AS GABARRAS


Caderno do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Breamo



 ÍNDICE
 GALERÍA DE FOTOS
 WEBS RECOMENDADAS
 BUSCA NESTE BLOG

A campaña de adhesión ao manifesto da Coordinadora Galega de ENDL continúa para os ENDL e ábrese tamén para os docentes
CONTINÚA ABERTA A CAMPAÑA DE APOIOS DOS EQUIPOS DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA AO MANIFESTO QUE ARRINCOU A COMEZOS DE ABRIL.

O texto, avoga por manter a actual lexislación lingüística que busca que os nenos e nenas teñan competencias orais e escritas en galego e castelán ao acabar o ensino obrigatorio, porque só desde o coñecemento se pode ser libre.

Se o ENDL do voso centro aínda non se sumou, aínda estades a tempo no enderezo www.coordinadoraendl.org

Ademais, debido ás peticións recibidas de moitos e moitas docentes, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística abriu o seu manifesto a todo o profesorado galego, que se pode adherir na seguinte ligazón: www.coordinadoraendl.org/docentes.php ou a través do fax 981.800.064

No día de hoxe o manifesto xa conta coa adhesión de 475 equipos de centros educativos públicos e privados e máis de 1000 profesores e profesoras.


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 13-05-2009 16:19
# Ligazón permanente a este artigo
Os pais e nais tamén defenden o decreto do galego
Confederación Galega de APAs de Centros Públicos
"QUEREMOS QUE ENSINEN AS DÚAS LINGUAS AOS NOSOS FILLOS PARA QUE CANDO SEXAN MAIORES PODAN DECIDIR CAL DELAS USAN"

A Confederación Galega de Asociacións de Pais de Centros Públicos, Confapa, considera “lamentábel” a decisión do novo Goberno galego de derrogar o decreto 124/07 do galego no ensino. “Queremos que ensinen as dúas linguas aos nosos fillos para que cando sexan maiores podan decidir cal delas usan”, afirmou o presidente desta entidade, Virxilio Gantes.

A Confapa representa a maioría dos pais e nais de alumnos en Galiza e ocupa os dous postos do ensino público que lle corresponden aos pais na Mesa Sectorial de Educación. Cómpre ter en conta que dos 1.692 centros que existen no país, 1.325 son de titularidade pública e só 367 privados.

A falta de definición do modelo de ensino respecto ao idioma preocupa na Confapa; tamén é motivo de inquietude a posibilidade de que recaia sobre os pais a responsabilidade de decidir a lingua vehicular na educación. “Iso é un disparate porque non hai aulas nin profesores para que haxa dúas liñas en cada centro, unha en castelán e outra en galego”, sinala Virxilio Gantes, que reclama unha presenza paritaria das dúas linguas, como estabelece o decreto que agora o Goberno pretende derrogar. “Que eu saiba, galego e castelán son idiomas oficiais en Galiza e deben ter o mesmo tratamento; senón, que reformen o Estatuto”, reclamou Gantes.

A Confapa anunciou que lle solicitará ao novo conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, celebrar unha reunión para coñecer as posturas da Administración e para que o titular do departamento reciba información da posición que mantén a principal organización que representa os pais de alumnos.

Por outra banda, aínda que o presidente Alberte Núñez Feixóo anunciou que procederán a permitir que os pais elixan o idioma no ensino sempre e cando haxa dispoñibilidade de medios, o novo conselleiro de Educación avanzou que estudarán con atención as posibilidades que hai. Vázquez Abad tamén amosou preferencia pola solución que propugna Feixóo, pero debe cumprir unha serie de prazos para derrogar o decreto e substituílo por outro novo. Este proceso inclúe a redacción do novo texto, a análise tanto por parte do Consello Consultivo como pola banda da Mesa do Ensino e finalmente a aprobación do Consello da Xunta. Neste sentido, os tempos que debe manexar a Consellaría dificultan a instauración do novo modelo no vindeiro curso académico.

Fonte: H. Vixande para A Nosa Terra


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 05-05-2009 20:42
# Ligazón permanente a este artigo
"Nacemos para defender o galego nos colexios"
Valentina Formoso, voceira da Coordinadora Galega de ENDL
Valentina Formoso é a voceira da recén creada Coordinadora Galega de ENDL e a continuación podedes ler a entrevista que lle realizaron para o xornal A Nosa Terra o pasado sábado 25 de abril.

"Nacemos para defender o galego nos colexios"

H. Vixande . A Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística presentoulle ao novo goberno 200 sinaturas de equipos de normalización que están preocupados pola derrogación do decreto do galego no ensino. Nunha asemblea, Valentina Formoso foi elixida voceira da Coordinadora que defenderá o idioma nos centros educativos e na rúa.


O resultado electoral ameaza con cambiar o papel do galego na educación, que opina?

O que sabemos é que van derrogar o decreto. Para nós era mellorábel, pero servía. O problema é que agora non coñecemos a alternativa. Hai mensaxes contraditorias, ambiguas. Esperemos que promulguen outro e non quedarmos no limbo. Mandan a mensaxe da normalización e do multilingüismo pero non aclaran nada.

Entón están preocupados.

Si porque non concretan, sobre todo despois de que se difundise o discurso baseado na mentira de que se impón o galego. Calquera que coñeza os centros de ensino sabe que iso non é certo. O decreto falaba dun 50% de materias en galego para conseguir a mesma competencia do alumnado nas dúas linguas. Aquí ninguén fala de monolingüismo en galego.

Ao seu xuízo, cales poden ser os resultados dunha política de normalización na que os pais teñen a única palabra?

A política lingüística é política e correspóndelle facela ao goberno. Os pais non interveñen nos currículos porque sería absurdo que determinasen como hai que estudar as matemáticas. Supoño que a estas alturas non se discute o que di o Estatuto, que o galego é a lingua propia de Galiza, nin que a Lei de Normalización do 83 sinala que debe protexerse. Vemos que hai quen quere que o galego estea presente nunha soa materia, como unha lingua estranxeira. Isto impide que os nenos sexan bilingües e implica perder a nosa lingua.

Falta información?

Falta. Con independencia de se os pais deben decidir como se imparte a educación, descoñecen as vantaxes do ensino bilingüe porque hai quen se encarga de que non as saiban. Van elixir que idioma queren sen ter información suficiente. Grazas ao ensino bilingüe, dos quince premios estatais de bacharelato do último ano, seis eran galegos.

E que alternativa cabe?

Non somos quen para dicir nada, pero a alternativa é o sentidiño. Necesitamos unha lei para que o alumnado sexa competente nas dúas linguas. O bilingüismo debe ser para todos, non só para os que temos o galego como primeira lingua. E como todos temos dereitos, na administración terán que dirixirse a nós en galego se o requirimos. Haberá que formar agora a esas persoas que no futuro poderían ser funcionarios.

Que medidas tomarán os equipos para defender o galego?

A Coordinadora nace para organizar actividades conxuntas dos equipos de normalización no sentido de aproveitar recursos e aunar esforzos na dinamización lingüística nos centros. Esa é a liña da Coordinadora, os obxectivos son as actividades nos colexios. Houbo unha primeira medida, puntual, que foi redactar un documento que sinalase a nosa preocupación, como tamén lle pedimos unha entrevista ao novo presidente.

Daquela non nacen contra o PP.

Iso hai que deixalo claro, nacemos para traballar a prol da lingua. Temos xente de ideoloxía moi plural, como debe ser. Que non nos confundan con partidos nin nos instrumentalicen.

Cantas persoas ou centros forman parte da Coordinadora?

De momento asinaron 400 equipos. A iniciativa apareceu xusto antes de semana santa e aínda estamos a lanzar os folletos de inscrición. En Galiza, hai 1.500 centros con equipos de normalización, que se sumasen 400 en tan pouco tempo é un éxito.

Fonte: A Nosa Terra


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 28-04-2009 10:51
# Ligazón permanente a este artigo
Mestres de case 400 centros piden ao PP que non retire o decreto do galego
Representantes da Coordinadora Galega de ENDL entregando as sinaturas no rexistro da Xunta

A Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística entregou este sábado as sinaturas de apoio á normativa do idioma no rexistro da Xunta

Máis de 360 Equipos de Normalización lingüística de centros educativos públicos e privados da comunidade autónoma asinaron xa un texto de apoio ao decreto do galego no ensino, unha normativa que o presidente do Executivo, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que ía derrogar nada máis chegar ao poder.

Voceiros da Coordinadora galega destas agrupacións, que foi a que promoveu a iniciativa, encargáronse de entregar onte no Rexistro Xeral da Xunta as sinaturas de respaldo, acompañados de arredor dun cento de mestres e profesores.

Unha das representantes, Tina Formoso, aclaraba onte que conforman "un grupo de profesionais do ensino, moi plural". "Non somos de ningún partido en concreto, nin de ningún sindicato, nin queremos que se nos asocie. Hai xente de todas as ideoloxías, como debe de ser", explicaba unha das mestras, quen aclaraba que nos Equipos de Normalización Lingüística hai docentes de todas as materias e tamén representantes do alumnado e do resto de persoal dos centros.

"Nós temos algo que dicir"

Formoso sinalou tamén que á hora de falar da lingua nos colexios e institutos, eles teñen "algo que dicir" e que se lles debe ter en conta. "Somos os profesionais que estamos no tema e levamos moitos anos traballando con iso, dende principios dos anos 90, e estamos todos os días a pé de canón nos centros de ensino", engadiu a voceira da coordinadora galega.

"Se van derrogar o decreto, que a nós en principio nos valía, e van poñer outro, nós temos algo que dicir. que consensúe con nós que vai facer porque somos parte implicada", dicíalle tamén a docente ao novo presidente da Xunta de Galicia.

Ademais, Tina Formoso considera que Alberto Núñez Feijóo "ten que concretar" as liñas que vai seguir en materia de Política Lingüística. Segundo a profesora, polo de agora non poden valorar as palabras do líder do Executivo porque só falou de "trilingüísmo" e "normalización". "Iso a nos parécenos ben, pero ten que precisar e logo poderemos dicir algo", engadiu. Ademais, pediu que se derroga o decreto "non deixe un baleiro legal" e que a nova inciativa sexa "consensuada" con eles.

As sinaturas entregadas onte no rexistro da Xunta apoian un documento que recolle a "preocupación" dos Equipos de Normalización Lingüística pola intención do novo Goberno de revocar a normativa de uso e promoción do galego no sistema educativo.

Dito texto lembra que o decreto desenvolve un Plan Xeral que foi "aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia no ano 2004" e que "supón a superación dunha lexislación que tiña demostrado que non estaba respondendo aos obxectivos para os que fora deseñada, tal e como poñen de manifesto os últimos datos do Mapa Sociolingüístico", da comunidade autónoma.

O documento tamén defende a normativa aínda vixente porque "persegue como finalidade última que o alumnado acade, ao rematar os seus estudos, unha plena competencia lingüística que o capacite para expresarse oralmente e por escrito nas dúas linguas oficiais de Galicia". Así mesmo, o texto presentado lembra que con este decreto os centros poden elaborar o seu propio proxecto sobre a ensinanza dos idiomas e que debe ser aprobado polo Consello Escolar, polo que conta coa "implicación e o consenso de toda a comunidade educativa".

Traballo coordinado

Despois de facer entrega das sinaturas de apoio ao decreto do galego no Rexistro Xeral de Xunta, os integrantes da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística celebraron a súa primeira asemblea no Museo Pedagóxico de Galicia, situado en Santiago. Como a entidade a nivel autonómico se constituiu recentemente, a reunión de onte tiña como obxectivo organizar o traballo conxuntamente e presentar o seu ideario, que defende que “se garanta que o alumnado sexa competente nas dúas linguas cooficiais da comunidade ao final do ensino obrigatorio”. Tamén respaldan que haxa espazos para o uso do galego no sistema educativo, dado que o Mapa Sociolingüístico demostra que este idioma “está a perder falantes”. Na asemblea tamén se decidiu que se creará unha comisión organizativa, cun respresentante de cada coordenadora comarcal –ou un voceiro se non hai este organismo creado nalgunhas zonas– e outro voceiro dos centros relixiosos, que xa teñen o seu propio organismo. Acordaron constituir, ademais, un consello directivo que contará con oito ou dez membros. O obxectivo é coodinar as actividades e ter “unha única voz”.

Fonte: Eva Fuentes en Xornal.com.


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 20-04-2009 11:00
# Ligazón permanente a este artigo
Manifesto da Coordinadora Galega de ENDL


O ENDL do IES Breamo apoia o manifesto da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Se es coordinador/a dun Equipo de Normalización podes adherirte a este texto na páxina web da coordinadora.


Os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística abaixo asinantes queren manifestar a súa preocupación ante a intención do novo goberno de derrogar o Decreto 124/2007 polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo. Como dinamizadores lingüísticos, pero moi especialmente como profesionais do ensino que somos, queremos facer constar o seguinte:

1. Este decreto desenvolve o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia no ano 2004 e elaborado, na parte referida á educación, por unha comisión na que se integraban representantes das ANPAS, do profesorado, das organizacións pedagóxicas e das patronais do ensino concertado.

2. Supón a superación dunha lexislación, o Decreto 247/95, que -despois de 12 anos de aplicación- tiña demostrado que non estaba respondendo aos obxectivos para os que fora deseñada, tal como poñen de manifesto os últimos datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia.

3. Persegue como finalidade última que o alumnado acade, ao rematar os seus estudos, unha plena competencia lingüística que o capacite para expresarse oralmente e por escrito nas dúas linguas oficiais de Galicia, no marco dun ensino plurilingüe.

4. Favorece que cada centro elabore o seu propio Proxecto lingüístico, documento que debe ser aprobado polo Consello Escolar e que, polo tanto, require a implicación e o consenso de toda a comunidade educativa: profesorado, alumnado, pais/nais, persoal non docente e representantes dos concellos.

Dado que consideramos as medidas que se establecen no decreto como unha achega importante na tarefa dinamizadora e normalizadora que realizamos nos centros e que non pasou tempo suficiente para avaliar se os seu resultados satisfán os obxectivos para os que foi aprobado, solicitámoslle ao novo goberno que manteña os compromisos acordados pola comunidade educativa e o Parlamento galego no Plan xeral de normalización da lingua galega.


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 01-04-2009 15:26
# Ligazón permanente a este artigo
Os profesores fan fronte común contra a política lingüística do PP
Coordinadores dos endl reunidos en Santiago o sábado 28/III/2009

Os equipos de normalización da lingua no sistema educativo crean unha coordinadora galega. Os docentes encargados do fomento do idioma nos colexios artellan xa unha resposta ante a posible derrogación do decreto do galego no ensino.


Que a derrogación do Decreto 124/2007 anunciada polo futuro presidente da Xunta de Galicia ía ter grupos en contra, era visto. Ademais agora, a hipotética supresión da norma que regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo por parte de Núñez Feijóo terá en fronte tamén o profesorado encargado do fomento do idioma nos centros de ensino.

Ese é polo menos o motivo principal polo que máis dun cento de coordinadores dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (EDNL) acordaron o pasado sábado tras unha reunión en Compostela crear unha coordinadora a nivel galego "para establecer dinámicas de colaboración e cooperación entre os diferentes equipos".

A primeira misión non é outra que dar a coñecer o posicionamento común dos equipos en contra da derrogación do decreto do galego no ensino. Estes grupos, presentes por lei en todos os centros de ensino galegos, queren amosar así o seu rexeitamento ante a política lingüística anunciado polo futuro Goberno da Xunta, malia que aínda preparan un documento público e consensuado que foi xa estudado e ben acollido o pasado sábado en Santiago.

A pesar de que os promotores desta nova Coordinadora Galega de EDNL non queren adiantar o contido desta resposta común, a postura será en contra dun modelo lingüístico "que vai mudar e parece que non para ben".

O novo colectivo, creado "grazas ao boca a boca", pretende sumar adhesións nas vindeiras semanas para ter elaborado un texto común e co maior número de apoios xa antes de Semana Santa. A coordinadora aclara que "máis que substituír o labor da Administración", o seu obxectivo será "complementalo" na defensa da normalización do idioma.

Fonte: Xornal.com


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 30-03-2009 16:50
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet