AS GABARRAS


Caderno do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Breamo



 ÍNDICE
 GALERÍA DE FOTOS
 WEBS RECOMENDADAS
 BUSCA NESTE BLOG

A falacia da imposición do galego
Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 11. A imposición do castelán - Publicado o 20-06-2010 21:45
# Ligazón permanente a este artigo
Sorpresa no eido xudicial polo auto que cuestiona a utilidade da lingua
Máis alá do caso concreto, os profesionais do dereito consideran "intolerábel" que o xuíz se permitise consideracións prexuizosas.

Falan Luís Villares, López Suevos e Xosé González

"Mesquiño, intolerábel e carente de rigor". Estes son os cualificativos que o xuíz de primeira instancia e instrución da Fonsagrada, Luis Villares, lle adica ao auto.

Primeiro caso deste tipo

"Que se valore a liberdade lingüística como criterio de atribución da garda custodia non ten precedentes", explica Villares, "hai que ter en conta que a liberdade lingüística é un principio constitucional de primeira orde, polo que unha resolución deste tipo iría mesmo en contra deste dereito". Ademais, nunha situación coma esta, na que se decide sobre unhas nenas, "debe terse en conta ante todo o supremo interese do menor", asegura, "que dificilmente podería estar en risco por unha cuestión de lingua".

Do mesmo xeito se pronuncia Ana López Suevos, xuíza de instrución en Santiago de Compostela. Se ben adianta que non se quere pronunciar sobre o caso concreto, ao non coñecer en detalle a documentación, cualifica de "intolerábel" que o auto conteña consideracións e valoración sobre a lingua.

Non senta precedente

Con todo, ambos xuíces subliñan que un auto emitido por un xulgado non asenta ningún tipo de precedente. Atendendo á lóxica xudicial, a familia recorrerá agora ante a Audiencia Provincial de Madrid, que debería confirmar ou rexeitar a decisión.

Cuestión de fondo: a falta de formación

Máis alá vai o fundador da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística e da Asociación de Xuristas en Galego, Xosé González. Recorda que, na elaboración do Proxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial, os profesionais cataláns loitaron para que a sede da Escola Xudicial se situase en Cataluña. "A localización non é unha cuestión menor", explica, "porque pon o acento sobre a necesidade de que os alumnos aborden con maior seriedade certa sensibilidade con respecto ás cuestións lingüísticas derivadas do Estado das Autonomías".

Porén, na actualidade, elementos como as linguas ou as culturas particulares non forman parte dos temarios aos que se teñen que enfrontar os futuros xuíces, avogados ou fiscais, mais alá da organización de cursos puntuais.

Reiterando que é un "problema político ao que hai que dar solución", entende que o seguinte paso por parte de Galiza debería ser que "o Parlamento inste ao CXPX a abrir un expediente ao xuíz de Alcorcón para que corrixa, en definitiva, as actuacións incorrectas levadas a cabo por parte deste maxistrado".

Máis información en Vieiros (18/11/2009)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 11. A imposición do castelán - Publicado o 18-11-2009 19:00
# Ligazón permanente a este artigo
Unha nai pode perder a custodia das súas fillas por escolarizalas en galego
Un xulgado de Madrid retíralle a unha viguesa a custodia das fillas alegando que o seu traslado a Vigo sería un prexuízo para as menores, ao seren escolarizadas en galego.

A familia das afectadas decidiu, na xornada de onte e a través do Grupo Parlamentario do BNG, sacar á luz o auto xudicial que, en palabras de Manuel López, irmán da nai demandada, cuestiona “o dereito dunha familia a voltar ao seu fogar” por causa do idioma, e esixe que a Xunta actúe ante o “racismo lingüístico”.

“Perigo para as menores pola problemática relativa á inmersión lingüística en Galicia” ou “inmersión nun sistema escolar en lingua galega, unha lingua distinta á que foron escolarizadas ata o de agora que, alén do ámbito daquela comunidade autónomica, non se aprecia que teña outra utilidade práctica”, son os principais argumentos esgrimidos polo xuíz da localidade madrileña de Alcorcón.

Estas conclusións, apunta o tío das afectadas, chegan despois de que “o xuíz lle pregunte reiteradamente” á maior de ambas nenas que, na altura contaba con 16 anos, “se non ten problemas co galego”, 
unha cuestión á que a menor responde “que para ela nunca supuxo ningún problema”, ao contrario que para o maxistrado que “despois de varios veráns veraneando en Galicia, non entende a lingua galega”.

Así as cousas, Manuel López reclama a intervención das consellerías de Educación e Benestar que “certifiquen a integración total das nenas”, xa que, mentres unha delas está a piques de cursar as probas de acceso á universidade “con exención de proba de lingua”, no caso da menor de ambas, “a súa última nota de galego é dun 8,5”, sinala.


Máis información en galiciaé (17/11/2009), en Xornal.com (18/11/2009) ou en Vieiros (18/11/2009)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 11. A imposición do castelán - Publicado o 18-11-2009 17:24
# Ligazón permanente a este artigo
Problemas coa lingua na consulta médica?
Seica a carreira de Medicina esixe demostrar unha boa capacidade de aprendizaxe, é máis complicado aprender galego para os médicos?


Paradoxalmente, e logo de saltar a primeiro plano o caso dunha pediatra que nun centro coruñés lle prohibía falar galego a un cativo na súa consulta, de Vigo chéganos agora un caso no outro extremo: unha doutora sofre de problemas no traballo por usar o galego.

Trátase dunha pediatra do Complexo Hospitalario de Vigo, que atopou que unha solicitude de probas radiolóxicas para un paciente fora rexeitada. No formulario que lle chegou de volta, alguén do servizo de radioloxía escribira con rotulador vermello a frase "Ruego traducción al español", coa palabra "español" subliñada.

"Cal é a palabra que non entendían?", ironizaba esta semana o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, lembrando que se trataba dunha breve solicitude de tres liñas onde mesmo as palabras técnicas coincidían en español e galego. "Será abdominal a palabra que non comprende? Ou hipotensiva? Se cadra traumatismo?", laiouse Callón, afirmando que "é evidente que aquí estamos diante dun caso de fobia contra o galego, e non de incomprensión dunha lingua".

Desinterese do Sergas pola potenciación do galego

O caso dun exame para persoal facultativo da fundación pública Hospital do Salnés proporcionado exclusivamente en castelán foi exemplo tamén de denuncia presentada pola Mesa esta semana. Recordan desde o colectivo que varias persoas solicitaron que se lles dese o exame na nosa lingua e que recibiron por resposta "que non o había, co cal ou o facían en castelán ou non o facían". Critican ademais que o director xeral de División de Recursos Humanos do Sergas xustificase o acontecido dicindo que se lle ofreceu aos opositores que un vogal da especialidade "procedería á súa tradución no mesmo momento do inicio do exame", o que segundo a Mesa é "mentira".

"O Sergas non só non potencia o galego, senón que o penaliza", censura o colectivo, indicando que o Sergas admite con este tipo de xustificacións que "non hai igualdade de oportunidades se queres acceder ao posto de traballo utilizando o galego". "Na Consellaría de Sanidade ampárase a idea do galego como lingua de raritos, de obxectores de consciencia, polo que consideran un bo procedemento que os exames en galego haxa que pedilos expresamente, agardar a que fagan a tradución amateur por unha persoa sen título de tradutora, agardar a que a impriman... mentres o resto dos concorrentes xa estean a realizar o exame", opinou Carlos Callón.

Colectivos médicos quéixanse de que en Euskadi se premie o coñecemento do éuscaro

En Euskadi de 176 puntos posíbeis nas oposicións a médico, apenas un total de 16 poden ser obtidos en función dos coñecementos de éuscaro. Coa certificación máis baixa, PL1, o opositor xa consegue até oito puntos.

O recoñecemento do éuscaro como valor, un máximo de puntos que supón apenas o 9% do total posíbel, é criticado estes días con belixerancia por varios medios, que se fan eco das queixas do presidente da Asociación Española de Cuidados Intensivos Pediátricos. Juan Casado Flores, que participou recentemente nun tribunal de selección de especialistas en pediatría en Euskadi, recoñeceu ter discutido cos outros membros do proceso selectivo por mor da cuestión lingüística. Así, dos 176 puntos posíbeis, o exame valora até un máximo de 100, a antigüidade profesional até 40, os méritos en docencia e investigación até 20 puntos e 16 máis poden conseguirse cos certificados de coñecemento do éuscaro.


Fonte: Vieiros (02/11/2008)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 11. A imposición do castelán - Publicado o 21-06-2009 19:42
# Ligazón permanente a este artigo
Os castigos por falar en galego no colexio das monxas de Ribadeo

Nome: Consuelo Lozano Fernández
Orixe: Piñeira - Ribadeo (Lugo)

Durante a ditadura, Consuelo foi discriminada e castigada polas monxas do seu colexio en Ribadeo por falar en galego, pese a ser elas tamén galegas. Ao proceder dunha pequena aldea, non sabía expresarse en castelán. Non tiña o mesmo problema coas súas compañeiras que, aínda que eran castelán falantes, aceptábana como a unha máis.

Fonte: Archivo de la experiencia


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 11. A imposición do castelán - Publicado o 21-06-2009 18:45
# Ligazón permanente a este artigo
Os castigos por falar en galego na escola pública


Nome: Dolores Cancelo Veiga
Orixe: Arzúa (A Coruña)

Dolores recorda que o mestre a castigaba por falar en galego. Foi pouco á escola porque para chegar a ela tiña que atravesar montes, ríos e, ademais, axexaban os lobos famentos...

Fonte: Archivo de la experiencia


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 11. A imposición do castelán - Publicado o 21-06-2009 18:39
# Ligazón permanente a este artigo
Os castigos que recibía o alumnado da escola franquista por falar en galego

Nome: Concepción Díaz Vizoso
Orixe: Alfoz (Lugo)

Cando Concepción era nena, o galego era considerado unha lingua menor e considerábase inculta a xente que o falaba. Na escola, os nenos aos que se lles escapaba falar en galego, podíanos castigar de xeonllos e tiñan que soportar a mofa dos demais nenos, así que era unha vergonza falalo.

Fonte: Archivo de la experiencia
Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 11. A imposición do castelán - Publicado o 21-06-2009 18:36
# Ligazón permanente a este artigo
A prohibición de ensinar galego na escola franquista

Nome: José Francisco García Iglesias
Orixe: A Coruña

Durante o franquismo, ensinar galego, éuscaro ou catalán nos colexios podía ser causa de prisión para o mestre.

Fonte: Archivo de la experiencia


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 11. A imposición do castelán - Publicado o 21-06-2009 18:21
# Ligazón permanente a este artigo
A vergonza de falar galego na Coruña nos anos 50

Nome: Concha Álvarez García
Orixe: A Coruña

Concha cóntanos que cando ela tiña 15 anos, nos anos 50, o galego era unha lingua prohibida e desprezada que non se ensinaba no instituto. Explica que ela aprendeuno no comercio do seu pai, que sempre animaba á xente das aldeas que lle viña mercar á tenda a seguir falando na súa lingua.

Fonte: Archivo de la experiencia


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 11. A imposición do castelán - Publicado o 21-06-2009 18:19
# Ligazón permanente a este artigo
Os anos 40 na Coruña


Folleto impreso en 1942 na Coruña e distribuído para reprimir o uso da lingua galega durante o franquismo.



Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 11. A imposición do castelán - Publicado o 21-06-2009 18:17
# Ligazón permanente a este artigo
A represión lingüística en Galicia
O proceso de imposición do castelán en Galicia non foi rápido nin doado, pero tras séculos de persecución sistemática do galego nos rexistros formais, nomeadamente na Administración e na Igrexa, será na ditadura franquista cando se actúe dun xeito máis efectivo contra a autoestima dos galegos e galegas, reprimindo en nós calquera tentativa de uso do galego na escola, tanto por parte das mestras e mestres, coma dos nenos e nenas.

Agora afortunadamente mudaron os tempos e o galego é lingua oficial en Galicia e ten o recoñecemento de lingua propia segundo o noso Estatuto de Autonomía, e aínda que non temos a obriga de coñecela, desde o ano 1981 temos o dereito de usar a nosa lingua en calquera situación na nosa comunidade. Porén, vinte e seis anos non son nada para certas cousas e aínda hai xente que non acepta ese dereito noso e fai todo o posible para nos impedir facer uso del.

Por todo o anterior decidimos abrir unha sección nas Gabarras para incluír aquelas testemuñas da represión que se viviu e da que aínda se vive por usar a lingua propia de Galicia en Galicia.


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 11. A imposición do castelán - Publicado o 21-06-2009 18:13
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet