
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Breamo convoca o terceiro certame de microrrelatos dirixido á comunidade educativa do IES Breamo, de acordo coas bases que a continuación se especifican.
1. FORMATO: O texto presentado debe de ser en galego e non conter máis de 600 caracteres, (aproximadamente 8 liñas), sen contar o título e o pseudónimo da persoa participante. O formato do texto será: Times New Roman, tamaño 12, xustificado a dobre espazo. O microrrelato estará precedido por un título en negriña e asinado por pseudónimo en cursiva (o mesmo pseudónimo para todas as obras enviadas pola mesma persoa) e a categoría á que pertence.
2. TEMA: A temática será libre.
3. CATEGORÍAS: Establécense tres categorías:
Categoría A: alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO.
Categoría B: alumnado de 4º de ESO e Bacharelato.
Categoría C: profesorado, persoal non docente, pais e nais de alumnos-as do centro.
4. PROCEDEMENTO: A persoa participante no concurso deberá entregar na Secretaría do instituto un sobre grande anónimo que conteña no seu interior o microrrelato (ou microrrelatos) que presente a concurso, sen que conste o nome, pero si o título, o pseudónimo e a categoría, e un sobre pequeno ou plica, pechado, no que deberá escribir por fóra: III Concurso de microrrelatos do IES Breamo, o pseudónimo empregado e a categoría á que se presenta, e dentro incluír os seus datos persoais: o nome e apelidos, curso e, se se presenta á categoría C fará constar tamén o documento de identidade, un número de teléfono e, se é pai ou nai dun alumno ou alumna do centro, indicará tamén o nome do seu fillo ou filla.
5. PRAZO: As obras poderán ser presentadas na Secretaría do IES Breamo ata o venres 11 de maio. Os microrrelatos gañadores daranse a coñecer no blog do EDLG As Gabarras e na web do IES Breamo na semana das Letras Galegas, despois do fallo do xurado.
6. XURADO: O xurado estará composto por dous representantes do profesorado, dous representantes do alumnado pertencentes ao EDLG e un representante do persoal non docente.
7. PREMIOS: Haberá un premio en cada categoría. No caso de que algunha das categorías non acade premio por falta de calidade dos traballos presentados, poderá adxudicarse un segundo premio a outra categoría. O acto de entrega de premios terá lugar no Salón de Actos do IES Breamo o día e hora que se indique cando se faga público o fallo do xurado.
8. Os traballos premiados en todas as categorías, poderán ser expostos nas páxinas webs e blogues do centro.
9. A participación neste concurso supón a aceptación destas bases.
|