Este luns 1 de xuño os novos xestores da Radio Galega decidían que Xurxo Souto non continuaría á fronte do programa Aberto por Reformas. Decidían que o programa permanecese co mesmo nome, pero con outro presentador e diferentes intereses, desaparecendo así un escaparate fundamental para a difusión da música galega de todos os estilos.
Xa había máis de tres anos que comezara o programa e nese tempo Xurxo Souto realizou máis de trescentas entrevistas e deu a coñecer a ducias de novas bandas e de artistas, moitos deles sen ter editado aínda o seu primeiro traballo. Tres anos amosándonos todo un mundo de música en galego en todos os estilos e demostrando que non só existía o folck en Galicia, senón que se podía facer hip hop e funky e rock e tecno e reggae en Galicia e en galego.
Así ven a noticia algúns dos músicos que pasaron por Aberto por Reformas:
Brais de Som do Galpom considera Aberto por Reformas "a clave que permite entender o rexurdimento da música en Galiza, e sobre todo da música en galego. Xurxo Souto conseguía transmitir a sensación de que estaba pasando algo importante, e estaba no certo, algo estaba pasando". "Grazas ao programa apareceu un novo tipo de consumidor de música: o que compra música galega".
Fanny & Alexander opinan que a desaparición dun dos espazos que máis promocionaba a música do país podería mesmo incorrer na ilegalidade: "Estase conculcando o artigo 16 da Lei 9/1984 da CRTVG onde se di a programación debe estar inspirada pola 'promoción e difusión da cultura e lingua galega, así como pola defensa da identidade da nacionalidade galega".
En opinión de Anxo, un dos integrantes de Machina, "antes deste programa non existían os grupos galegos na Radio Galega, quitando os de folk, con todo o respecto para eles. Non sei que vai pasar agora, esperabámolo, pero é un mazazo".
Para Uxía Senlle, o Aberto por Reformas foi unha "revolución na radio galega, e na radio pública en xeral. Recuperou para a radio, onde non existía, a música galega en todas as súas expresións".
Marcos Payno, de Galegoz, salienta que o programa "promocionou a música como ninguén, nunca censurou nada, e nestes anos o traballo de Xurxo Souto foi fundamental para a difusión da música galega. E seguirá facendo un labor moi importante, estea onde estea".
García, de Dios ke te Crew, cre que é "triste" que unha radio pública "se convirta nunha radio de partido" e lamenta que se elimine un programa que "conseguiu que un monte de grupos emerxentes fosen coñecidos".
E O Leo avisa: "O traballo de Xurxo Souto non caeu en terreo ermo; o que sementou está aí e isto non vai dar marcha atrás".