AS GABARRAS


Caderno do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Breamo



 ÍNDICE
 GALERÍA DE FOTOS
 WEBS RECOMENDADAS
 BUSCA NESTE BLOG

Mucha e Nucha
Marcos Pereira e Xosé Antonio Touriñán
Xosé Touriñán e Marcos Pereiro integran o dúo cómico Os dous de sempre e desde hai un ano triunfan no programa Luar coas súas personaxes Mucha e Nucha, as cantareiras de Ardebullo, un valor en alza do "humor hiperenxebre", como a eles lles gusta chamalo.

Marcos Pereiro naceu en Alemaña en 1981 e regresou a Galicia coa súa familia cando tiña 8 anos, foi a esa idade cando coñeceu a Xosé Antonio Touriñán e deu comezo a súa amizade.

Foron ao mesmo colexio de pequenos, en Tarrío, e xogaron no mesmo equipo de balonmán até que cumpriron os 20.

“Eramos un grupo de xente que durante moitos anos convivimos todos os días, nas clases, nos entrenamentos e logo as fins de semana nos partidos”, di Marcos, que xogaba de extremo bala —“Eu xogaba de... de calquera cousa”, engade Xosé—. “Daquela xa eran graciosos, xa viamos que valían para facer a mona, pero cada un polo seu lado. O mellor eran as saídas de Marcos cando o entrenador lle botaba a bronca”, di Jaime, amigo da infancia, antigo compañeiro de clase e de equipo e agora manager de Os Dous de Sempre.

Foi no instituto Cruceiro Baleares (máis coñecido como Universidade Laboral) onde callou a complicidade cómica e teatreira entre Marcos, de 27 anos e veciño de Liñares, e Xosé Antonio, de 29 e de Castelo. “O profesor de galego, Fernando Torreiro, convenceunos para meternos no grupo de teatro, Speculum Meigallada. Alí fixemos a primeira obra xuntos, Unha rosa é unha rosa", recorda Xosé.

Dous anos despois daquela adaptación de Suso de Toro, e logo de moitas actuacións improvisadas en festas de cumpreanos e reunións con amigos, Xosé e Marcos convertéronse formalmente en Os Dous de Sempre. Foi o 17 de maio de 2002, no festival das Letras Galegas de Carral. “Daquela foi Peter, da taberna Lume e Ferro, en Carral, o que nos tivo que convencer para que preparáramos un número de humor xuntos”, di Marcos. E foi nese “número” onde naceron as súas personaxes máis famosas, Nucha e Mucha, as cantareiras de Ardebullo que hoxe triunfan cada venres en Luar e nos escenarios de toda Galicia. “Aquel día Nucha e Mucha actuaron só uns minutos, pero xa cantaron algún dos seus grandes éxitos, como Europe’s living a celebration en versión pandereiteira”, recordan.



Fonte: "Ardebullo, a aldea universal", artigo de P. Rico para La Opinión A Coruña (29/03/2009).


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 03. Humor - Publicado o 03-06-2009 14:22
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet