AS GABARRAS


Caderno do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Breamo



 ÍNDICE
 GALERÍA DE FOTOS
 WEBS RECOMENDADAS
 BUSCA NESTE BLOG

Xosé María Álvarez Blázquez
Este ano o Día das Letras Galegas está adicado a Xosé María Álvarez Blázquez (Tui 1915 - Vigo 1985), novelista, poeta, xornalista e editor, pero tamén mestre, arqueólogo, investigador...

Comezou a publicar a súa obra poética aos dezasete anos, pero o seu primeiro poema escribiuno con doce anos.

Estudou Maxisterio en Pontevedra e foi mestre en Galicia e Zamora e profesor de instituto en Vigo.

No ano 1936 ingresou no Partido Galeguista e comezou a estudar Filosofía e Letras, carreira que non puido continuar polo comezo da Guerra Civil.

Fundou dúas editoriais, Editorial Monterrey e Edicións Castrelos, adicadas á publicación de libros galegos. Nesta última editorial publicou O Catecismo do Labrego, que acadou a categoría de primeiro «supervendas» da literatura galega.


Escribiu tamén numerosos artigos xornalísticos e de investigación arqueolóxica, sendo nomeado Cronista Oficial da Cidade de Vigo.

Os seus libros máis coñecidos son A pega rabilonga e outras historias de tesouros, en prosa, e Roseira do teu mencer (1950) volume de poemas adicado á súa filla María Luísa, á que el chamaba Colorín.

Tamén é xustamente célebre o engano -rapidamente desfeito por el mesmo- que causou a publicación, no día dos Santos Inocentes de 1953, do seu Cancioneiro de Monfero, con cantigas tan imitantes ás medievais que o mesmo Rodrigues Lapa as creu auténticas.


Fonte: SeminarioGalán.org

Deixa o teu comentario (1) - Categoría: 06. Letras Galegas - Publicado o 12-05-2008 23:55
# Ligazón permanente a este artigo
Exitosa estrea do Soño dunha noite de verán


Pois si, o mércores 30 de abril estreouse O soño dunha noite de verán para o alumnado do Breamo e podemos asegurar que foi todo un éxito, así que non queremos deixar pasar a ocasión de felicitar a todos os actores e actrices e a quen colaborou dun xeito ou outro na posta en escena desta peza.

Para os que aínda non a vistes, aquí quedan os nomes de toda a xente que traballou con Arjé Teatro na obra deste curso cos seus respectivos roles.

TESEO, Duque de Atenas - Martiño Placer
HIPÓLITA, prometida de Teseo - Teresa López
LISANDRO, namorado de Hermia - Marco Villar
HERMIA, namorada de Lisandro - Paula Leira
DEMETRIO, pretendente de Hermia - Román Martínez
HELENA, namorada de Demetrio - Laura Piñeiro
EXEO, pai de Hermia - Antonio Piñeiro
FILÓSTRATO, mestre de cerimonias - Javier Lourido
MARMELO, director da compañía - Martiño Placer
FONDÓN, que fai de Píramo - Marco Salvadores
FRAUTA, que fai de Tisbe - Gaila Louro
BEIZOS, que fai de Muro - Ana Iglesias
MILFAMES, que fai de Lúa - Andrea Carrera
AXUSTE, que fai de León - Bárbara Alonso
OBERÓN, rei dos trasgos - Fernando Querol
TITANIA, raíña das fadas - Cristina Fraga
PUCK, trasgo que serve a Oberón - Pedro Placer
FLORDECHÍCHARO, fada que serve a Titania - Claudia Couce

Deseño gráfico - Cristina Fraga
Luces e son - Antonio Bello
Maquillaxe e perruquería - Marta Rodríguez e Eva Tenreiro
Produción - Fernando Querol
Dirección escénica - Javier de Melo

Máis fotos da representación do pasado mércores na Fotoblogoteca das Gabarras. Podedes velas entrando aquí.


Deixa o teu comentario (1) - Categoría: 01. IES Breamo - Publicado o 06-05-2008 14:53
# Ligazón permanente a este artigo
Galicia a raias
Aquí tedes o último vídeoclip de The Homens realizado por Roi Fernández e Isaac Cordal (Fundación Intemperie) co tema "Calamar" do que xa falamos noutra ocasión e que forma parte do álbum TRES (falcatruada '07).

Este videoclip quedou finalista no Festival Internacional de Videoclips Musiclip. A nosa noraboa para The Homens pola canción e para Roi Fernández e Isaac Cordal polo videoclip.



Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 04. Música - Publicado o 28-04-2008 15:38
# Ligazón permanente a este artigo
O soño dunha noite de verán


O soño dunha noite de verán é o nome do novo espectáculo de Arjé Teatro.

Este foi un curso repleto de celebracións para a compañía teatral do IES Breamo, que vén de cumprir dez frutíferos anos de vida. Despois da actividade frenética da Semana de Teatro, que se celebrou no instituto no mes de febreiro, agora o director, Javier de Melo, e os actores e actrices que integran Arjé Teatro, están concentrándose na representación da obra de Shakespeare que escolleron para este curso e que estrearán o próximo mércores 30 de abril.

Deu comezo a conta atrás...


Deixa o teu comentario (1) - Categoría: 01. IES Breamo - Publicado o 25-04-2008 09:02
# Ligazón permanente a este artigo
Air Galicia non se pode perder


Por se non o sabedes, estanse emitindo novos capítulos de Air Galicia, esa serie de humor da Galega que tan bos momentos nos fixo pasar o curso pasado. Lembrámosvos que se emiten os xoves a partir das nove e media da noite, xusto antes do Show dos Tonechos.

Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 03. Humor - Publicado o 24-04-2008 09:02
# Ligazón permanente a este artigo
Momentos de cine

O pasado xoves estiveron aquí Tamara Canosa e Roberto Porto, dous dos actores de Pradolongo, e Ignacio Vilar, o seu director e, ademais de falarnos da película e da importancia de facer cine en galego, asinaron un lote de autógrafos como podedes ver nas fotos que subimos ao blog.

Encantaríanos compartir máis momentos de cine coma o deste xoves. Que vos parece? Pero, por de pronto, aínda podemos ver a película nos cines galegos (o máis próximo en Narón) e, se entramos en www.meupradolongo.com, podemos ver vídeos da película e mesmo chatear cos actores. Animádevos!


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 01. IES Breamo - Publicado o 22-04-2008 23:11
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Cándido Pazó

Cándido Pazó estivo connosco no IES Breamo o venres 4 de abril e concedeunos esta entrevista despois da súa actuación. Aínda que tardamos bastante en presentárvola, estamos encantados de facelo. Podedes escoitala (aínda que tarda moito en cargar) e/ou lela, como gustedes.



ADRIÁN CAMPOS- Dende cando contas contos e por que?
CÁNDIDO PAZÓ- Desde o ano 98, pero dedícome ao teatro desde os 15 anos, ou sexa, toda a vida, e conto contos como unha maneira máis de contar historias, podo facer unha obra de teatro, podo escribir un guión para a televisión, en fin, para min é unha forma máis de contar historias.

RAFAEL LAGO- Pero de neno contabas tamén contos nas clases??
C.- Bueno, era un neno falador, botáronme moito de clase por falar; puxéronme moito nesa mesa que o profesor tiña cerca, normalmente ao alcance do brazo?
R.- O típico.
C.- Típico. E falaba moito, pero non é que contara así contos, pero si era falador e gustábame contar anécdotas e quitarlle partido a todo o que pasaba e convertelo nunha pequena historia, si.

A.- No seu currículo di que ten tendencia a improvisar, sempre foi así?
C.- A ver, o de improvisar hai que ter coidado, canto mellor sexa a historia, máis improviso. Quero dicir, se eu non sei a historia que vou contar non podo improvisar, pero si eu sei a historia, entón no medio da historia improviso, coma hoxe, porque me fala un ou outro, pois cambio de tema, entón hai que ter en conta esta circunstancia. Improviso canto mellor sei a estrutura. Si, sempre fun improvisador.

A.- E con iso nácese nace ou apréndese?
C.- Isto é como futbolista. Eu quixen ser futbolista pero nada, non había maneira, era malísimo.
A.- Igual ca el.
C.- Claro, e entón, quero dicir, hai unha parte coa que naces e unha parte que aprendes. Se me permitides dicilo cun exemplo: Se ti buscas petróleo tes que furar muito muito, pero tópalo se o hai. Por muito que fures, se aí onde estás furando non hai petróleo, non o hai. En cambio, se o hai, se cadra está mui profundo, mui profundo e hai que furar muito, pero sae pa fóra. Entón, aprender é como furar o pozo do petróleo, eso é aprender. Pero agora, se non hai petróleo, que iso é nacer, podes furar todo o que ti queiras. A min por muito que me mandaran ás melloras escolas de fútbol, non sei, a Lezama, do Atlético de Bilbao, que é unha das máis famosas, creo que non habería maneira.

R.- Canto tardas en crear un conto, ou se o adaptas como o fas?
C.- Si, a ver, primeiro fago unha adaptación estrutural pequena e despois vou contando ese conto. As primeiras veces que o conto, é mui simple, mui pequeno, non ten moitas voltas? pouco a pouco vai aumentando, vai recollendo de aquí, de alá e vai facéndose máis complexo e máis rico. O proceso entre nacer e estar, non digo terminado, porque nunca o está, pero estar completo, rico, pode ser un ano, pero un ano contándoo, non é que eu na miña cabeza estea pensando como è, senón que a base de contalo e contalo, vas quitándolle e póndolle.

A.- Por que se che deu por contar contos se tamén traballabas, como dixeches, no teatro?
C.- Sigo traballando no teatro. Pa min é unha parte, hai unha cousa que se chama artes escénicas e entón contar historias ou tecnicamente como se denomina que é narración oral.. A narración oral é unha parte das artes escénicas, que sobre todo en Latinoamérica se practica muito, eu traballo muito por Colombia e por aí, en Venezuela, en Chile, agora mesmo vou a Cuba dentro de pouco, alí é moi normal que haxa festivais de narración oral. Por aquí cada vez máis tamén.

R.- A ver, fálanos da preparación que tes antes de facer unha actuación como a de agora.
C.- Bueno, pois, montar as cousiñas, xa ves que teño aquí unha escada para subirme, como un pequeno escenario para min; pois teño que pór o equipo de son, porque aínda que bueno, aquí é un bo local e se a xente está calada escoitaríase igual, non sempre é así? E despois teño que, digamos, concentrarme, facer uns pequenos exercicios así coa boca, a historia aquela do trabalinguas e tal? Sobre todo concentrarme un pouco.

A.- E tamén? sénteste integrado no mundo dos contacontos?
C.- Bueno, claro, aquí si, entre os galegos pois estou nun pelotón bastante, digamos, dentro do pelotón, aí xunto con Quico Cadaval, Avelino González, Róber Bodegas, Paula Carballeira, Carlos Blanco, somos como un pelotón que estamos aí na parte de adiante, entón claro que me sinto integrado.

R.- (?)Destas actuacións que fas no instituto, hai algunha anécdota para comentar?
C.- En cada instituto hai unha, pois desde fotografías, que fago sempre unha foto para ter un recordo, onde aparece un chaval póndome os cornos, un chaval que o pasou ben pero que está simplemente, pois iso, vacilándome, a contar eu anécdotas que pasaron alí nese instituto, ou por exemplo, utilizar un nome para unha personaxe e resulta que hai un chaval que se chama así, e entón a partir dese momento todo o mundo lle chama, pois que sei eu, hai unha historia que é ?Os dous chepudos? e tiven que cambiarlle o nome ao personaxe porque despois se metían cun alumno porque se chamaba igual. Unha tontería, pero anécdotas destas hai moitas, si. Ou por exemplo, unha moi bonita (ata non sei se foi aquí en Pontedeume, penso que si, non o podo asegurar de todo, en Pontedeume ou en Miño) non estou seguro se en Pontedeume ou en Miño. (Como era?) Uns tiñan que ir a un, non era no propio instituto, era nuna Casa de Cultura, (penso que era en Miño) e entón os rapaces ían andando, eran maiores, eran como de Bacharelato ou 4º da ESO, ían andando pola súa conta e uns cantos ?desviáron? o camiño, e metéronse nunha cafetería á hora da clase e eu estaba alí. E eles falaban e isto e o outro e eu escoitabaos perfectisimamente falar, e entón despois aos rapaces un profesor mirounos e mandounos ir, e despois eu, sen dicir quen eran, tomeille moitísimo o pelo por todo que dixeran, ghaghagha, ghighighi, e eles estaban abraiados, non se deran conta de que todo aquilo que falaban de se: ah, vai ser un coñazo, non vou ir, colgamos clase, enganamos o profesor, que non o enganaron, e eu estaba nunha mesa ao lado, escoitando absolutamente todo.

A.- Dinos de que che soa, E logo ti quen ves sendo?
C.- Iso é unha peza que eu estrei non moi lonxe de aquí, en Narón, o venres pasado, día 28 e o día 29, e que será a peza que con Talía Teatro, estaremos representando por Galicia. É unha peza baseada, inspirada, ou a partir dunha peza mui clásica que se chama O Anfitrión de Plauto, era un autor romano.

R.- (?)A felicitación non sei se xa cha deron, polo premio.
C.- Si, ao chegar, polos Marìa Casares. Bueno, son os premios de teatro galego, onde este ano efectivamente me deron un premio a min en concreto por ?A piragua?, que é unha obra que fala dos malos tratos e da violencia doméstica e que quedei contento polo premio pero tamén moi contento porque o iluminador, que é o que pon as luces, e o que fai a música, tamén tiveron premio e son unha xente que estaba empezando, é o primeiro premio que teñen e, digamos que para eles..
A.- Failles máis ilusión.
C.- Moita máis ilusión da que me pode facer a min que, pois deses, pois teño sete agora?
A.- Bastantes.
C.- Bastantes, de moitos anos; e tamén a actriz protagonista, que dalgunha maneira representa a esas mulleres maltratadas das que trata a miña peza, que tamén tivo premio.

A.- E agora podías dicirnos un trozo do trabalinguas que dixeches antes?
C.- ?Unha vella mui fella mu fella fifirifella de micarantella, tivo un fillo mu fillo mu fillo fifirifillo de micarantillo, mandouno á caza mu faza mu faza fifirifaza de micarantaza, trouxo un coello mui fello mu fello fifirifello de micarantello, botoullo ao canizo mu fizo mu fizo fifirifizo de micarantizo?, ensinoumo a miña nai, Lina González.

A.- Vale, grazas. E para rematar?
R.- Si, un consello que poidas dar aos rapaces e rapazas que queiran ser contacontos?
C.- Escoitar, escoitar. Non é, o difícil, pode ser tamén difícil falar, pero, almacenar, porque cando alguén quere contar unha historia encontrarase con que conto, que digo. Entón ser mui curiosos do que se di na casa, do que se di nos bares, en fin, das cousas que están pasando, das historiñas, das anécdotas da clase? Hai amigos e amigas que, ao mellor eles non contan moi ben as historias, pero as historias que lles pasan son divertidas e ó mellor ti cóntalas mellor ca eles. Pero ti almacenas e eu creo que un neno o que ten que facer basicamente é almacenar e despois, claro, tratar de falar o mellor posible. Isto é moito máis importante que ir a cursos, a escolas (digo de contadores, non á escola esta), almacenar e falar ben.
R- É o que conta.
C.- Si, é o que conta, nunca mellor dito. Grazas.
R.- Ben , pois xa é todo isto, moitas grazas.
C.- Moi ben.
A.- E agora unha pequena foto para o blog.
C.- Moi ben.

Entrevista realizada por Adrián Campos e Rafael Lago (3º ESO - B)




Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 09. Lingua Rica Rica - Publicado o 22-04-2008 01:08
# Ligazón permanente a este artigo
Romualdo e "Eu que sei"
Outro momento da contada de Cándido Pazó digno de ser lembrado.

Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 02. Contando contos - Publicado o 18-04-2008 01:07
# Ligazón permanente a este artigo
Trabalinguas
Cándido Pazó estivo connosco no instituto o venres 4 de abril e aquí temos un recordo da súa contada. Lembrades este momento?

Deixa o teu comentario (2) - Categoría: 02. Contando contos - Publicado o 18-04-2008 00:35
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Pradolongo no IES Breamo
Pradolongo xa se estreou na Coruña e a próxima fin de semana tócalle a Narón. O xoves 17 teremos connosco no instituto ao director e actores para promocionar esta película e de paso poderán contarnos que se sente ao facer cine e como ven o panorama cinematográfico en Galicia.


Imaxes de Pradolongo coa canción de Luis Emilio Batallán "Quen poidera namorala", editada no 1975 a partir dun poema de Álvaro Cunqueiro e regravada na actualidade para a película.
Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 09. Lingua Rica Rica - Publicado o 15-04-2008 12:32
# Ligazón permanente a este artigo
Cándido Pazó visítanos
O próximo venres 4 de abril teremos connosco no IES Breamo a Cándido Pazó. Con esta será a segunda ocasión na que nos visita.

Actor desde 1975, tamén é autor teatral, director de escena, guionista de televisión, contador de historias... Cándido Pazó é un home de teatro polos catro costados. Moi querido polo público, o seu traballo tamén é recoñecido polos seus compañeiros de profesión, sen ir máis lonxe o pasado 27 de marzo recibiu o premio María Casares ao mellor autor pola súa obra Piragua.

Desde 2005 é presidente da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena (AADTG).

Máis información sobre Cándido Pazó aquí.


Deixa o teu comentario (3) - Categoría: 01. IES Breamo - Publicado o 31-03-2008 11:46
# Ligazón permanente a este artigo
Pradolongo
Pradolongo é o filme de Ignacio Vilar, producido por Vía Láctea, que acaba de ser estreado cun éxito sen precedentes na comarca de Valdeorras (Ourense), onde foi gravado. Nas próximas semanas estrearase nas principais cidades galegas.

Rubén Riós (Libro de Familia) interpreta a Martiño, Tamara Canosa (Mareas Vivas, Heroína, Valderrei) interpreta a Raquel e o debutante Roberto Porto interpreta a Armando. Os tres protagonistas da película son amigos desde a infancia e acaban de cumprir a maioría de idade. Os dous mozos compiten polo amor da rapaza, mentres observan a posíbel venda da louseira propiedade dun deles. Así, os conflitos persoais mestúranse coa realidade da Galiza rural en proceso de venda e despoboamento. Filme iniciático, polo tanto, no que os protagonistas descóbrense a si mesmos á vez que redescobren o mundo que os arrodea.


Entre os moitos atractivos da película está o uso da variante dialectal do galego empregado en Valdeorras, a fermosura das paisaxes nas que se rodou e o traballo de procura de actores mozos que tivo lugar nos institutos da comarca de Valdeorras. Pero ademais os primeiros amores de instituto, a busca de saídas profesionais, a preocupación polo contorno, a ecoloxía e os conflitos nas relacións coa familia e os amigos son temas pouco tratados no noso cine e poden ser de grande interese para o público adolescente.

Por se todo o anterior fose pouco, Pradolongo é o primeiro filme rodado en galego dende 2002. A película considérase a sexta que se grava integramente en galego na historia do cine en Galicia, despois de Sempre Xonxa (1989) de Chano Piñeiro, Urxa (1989) de Xosé A. López Piñeiro e Carlos G. Pinal, A metade da vida (1994) de Raúl Veiga, e Era outra vez (2000) e Días de voda (2002) de Juan Pinzás.

Velaí unhas imaxes da rodaxe de Pradolongo:




Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 09. Lingua Rica Rica - Publicado o 25-03-2008 19:07
# Ligazón permanente a este artigo
Viaxe á neve
Aqui estou de novo, amigos gabarreiros e gabarreiras, esta vez para falarvos dunha viaxe que fixen hai pouco á neve (do día 20 de xaneiro ó 28) con outros rapaces do instituto e tamén con dous profesores: Julio Cordeiro e Mikel Pasabant.

Ben, a verdade é que o pasei moi ben tanto esquiando como cando estabamos pola vila de Jaca. O que máis me gustou foron os primeiros días, porque foron cando máis se caía a xente e cando máis te rías. Polo demais outro día que me gustou moito foi o xoves que fomos á discoteca onde estivemos bailando durante todo o tempo... A verdade é que foron uns momentos moi ledos da miña vida e que xamais os olvidarei.

Nas viaxes fomos cuns alumnos de Carballo cos que nos rimos moito...

En fin, xa non teño máis nada que contarvos, pero aquí vos deixo unha montaxe coas fotos da viaxe.



Artigo e montaxe fotográfica de Marcos Legaspy (1º ESO - A)



Deixa o teu comentario (5) - Categoría: 01. IES Breamo - Publicado o 07-03-2008 22:06
# Ligazón permanente a este artigo
Xa temos JUJEL, o buscador galego


Agora os galegos xa non nos podemos queixar porque temos un buscador para nós: Jujel Jalisia... Podemos atopalo en www.jujel.es.

Estarédesvos a preguntar: Que demo é iso? Pois iso é basicamente tres cousas: un servizo público, un experimento en cooperación con Google Inc. para limitar as búsquedas a referencias galegas, e unha páxina simpática para chamar a atención e pór en liña dous fenómenos manifestos como son a gheada e o seseo no territorio galego.

Un apuntamento importante é que usan o J (inexistente en galego). Tomádeo coma unha licenza dos autores para abreviar na escritura dado que estamos a troulear e teclear 'GhuGhel' non queda moi ben nin é cómodo, non si? Explican tamén que non é ningunha burla, xa que a gheada e o seseo son moi comúns entre os galegos. Houbo quen preguntou por que é .es. Pois porque non hai de momento .gal. Parécevos unha resposta convincente?

Pois nada máis, só dicir que moitos galegos xa a temos como páxina de inicio e que é unha boa forma de apoiar o idioma.

Artigo realizado por Silvia Legaspi Grueiro (3º ESO - D)




Deixa o teu comentario (3) - Categoría: 05. Sitios Web - Publicado o 28-02-2008 21:36
# Ligazón permanente a este artigo
Unha estraña conversa
- Edgar, non te vaias.

- Quen fala?

- Falo eu.

- Quen es? Teño medo.

- Terás máis medo aínda.

- Onde estás?

- Quéntame máis!

- Como? Non te entendo.

- Veña, que non teño todo o día.

- Pero como fago?

- Dálle á roda.

- A que roda?

- Á miña.

- Onde está?

- Aquí, que son o radiador.





Conto de Edgar Fraga Villares (1º ESO - B)



Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 01. IES Breamo - Publicado o 25-02-2008 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0