AS GABARRAS


Caderno do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Breamo



 ÍNDICE
 GALERÍA DE FOTOS
 WEBS RECOMENDADAS
 BUSCA NESTE BLOG

A RAG maniféstase contundente en contra do novo decreto


A máxima autoridade lingüística, a Real Academia Galega, advirte que a proposta é lesiva para a lingua e que pode infrinxir a legalidade. Pide a súa retirada e que se abra un diálogo para chegar a un verdadeiro consenso.

O documento de 13 páxinas, aprobado por todos os académicos, é contundente dende o primeiro punto: “As Bases que se analizan poderían producir un retroceso no proceso de normalización, que infrinxe a lexislación vixente e maila xurisprudencia emitida polos altos Tribunais e que tampouco se sustenta na mellor organización do proceso pedagóxico senón, unicamente, en promesas electorais que son de dubidosa legalidade e que, por esa razón, non parecen validables polas urnas”.


Informe completo da RAG (.PDF)

Fonte: Vieros (18/01/2010)
Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 20-01-2010 17:56
# Ligazón permanente a este artigo
Consenso entre os sindicatos do ensino en contra do decreto de Feijoo

A práctica totalidade do apoio sindical á folga do xoves 21 deixa en solitario ao PP na defensa do seu novo decreto.

Á convocatoria de folga xeral no ensino da plataforma Queremos Galego, integrada polos sindicatos CIG e STEG, sumáronse xa o sindicato CCOO e agora o sindicato FETE-UGT.

Unicamente non se suma á convocatoria o sindicato ANPE (aínda que xa publicou unha crítica clara ao borrador do novo decreto de Feijoo).

Ademais STEs-Intersindical, a principal confederación de sindicatos do ensino a nivel estatal, apoia tamén a folga contra o decreto.


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 19-01-2010 22:20
# Ligazón permanente a este artigo
O Foro de Curas Galegos 'Bispo Araúxo' apoia a manifestación do xoves 21
Romaxe

O Foro 'Bispo Araúxo' apoia a folga xeral no ensino e a manifestación do xoves 21 de xaneiro en Santiago e recorda que o Concilio Pastoral de Galicia insta á promoción da lingua:

"Pedímoslle, pois, a todos os crentes galegos, tamén aos Bispos de Galicia, cuxo silencio nos doe e lamentamos, que manifesten a súa oposición ás Bases para o decreto do plurilingüismo".

Máis información en Vieiros (20/01/2010)
Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 19-01-2010 15:52
# Ligazón permanente a este artigo
Buses á manifestación do xoves 21
Na páxina http://www.queremosgalego.org/ xa están anunciados os autobuses para a manifestación que vai haber en Santiago o xoves 21 coincidindo coa folga xeral no ensino.

As persoas interesadas poden ir reservando as súas prazas chamando aos teléfonos designados para cada liña de autobús co fin de facilitar a organización.


BUS AS PONTES-PONTEDEUME

- O bus ten marcada a saída das Pontes ás 9.30 do local da CIG

- Parada en Pontedeume

Teléfonos para facer as reservas:

981451510 (Local CIG das Pontes)
689392861 (Ana)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 16-01-2010 10:55
# Ligazón permanente a este artigo
Todas as asociacións estudiantís rexeitan o novo decreto do galego


15 mil alumnos comprométense a través da rede social Tuenti a parar as aulas o vindeiro xoves.

No Facebook xa se crearon grupos como "Non á derrogación do decreto do galego" (con case catro milleiros de membros) ou citas como a de "Paremos o decretazo contra o galego" (que conta con 2.150 asistentes confirmados). Mais o máis destacado destes eventos está a ser un dos creados na rede Tuenti, máis popular entre os máis novos, que xa sumou 15 mil apoios. Dende a organización das mobilizacións do vindeiro xoves 21, Queremos Galego, felicítanse por estes movementos que vaticinan unha alta participación para a folga da vindeira semana, sobre todo tendo en conta que "só van catro días de aulas desde as vacacións de Nadal e aínda falta toda unha semana para o paro xeral do ensino". Todas as asociacións estudantís mostraron xa a súa adhesión á folga do xoves.


Información completa en: Vieiros (14/01/2010)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 15-01-2010 22:02
# Ligazón permanente a este artigo
21 DE XANEIRO. FOLGA XERAL NO ENSINO
Cartaz de Pepe Carreiro

A plataforma Queremos Galego chama a todo o profesorado e alumnado do ensino non universitario á folga xeral do vindeiro 21 de xaneiro, en resposta ao proxecto de “decretazo” contra o galego presentado polo goberno da Xunta o pasado 30 de decembro.

Despois da Concentración de urxencia no Obradoiro en defensa da lingua (30/12/2009) convocada pola plataforma Queremos Galego ante o anuncio dun novo decreto que, a diferenza do anterior, non conta co necesario consenso de todas as forzas políticas nin responde ás necesidades da comunidade educativa, chega a agardada convocatoria de FOLGA XERAL NO ENSINO PARA O 21 DE XANEIRO.

Tamén está prevista unha manifestación o mesmo 21 de xaneiro que sairá ás 11.30 da Alameda de Santiago.

Haberá autobuses desde diferentes puntos.

Infórmate en queremosgalego.org

Máis información en: Vieiros (11/01/2010)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 12-01-2010 15:12
# Ligazón permanente a este artigo
Nace GALIZA CO GALEGO, rede popular privada de ensino en galego
GALIZA CO GALEGO, rede popular de ensino en galego
No blog Medrar en Galego dábase conta en xuño do futuro nacemento dunha organización chamada "Galiza co Galego", destinada a impulsar unha rede popular privada de ensino en galego, e informábase ademais de que o pasado 17 de maio en Santiago se constituíra a xestora que o faría posible.

Pois ben, hoxe chéganos a nova de que o próximo sábado 5 de decembro se constituirá formalmente na Coruña "Galiza co Galego".

O ensino "laico e independente" en Galiza e "no seu idioma propio" é a meta fundamental deste colectivo, que, por outra banda, ten o obxectivo de desaparecer como tal colectivo na altura do 17 de maio de 2012, pois nesa data conta con que xa estea en marcha a rede popular privada de ensino en galego.

De momento, e na procura do apoio económico que impulse a proxecto, consideran desde a organización que será necesario o apoio dun mínimo de 3 mil persoas que garanta o soporte do proxecto "económica e socialmente".

Pódese ampliar información consultando o blog Limiar Galego, onde xa asinaron a prol do proxecto 770 persoas.


Fonte: Blog Medrar en Galego e Vieiros (2/12/2009)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 02-12-2009 18:39
# Ligazón permanente a este artigo
Esta fin de semana AchegArte na Coruña
Xa se pode consultar toda a programación de AchegArte, que se presenta abundante e variada, clicando aquí!

Ao longo de todo o sábado 28 e do domingo 29, en Palexco e no Kiosko Alfonso, darán comezo cada media hora actividades varias que se desenvolverán simultaneamente para que cada quen escolla segundo os seus gustos e intereses.

Haberá obradoiros de maxia, de pintura, de banda deseñada, de ilustración, de teatro xestual, de graffitti, de música tradicional, etc., e se queres inscribirte nalgún deles podes facelo na Secretaría de AchegArte no mesmo día do obradoiro.

Por outra banda, se o que prefires é ollar e escoitar, haberá proxeccións de curtametraxes, documentais, presentacións de discos, libros, actuacións de grupos de teatro e danza, mesas redondas e moita música en directo. Entre outros moitos artistas estarán Susana Seivane, Berrogüeto, Roi Casal, Xabier Díaz, Luar na Lubre...

Déixate sorprender por todo o que a cultura galega che pode ofrecer.



A información máis completa e actualizada en http://acorunacultura.org


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 26-11-2009 22:29
# Ligazón permanente a este artigo
Lingua de liberdade
Cándido Pazó foi o condutor do acto. Foto de Manuel Vila
"FEIJOO DEBE VOLVER AO CONSENSO”. ESTA FOI A FRASE MÁIS REPETIDA POLA MAIORÍA DOS ORADORES DURANTE O MULTITUDINARIO ACTO QUE A PLATAFORMA 'GALEGO, PATRIMONIO DA HUMANIDADE' ORGANIZOU ESTE SÁBADO EN COMPOSTELA.


No acto "Lingua de liberdade", que a plataforma 'Galego, patrimonio da humanidade' organizou este sábado 14 de novembro no Teatro Principal de Compostela e conduciu Cándido Pazó, interviñeron representantes da plataforma cidadá (Henrique Monteagudo e Fermín Bouza), representantes sindicais (os secretarios xerais de UXT, Xosé Antonio Gómez, e de CC.OO, Xosé Manuel Sánchez Aguión), políticos (a ex conselleira socialista de Educación, Laura Sánchez Piñón, e o ex deputado do BNG, Pablo González Mariñas), e oito destacados profesionais "en nome da sociedade civil", para pedirlle novamente ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a "volta ao consenso" en política lingüística.

Porque, en palabras de Antón Baamonde, un dos impulsores desta iniciativa: “queremos que este acto poña en evidencia que a defensa do galego, a oposición á actual liquidación que Feijóo e o seu goberno están poñendo en marcha, non é patrimonio dos nacionalistas, coma esa dereita interesadamente quere facer ver, senón que o galego é un patrimonio común de todos os galegos, independentemente da súa profesión, situación social, ideas ou calquera outra característica idiosincrática que cadaquén poida ter.”


Fonte: Vieiros (14/11/2009)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 16-11-2009 18:25
# Ligazón permanente a este artigo
I ª Asemblea Xeral da Cordinadora Galega de ENDL


A CGENDL AFIRMA QUE NON TERÁ NIN MEDO NIN PREGUIZA PARA TRABALLAR NA NORMALIZACIÓN DA LINGUA GALEGA


Na mañá do pasado sábado 7 de novembro tivo lugar en Santiago a Iª Asemblea Xeral da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, da que forma parte o noso Equipo.

No transcurso da Asemblea aprobáronse os principios que rexerán este colectivo, así como o seu plano de traballo anual, que incluirá unha campaña de sensibilización dirixida á comunidade escolar, programas de intercambio entre estudantes, fomento do galego nas novas tecnoloxías, entre outras actividades que os ENDL realizarán a pesar do recortes dos apoios institucionais.

Así mesmo, aprobouse o organigrama da CGENDL e escolleuse por unanimidade o seu Consello Directivo para os próximos dous anos. Na clausura do acto, Valentina Formoso, que resultou elixida Coordinadora Xeral, repasou a traxectoria do colectivo dende o seu nacemento e marcou as liñas de actuación para o futuro inmediato. Neste sentido, anunciou a vontade da Coordinadora de non ter “nin medo nin preguiza para traballar na normalización da lingua galega”.


Fonte: Web da CGENDL


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 11-11-2009 21:19
# Ligazón permanente a este artigo
Un pin de ProLingua na lapela




Esta é unha lapela clásica, mais pronto comezaremos a ver este pin en moitas lapelas moi diferentes, como diferentes son as persoas que lle queren á lingua galega.




Esta é a primeira acción de ProLingua, animarnos a levar na lapela da nosa chaqueta o símbolo do noso orgullo de termos unha lingua propia. De desexarmos que prevaleza por mil primaveras máis. Levar a insignia co logo de ProLingua significa que non somos dos que negan a nosa lingua, dos que se avergoñan dela e non queren nin escoitala.

Se queres levar na túa lapela un pin de ProLingua como o da foto, xa podes atopalo nas seguintes tendas:

Libraría TRAMA de Lugo
Livraría TORGA de Ourense
Libraría NOVA de Ponteareas
Libraría LUME d'A Coruña
Libraría SISARGAS d'A Coruña
TIPO (Comercio de música) da Rúa López Mora, 47 de Vigo.


Fonte: ProLingua (17/10/2009)


Deixa o teu comentario (2) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 21-10-2009 17:02
# Ligazón permanente a este artigo
A mobilización social pola lingua continúa: queres contribuír coa túa sinatura?
Son varias as plataformas cívicas que están reclamando un trato digno para o galego. Todas elas permiten adherirse e piden apoio aos seus manifestos. Por suposto, non compiten entre si, senón que todas traballan na defensa do galego desde diferentes lugares, así que podemos asinar en todas.



Se aínda non asinaches, estás a tempo de facelo nos seguintes enderezos:


Apoio ao Manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego da Mesa pola Normalización Lingüística:
http://www.amesanl.org/campanhas/convivenciaeigualdade.htm

Apoio á Plataforma Queremos Galego:
http://queremosgalego.org

Apoio ao manifesto da Plataforma ProLingua:
http://prolinguagalega.org/

Apoio ao manifesto da Plataforma Galego. Patrimonio da Humanidade:
http://galegopatrimoniodahumanidade.blogaliza.org/

Apoio ao Manifesto pola Hegemonia Social do Galego:
http://hegemoniasocialdogalego.blogspot.com/


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 21-10-2009 16:41
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta desmantela Mancomún, pero a comunidade de tradución de sóftware libre organízase fóra das institucións
O conselleiro de Presidencia da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, confirmou o desmantelamento do centro de servizos de software libre Mancomún, dependente da Xunta até agora e que puxera en marcha o goberno bipartito em maio de 2006.

Mancomún foi estes tres anos o punto de encontro do sofware libre galego e entre os seus éxitos está ter conseguido que o 10% das empresas galegas utilicen software libre e que o seu uso se multiplicase por tres nas escolas.

Ante tal desfeita a comunidade de tradución ao galego de sóftware libre estase a organizar fóra do ámbito institucional co fin de garantir as actividades que realizaron nos últimos anos arredor de Mancomún. Os proxectos que acaban de nacer son a Asociación sen ánimo de lucro Trasno e a plataforma g11n.net.

O Proxecto Trasno, un dos pioneiros na tradución ao galego de sóftware libre, agrupa persoas voluntarias dedicadas á tradución de aplicativos. O pasado 17 de outubro crearon a Asociación Cultural para a Galeguización de Software Libre-Proxecto Trasno entre cuxos obxectivos está "A localización de software libre ao galego co fin de que a comunidade galegofalante poida dispor de software libre adaptado ás súas necesidades e requirimentos lingüísticos e culturais."

Pola súa banda, a plataforma informática g11n.net parte co obxectivo de garantir a pervivencia das actividades que desenvolveu nos últimos anos Mancomún, mais sen depender das institucións, de partidos políticos ou empresas. O seu financiamento dependerá das achegas das persoas voluntarias. Por agora, na plataforma g11n.net xa se creou unha rolda de correo comunitaria e un servizo para xestionar os proxectos de galeguización.


Fonte: Blog da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 20-10-2009 20:36
# Ligazón permanente a este artigo
A maior manifestación da historia en defensa da lingua galega
Manifestación Queremos Galego. 18/10/ 2009

Superáronse todas as previsións e unha marea humana -50.000 persoas segundo a policía local, 100.000 segundo a organización- percorreu onte as rúas de Santiago na que xa é a maior manifestación da historia en defensa da lingua galega.

Seguindo a convocatoria da plataforma cidadá Queremos Galego, integrada por centos de colectivos e miles de persoas e secundada por todos os partidos políticos galegos (agás o PPdeG), a afluencia de manifestantes foi tal que se encheu dúas veces a praza da Quintana.

No seguinte vídeo de inaciogz vemos o momento no que a praza da Quintana se está enchendo por primeira vez e a organización informa de que aínda hai xente saíndo da Alameda (o punto de inicio da manifestación):



A continuación podemos ver a manifestación contada pola TVG, que recibiu fortes asubíos cando se conectou en directo para o Telexornal do mediodía, debido ao momento escollido para a conexión en directo (unha vez rematados os discursos e cantado o Himno, cando a xente xa estaba abandonando a praza da Quintana para deixar espazo aos manifestantes que quedaban por entrar e que a encherían un pouco máis tarde):





Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 19-10-2009 18:32
# Ligazón permanente a este artigo
Este domingo manifestámonos porque lle queremos ao galego

Cando a plataforma cívica QUEREMOS GALEGO botaba a andar no verán e convocaba unha manifestación para este outono, estaba arroupada pola Mesa, a CIG, o BNG, Esquerda Unida, o Sindicato Labrego Galego, os Comités, Galiza Nova, AS-PG, ADEGA, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización Lingüística ou as fundacións Castelao e Pedrón de Ouro. Pero xa nese momento inicial, QUEREMOS GALEGO prevía que “nun breve prazo” fosen moitas máis as entidades e persoas que se foses sumando, dado “o interese” que, segundo indicaban, espertou a iniciativa, nun momento caracterizado “polos profundos e continuos ataques que está a padecer a nosa cultura”.


E así foi, porque a estas alturas son máis de 400 as entidades e colectivos que secundan a manifestación do domingo 18 en Santiago.


Terra Galega, o Partido Socialista de Galicia, o Partido Galeguista e Coalición Galega foron os últimos en facer público o seu apoio. Pero non por ser os últimos son os menos importantes, porque na defensa do galego non importa a cor política, nin a opción normativa, nin nada que non sexa a defensa da nosa lingua común, a que nos identifica como pobo e nos une e nos fai estar no mundo como galegos e galegas. Por iso tamén vai haber votantes e afiliados do Partido Popular este domingo en Santiago e serán moi benvidos.



DECLARACIÓNS PARA A NOSA TERRA DE AGUSTÍN BAAMONDE, PORTAVOZ DE LINGUA PARA O PPDEG (7/10/2009)

DECLARACIÓNS PARA A NOSA TERRA DE FRANCISCO CERVIÑO, PORTAVOZ DE LINGUA DO PSDEG (14/10/2009)

DECLARACIÓNS PARA A NOSA TERRA DE BIEITO LOBEIRA, PORTAVOZ DE LINGUA DO BNG (15/10/2009)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 13. A cidadanía na defensa do galego - Publicado o 15-10-2009 19:50
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet