Estes son os microrrelatos premiados no
III Concurso de Microrrelatos do IES Breamo na categoría C, aberta a nais, pais, persoal non docente e profesorado:
DEBUXANDO UNHA PAISAXE
O lenzo en branco.
Na paleta: branco, unha pinga de azul cián e unha migalla de rosa e violeta.
Aparece o ceo. Estalan os verdes claros, esmeraldas, turquesas e a luz filtra os amarelos.
Debaixo, as pinceladas horizontais perfilan o río que reflicte a policromía do redor.
Balbordo: natureza viva.
ENTRE A FOLLAXE UN MONSTRO ESPERTA!
Na paleta: un lapo negro, o violento laranxa, o maxenta abrasivo, o vermello devastador.
As espesas veladuras grises engolen as cores, é o fume.
Os trazos ciscados, son espectros. A cinza monocroma: morte.
Na paleta: Nada. Silencio.
Ao lonxe o martelante son dun helicóptero.
Pilar Fernández Veiga (Profesora de Matemáticas)
PRIMEIRO PREMIO
NATIVAS SOMOS TODAS
`Vuestras Altezas cuando mandaren púedenlos
todos llevar a Castilla o tenerlos en la misma
isla cautivos'.
Cristóbal Colón, Diario, 14 de outubro de 1492
`Portarás la cruz o probarás la espada', espetoume farfallando aquel malvado. Achegoume contra si acariñándome a meixela; eu mordinlle o dedo, erguinme dos xeonllos e fuxín cara a manigua.
Agora bebo auga pola folla da palma e son irmá das aves da noite. Ataco ao luar, e de día soño. Soño que parirei fillas que parirán feras. Que cando nós probemos a súa espada eles, os estranxeiros, han probar na súa carne a boca quente do caimán. Soño que alzo o voo, que estendo as ás, que abro o peito sobre os manglares. Eu e as miñas ás debuxadas contra o ceo inmenso: esa é a miña cruz, esa é a miña espada.
Miguel Rodríguez Carnota (Profesor de Inglés)
MENCIÓN ESPECIAL