AS GABARRAS


Caderno do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Breamo



 ÍNDICE
 GALERÍA DE FOTOS
 WEBS RECOMENDADAS
 BUSCA NESTE BLOG

Ramiro Fonte. Embaixador da República das Letras

Embaixador de honra da República das Letras, Ramiro Fonte recita dous poemas no Fogar do Pescador de Vilaxoán, no Día das Letras Galegas de 1998.


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 06. Letras Galegas - Publicado o 16-10-2008 09:05
# Ligazón permanente a este artigo
Ramiro Fonte. A memoria nos ollos
Ramiro Fonte, nacido en Pontedeume en 1957, profesor de Lingua e Literatura Galegas, membro correspondente da Real Academia Galega, poeta, novelista, ensaísta, crítico e estudoso da literatura galega e director do Centro Cervantes de Lisboa, morreu o pasado sábado 11 de outubro. Estes días non se fala doutra cousa no mundo da cultura galega. No blog Brétemas, Manuel Bragado recolle moitas das páxinas da prensa impresa e electrónica e dos blogs, nas que poetas, escritores, editores e amigos de Ramiro Fonte, expresaron a súa dor pola perda do home e a lembranza apaixonada da súa figura literaria.

Cofundador polo ano 1977 do colectivo poético Cravo Fondo, grupo xurdido en Santiago con vontade renovadora, publicou o seu primeiro poemario individual As cidades da nada en 1983 e desde entón non deixou de traballar a poesía, xénero ao que se adicou intensamente e no que escribiu trece libros, o derradeiro baixo o título de Reversos, rematado de imprimir a véspera da súa morte e que está a punto de chegar ás librerías.

Aínda que o noso autor deixa unha importante obra en verso e prosa e foi premiado como poeta e como narrador, para a maioría dos críticos literarios Ramiro Fonte é esencialmente un poeta, porén en Pontedeume é especialmente coñecido pola súa triloxía narrativa Vidas de infancia, formada polas novelas Os meus ollos (Xerais 2003), Os ollos da ponte (Xerais 2004) e As pontes no ceo (Xerais 2007), nas que o autor se entrega á memoria da infancia e de Pontedeume, que para el é o Pontedeume da infancia, pois como dixo Marcel Proust, "non hai máis paraísos que os perdidos".

Así que estes días non se fala doutra cousa en Pontedeume. O luns 13 de outubro, un luns de outono, regresou Ramiro Fonte a Pontedeume e emprendeu o seu camiño sen volta, mais deixou aquí connosco a súa memoria, a memoria dos seus ollos, o seu xeito de ver o mundo. Velaí o poder da palabra literaria.


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 06. Letras Galegas - Publicado o 16-10-2008 09:04
# Ligazón permanente a este artigo
Por aquí andamos



Aínda que xa remataron as vacacións e o verán deulle paso ao outono, quedaba a romaría de Breamo por pasar, mais agora que tamén pasou Breamo, podemos dicir, agora si, que o curso deu comezo, así que abrimos de novo as portas do blog As Gabarras para convidarvos a entrar cando gustedes e lembrarvos que agardamos as vosas colaboracións coa mesma ilusión de sempre.

Grazas pola visita e avante toda!
Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 01. IES Breamo - Publicado o 01-10-2008 17:03
# Ligazón permanente a este artigo
E usa a túa lingua...

Agora si que remata o curso e como despedida até o próximo, subimos á rede a viñeta que editou o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Breamo neste curso 2007-2008. O autor do lema foi Rafael Lago (3º ESO - B) e a autora do deseño foi Silvia Legaspi (3º ESO - D) e quedoulles así de ben.

Aproveito a ocasión para agradecer a colaboración a tod@s @s que participastes nas actividades do Equipo de Normalización neste curso e a toda a xente que nos visitou no blog As Gabarras. Agora fechamos por vacacións, pero para o curso que vén tentaremos voltar con máis música, humor, información... Entre tanto, festexade o verán como se merece.
Deixa o teu comentario (1) - Categoría: 14. Campañas dinamizadoras - Publicado o 19-06-2008 11:19
# Ligazón permanente a este artigo
Que queda moita festa e moito que bailar
Chega a desexada fin de curso e con ela o verán e os seus días de sol e praia e os paseos á beira do río e as festas do patrón e as da patroa...

E ao pensar na festa non é raro que se nos veña á cabeza Lamatumbá, a banda máis festeira do universo, así que aquí tedes o vídeo da súa canción "Camiños", que pertence ao seu novo disco: Paraugas universal, un disco cheo de rock, ska, funky, merengue, cumbia e calquera ritmo que consiga encher os espiritos de festa.

A ver se, de paso, recoñecedes algún famoso polo vídeo adiante...

E lembrade "que queda moita festa e moito que bailar. Temos moi pouco tempo pra gastalo en chorar".



Deixa o teu comentario (4) - Categoría: 04. Música - Publicado o 18-06-2008 09:53
# Ligazón permanente a este artigo
A pola canción do verán 2008



O verán está ás portas e, por terceiro ano consecutivo, está en marcha A polo ghit, o concurso que organizan Vieiros e a Radio Galega para buscar a canción galega do verán.

Os internautas xa podemos escoitar, votar e opinar sobre as cancións que se van recibindo, e os artistas poden seguir enviando as súas candidaturas até o mércores 16 de xullo.

Entrade e votade a vosa canción favorita.




Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 04. Música - Publicado o 17-06-2008 22:02
# Ligazón permanente a este artigo
Torre de Hércules, Faro da Humanidade
Hoxe seguimos a suxestión de Noemí López e incluímos aquí a páxina web de apoio á candidatura da Torre de Hércules a Patrimonio da Humanidade:

www.farodahumanidade.com


A Torre de Hércules é o único faro do mundo de orixe romana que se conserva en activo.

Aí estivo ela acompañando como ninguén o día a día da cidade e aí segue...

Cantas historias nos podería contar se quixese... Quen sabe se un día, cando as pedras falen... Ou mellor, cando aprendamos a escoitalas...





A imaxe corresponde
ao logo da candidatura
deseñado por Isaac Díaz Pardo.
Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 05. Sitios Web - Publicado o 10-06-2008 19:24
# Ligazón permanente a este artigo
Ao ver que non tiñas nome
El Cubo presenta esta canción a partir dos poemas "Ao ver que non tiñas nome" e "Era un airiño soave" para o proxecto da Biblioteca Municipal do Porriño Palabras liberadas para Xosé María Álvarez Blázquez.



Deixa o teu comentario (2) - Categoría: 04. Música - Publicado o 27-05-2008 15:34
# Ligazón permanente a este artigo
Era un airiño soave
Kedro & Dj Kiko armaron esta versión do poema "Era un airiño soave" para o proxecto Palabras liberadas para Xosé María Álvarez Blázquez da Biblioteca Municipal do Porriño.


A Biblioteca do Porriño produce Palabras liberadas para Xosé María Álvarez Blázquez "co ánimo de acadar para a literatura outra canle de difusión", porque "hai palabras libres encerradas nos libros que poden e deben ser liberadas para facelas vida".


Era un airiño soave

Era un airiño soave
que se erguéu pol-a mañán
e viña de non se sabe.

Era un recendo de rosas
da roseira de ningures,
que se metéu pol-a porta.

Era unha cantiga leda
que nascía non sei onde
e petaba na fiestra.

Era unha gracia sotil
que baixaba das estrelas...
¡Eras ti!



Deixa o teu comentario (1) - Categoría: 04. Música - Publicado o 27-05-2008 15:24
# Ligazón permanente a este artigo
Indiana Jones na procura da dobraxe prohibida
"Indiana Jones na procura da dobraxe prohibida" é o título da campaña que están a levar a cabo A Mocidade pola Normalización Lingüística e APRADOGA (Asociación de profesionais da rama artística da dobraxe de Galiza) para achegaren á cidadanía o problema da carencia de cinema dobrado en galego.


Coincidindo coa estrea de "Indiana Jones e o reino da caveira de cristal", filme que non será estreado en galego, pero si en catalán e español, estas dúas asociacións están a distribuír 8000 adhesivos e 3000 cartaces con este lema, ademais de convidaren ao envío de correos electrónicos de denuncia ao Presidente da Xunta (presidencia@xunta.es), de quen dependen a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Secretaría Xeral de Comunicación, con competencias no audiovisual galego.


Máis información en Vieiros.


Deixa o teu comentario (2) - Categoría: 14. Campañas dinamizadoras - Publicado o 24-05-2008 22:50
# Ligazón permanente a este artigo
Pelotas
Agora que xa pasou o Día das Letras, en Vieiros buscan, un ano máis, unha imaxe para o galego: fotos e vídeos que reflictan a transmisión da lingua (iso que permite que o idioma pase de xeración en xeración e perviva no tempo).

Tedes toda a información entrando en Vieiros.

Aquí podedes ver o vídeo premiado o ano pasado: 'Pelotas' de Alberto Dafonte.



Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 03. Humor - Publicado o 23-05-2008 22:56
# Ligazón permanente a este artigo
Mirando da lingua
Velaí o vídeo gañador ex-aequo do concurso "Mirando da lingua" convocado polo IES da Terra Chá, de Castro de Rei, en xuño do 2007. Un bo traballo sobre a lingua coa que nos topamos, ou non, nos xornais, nos carteis, na telefonía móbil...


Unha feliz iniciativa do IES da Terra Chá que agardamos teña continuidade. Parabéns aos realizadores do documental, dos que descoñecemos o nome pero agardamos que sigan dando moito que falar


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 14. Campañas dinamizadoras - Publicado o 21-05-2008 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
O uso ritual da lingua nos medios de comunicación
O Sindicato de Xornalistas de Galicia denuncia nun comunicado, no Día das Letras Galegas, a escasísima presenza do galego na maioría dos medios de comunicación privados de Galicia, ademais de cualificar de "hipócrita" que o día 17 de maio as portadas dos principais xornais saian á rúa maioritariamente en galego.

Di o Sindicato que ?son moitos os afiliados do SXG que queren escribir máis noticias en galego pero que non poden facelo debido ás políticas empresariais que favorecen o castelán en tódolas áreas temáticas que non sexan, sobre todo, cultura ou opinión".

Non é o primeiro ano que se denuncia esta situación desde o SXG e que se lles pide "ós medios un compromiso máis alá do puramente estético ou testimonial co galego, que tamén é a lingua de moitos dos seus empregados e da maioría da súa audiencia".

Ademais, lémbraselles "ós poderes públicos que unha das súas obrigas legais é fomentar o uso da lingua. Por iso, o SXG reclama ás administracións que o emprego regular deste idioma sexa, xunto coa erradicación da precariedade laboral, un criterio clave á hora de conceder as subvencións e as campañas de publicidade que, con cartos públicos, serven para financiar ás empresas da comunicación."


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 16. Sociolingüística - Publicado o 21-05-2008 20:10
# Ligazón permanente a este artigo
Miniquest sobre Xosé María Álvarez Blázquez

No IES de Teis elaboraron esta interesante miniquest sobre o homenaxeado do Día das Letras Galegas deste ano.


Webquest Álvarez Blázquez, escritor comprometido.


Fonte: Bitácora da Aula de Lingua do IES de Teis Revolta da Freixa.


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 06. Letras Galegas - Publicado o 13-05-2008 10:03
# Ligazón permanente a este artigo
Roseira do teu mencer
Fotografía de Xosé María Álvarez Blázquez coa súa dona María Luísa Cáccamo e a súa filla Colorín.




Xosé María Álvarez Blázquez escribiu Roseira do teu mencer para a súa primeira filla, á que chamaba Colorín porque era loira e colorada.

Paseando pola rede atopamos no blog Bibliolecturas este poema do libro do que falamos, ilustrado con fotos e o canto do reiseñor e do merlo.


Aquí vos deixamos tamén "Era un airiño soave", tamén de Roseira do teu mencer, debuxado e recitado por Paula, alumna de 5º de primaria no CEIP Quintela de Moaña.




E "O año pitaño", debuxado e recitado por Laura, tamén de 5º de primaria e tamén do CEIP Quintela de Moaña.


>

Se queredes escoitar máis poemas de Álvarez Blázquez, recitados ou cantados, entrade aquí.


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 06. Letras Galegas - Publicado o 13-05-2008 09:45
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0