AS GABARRAS


Caderno do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Breamo



 ÍNDICE
 GALERÍA DE FOTOS
 WEBS RECOMENDADAS
 BUSCA NESTE BLOG

Sobrevivir en galego
Artigo de Marisol López Martínez, Secretaria xeral de Política Lingüística
publicado en La Voz de Galicia


A pregunta xa ten algúns anos. ¿Que pasaría se, tras unha catástrofe universal, dentro de mil anos uns arqueólogos viñesen a Galicia e tentasen reconstruír a nosa cultura a partir das cousas máis duradeiras que temos, que son as lápidas de pedra dos nosos camposantos? Pois dirían que esta é unha terra na que só un 3% da poboación falaba o galego. E, aínda que a conclusión sería errónea, estaría aparentemente fundada en documentos sólidos. Sólidos, por certo, pero non fiables. A lei non escrita da rutina leva a enterrar en castelán mesmo os que case nunca o falaron.

Non sempre foi así. Calquera que visite as nosas igrexas pode encontrar lápidas en galego ata o século XVI, dende as da xente común ata as de condes ou almirantes. O estraño é que, precisamente cando o Concilio de Trento mandou catequizar e predicar nas linguas que falaba a xente, en Galicia se eclipsou a lingua galega escrita. Algo aconteceu aquí que deba explicarnos a asimetría coa Bretaña, o País Vasco, Cataluña ou Sardeña. Os mortos en Galicia empezan a ser despedidos en latín ou en castelán no século XVI, linguas que en moitos casos non eran a súa lingua habitual. E nesa lingua non habitual empezan a recibir o carné de identidade definitivo, que é a lápida. Haberá que esperar ao cambio de milenio para que empecen a ter unha certa presenza as lápidas en galego. Só dende a emigración se percibe a contradición e os galegos de Cuba pagan a excepción: o sepulcro de Rosalía de Castro, no Panteón de Galegos Ilustres, en Bonaval.

¿Por que hoxe só se publica en galego un 3% das notas necrolóxicas, cando o número dos que falan sempre o galego supera o 56%? ¿Por que a industria funeraria non lles pregunta aos seus clientes (ou os sacerdotes aos seus fieis) en que lingua queren os seus servizos, do mesmo xeito que unha perruqueira pregunta como se quere o corte de pelo ou o restaurante se se quere carne ou peixe? Este prato único indica falta de calidade no servizo. É como se o castelán fose o pasaporte indispensable para a outra vida, a moeda necesaria para lle pagar ao barqueiro Caronte.

En tempos, a política obrigaba a facelo así. Hoxe é simple rutina. E a rutina arruína os afectos e despersonaliza as emocións. Mesmo as emocións fortes da despedida.

Pero algo vai cambiando. Hai agora nove anos, exactamente o 30 de novembro de 1998, unhas cen persoas das máis diversas profesións e idades reuníronse en Bonaval, no Panteón de Galegos Ilustres, para asinaren perante o notario José Antonio Montero Pardo un documento público individual no que declararon que a súa lingua é a lingua galega, a lingua do pobo ao que consideran pertencer, a lingua que queren que os acompañe deica a morte; que, en chegando a hora do seu pasamento, queren que todo o relativo ao seu funeral e enterro, incluídas necrolóxica e lápida, se as houbese, se realice exclusivamente en lingua galega e, polo tanto, pídenlles á familia, aos amigos, ás autoridades relixiosas e civís e aos servizos funerarios que fagan en lingua galega canto teñan que facer, público ou privado, oral ou escrito; que se terceiras persoas, sexan da familia ou autoridades relixiosas ou civís, tentasen impedir a realización desa derradeira vontade, lle pidan a calquera outro familiar ou amigo que tome todas as medidas para facela cumprir e, en caso de absoluta imposibilidade, que faga que o enterren en silencio.

Lembro que máis de mil persoas realizaron actos notariais semellantes na Coruña, en Redondela, en Vigo, en Ferrol, no Carballiño, no Couto Mixto e en Ourense. Houbo mesmo algún caso no que este documento notarial tivo que facerse efectivo.

As notas necrolóxicas dos máis novos adoitan estar en galego. Tamén as das persoas do mundo cultural, político e sindical. Hai xa camposantos nos que devanceiros egrexios teñen hoxe unha nova lápida en galego que, no seu momento, razóns políticas non lles permitiron ter. Hainos nos que á entrada campa unha inscrición en galego que di: «Honor aos que nos deixaron a vida, a terra e a lingua». Hai xa numerosas axencias funerarias que descubriron que é máis elegante personalizar os servizos.

A esperanza de vida en Galicia é a máis alta de Europa, porque en Galicia non se morre ata que un neto ou bisneto leva para o faiado a foto que campaba no salón. Galicia honra os seus devanceiros cunha memoria moi tenaz. Estou segura de que, en canto se repare na contradición, moitos quererán despedir aos seus pais na mesma lingua que falaron e que nesa lingua queden identificados para sempre nesa lápida, que é o carné de identidade definitivo.


Deixa o teu comentario (1) - Categoría: 15. Reflexións sobre a lingua - Publicado o 05-11-2007 11:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1
Vaia vaia, o artigo está ben pero eu non sabía que existise esa asimetrí#blgtk08#a coa Bretaña, o País Vasco, Cataluña ou Sardeña. Mui interesante de ser investigado.
Comentario por turonio (05-11-2007 14:47)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0