AS GABARRAS


Caderno do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Breamo



 ÍNDICE
 GALERÍA DE FOTOS
 WEBS RECOMENDADAS
 BUSCA NESTE BLOG

Manifesto pola hegemonia social do galego


Das iniciativas sociais xurdidas este verán na defensa do galego, faltábanos mencionar o Manifesto pola hegemonia social do galego, destinado á cidadanía galega e á comunidade lusófona internacional e que está colocado na rede desde xullo no blog http://hegemoniasocialdogalego.blogspot.com. Por suposto, aínda se pode asinar o seu manifesto.

Ademais os responsables desta iniciativa apoian tamén a manifestación deste domingo 18, porque consideran que a normalización do galego debe unirnos á marxe da opción normativa que se defenda.


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 15-10-2009 18:35
# Ligazón permanente a este artigo
Queremos Culturgal
O ano pasado levouse a cabo na Coruña o Cultur.gal 08, a Feira das Industrias Culturais Galegas organizada pola Consellería de Cultura, pola que pasaron 37.000 persoas e na que a música, o libro, o teatro, o audiovisual, as novas tecnoloxías… foron os protagonistas.

Este ano, a pesar do éxito da edición anterior e da importancia estratéxica do Cultur.gal para o sector das industrias culturais, a nova Xunta decidiu que non se vai celebrar Cultur.gal e argumentou motivos orzamentarios.

Un grupo de xente de distintos ámbitos da industria cultural galega, que non se conformou co plantón do goberno da Xunta, decidiu que "non é preciso o diñeiro da Xunta para facer a cultura que queremos" e ofreceu a súa colaboración para que se poida celebrar o Cultur.gal 2009. Así naceu a Fundación Cultur.gal, unha plataforma cidadá de apoio concreto á organización e ao desenvolvemento en anos vindeiros da Feira Galega das Industrias Culturais (Cultur.gal), desvinculándoa da Xunta de Galicia para evitar que se volva repetir a situación deste ano.

Quen queira apuntarse de voluntari@ para facer algún traballo ou só para manifestar o seu apoio ao Cultur.gal pode facelo no blog Queremos Culturgal 09.



Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 09-10-2009 16:29
# Ligazón permanente a este artigo
Xa está á venda a Galicola! Sabor para a túa lingua!
A Asociación Cultural Fontaira vén de lanzar a alternativa galega á Coca-Cola: a Galicola. Desde este mes empezan a distribuíla por bares, centros sociais e tendas de alimentación de toda Galiza, nunha iniciativa que propón “unha oposición consciente á globalización e o capitalismo” e ten como fin último xuntar recursos para asociacións que traballen na defensa e normalización da lingua galega.

A Galicola estase comezando a distribuír en botellas de plástico de 33 centilitros, está embotellada nunha fábrica de bebidas galega e non ten cafeína. A final deste mes poderanse consultar os puntos de venda nos que se pode atopar a Galicola na web do proxecto: galicola.org.

O lema da Galicola é “Sabor para a túa lingua”, pois a iniciativa non ten carácter lucrativo e os beneficios que se xeren da venda da Galicola, descontados os gastos de produción e distribución, irán para asociacións que traballen a prol da normalización do galego. Ademais, o 5% dos ingresos brutos destinaranse a este fin a través dun “fondo polo galego”, que se adxudicará a través dun concurso a entidades sen ánimo de lucro que envíen os seus proxectos para promover a lingua.

Como vedes, non paran de xurdir xeitos creativos de apoiar a nosa lingua, algúns mesmo cheos de sabor!

Fonte: Vieiros (08/10/2009)


Deixa o teu comentario (1) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 08-10-2009 21:24
# Ligazón permanente a este artigo
Queremos Galego
Logo da plataforma Queremos Galego

Na efervescencia de accións e iniciativas a prol do galego, tamén a plataforma "Queremos Galego" botou a andar este verán para desenvolver unha iniciativa lexislativa popular que garanta os dereitos lingüísticos do pobo galego e para convocar unha gran mobilización nacional en Compostela este outono, en concreto o vindeiro 18 de outubro en Santiago de Compostela.

As súas tres premisas básicas son:

1- a lingua galega é patrimonio e ferramenta de comunicación do pobo galego, e as institucións públicas deben protexela e promocionala

2- A normalización lingüística debe ser progresiva, polo que as institucións públicas non deben desprotexer o galego nin reducir a súa presenza.

3- Os acordos asinados por unanimidade, só poden ser substituídos por acordos nos que a unanimidade siga sendo o criterio.


Fonte: Vieiros (23/07/2009)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 06-10-2009 21:53
# Ligazón permanente a este artigo
Masiva afluencia á asemblea constituínte da plataforma ProLingua
Membros de ProLingua que interviñeron na asemblea de presentación da plataforma en Santiago
"Dise que cada país ten o que merece, pero Galiza neste momento debe ter o que necesita", así convidou Xabier Docampo ao compromiso activo a favor da lingua galega aos presentes na asemblea de presentación de ProLingua que tivo lugar en Santiago este sábado.

ProLingua é unha plataforma plural e apartidaria, que non apolítica, que recolle as súas adhesións a través de internet. Entre os primeiros mil asinantes do manifesto hai mestres, avogados, camareiros, historiadores, economistas, labregos, mariñeiros, un fareiro, farmacéuticos, editores, carteiros, libreiros, pasteleiros, veterinarios... Nela hai militantes do PP, como Rafael Cuíña, do PSdeG, como José Rodríguez Pardo e dirixentes históricos do nacionalismo, como Xosé Manuel Beiras ou Camilo Nogueira.

Precisamente por esa vocación de pluralidade e independencia, ProLingua non ten un portavoz oficial nin se sostén de subvencións alleas. O seu núcleo de traballo artellarano neste inicio un grupo de arredor de corenta persoas, mais na asemblea fíxose unha chamada á colaboración e o traballo de todo aquel que queira realizar achegas de calquera tipo. Na web Prolinguagalega.org está toda a información ao respecto.

En breve, ProLingua comezará a constitución dunha rede de núcleos comarcais de apoio, información e traballo.

Hai unha lista de reprodución no portal YouTube que inclúe dez vídeos coas intervencións de Francisco Fernández Rei, Agustín Fernández Paz, Mercedes Queixas, Xabier Docampo, Henrique Costas, Pilar Ponte Patiño, Martin Pawley, Xosé Luís Rodríguez Pardo e Rafael Cuíña Aparicio.


Fontes:
Vieiros (3/10/2009)
A Nosa Terra (4/10/2009)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 06-10-2009 21:49
# Ligazón permanente a este artigo
ProLingua. Plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega
Logo de ProLingua
Mañá, sábado 3 de outubro, ás 11:30, terá lugar a asemblea de presentación de ProLingua no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (Campus Norte).

ProLingua é unha plataforma plural e apartidaria que ten como obxectivos exclusivos a promoción do galego como lingua propia de Galicia e a consecución da súa oficialidade real.

Xa consta de 800 membros e convida a todas as persoas comprometidas na defensa da lingua galega a participar no acto de mañá, no que darán a coñecer os obxectivos e a estrutura de funcionamento da plataforma, así como as primeiras accións que se levarán a cabo.

Pódese consultar o seu manifesto fundacional na súa web Prolingua. Plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega, onde tamén é posíble unirse á iniciativa.


Fonte: Vieiros (1/10/2009)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 02-10-2009 21:49
# Ligazón permanente a este artigo
Conver-ando na Mariña II

Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 02-10-2009 19:25
# Ligazón permanente a este artigo
Convers-ando na Mariña I

Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 02-10-2009 19:24
# Ligazón permanente a este artigo
Convers-ando
Unha das iniciativas a prol do galego que botou a andar este verán foi "CONVERS-ANDO". Con este nome, o colectivo CAMBIA GALICIA quere mudar "a mentalidade sobre o galego dunha forma participativa e creativa".

Andando e conversando e sen outro compromiso que o do "amor pola lingua", levaron adiante a súa primeira acción a fin de semana do 18 ao 20 de setembro na Mariña lucense e desenvolvérona en dúas etapas; a primeira entre Ribadeo e Lourenzá e a segunda entre Lourenzá e Mondoñedo.

Así é como se presentaron no seu blog o pasado 10 de setembro:


CONVERS-ANDO!


conversar v.i. Falar [dúas ou máis persoas] de maneira máis ou menos familiar sobre calquera tema.

Abofé, este é o noso obxectivo! Conversar. Contigo. Con ela. Con el. Con vós. Con nós. Botaremos a lingua a pacer, ao clareo, ao orballo. Porque diso trata isto. De soltar a lingua ao vento.

Nós, como a maioría da poboación galega, vivimos co galego, no galego, polo galego e gústanos vivir así (ou coñecen a alguén que fale castelán e non diga “concello”, “lixo”, “e logo?”, “pota”…?). Porque como na casiña non se está en ningures, porque temos mar e montaña, cidades e campo, xenerosidade e hospitalidade famosa en toda Europa e, para que mentir, porque non hai sitio onde se coma mellor! (ou logo non era iso por que empezou a peregrinaxe a Santiago??) . Pois coas linguas pasa igual, o galego é a nosa casa e como nela non se está en ningures! O galego dános quen somos, as cousas positivas que nos fan persoas, a maneira en que vemos o mundo e o noso xeito único e valioso de ser e estar. A lingua é nosa, e agradecemos a quen a conservou, a quen a levou a fóra, a quen a trouxo para dentro.

E non vos imos andar dándolle voltas ao veo. Queremos que vos movades, así que para empezar movémonos nós. Teredes que perdoar que vos falemos coa lingua polo chan, pero é que de paso que conversamos imos andando!

andar v.i. 1. Trasladarse dun lugar a outro a pé, dando pasos ou, por extensión, [nun medio de transporte].

ANDAREMOS: Os días 18, 19 e 20 de setembro de Ribadeo a Lourenzá e de Lourenzá a Mondoñedo.

2. Realizar [un mecanismo] a función para a que foi concibido.

FALAREMOS E ESCOITAREMOS a quen nos saia ao paso, tentando buscar as boas conexións que todas e todos temos coa lingua, defendendo o orgullo do propio, que como bo orgullo galego, non vai nunca en contra de ninguén.

3. Vivir temporalmente ou estar de paso [nun lugar].

CONVIVIREMOS coas persoas dos lugares por onde pasemos, agradecendo a quen comparte con nós a nosa máis grande obra, aquela na que todo o mundo ten cabida, digan o que digan as malas linguas.

4. Estar [nun lugar].

ESTAREMOS en liña con todas as institucións que defenden o galego, dende a Constitución, o Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización, a Real Academia e coas persoas que o falan a diario e nos fan enriquecer en palabras cada día, na tenda, en correos, na escola, na taberna, nos libros, na oficina de facenda (oh meu Deus, non!), na tele, na oficina do paro (e dálle coa crise!), na música, no concello, na discoteca e, como non, na terra e no mar!

9. Manter un trato frecuente [cunha persoa] e ir na súa compaña de maneira habitual, especialmente cando se mantén unha relación amorosa con ela.

MANTEREMOS un trato frecuente con todas as persoas que queiran ao galego, á súa maneira e ao seu xeito, para seguirmos camiñando cara a un futuro para a lingua, que é un futuro para Galicia. E xa se sabe que do roce nace o cariño…

Resumindo… ANDAREMOS NA BOCA DA XENTE, E COA LINGUA DE FÓRA



Máis información no blog de Convers-ando, na páxina de Facebook de Convers-ando, no xornal A Nosa Terra (11/9/2009) e en Vieiros (11/9/2009)
.

Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 02-10-2009 17:39
# Ligazón permanente a este artigo
Moitos xeitos de defender o galego
Alumnas no campus vigués facendo o exame de selectividade con camisetas a prol do galego.

Tres millóns de galegas e galegos son tres millóns de maneiras de falar e de querer a lingua propia de Galicia, porque o galego é de todos e a súa defensa tamén.


Desde que a política lingüística pasou a ser arma arreboladiza nas primeiras planas dos xornais e o consenso sobre a necesidade de protección do galego se viu ameazado polos propios poderes que teñen a obriga de protexelo, poñendo en cuestión o propio Estatuto de Autonomía por primeira vez desde a chegada da democracia, saíu á luz moito odio reprimido cara ao galego, pero tamén moitas ganas renovadas de defendelo.

Coordinarse para reunir esforzos a favor do galego nos centros de ensino. Xuntar 40.000 manifestantes nas rúas de Santiago no Día das Letras Galegas. Redactar un manifesto e recabar sinaturas a prol da recuperación do consenso en materia lingüística. Crear plataformas cidadás para lembrarlle ao poder político que a lingua é de quen a fala e que na súa defensa caben todos. Emitir un comunicado institucional. Aproveitar a entrega dun premio, sexa literario, audiovisual, ou doutro tipo, para reivindicar os nosos dereitos lingüísticos. Lanzar unha campaña para buscar un amante galego falante. Escribir unha declaración de intencións nunha camiseta e poñela para facer o exame de selectividade. Botarse a andar e conversar con quen che saia ao camiño para mudar a mentalidade sobre o galego. Asistir á gran manifestación en favor da lingua o 18 de outubro en Santiago.

Estas son só algunhas das iniciativas que coñecimos na primavera e no verán pasados, pero as cabeciñas seguen traballando. Quen nos di que esta non é a oportunidade de facer valer por fin os nosos dereitos lingüísticos e superar tantos prexuízos que nos impiden usar o galego con normalidade?

Hai moitos xeitos de defender a lingua propia. Cal pensas ti que se axusta máis ao teu xeito de ser e de facer?


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 02-10-2009 13:05
# Ligazón permanente a este artigo
GALEGO. PATRIMONIO DA HUMANIDADE
Baixo este lema, o 2 de xullo presentouse na rede unha nova iniciativa cidadá na defensa da lingua propia de Galicia. Entrando na páxina do mesmo nome pódese ler e apoiar este manifesto:


GALEGO. PATRIMONIO DA HUMANIDADE


Ata hai pouco tempo era un valor compartido, que formaba parte dos consensos básicos sobre os que se articulaba o autogoberno de Galicia, que o idioma galego era merecente dunha especial protección por parte dos poderes públicos. Ese valor partía da subordinación histórica dun idioma que foi sempre o das maiorías populares pero que tamén estivo sempre discriminado ou proscrito, salvo nos períodos en que Galicia e España gozaron da democracia. A liberdade e o dereito ao uso do idioma propio foron historicamente da man.

A pretensión de facer crer nunha inexistente imposición lingüística disimula o intento de liquidación do idioma galego e de supremacía do castelán. Os que tal sosteñen queren evitar a presenza do galego nas súas vidas para pecharse en ámbitos en que o castelán sexa o único idioma. Pero Galicia é unha sociedade na que se falan dúas linguas que, non se pode negar, están en situación de desigualdade, polo que o galego debe recibir unha especial protección. Só así se poderá afirmar que se actúa en xustiza e na procura da igualdade entre os dous idiomas.

Esa é a letra e o espírito da Constitución, do Estatuto de Autonomía, e da vixente Lei de Normalización Lingüística. As sentenzas do Tribunal Constitucional así o confirman. Sen embargo, o PP saíu do consenso. Pero gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia na nosa sociedade e un dos signos da nosa existencia como país.

A sociedade galega que sente aprecio cara á súa lingua –independentemente de cal sexa o idioma no que se expresa usualmente– debe reclamar unha volta do PP a un terreo común, así como mostrar o seu acordo coas políticas de afirmación positiva para o idioma galego, que o propio PP impulsou desde a Xunta, e que non buscan senón a súa protección. O idioma de Galicia é un patrimonio da humanidade que debemos custodiar e garantir como medio de comunicación e información.



Se queres deixar constancia da túa adhesión pública ao manifesto, lembra que podes facelo en GALEGO. PATRIMONIO DA HUMANIDADE.



Máis información en: Vieiros (2/07/2009)


Deixa o teu comentario (2) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 05-07-2009 20:23
# Ligazón permanente a este artigo
Manifesto do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia en defensa da lingua galega
A Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia (APETEGA) quere facer público o seguinte comunicado:

Como asociación de profesorado, queremos manifestar a nosa preocupación ante a intención do novo goberno de Galicia de derrogar o Decreto 124/2007 polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo.

Consideramos que a lingua galega forma parte da riqueza e da idiosincrasia do noso país, e como todos sabemos o seu uso está en alarmante retroceso.

Dende as institucións educativas debe ser transmitida e apoiada para fomentar o seu uso, buscando unha situación de igualdade real entre as dúas linguas de Galicia.

Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia, APETEGA

Santiago de Compostela a 12 de xuño de 2009


Fonte: Coordenadora de Equipas de Normalización de Ferrolterra


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 26-06-2009 20:25
# Ligazón permanente a este artigo
O Fiscal Superior de Galiza insta á Xunta a situar o galego "en pé de igualdade" co castelán
Carlos Varela, Fiscal Superior de Galiza

Carlos Varela apela ao principio xurídico de discriminación positiva, que favorece á lengua en inferioridade de condicións, para que a cooficialidade lingüística sexa real e efectiva.


O Fiscal Superior de Galiza, Carlos Varela García, instou hoxe á Administración autonómica a pór en marcha medidas "legais" que sitúen o idioma galego "en pé de igualdade" co castelán. Así o expuxo no trascurso do acto anual da Irmandade Xurídica Galega, celebrado hoxe no Pazo de Fonseca de Santiago, no que varios maxistrados recibiron a "toga da galeguidade" ao entrar a formar parte do órgano. Por outra banda, un grupo de secretarios e funcionarios xudiciais recibiron as insignias da entidade.

Varela apelou ao principio xurídico da discriminación positiva, que favorece á lingua en inferioridade de condicións, para que o principio de cooficialidade lingüística sexa "real" e "efectivo", alegando que, de non ser así, "o principio de igualdade establecido pola Constitución española "non será tal". Por iso pide ao Goberno galego que adopte accións "correctoras" para que o galego "non estea en inferioridade de condicións".

Por outra banda, tal e como acordaron no acto fundacional da Irmandade celebrado fai un ano en Celanova, a entidade transladou á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a necesidade de promover unha nova asemblea de concellos galegos para "correxir algunhas carencias" que, asegurou Varela, observaron no "escaso" uso da lingua galega por parte das asesorías xurídicas e as policías locais.

O Fiscal Superior afirmou que tamén pretenden transmitir este proceso "regaleguizador" aos directivos das Escolas de Prácticas Xurídicas e ás facultades de dereito das universidades da comunidade, para que incorporen nos programas académicos cursos, materiais e medidas de "fomento" do uso do galego "entre os xuristas que se están a formar".

Carlos Varela tachou de "imprescindible" o diálogo aberto coas asesorías xurídicas das centrais sindicais que aínda non optaron polo emprego da lingua galega no ámbito laboral, e animou aos membros da Irmandade a levar o discurso da normalización lingüística "ao extremo do exemplo" no seu traballo "para que se difunda e espalle", concluíu.

Fonte: GZnación (20/06/2009)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 21-06-2009 21:32
# Ligazón permanente a este artigo
O BNG denunciará a situación da lingua perante a UNESCO e a Comisión Europea
Os parlamentarios Carme Adán e Bieito Lobeira aseguraron que o Goberno puxo o inglés por diante do galego, reducido a un "trato legal de dialecto".


A situación lingüística do país chegará até o Consello de Europa e a UNESCO. Os deputados Carme Adán e Bieito Lobeira, do BNG, cualificaron de "extrema e extraordinaria" a situación do galego, o que require "medidas extremas e extraordinarias".

Nesta liña, Carme Adán anunciou que a formación nacionalista se vai dirixir á "XXXV Conferencia da UNESCO, que se celebrará en outubro, para trasladar un informe de denuncia da situación que está a producirse no país". Así mesmo, dirixirase ao Consello de Europa para denunciar "a vulneración da Carta Europea das Linguas" e convidará o Comité de Expertos para que visite o país e comprobe "a situación que padecemos".

Estas medidas "extremas", como definiu Bieito Lobeira, débense a que o Goberno "está a situar o inglés por riba do idioma do país no rango administrativo". Como exemplo, mencionou que os criterios publicados no DOG para designar cargos de alta responsabilidade, como a dirección do CGAC, inclúe o dominio do castelán e do inglés, e non do galego "ofrecendo mesmo un prazo de tempo para aprendelo".

A nova situación contrasta, a xuízo dos deputados do BNG, co último informe do Comité de Expertos do Consello de Europa, que recoñecía "avances" no apoio e na expansión do idioma galego grazas ás galescolas ou ao decreto da lingua, polo que convidounos a "que veñan agora a comprobar o que sucede", pois "a UE pode actuar xuridicamente ao ser a Carta Europea das Linguas un documento vinculante".

Para Lobeira, a actitude do PPdeG é "pretender darlle ao galego un trato legal de dialecto", e lembroulle que "os resultados electorais nunca se poden converter nun cheque en branco para conculcar os dereitos democráticos dos pobos".

A enquisa ás familias

Con respecto á consulta formulada pola Consellaría de Educación sobre a lingua no ensino, Carme Adán afirmou que "prexudica a maioría social e só potencia intereses minoritarios". Engadiu que "a consulta non cumpriu os mínimos de rigor necesarios" e que supuxo "unha serie de gastos non cuantificados".

(...)


Noticia completa en: Vieiros (20/06/2009)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 21-06-2009 21:27
# Ligazón permanente a este artigo
O ILG tamén censura a política lingüística da Xunta e advirte do "dano gravísimo" ao galego


O Instituto da Lingua Galega (ILG) é o último organismo en amosar a súa preocupación 'polas medidas adoptadas e polas declaracións realizadas' polos distintos membros da Xunta. Así, vén de enviarlle unha misiva ao presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, para amosarlle as súas inquedanzas.


Nun documento, o Consello Científico do Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) advírtelle a Núñez Feixóo que as actuacións do seu Executivo supoñen “un serio retroceso na extensión do coñecemento do galego e na súa implantación na sociedade, na administración e no ensino”. O organismo subliña na carta que o Goberno cáusalle “un dano gravísimo ao prestixio social da lingua galega”.

O ILG fai fincapé en que se difunden “desde as máis altas instancias as falsas ideas de que o galego é lingua só dunha parte da cidadanía e de que existe un proceso de imposición que discrimina os castelanfalantes”.

Ademais, o Instituto da Lingua lembra que o Consello de Europa chamou a atención sobre a “insatisfactoria situación do galego no ensino, a discriminación que sofren os galegofalantes no sistema xudicial e a situación de marxinación nas empresas que prestan servizos públicos en Galicia”. Tamén advirte dos resultados negativos que desprenden os estudos de sociolingüística verbo do galego.

Por último, insta ao Goberno do PPdeG a promover a lingua en todos os eidos “cumprindo a lexislación vixente” e destaca que é responsabilidade de todos, “e en primeiro lugar da Xunta” impedir que a lingua “se converta en motivo de conflito”.

Fonte: A Nosa Terra (19/06/2009)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 21-06-2009 21:23
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet