AS GABARRAS


Caderno do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Breamo



 ÍNDICE
 GALERÍA DE FOTOS
 WEBS RECOMENDADAS
 BUSCA NESTE BLOG

As cores do galego

O galego non é, nin debe ser, monopolio de ningún partido político, porque é a lingua das galegas e galegos de todas as ideoloxías e mesmo dos que non a teñen ou cren non tela. Porque o galego non ten color política e aínda é a lingua da maioría dos galegos e galegas de todos os partidos. Porque o galego fálano galegos de dereitas e de esquerdas, nacionalistas e non nacionalistas, galegos que se senten máis españois que galegos e galegos que se senten máis galegos que españois. Porque as linguas son patrimonio universal e non son propiedade de ninguén.

Pero despois dunha precampaña electoral tan agresiva contra o proceso de recuperación do galego por parte de xente que utiliza a palabra "bilingüe" para defender o seu monolingüismo militante, chega a resaca post-electoral e Alberto Núñez Feijoo, o que vai ser o noso Presidente durante os próximos catro anos, promete como primeirísima medida derrogar o vixente decreto 124/2007 do galego, que pretende garantir un mínimo do 50% do ensino en galego e que foi redactado en aplicación do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado no Parlamento de Galicia por unanimidade no 2005, sendo presidente da Xunta Manuel Fraga Iribarne, e promete eliminar a obrigatoriedade do ensino en galego nas materias troncais que defendía o anterior decreto 247/1995, que o seu propio partido apoiara no ano 1995 estando tamén como presidente da Xunta Manuel Fraga, que gobernaba daquela en Galicia con maioría absoluta. Así que nos topamos con que o que se apoiou como protección necesaria do galego polo PP que lideraba o que fora ministro de Franco do ano 1962 ao 1969, agora é rexeitado como imposición do galego polo PP liderado pola nova cara do PP do século XXI.

Quen o diría? Que o dereito a non aprender galego sexa o primordial para o novo presidente da Xunta de Galicia! Quen o tería imaxinado? Un home que presume de ser un home do seu tempo, defendendo o dereito a ser analfabeto funcional na lingua propia de Galicia e a ser monolingüe en castelán en Galicia.

Bo xeito de comezar unha lexislatura en tempos de crise..., dándolle as costas ás directrices europeas e ao que xa hai tempo que as empresas comezan a recoñecer, que os cidadáns bilingües son máis versátiles, algo indispensable nunha sociedade tan cambiante como a que nos toca vivir.

Pois a verdade é que as grandes empresas por fin recoñecen que o galego vende máis na publicidade, que a atención en galego mellora o rendemento de moitos negocios e á hora de contratar novos traballadores cada vez máis grandes empresas, mesmo multinacionais, esixen aos seus traballadores máis cualificados o coñecemento de, polo menos, unha lingua autonómica, sen falar de que, lonxe de dificultar a aprendizaxe de novas linguas, a inmersión nunha segunda lingua na infancia, facilita a aprendizaxe de novas linguas no futuro e a xente verdadeiramente bilingüe ten máis facilidade para aprender terceiras e cuartas linguas.

Pero nada diso debe ser importante para o señor Feijoo cando se permite defender a lei do máis forte e desprotexer unha lingua desde a súa formación política, prometendo lexislar para un sector minoritario da poboación que non quere coñecer a lingua dos galegos, rompendo así o consenso acadado por todos os partidos políticos no ano 1983 cando se aprobou a Lei de Normalización Lingüística, como desenvolvemento da cooficialidade defendida polo Estatuto de Autonomía de Galicia aprobado en 1981.

Así que, aínda que o galego non teña cores políticas, podemos dicir sen temor a equivocarnos, que neste momento o ataque á nosa lingua propia si ten cor política, algo dobremente grave se temos en conta que o galego non naceu para enfrontar o pobo que a creou, senón para unilo e vertebralo, igual que todas as linguas do mundo, aínda que haxa quen siga pensando na diversidade lingüística e no plurilingüismo como maldicións no canto de riqueza.


María do Carmo Fernández Pazos
Coordinadora do ENDL do IES Breamo


Deixa o teu comentario (4) - Categoría: 15. Reflexións sobre a lingua - Publicado o 07-03-2009 14:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
4 Comentario(s)
1 Hola, eu son unha sustituta de Tecnoloxía en Andalucia, e visto desde fora o uso da nosa lingua nos centros semella a unha imposición, coma eu son unha defensora da miña lingua nai considero de que debemos ve#blgtk08#nder mellor o emprego do galego coma unha lingua que ten unha utilidade fora de Galiza, en Portugal e o Brasil, ademáis de que os alumnos cantas máis linguas dominen máis fácil lles é.
Moitas apertas.
Comentario por Mª del Rocio Piñeiro Santos (09-03-2009 16:28)
2 Tes razón, Rocío, en que a nosa lingua ten moita utilidade fóra de Galiza, en Portugal e no Brasil, pero non podemos esquecer que tamén a ten, e moita, en Galicia, e aínda pode ter moita máis. Sen ir máis lonxe, pensa na econo#blgtk08#mía que xorde da industria editorial, musical e cinematográfica que xira en torno a unha lingua e cuxa razón de ser en Galicia é o feito de que se faga en galego.

Unha aperta forte para ti tamén.

Comentario por María do Carmo (09-03-2009 22:39)
3 Pola banda de Cuntis tamén reproducimos no noso blogue o voso artigo "As cores do galego".

http://www.blogoteca.com/nalinguadetodos/index.php?cod=57966

Incluímos, ademais#blgtk08#, un deseño "ben colorido" para ilustrar o voso texto.

Saúdos

PD: parabéns pola intensa actividade que desenvolvedes na rede, que ben se ve no Planeta ENDL, e no centro.
Comentario por Román (13-03-2009 20:12)
4 Grazas, Román, por "reproducirnos" e por ilustrarnos cun deseño tan axeitado no espírito e na forma.

#blgtk08#E moitos parabéns e grazas polo blog "Na lingua de tod@s" e especialmente pola feliz realidade do "Planeta ENDL"!!!
Comentario por María do Carmo (13-03-2009 21:47)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0