este artigo
Lume de San Xoán
Hoxe é o solsticio de verán e, polo tanto, a noite máis curta do ano, así que non podemos esquecer saltar o lume novo dicindo os esconxuros.

Circulan moitas versións das invocacións que se fan ao saltar o lume, aquí íncluímos unha:

"Salto por enriba
do lume de San Xoán
pra que non me trabe
nin cobra nin can"

Tamén temos que deixar a auga de herbas e flores ao sereno da noite para lavar mañá a cara despois de tanta festa!

Se coñecedes outros esconxuros escribídeos nos comentarios. E pasádeo ben!!!


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 07. Patrimonio Inmaterial - Publicado o 23-06-2007 12:57
# Ligazón permanente a este artigo
Air Galicia. Nazón de Breogán.


Lembra que na páxina web da Galega podes ver todos os capítulos de Air Galicia que xa foron emitidos. Así que, se perdeches algún ou queres voltar a ver os que máis che gustaron, entra e ri un pouco.
Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 03. Humor - Publicado o 20-06-2007 00:49
# Ligazón permanente a este artigo
Air Galicia. Máis aventuras de Beti, Costoya...
Deixa o teu comentario (4) - Categoría: 03. Humor - Publicado o 20-06-2007 00:42
# Ligazón permanente a este artigo
Preparando as vacacións
Xa estamos ás portas das vacacións!!! Despois do esforzo da recta final chega o merecido descanso!!!

Xa sabemos que algúns teredes que estudar no verán, pero para os que sabedes organizarvos e conseguides uns días para descansar, que mellor que pensar en actividades alternativas para fuxir da rutina á que nos obriga o frío do inverno?

Se entrades en XUVENTUDE.NET atoparedes información sobre moitas cousas interesantes, pero tamén unha oferta de actividades nas que podedes participar este verán con xente do voso tempo e que comparte as vosas mesmas inquedanzas.

Aquí podedes entrar en algunhas destas propostas:

Campamentos de verán aos que podedes ir en Galicia, noutras comunidades e tamén no estranxeiro.

Campos de traballo que se poñerán en marcha ao longo do verán dentro e fóra de Galicia e nos que podedes participar en actividades de voluntariado e tempo libre.

Escolas de tempo libre para a formación de futuros monitores de tempo libre.

Animádevos e pasádeo moi ben!!! O verán agarda por vós!!!


Deixa o teu comentario (2) - Categoría: 05. Sitios Web - Publicado o 18-06-2007 22:46
# Ligazón permanente a este artigo
Un estudo publicado en Longalingua reaviva o debate sobre as axudas para a galeguización dos xornais
O galego retrocede nos xornais máis subvencionados.

O portal Vieiros faise eco do estudo publicado no número 3 de Longalingua, a publicación sobre lingua e sociedade editada pola Mesa pola Normalización Lingüística.

Nese número, un grupo de estudantes de xornalismo da Universidade de Santiago avalía o uso do noso idioma nos diarios de Galicia e denuncia que retrocede nos xornais máis subvencionados.

O estudo conclúe que só o 7'9% do espazo dos xornais está en galego e a presenza nos espazos máis importantes -portada e contraportada- é case nula.

Pero a denuncia non remata aquí, o abraio dos investigadores aumenta ante "a falta de transparencia dos datos das subvencións" recibidas polos xornais para que empreguen máis a nosa lingua, aos que non tiveron acceso "nin preguntando directamente nas instancias da Xunta nin pescudando polo DOG".

A Mesa convida a escribir ás seccións de cartas ao director dos diferentes xornais para solicitar un maior uso do galego. Anímaste?


Deixa o teu comentario (3) - Categoría: 16. Sociolingüística - Publicado o 12-06-2007 18:54
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0