O
Premio Xoán Manuel Pintos ten dous obxectivos fundamentais: recoñecer a aquelas persoas, empresas, asociacións ou entidades radicadas en Galicia que impulsan o galego e a súa presenza na sociedade, e manter viva a memoria de Xoán Manuel Pintos, unha das figuras máis importantes do Rexurdimento.
Deste xeito, a
Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística recibiu o premio Xoán Manuel Pintos 2011 na categoría traxectoria recente, polo seu labor a prol da lingua no ano en curso.
O xurado salientou o traballo da Coordinadora non só polo labor que está a facer como asociación, senón tamén porque exemplifica e aglutina os equipos de normalización lingüística de todo o país.
Pola súa banda, a
Aula Castelao de Filosofía foi merecedora do premio na categoría de toda unha traxectoria a prol da lingua, pois esta asociación leva trinta anos a defender a lingua galega e a facer posible que o galego sexa unha lingua normal na transmisión e no debate do pensamento científico máis actual.
A entrega do premio tivo lugar o venres 25 de novembro no Pazo de Mugartegui.
Os premios Xoán Manuel Pintos están convocados polo Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) e non teñen dotación económica.
Máis información en
www.pontevedra.eu, web do Concello de Pontevedra, e no
Diario de Pontevedra