AS GABARRAS


Caderno do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Breamo



 ÍNDICE
 GALERÍA DE FOTOS
 WEBS RECOMENDADAS
 BUSCA NESTE BLOG

Sobresaliente cum laudem, tamén en galego
Héctor Mera coa súa tese de doutoramento
Esta foi a nota que o tribunal da Universidad de Educación a Distancia (UNED) lle outorgou onte en Madrid a Héitor Mera, despois de ler a súa tese de doutoramento en galego.

Héitor Mera presentou na UNED a súa tese de doutoramento sobre a figura e obra do poeta cangués Bernardino Graña e fíxoo en galego despois de catro anos de litixio, nos que tivo que enfrontarse á negativa da única universidade a distancia que existe en España.

Nas palabras do presidente do tribunal que o examinou, Francisco Fernández Rei, "onte foi un día especial para todos os galegos. O seu esforzo fixo romper barreiras e quedou expedito o camiño para os que veñan detrás. Non debeu ser unha tarefa fácil para el, pero conseguiu o seu propósito: ser o primeiro en defender unha tese de doutoramento en galego diante dun tribunal da UNED. Gañou, gañamos todos os galegos, unha pequena gran batalla".


Fonte: O Faro de Vigo (14/06/2009)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 15-06-2009 19:37
# Ligazón permanente a este artigo
Comunicado dos equipos directivos
Máis de 100 membros de equipos directivos reunidos en Asemblea convocada pola CIG-Ensino e celebrada en Compostela fan público o seguinte comunicado:


1. A actitude da Consellaría de Educación, impedindo que o profesorado poida emitir a súa opinión sobre a chamada “consulta ás familias sobre a utilización das linguas no ensino non universitario de Galicia”, vulnera dereitos fundamentais como é o da liberdade de expresión e de cátedra , pretendendo converter os centros nunha canle de pensamento único e adoutrinamento parcial e sesgado. Non deixa de ser paradoxal que a Consellaría emita esta consigna cando ela é a primeira en cuestionar o Decreto vixente, malia que a súa legalidade foi confirmada polo propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e despois de insistir na mentira da imposición.

2. A Consellaría usa de xeito partidista a educación e censura opinións diferentes á súa, que o único que procuran é dar outra opinión a quen se lle pide que participe nunha consulta amañada, prohibindo que se dea información da propostas das organizacións sindicais e movementos de renovación pedagóxica, equipas de normalización lingüística, ANPAS, etc... contradicindo o que reflicten os preceptos legais de promoción e uso do galego recollidas na actual normativa.

3. Como profesores e profesoras e membros dos equipos directivos imos actuar segundo o noso criterio sen deixarse intimidar polas ameazas ilegais dunhas autoridades educativas que perderon o seu carácter institucional para comportarse como axentes electorais dun partido político. Neste sentido esiximos a retirada das notificacións enviadas ao centro por represivas e ilegais.

4. Denunciamos a irresponsabilidade da Consellaría de Educación que non ten reparo, no momento de máis traballo nos centros, coincidindo co fin de curso, en cargar sobre as direccións, en contra da súa vontade, con encomendas que lle son alleas e mesmo contrarias aos seus cometidos, esixíndolle ao mesmo tempo a custodia destes documentos e obrigándoos a recoller datos que poden conculcan a Lei de protección de datos..

5. Obrígasenos a responsabilizarnos da vixilancia dunha chapuza xurídica que non cumpre ningunha garantía mínima. Dun inquérito tendencioso que impide expresar a vontade dos que están a favor do ensino en galego. Co único obxectivo de xustificar a involución na normalización lingüística e restrinxindo, exclusivamente ás familias que nestes momento teñen alumnado escolarizado, o dereito a opinar, cando o sistema educativo como servizo público, a normalización lingüística e o dereito a coñecer o idioma propio de Galiza, son cuestións que afectan ao conxunto da sociedade..

6. Resulta paradoxal que se nos estea anunciando recortes na calidade do ensino (supresións de prazas, agrupamentos,...) coa escusa da crise e se leve a cabo este dispendio en recursos económicos para atacar á nosa lingua. Para diminuír a presenza do noso idioma no ensino non hai crise.

Polo anteriormente dito rexeitamos esta enquista e reclamamos que se nos exima de responsabilizarnos deste traballo alleo aos nosos cometidos.


Fonte: CIG-Ensino


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 15-06-2009 18:13
# Ligazón permanente a este artigo
Pais e nais denuncian a supresión do programa de inmersión en contextos castelanfalantes

EDUCACIÓN PENSA ELIMINAR O PLAN EXPERIMENTAL DE GALEGO QUE INTRODUCE O IDIOMA NAS CIDADES

Pais e nais de alumnos do colexio CEIP Emilia Pardo Bazán da Coruña mostraron onte a súa “tristeza” e “preocupación” pola intención da consellería de Educación de eliminar o Plan Experimental de Galego nos centros escolares de Galicia.

En rolda de prensa, preto dunha decena de proxenitores tanto da Coruña como doutras comunidades apoiaron, mediante os seus testemuños, manter a docencia bilingüe nos colexios. Aseguran que esta iniciativa, que partiu do Goberno do bipartito, conseguira “grandes logros”, como o que os menores puidesen desenvolverse tanto en galego como en castelán.

Coa intención de evitar que a Xunta de Galicia elimine o Plan, esixen á consellería que os profesores sexan galegoparlantes, que mentres impartan as materias en castelán, empreguen o galego nas relacións persoais cos nenos, tamén nas actividades complementarias e nos actos que o centro organice, como forma de fomentar o idioma.

En canto ao cuestionario que a Xunta de Galicia está repartindo nos centros de ensino piden ao titular da consellería, Jesús Vázquez, que, unha vez completo o cuestionario teña en conta as opinións daqueles pais que queren que os seus fillos sexan educados en galego.

“Desexamos o máximo contacto dos nosos fillos coa lingua galega no centro, porque a nosa contorna é maioritariamente castelán parlante e os seus únicos referentes da fala galega son, no mellor dos casos, a contorna familiar e a escola”, plasman os pais do Emilia Pardo Bazán no escrito.

En Galicia hai 23 centros que están acollidos ao Plan Experimental de Galego para o ciclo de Primaria, entre o que se atopa o CEIP Emilia Pardo Bazán. Ata o momento, este é o único que manifestou publicamente a súa “indignación” á medida, pero, e segundo a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización dá Lingua, outros moitos centros, principalmente na área metropolitana de Vigo, O Salnés e Ourense, xa están asesorándose para evitar que o Plan morra.


Fonte: Xornal.com (14/06/2009)

Pódese ler a noticia do Xornal transcrita en: Os pais defenden a inmersión en galego nas aulas, artigo publicado en Xornal de Galicia


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 15-06-2009 17:00
# Ligazón permanente a este artigo
Sindicatos e colectivos educativos emiten un comunicado a prol do respecto ao galego nas aulas
As organizacións con presenza no ámbito da educación abaixo asinantes, ante o anuncio da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria de realizar unha consulta nos centros educativos en relación co uso do galego, queren transmitir á comunidade educativa e á sociedade galega no seu conxunto as seguintes cuestións:

1. Esta é unha consulta, deseñada á marxe da comunidade educativa, carente de rigor na metodoloxía de distribución e no procesamento de datos, e sen garantías para a intimidade das persoas e a protección de datos de carácter persoal.

2. O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento Galego en 2004 (PP, PSOE e BNG), é un punto de encontro na definición dos obxectivos para o ámbito educativo. O Decreto 124/2007, de 28 de xuño, recolle este acordo do Parlamento Galego dándolle carácter normativo e a súa legalidade foi avalada por varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Esta norma pretende garantir unha competencia similar en galego e en castelán.

3. O obxectivo de que ao remate do ensino obrigatorio os nenos e as nenas sexan plenamente competentes nas dúas linguas oficiais non pode conseguirse con menos do 50% das materias impartidas en galego. Coa enquisa que se envía aos centros o mantemento deste equilibrio tan só se garantiría marcando a resposta “en galego” ou “todo en galego”. Esta opción non se refire á totalidade do ensino, senón ás materias que habería que impartir hoxe en galego –o 50%- xa que a enquisa non recolle a opción de que todas as materias, agás as linguas, poidan ser impartidas en galego".



Asinan:

CIG · CCOO · CSI-CSIF · FETE-UGT · STEG · CAE · ASPG · Nova Escola Galega · Asociación de Directores e Directivos de IES de Galicia · Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra · Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística · A Mesa pola Normalización Lingüística


Fonte: Vieiros (10/06/2009)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 10-06-2009 21:50
# Ligazón permanente a este artigo
Os equipos piden que o debate se dea en base a criterios pedagóxicos e non só políticos
Os equipos piden que o debate se dea en base a criterios pedagóxicos e non só políticos
A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) comeza a distribución de milleiros de trípticos en centros públicos e concertados para que os pais teñan información con criterios pedagóxicos para cubrir as enquisas de Educación.





A idea é dar información aos milleiros de pais e nais que nos vindeiros días terán que respostar en que idioma queren que os seus fillos e fillas estuden nas aulas. A coordinadora quere informar sobre a importancia da presenza da lingua autóctona no sistema educativo. Valentina Formoso, voceira desta plataforma, sinalou que se está a dar un debate eminentemente ideolóxico e que, pola contra, o tríptico quere achegar estudos rigorosos e pedagóxicos: “Dirixímonos aos pais porque intereses políticos, e non educativos, crearon un problema no ensino sobre dúas linguas oficiais da comunidade, que pode derivar nunha perigosa fractura social”.

Os trípticos comezarán a chegarlle esta mesma semana aos equipos de normalización, que se encargarán de distribuilos en cada centro, fundamentalmente a través das asociacións de pais. A idea é abranguer a practicamente todos os centros públicos e concertados que existen en Galiza. Formoso subliña que o obxectivo é dar unha visión como docentes de que “temos unha lingua propia e das vantaxes que ten aprender en galego. Nós queremos que o alumnado sexa igual de competente en galego que en castelán”.


Fonte: Vieiros (08/06/2009)


AQUÍ PODES DESCARGAR O TRÍPTICO 'AS LINGUAS SUMAN' (.PDF) E DIFUNDILO

Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 09-06-2009 20:07
# Ligazón permanente a este artigo
A Unión Europea defende as linguas minorizadas coma o galego
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

O pasado 24 de marzo o Parlamento Europeo aprobou -con 355 votos a favor, 279 en contra e 69 abstencións- unha resolución que subliñaba a importancia de defender o plurilingüismo e protexer as linguas minorizadas nos países ou rexións nos que conviven dúas ou máis linguas oficiais.

Nesta ocasión o Partido Popular Europeo, co apoio do PP español, tentou incluír unha cláusula que deixase liberdade para que os pais puidesen elixir a lingua na que quixesen educar os seus fillos nos países con linguas cooficiais. Pero o texto que foi aprobado o 24 de marzo non tivo en conta esa proposta do Partido Popular Europeo, que foi rexeitada polos votos en contra do PSOE e dos nacionalistas vascos (PNV) e cataláns (CiU e ICV).


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 26-05-2009 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
Como se viu na tele a manifestación en defensa do idioma
A manifestación do 17/05/2009 vista pola TVG:


A manifestación do 17/05/2009 vista pola TVE:



Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 18-05-2009 18:18
# Ligazón permanente a este artigo
Que di a prensa da manifestación pola defensa do idioma
Vista da Praza da Quintana o 17/5/2009

Fotografía tomada de www.galiciahoxe.com.
A praza da Quintana tivo que ser desaxolada dúas veces para acoller todos os asistentes


Como recolleu a prensa galega de hoxe a información sobre a manifestación de onte (domingo 17 de maio de 2009):

El Correo Gallego - Masiva marcha a favor del gallego (Pese a la lluvia, miles de personas salieron ayer a las rúas de Santiago en una histórica manifestación marcada por el decreto del idioma)

Galicia Hoxe: Unha marea humana toma as rúas en defensa da lingua propia

Galiciaé: Miles de persoas desbordan Santiago para manifestarse en defensa do galego

A Nosa Terra: A maior protesta polo galego da Historia

La Opinión: Máis de 20.000 persoas esixen que ´non se dea un paso atrás´ na defensa do galego

Vieiros: Manifestación histórica en defensa da lingua

La Voz de Galicia: La defensa del gallego llevó a miles de personas a las calles de Santiago (La plaza de la Quintana se quedó pequeña y se llenó dos veces para la lectura del manifiesto final)

Xornal.com: Feijóo xa ten diante a 40.000 defensores da lingua galega


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 18-05-2009 18:10
# Ligazón permanente a este artigo
A Rede Galega de Empresas pide respecto para a lingua galega e súmase á manifestación deste domingo


A Rede Galega de Empresas, composta por pequenos e medianos empresarios, solicitou respecto cara ao galego por parte daqueles que non o falan.

A asociación sinalou nun comunicado que os empresarios que a compoñen sempre foron respectuosos co español, de modo que ninguén pode acusalos de perseguilo ou desprezalo, polo que esixen o mesmo trato para o galego.

Os empresarios indicaron que "nunca" tiveron problemas coa utilización do español, pero si "algunha dificultade" cando empregaron o galego, polo que "non é certo que o español estea perseguido en Galicia".

A Rede Galega de Empresas manifestou que apoia e participa na manifestación en defensa do galego e do seu pleno e normal uso, pois a perda deste idioma "suporía a perda da nosa personalidade como galegos, e triunfaría a filosofía que produciu a crise económica actual, que suprime toda a diversidade dos pobos no mundo".

Fonte: La Opinión

Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 16-05-2009 14:49
# Ligazón permanente a este artigo
O 17-M comprometidos con Galicia
Rafael Cuíña, fillo do ex-conselleiro do PP Xosé Cuíña
A Mesa pola Normalización Lingüística convoca a tódolos galegos a manifestarse en Compostela o 17 de Maio, co gallo do “Día das Letras Galegas”. Velaí estaremos moitos, non en contra de ninguén, senón de forma construtiva a prol da nosa lingua e da nosa cultura; un día para mostrar á sociedade a forza e, como non, o orgullo de país e a nosa condición de galegos comprometidos con esta bendita terra.

Este ano a festa da nosa cultura está adicada nada menos que a un absoluto referente do galeguismo chamado Ramón Piñeiro. Honremos o seu legado e actuemos en consecuencia en tempos complicados para a nosa lingua, e ao mesmo tempo ilusionantes para todos aqueles dispostos a loitar constructivamente por ela.

Observo nos comentarios de VIEIROS moito e respectable debate dogmático sobre o noso idioma, a súa fonética, as influencias lusistas, e mesmo o reintegracionismo. Penso que non é o momento das confrontacións e sí da unidade na causa común, na defensa do idioma. Falaba o pasado domingo co escritor Xabier Alcalá precisamente sobre este tema, e deume unha das claves fundamentais que comparto no tocante a concepción popular do galego, cando fala da admiración polas xentes deste país levitante que mellor se expresan no idioma asilvestrado que deixaron en herdo os que sabían que non valía nada para algúns, e ao mesmo tempo déronnos as pautas necesarias para nesta materia limar arestas e amolar durezas. É o momento da unidade sen fisuras, é un exercicio de responsabilidade.

No congreso do PPdeG da pasada fin de semana tiven a posibilidade de falar deste tema con membros da executiva; observei algunha xente comprometida co galego dentro do partido, preocupada pola actitude belixerante dalgúns compromisarios das cidades co idioma, e o desexo expreso de non pasar da denuncia –para min irrisoria- da imposición do galego a xustamente todo o contrario; unha busca de equilibrio nesta cuestión que vexo moi complicada de resolver no seo do PPdeG, que ten que ser consciente de que a perda de galegofalalantes que sufrimos é pobreza para a nosa cultura e a nosa identidade como pobo. Sí tiven a oportunidade, e ao mesmo tempo a satisfacción, de falar con deputados, alcaldes e persoas relevantes do partido, en sintonía coas teses que modestamente defendo, pois xa me sentía –salvando as inmensas distancias- como Custer en Little Big Horn, só e rodeado de “inimigos”. Agora teñen que ter a valentía de expresar publicamente o que a min me dicían, aínda que non sei porque me dá a sensación, que ese momento polo de agora non se vai producir...

En Compostela, o domingo, agárdoos a todos eles e a tódolos galegos que sintan esta terra, o seu idioma, a nosa condición de pobo diferenciado que nos autoidentifica e que estean dispostos a deixar claro que non somos un país máis, que temos sinais de identidade propias, e profundo orgullo de louvar e ter como referencia a figuras senlleiras da nosa cultura, como é o gran Ramón Piñeiro.

Ou non?

Artigo de opinión de Rafael Cuíña
publicado en Vieiros o 13/5/2009.


Deixa o teu comentario (1) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 13-05-2009 19:38
# Ligazón permanente a este artigo
Unha lingua para todos
A ACADEMIA CONVIDA AO GOBERNO A AFASTAR A LINGUA DA LOITA PARTIDARIA E BUSCAR UN "ACORDO SOCIAL INTEGRADOR"

Nun acto inédito e ante “os pronunciamentos e comunicacións públicas que dun tempo a esta parte se están a producir arredor da lingua galega”, a Real Academia Galega (RAG) acaba de emitir un comunicado no que anima aos responsables do novo Goberno a escoitaren e decidiren á beira das institucións que, como a propia RAG, "veñen traballando de vello polo idioma, con información, metodoloxía e estudos certos". Nesa liña convidan a traballar “na procura dun acordo social integrador, a prol do uso, a dignidade e a continuidade do idioma”, que deberá sustentarse en catro principios básicos:

1º) Compromiso de arredar a lingua galega da controversia partidaria. A lingua é de todos e todos teñen cabida para acadar o seu pleno uso normal.

2º) Impulso do multilingüismo. Na anterior lexislatura potenciouse o trilingüismo en moitos centros escolares (galego, castelán e inglés), que agora podería ampliarse a unha cuarta lingua, sen esquecer o acceso ás linguaxes das novas tecnoloxías.

3º) Reafirmación e desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que no seu día, por unanimidade, apoiou o Parlamento de Galicia (Doc. núm. 17629, BOPG núm. 622 do 07.09.04).

4º) Compromiso de impulsar unha cooficialidade simétrica dentro da Constitución, na que todos os cidadáns teñan dereitos e deberes co castelán e co galego, única forma de acadar a igualdade cidadá.

Laméntase a Real Academia Galega que os avances do galego levasen aos contrarios do proceso de normalización a "manchar" a palabra normalización, "como se significase agresión aos que non teñen o galego como lingua habitual", e a ergueren "o falso concepto de liberdade, que parecen entender como dereito a non falar nunca o galego".

A lingua galega non é un problema, senón unha oportunidade
"Dispoñemos de posibilidades certamente privilexiadas para nos relacionarmos co mundo e, sen renunciarmos a nós mesmos, exercer como cidadáns universais", expón a Real Academia Galega neste manifesto. "O galego dános identidade no mundo, pero tamén nos relaciona con outros espazos", sinalan, destacando os vencellos da "irmandade galego-luso-brasileira".

Aproveitan ao fío para recordar as palabras de Ramón Piñeiro, homenaxeado este ano polo Día das Letras: "E un pobo ten alma de seu cando posúe idioma, cando fala nunha lingua propia, que tal é o que significa a palabra idioma. A lingua vén a ser a alma viva do pobo que a fala, vén a ser a súa comunidade esencial".

Galego no ensino, materia pendente
Expón a RAG a necesidade de "reforzar a presenza da lingua no ámbito escolar, con atención especial ás primeiras idades". Chaman a respectar a lingua das familias e aplicar "extremo coidado o afecto e a convivencia naqueles casos en que a lingua primeira non sexa o galego".

Así e todo, advirten os académicos, a política lingüística "non pode ficar reducida ás aulas" e, admitindo a acción educativa como fundamental, insisten en que a acción de uso e os recursos "deben orientarse asemade a outros espazos fundamentais na vida pública: os medios de comunicación de masas, as industrias do lecer e da cultura, as novas tecnoloxías, apublicidade, a vida empresarial, o funcionariado, a igrexa, a universidade", etc.

"Ninguén é propietario da lingua"
"A lingua é un cemento que nos une, no que nos recoñecemos e que nos proxecta cara ao futuro, polo que de ningunha maneira podemos aceptar nin discriminacións pola súa causa nin que se abran fendas na sociedade común, que facemos entre todos, creando ou promovendo guetos ou espazos estancos", recolle o texto, asinado polo presidente da institución, Xosé Ramón Barreiro Fernández.

No documento, a Real Academia Galega afirma sentirse "na obriga e no deber moral" de pronunciarse ao respecto do actual escenario, "diante dos pronunciamentos e comunicacións públicas que dun tempo a esta parte se están a producir arredor da lingua, moi especialmente sobre a súa presenza nas aulas de ensino non universitario". "Os poderes públicos están obrigados a meditar serenamente a que escenario queren levar a sociedade galega, tendo sempre presente que a lingua galega non é un problema, senón unha oportunidade", remata o manifesto.

Fonte: Vieiros

Comunicado do Plenario da Real Academia Galega


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 13-05-2009 18:12
# Ligazón permanente a este artigo
Nova Escola Galega chama á participación activa na manifestación do 17 de maio en defensa do idioma


NOVA ESCOLA GALEGA realiza este chamamento porque, sen dúbida, o momento que vive o idioma de Galicia na actualidade é o máis transcendente desde a propia aprobación da Lei de Normalización no ano 1983.

Entende NOVA ESCOLA GALEGA que a sociedade debe darlles resposta, serena pero contundente, tanto aos grupúsculos minoritarios que día tras día difunden datos falseados sobre a situación do idioma, como ao goberno autónomo, que reiteradamente se ten manifestado predisposto a agarrarse a tales difamacións para poñer en marcha medidas que fagan dar pasos atrás no proceso de normalización do idioma.

Lamenta NOVA ESCOLA GALEGA que a convocatoria sexa asinada exclusivamente por unha única entidade, sen ter contado para iso con toda a armazón social disposta a saír á rúa neste momento, pero son precisamente os acontecementos que se están a vivir os que deben facer que a participación sexa masiva, sen máis.

Segundo se desprende do último número do boletín NOVA ESCOLA GALEGA-OPINA, no que se ofrecen os datos máis recentes sobre a saúde do galego, pode concluírse que son só as persoas galego-falantes as que teñen auténticas opcións de ser bilingües.

NOVA ESCOLA GALEGA reclama do novo goberno galego responsabilidade e sentido de país na acción política sobre a lingua e a cultura.

Fonte: Nova Escola Galega


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 13-05-2009 18:11
# Ligazón permanente a este artigo
Máis de 5.000 persoas apoian nas redes sociais (Tuenti e Facebook) a manifestación a prol do galego


A Mesa Pola Normalización Lingüística confirmou que unhas 5.400 persoas se sumaron á manifestación promovida polo colectivo para o vindeiro 17 de maio en defensa do galego, a través das redes sociais Tuenti e Facebook.

En concreto, son máis de 4.000 mozos os que xa aseguraron a súa asistencia ao acto na plataforma Tuenti. Segundo informan desde A Mesa, nesta rede social na que participan sobre todo os mozos, creáronse diferentes eventos para "promover" a participación na manifestación, que se celebrará dentro de dez días na capital galega baixo o lema 'O galego, a nosa columna vertebral. A lingua que nos une'.

Noutro dos espazos interactivos presentes na rede, Facebook, diversos grupos mostran o seu rexeitamento á derrogación do decreto de galeguización do ensino e o seu apoio á continuidade das galescolas, segundo apuntan desde A Mesa. Neste espazo, preto de 1.400 persoas confirmaron tamén a súa asistencia ao acto e outras 600 din que "quizais" participen na protesta.

Apoio dende fóra
Ademais, crearon un evento no que os galegos residentes no exterior que non poidan vir a Santiago ese día poidan brindar o seu apoio desde outros lugares como Brasil, Escocia, Praga, Eslovenia ou Istambul.

Desde A Mesa congratúlanse da "ampla" difusión que a manifestación adquire "grazas ao traballo dos internautas galegos" e animan a blogueiros e administradores de webs a incorporar no seu espazo o anuncio da cita.

Fonte: Galiciaé


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 13-05-2009 17:57
# Ligazón permanente a este artigo
Máis apoios á manifestación do 17 de maio en Santiago polo idioma que nos une
O galego, a nosa columna vertebral. O idioma que nos une!
Xa son máis de cen as entidades e institucións de diverso tipo que enviaron o seu apoio á manifestación que, baixo o lema “O galego, a nosa columna vertebral. O idioma que nos une!”, convocou a Mesa pola Normalización Lingüística para o próximo 17 de maio e que sairá ás 12 do mediodía da Alameda de Santiago.

A Mesa agarda que esta sexa "unha manifestación histórica en defensa da lingua que nos une como galegas e como galegos. Para reivindicarmos o dereito básico a podermos vivir no noso idioma propio, o cal debe ser garantido polos poderes públicos".

Non é a primeira manifestación que se fai no día das Letras Galegas, aínda que este ano non se trate dunha manifestación máis, porque as cousas parecen indicar que nunca a situación do galego fora tan preocupante, e non só polos últimos datos publicados pola RAG segundo os cales se reduciu á metade o número de persoas que fala habitualmente galego, senón porque por primeira vez desde a existencia da Xunta de Galicia, as primeiras medidas que toma un goberno da Xunta son en contra da lingua propia dos galegos, pese ao que dita o Plan Xeral de Normalización Lingüística de Galicia aprobado por unanimidade no ano 2004, a propia Lei de Normalización Lingüística do ano 1983 ou mesmo os tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos defendidos polo Consello de Europa.

Máis información na web da Mesa pola Normalización Lingüística.


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 13-05-2009 17:48
# Ligazón permanente a este artigo
A lingua, se non se practica, non se aprende
Xosé Martínez Reboiras. Secretario de Escolas Católicas
Xosé Martínez Reboiras é o secretario de Escolas Católicas, a Patronal dos Centros Privados Concertados de Galicia, que conta con 125 colexios asociados. Nesta entrevista defende o diálogo para aplicar o decreto do galego no ensino con algúns retoques.


A política lingüística do novo Goberno vaise desvelando, aínda que con contradicións. Feixóo anunciou que permitirá aos pais elixir a lingua de ensino. Recibiron algunha indicación?

Realmente, falouse de que ía enviarse aos centros unha orde para permitir aos alumnos elixir o idioma, pero logo desmentiuse. Non recibimos ningunha comunicación nese sentido. Se tomaron algunha decisión, despois botáronse atrás. É moi complicado, case imposíbel, conciliar que os pais podan elixir o idioma no que estudan os fillos e que os profesores tamén. Habería que separar os alumnos por aula e facer uns horarios moi complicados. Penso que ten que haber materias en galego, sen poñerlle unha pistola no peito a ninguén.

Puxéronse pistolas no peito de alguén?

Non. Aconsellouse, animouse ao uso do galego, pero non se lle puxo a pistola no peito a ninguén, ao contrario do que pasou até 1982, cando houbo profesores expedientados por empregar o galego nas clases.

Tras a vitoria do PP, algúns sectores pensaban que as declaracións de Feixóo sobre o galego estaban orientadas a calmar a certo nacionalismo español, pero que finalmente se imporía a cordura. Que opina?

As augas vanse amansando. Penso que se imporá a cordura. Parecía que o presidente ía entrar a saco contra o decreto, pero logo o propio Feixóo e o conselleiro sinalaron que dialogarían con todos os estamentos do ensino.

Vostede, particularmente, consideraba que cabían posibilidades de recuperar o consenso. Que habería que facer?

Son optimista. O diálogo ten que abrir o camiño neste delicado asunto. A lingua é un valor vital na nosa identidade, non pode ser motivo de enfrontamento e todos os galegos deben buscar un consenso sobre a base da Lei de Normalización Lingüística de 1983, que foi obra do PP e contou co apoio unánime do Parlamento.

Unha lei que non permite a segregación.

Esa é unha palabra sen sentido. Todos deben aprender a falar tanto castelán como galego e, dado que nas familias usan máis castelán que galego, a escola debe fomentar o uso e a práctica do galego. Desde que se aprobou a Lei de Normalización en 1983 rexistrouse unha perda continua de falantes e haberá que avanzar nas previsións desa Lei, que contempla a posibilidade do ensino en galego no 50% das materias. Iso é o que pretendía o decreto, pero non se explicou.

A falta de explicación parece que foi unha clave.

Haberá que oír a todos e, sobre a base da Lei de Normalización, ver que é necesario retocar do decreto, que en xeral é moi positivo. Hai que poñerse de acordo para avanzar, se cadra algo máis amodo, para que os alumnos teñan o mesmo dominio do galego e do castelán ao remate de cada etapa educativa. Isto non se alcanza sen practicar o idioma; se os pais e os profesores elixen a lingua a usar, non se avanza.

(...)

Fonte: Entrevista de H. Vixande a X. Martínez Reboiras para a Nosa Terra Diario


Deixa o teu comentario (1) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 13-05-2009 16:23
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet