AS GABARRAS


Caderno do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Breamo



 ÍNDICE
 GALERÍA DE FOTOS
 WEBS RECOMENDADAS
 BUSCA NESTE BLOG

Mobilízate. Lingua (capítulo 25)
En Galicia conviven dúas linguas. E o que debería ser unha riqueza cotiá convértese moitas veces nunha fonte diaria de conflitos. Neste programa especial para as letras galegas, avógase pola normalización do galego cos colectivos que traballan arreo pola súa inclusión dentro dun sistema que aínda pensa en castelán. Demóstrase que é posible defender unha lingua sen atacar as liberdades de ninguén e que cando nos mobilizamos coa palabra os nosos actos están cargados de razón.



Programa emitido o 15 de maio de 2011 en V Tv


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 16. Sociolingüística - Publicado o 19-01-2012 14:49
# Ligazón permanente a este artigo
- Habla gallego, qué bajón!


Será montaxe? Será espontáneo? O que é indiscutible é que esta conversa é toda unha xoia para estudar os prexuízos lingüísticos.

Actividades sobre este vídeo propostas no blog A Profa

Deixa o teu comentario (1) - Categoría: 16. Sociolingüística - Publicado o 14-02-2011 20:17
# Ligazón permanente a este artigo
Ecolingüismo
Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 16. Sociolingüística - Publicado o 17-01-2011 10:56
# Ligazón permanente a este artigo
Autoodio
Artigo de Félix Caballero
publicado no Faro de Vigo (23/09/2009)

O sobriño da miña amiga Pilar ten nove anos e, coma os de case todos os rapaces galegos de hoxe, os seus avós naceron e medraron nunha aldea. O pasado domingo pregunteille: "Ti sabes de que cor é a bandeira galega?". "Ni lo sé ni quiero saberlo", respostoume. "E a española?", insistín. "Roja, amarilla y roja", contestoume farruco. "E por que non queres saber de que cor é a galega?", volvín ao ataque. "Porque no me gusta el gallego", enfatizou el para rematar a conversa.

O sobriño da miña amiga non é ningunha excepción, senón un exemplo máis dunha situación xeralizada entre cativos e maiores: o (auto) odio ao galego -iso que Núñez Feijóo chama agora "o bilingüismo cordial"- e do que, por suposto, non ten culpa a política lingüística do bipartito: ao sobriño da miña amiga tampouco lle gustaba o galego hai catro anos e dicíao coa mesma fachenda.

Estamos perante unha traxedia que vén de lonxe e na que o actual Goberno galego está a profundizar.

Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 16. Sociolingüística - Publicado o 17-01-2011 10:42
# Ligazón permanente a este artigo
Prensa en galego

Algo falla nun país onde tanta xente se declara amante da súa lingua ou tantas empresas utilizan a galeguidade para posicionarse nos mercados, pero logo non hai nin lectores nin anunciantes para os medios que se fan en galego. De pouco serve que nos queixemos da falta de medios na nosa fala se logo non apoiamos nin o máis mínimo aos que se publican nesta. Só co noso apoio poderán ser máis numerosos, mellores e máis independentes. Velaquí unha mostra de 28 publicacións escritas en galego. Porque habelas, hainas.


Texto e presentación procedentes de Converxencia Galega

Deixa o teu comentario (2) - Categoría: 16. Sociolingüística - Publicado o 12-01-2011 12:05
# Ligazón permanente a este artigo
O auto-odio
Artigo do profesor e blogueiro Cibrán, publicado no seu blog Carta Xeométrica (21/06/2010)


Eu, como non teño formación en sociolingüística tampouco podo elaborar tratados sobre o auto-odio só podo contar o que vexo. Isto aconteceume o sábado pasado.
Joaquín é un home bo de natural, mais é un desgraciado. Basta con botarlle unha ollada para identificalo. Viste con roupa vella e sucia porque é o borrachiño oficial do barrio. Na entrada da panadería métese cun neno:
- Dásme un caramelo?.... Así, bonito, moitas gracias, bonito… Mmmmmm está moi rico –dixo comendo a gominola.
Xa dentro do establecemento:
- Que vai ser Joaquín?
- Mira, dáme un deses.
- O que?, un molete?
- Si, si.
- E como o queres, con pirucho ou sen pirucho? A ver, dime Joaquín.
- E canto custa?
- Un euro.
- E se é con pirucho?
- Tamén un euro. Valen o mesmo.
- Entón dame o pirucho e véndelle o molete a outro!
Todos rimos. O panadeiro dalle unha barriña pequena: “regálocha”, e Joaquín marcha agradecido cun soriso baixo o bigote, gardando o pan no peto da chaqueta.
O panadeiro fala con outra cliente:
- Este hace así simpre, no tiene mal. Ya ves, tiene mucha retranca…. Es muy gallego.
Por fin tócame a min o turno.
-E que vai ser, o de sempre? –pregúntame o panadeiro.
- Non, hoxe quero un molete…
Pénsoo un pouco e continúo:
- Pero que sexa con pirucho.


Cf. O galego Contra-ataca (o autoodio visto por Chévere).


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 16. Sociolingüística - Publicado o 11-12-2010 11:32
# Ligazón permanente a este artigo
A lingua materna
Artigo do profesor e blogueiro Cibrán, publicado no seu blog Carta Xeométrica (09/06/2010)


Acabo de atopar no fondo dun caixón unha cinta de casete con distintas gravacións de cando eu era pequeno, un rapaciño de 6 ou 7 anos, a principios da década dos 70. Se non fose por iso de seguro que a escena que paso a describir estaría perdida nos ventos do esquencemento.
Eu estaba enfermo, na cama, creo lembrar que era verán, do que si estou seguro era de que facía calor e tiña unha visita. Máis ben era unha visita da miña nai, tratábase de Maruxiña a do ichavo, unha amiga súa, non era raro que viñera polo piso e pasara a tarde, como aquel día.
Comenza a gravación.
- Vou fregar estas cousas e xa veño -di miña nai marchando. Silencio.
- AAATCHÍS -era Maruxiña, que botou un sonorísimo espirro.
- Estás boa! -contéstalle miña nai desde a cociña.
- Si, deben ser as corrientes, estiven fregando a casa e abrín todo para que ventilara, e como eu son tan pouca cousa xa me colle todo enseguida, chega cun airiño e...AAATCHÍS.
-ESTÁS BOA - agora contesteille eu a todo berrar. A fin de contas non debía estar tan malo e tiña ganas de leria. Óense risos.
- Ai, rapaciño! -replícame miña nai achegándose á habitación. No se dice así, hombre. Como le contestas así a Maruxiña? Se dice: "estás buena".
E remata o conto.
Cal é a miña lingua materna?
Cal é a lingua que a miña nai pensaba que era a miña lingua materna?


Deixa o teu comentario (1) - Categoría: 16. Sociolingüística - Publicado o 11-12-2010 11:30
# Ligazón permanente a este artigo
A mocidade é o sector que incorpora máis novos falantes de catalán
Coñecemento de linguas en Cataluña na poboación de 15 a 34 anos

Un estudo da Secretaría de Política Lingüística da Generalitat revela que na escola e no instituto iníciase o uso social da lingua que non é materna e neste caso a lingua propia de Cataluña "avanza posicións globalmente".

Por outra banda os datos reflicten que catro de cada dez parellas novas castelán falantes empregan cos seus fillos o catalán tanto ou máis ca o castelán, o que marca un cambio xeracional, xa que con anterioridade a porcentaxe era dun caso por cada dez.

Con todo, en Cataluña o castelán segue a ser a lingua dominante nos usos informais da mocidade, tales como as amizades, mentres que o catalán se consolida nos espazos formais como a universidade e o traballo.


Fonte: Vieiros (15/05/2010)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 16. Sociolingüística - Publicado o 10-06-2010 18:40
# Ligazón permanente a este artigo
Estudantes de Ciencias da Información da USC

Estudantes dunha das clases de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela que quixeron compartir cadansúa historia lingüística, ao máis puro estilo das terapias de grupo, pero micrófono en man como nos talk-shows, para eufalo.tv:




Deixa o teu comentario (1) - Categoría: 16. Sociolingüística - Publicado o 30-05-2010 22:33
# Ligazón permanente a este artigo
O castelán é o idioma hexemónico nas principais cidades costeiras do país
Datos do Instituto Galego de Estatística

O último informe do Instituto Galego de Estatística constata que a punta de lanza do proceso de desgaleguización segue a estar nas áreas urbanas, en especial en Ferrol, Vigo e A Coruña.

No municipio de Vigo, un 3,96% das familias declara falar sempre en galego fronte a un 24,87% que afirman empregar exclusivamente o castelán. Na Coruña, a porcentaxe a prol do galego é dun 5,34% fronte a un 19,47% de familias que empregan sempre o castelán.

Unha cidades onde se nota unha fenda máis profunda é na de Ferrol. Fronte ao 28,93% dos fogares que se declaran só castelánfalantes contrasta o 3,93 dos que se expresan sempre na lingua do país. As diferenzas tamén son moi palpábeis en Pontevedra cun 24,65% (castelán) fronte a un 6,74 (galego).

As cidades cunha situación máis equilibrada son as tres restantes. Así en Compostela a porcentaxe de familias que afirman empregar sempre o galego é dun 10,62% fronte a un 6,87 que din expresarse só en castelán. En Ourense a porcentaxe de familias galegofalantes é lixeiramente superior ás que só falan castelán, 13,59% fronte a un 13,53%. E no municipio de Lugo os resultados son de 10,45% (galego) e 11,96% (castelán).


Podes ver aquí o informe completo do IGE

Fonte: Vieiros (18/04/2010)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 16. Sociolingüística - Publicado o 18-04-2010 18:51
# Ligazón permanente a este artigo
María Yañez presenta Eu Falo TV
Aquí temos a María Yáñez presentando EuFalo.TV nun fragmento da entrevista que lle fixeron no programa Bos Días da TVG.



Outra anotación neste blog presentando EuFalo.TV.


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 16. Sociolingüística - Publicado o 12-04-2010 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
A carta europea das linguas
Fragmento do artigo de Carlos Callón
publicado en Galicia Hoxe (22/02/2010)

O último informe realizado sobre a lingua galega polo Comité de Expertos do Consello de Europa encargado de avaliar o nivel de aplicación deste tratado internacional data de decembro de 2008. Repasemos as liñas básicas dese relatorio, para atendermos o que poderá dicirnos este organismo europeo dentro de poucos meses.

Visión xeral da política lingüística

O Consello de Europa consideraba xa na altura que, polo seu escaso desenvolvemento, estaba malogrado o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento na derradeira lexislatura de Manuel Fraga Iribarne. Así, avaliaba que "os efectos derivados do plan de acción adoptado en 2004 polas autoridades galegas observáronse no ámbito da administración autonómica e local. Porén, non hai os efectos que se agardaba noutros ámbitos. No sector do ensino en particular, non obstante as interesantes iniciativas emprendidas polas autoridades, o número de alumnos que reciben educación escolar en galego segue sendo moi baixo".

Ensino

A principal iniciativa no ensino a que se refiren é, con certeza, o decreto 124/2007, o que regula ao menos a metade das materias no noso idioma en cada etapa do ensino non universitario. Fronte ao discurso falaz da "imposición", repetido onte e hoxe polo PP, o Consello de Europa é ben claro. Por unha banda, respalda o decreto que o actual goberno quere derrogar unilateralmente, mais pola outra sinala unha serie de melloras para a lingua galega.

Por exemplo, falan ás claras da obriga dos poderes públicos de desenvolver programas de inmersión en galego. Así, estabelece que, xunto co 50% mínimo, deberíanse implantar programas que estabelezan o galego como lingua vehicular en todas as materias e en todas as etapas. Iso desenvólveno tamén na epígrafe das "Conclusións" do seu relatorio para o conxunto do Estado español: "Na maioría das comunidades autónomas, o ensino na lingua cooficial baséase nun modelo bilingüe estruturado. Porén, isto non se corresponde cos compromisos elixidos polo Goberno español, que conlevan ofrecer así mesmo modelos de ensino impartido esencialmente nas linguas rexionais ou minoritarias. A elaboración dun modelo de plena inmersión sumado ao modelo bilingüe é o obxectivo que todas as comunidades autónomas interesadas deberían tratar de alcanzar con miras a cumpriren gradualmente os compromisos subscritos". Por moito que lles proia aos dirixentes do PP, iso é o que di literalmente o Consello de Europa: "a elaboración dun modelo de plena inmersión sumado ao modelo bilingüe". Nada di de que o galego sexa opcional nin de que teña topes do 30 ou do 50% como máximo nin ningunha das propostas que queren ou están xa a aplicar desde a Consellaría de Educación de Alberto Núñez Feijóo.

Por outra banda, no relatorio sobre Galiza sinálase que "o Comité de Expertos desexa eloxiar en particular as autoridades polo proxecto da Rede Galescolas", por iren no camiño de aplicar a Carta. Non chama a atención que un dos poucos motivos de aplauso dos expertos deste organismo europeo desaparecese nun tempo récord?

Xustiza

Aínda que as modificacións substancias para garantir os dereitos lingüísticos na Administración de Xustiza non son competencia autonómica, si hai recomendacións que afectan de cheo á Xunta. En especial, que exista documentación con normalidade en galego, que se traduza a lexislación ao noso idioma e que se estabelezan "axeitados programas de formación orientados ao persoal da Administración de Xustiza e aos avogados."

Autoridades administrativas e servizos públicos

No relatorio de finais de 2008, o Consello de Europa afea a ausencia de galego en formularios, sinalizacións e atención ao público sobre todo á Administración Xeral do Estado, mais se a cousa non muda vai ter que pór unha epígrafe específica no seu próximo relatorio sobre os retrocesos que se están a producir para o galego na Administración autonómica. Os expertos tamén constataron nesa avaliación unha "diminución do emprego das linguas cooficiais nos servizos públicos, na súa forma oral e escrita".

Pode haber mellora cando a primeira medida adoptada por Alberto Núñez Feijóo foi modificar, por vía de urxencia, a Lei de función pública, para que o galego deixe de ser na práctica un requisito igual que o é o castelán?

Medios de comunicación

Neste punto hai dous niveis de incumprimento. En primeiro lugar, porque, a maiores da RTVG, debería existir como mínimo unha radio e televisión privadas que emitan con normalidade en galego para o conxunto de Galiza. A presenza en xeral da lingua galega nos medios considérana, con moita diplomacia, como "mellorábel".

O articulado da Carta europea apunta tamén a obriga de que en Galiza se poidan recibir as radios e televisións portuguesas con normalidade. Sobre iso, o Parlamento galego asumiu un acordo por unanimidade na pasada lexislatura, mais aínda non se coñece a primeira medida para que chegue a concretarse.

Vida económica e social

O Consello de Europa lembra os "casos en que os traballadores foron obxecto de acoso por falar en galego" e sinala como unha das causas a "ausencia dun plan de acción para evitar estas situacións". Dito plan continúa sen existir, nin está na axenda dunha Xunta que se encarga máis ben en desmantelar a oficialidade da nosa lingua e en considerala publicamente como "barreira" ou "muro".

A respecto do servizo público de saúde, indica que "o persoal en cuestión fala fundamentalmente castelán, non existe un regulamento sobre o uso do galego no SERGAS e nos hospitais e non se emprenderon iniciativas para impartir formación ao persoal".

Fanse eco ademais da información recibida que apunta a que "a maior parte do persoal non está cualificado para prestar servizos en galego, e a situación é grave na atención privada de saúde, así como nos fogares de anciáns". A situación non fixo máis que empeorar nestes meses.

A respecto do uso do galego nas sinalizacións de seguranza en todo tipo de edificios e tamén os indicadores dos soares en construción, o Comité de Expertos sinalaba con rotundidade que "non se cumpre", mais tamén nisto os retrocesos son constatábeis.

Que facermos?

Podemos e debemos reclamar as medidas necesarias por parte dos poderes públicos para que se garantan os nosos dereitos lingüísticos. A Xunta ten obriga de cumprir os tratados internacionais subscritos en democracia, como a Carta europea das linguas. De continuar sen facelo, non só deberemos manter a tensión mobilizadora, senón iniciar vías de denuncia internacional da situación.


Artigo completo: Galicia Hoxe (22/02/2010)

Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 16. Sociolingüística - Publicado o 17-03-2010 15:07
# Ligazón permanente a este artigo
A xanela. Un documental dunha rapaza rusa sobre o galego
Daria Shornikova, unha rapaza rusa que aprendeu a falar galego, decidiu pasar o verán en Compostela. Durante a súa estadía, gravou un filme-lexicón, A Xanela, un documental en primeira persoa onde recolle as impresións de todo tipo de xente arredor da lingua galega: cal é a súa relación co idioma, como comezaron a falalo ou cales son as súas palabras favoritas.

Durante algo máis dunha hora, Daria percorre lugares como pubs, facultades ou medios de comunicación para coñecer esas historias, palabras e sentimentos de Galiza, contadas tanto por galegos de nacemento como de adopción.

"A Xanela" (2010) from daria on Vimeo.

Duración: 62 minutos

Fonte: Vieiros (08/02/2010)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 16. Sociolingüística - Publicado o 09-02-2010 21:20
# Ligazón permanente a este artigo
A verdadeira 'inmersión'
Entrevista a Pablo Gamallo
realizada por M. Dopico para Galicia Hoxe

O lingüista Pablo Gamallo subliña que o modelo de inmersión máis precoz e total é o máis eficaz para acadar competencias na lingua hexemónica e na minorizada

A demonización do concepto "inmersión lingüística" é a estratexia que o PPdeG está a seguir para quitarlle ferro ás críticas expresadas desde o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega (RAG) sobre as bases para a elaboración do novo decreto sobre o uso do galego no ensino.

Alén diso, o Tribunal Constitucional avalou a legalidade do modelo de inmersión e, tal como lembra a RAG no seu informe, esta estratexia é o que practican "as mellores academias de idiomas", ademais do método máis "rápido, eficaz e coa maior garantía", que se estendeu a outros países despois de iniciarse en Canadá.

Entrevista completa.


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 16. Sociolingüística - Publicado o 07-02-2010 22:13
# Ligazón permanente a este artigo
Para comezar, 20 mentiras sobre a lingua galega
A continuación temos, nunha presentación preparada por Pilar Ponte, vinte das mentiras sobre a lingua galega coas que os negacionistas queren pechar as bocas dos que queremos falar galego con normalidade e as respostas desenmascaradoras dos especialistas en sociolingüística que colaboraron na publicación de ProLingua, 55 mentiras sobre a lingua galega:



Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 16. Sociolingüística - Publicado o 07-02-2010 18:49
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet