AS GABARRAS


Caderno do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Breamo



 ÍNDICE
 GALERÍA DE FOTOS
 WEBS RECOMENDADAS
 BUSCA NESTE BLOG

Dous estudantes de Informática crean unha web de subtítulos en galego
O seu obxectivo é promocionar a lingua galega e acabar co baleiro da rede neste tipo de contidos.

Miguel Lago Martínez e Pablo Salgado Roo, alumnos de 1º de Informática da USC, de 22 e 24 anos de idade, acaban de pór en funcionamento a páxina web subtitulosengalego.com, aínda en fase de obras.

«Comezamos a falar do proxecto en marzo cando estivemos xuntos facendo prácticas en Dublín. Foi iso o que nos motivou», explica Miguel Ángel. «En Irlanda decatámonos da dificultade de ver filmes e series con subtítulos en galego»

Deseñaron a páxina e traballaron a eito para arranxaren os subtítulos de filmes, documentais e capítulos de quince series. E aínda que estes mozos emprendedores pensaron que a publicidade podería axudar ao financiamento, queren culminar o proxecto prescindindo dela e centrarse nun único obxectivo: a promoción da lingua.


Fonte: La Voz de Galicia (16/04/2012)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 05. Sitios Web - Publicado o 05-05-2012 14:48
# Ligazón permanente a este artigo
Disquecool, o medio de tendencias made in Galicia



Disquecool é unha revista dixital de tendencias feita en Galicia que, desde que botou a andar o 1 de maio de 2011, non parou de medrar en contidos e seguidoras/es.

Porque Disquecool informa dun xeito desenfadado do máis cool da moda, da música, do deseño, do cine, da televisión, do márqueting, das letras, da tecnoloxía, de estilos de vida...

Pero Disquecool é moito máis. Entra e verás.





Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 05. Sitios Web - Publicado o 10-12-2011 10:08
# Ligazón permanente a este artigo
Enkenda
Enkenda. Profesionais dende outra perspectiva.

Descubre en 60 segundos cales son as vantaxes que fan de Enkenda o xeito máis sinxelo de solicitar orzamentos online para realizar a túa reforma:




Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 05. Sitios Web - Publicado o 07-12-2011 22:25
# Ligazón permanente a este artigo
Dicionario Galego para Android
    

Falas a lingua de Galicia? Discutiches algunha vez con alguén sobre se en galego se escribe "abogado" ou "avogado"? Dubidas do significado dalgunha palabra galega? Con DicionarioGalego iso é historia. Agora podes buscar calquera palabra no DRAG calquera móbil con Android.

Pódese descargar de balde a actualización do DicionarioGalego no Android Market, cunha pequena nota coas novas introducidas na normativa do 2003




Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 05. Sitios Web - Publicado o 05-12-2011 23:47
# Ligazón permanente a este artigo
ConxuGalego para Android


O enxeñeiro informático Xurxo Méndez e a deseñadora Sabela Barreiro lanzaron o 15 de novembro ConxuGalego, unha aplicación para dispositivos co sistema operativo Android que permite introducir o infinitivo de calquera verbo en galego, sexa regular ou irregular, e obter a conxugación deste en tódalas súas formas verbais.

O conxugador é software libre e está baseado en Conshuga do Departamento de Gramática da Universidade de Santiago de Compostela.

O conxugador funciona para móbiles con Android 2.0 en adiante e está dispoñible no Android Market de balde.



Fonte: Galicia Confidencial e Código Cero


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 05. Sitios Web - Publicado o 05-12-2011 23:47
# Ligazón permanente a este artigo
Conxugador verbal CilenisConxugador


Contamos cunha nova ferramenta lingüística que permite conxugar os verbos galegos en liña: o CilenisConxugador.

A ferrramenta dispón ademais dunha versión en portugués para facilitar a conxugación dos verbos portugueses.

Trátase dun proxecto de Cilenis, unha nova empresa dedicada ao procesamento de linguaxe e á enxeñaría lingüística.

Aprendemos os verbos desta volta? :-)


Vía: Blog A Profa


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 05. Sitios Web - Publicado o 10-11-2011 18:27
# Ligazón permanente a este artigo
Fala Londres
Fala Londres é o nome do blog do grupo de alumn@s de lingua e literatura galega do I.E. Vicente Cañada Blanch de Londres, sito no 317 de Portobello Road.

Así é como se presentan:

Un somos galeg@s nacid@s en Galicia. Outros somos galeg@s nacid@s en Londres. E outr@s queremos saber máis de Galicia. Somos de distintos niveis, dende Primaria ata Bacharelato. Algúns somos galego-falantes e outr@s habemos de selo.

E estas son actividades súas deste curso. Un exemplo estimulante:




Recomendamos vivamente o blog, en especial a súa sección OS NOSOS VÍDEOS.


Deixa o teu comentario (3) - Categoría: 05. Sitios Web - Publicado o 04-07-2011 10:29
# Ligazón permanente a este artigo
Que non che mintan, princesa



Igualdade Coruña é o blog do Concello da Coruña para as políticas de igualdade.

Citamos aquí este espazo web porque recolle todos os aspectos da campaña Que non che mintan, princesa, que a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña puxo en marcha este ano con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero.

É certo que non só con campañas publicitarias se soluciona un problema tan grave e enraizado na nosa sociedade como o da violencia machista, pero as campañas seguen sendo necesarias e esta é unha campaña diferente.

Vai dirixida ás nenas e adolescentes de hoxe e ás nenas e adolescentes de onte. Porque todas podemos ser vítimas, pero o final do conto podemos escollelo nós.

Unha das actuacións desta campaña foi a exhibición nos buses urbanos do seguinte vídeo:



Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 05. Sitios Web - Publicado o 15-12-2010 21:11
# Ligazón permanente a este artigo
TEATRO E ARTES ESCÉNICAS



AGADIC. AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS
Información sobre a danza, maxia, música e teatro que se está a facer en Galicia. Inclúe a carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
http://www.agadic.info

ARTELLO TEATRO
http://artello.com

ASOCIACIÓN DE ACTORES E ACTRICES DE GALICIA
Web desta asociación que agrupa os actores e actrices na defensa dos seus intereses profesionais.
http://www.aaag.es

CENTRO COREOGRÁFICO GALEGO
http://www.centrocoreografico.org/ccg

CIRCO DE PULGAS CARRUSELO
Para ver o nunca visto. Espectáculo máxico de animación á lectura no que Claudio Carruselo é o domador das feras e Séchu Sende o guionista.
http://circodepulgas.blogaliza.org

MAGO ANTÓN
Páxina oficicial do Mago Antón, o noso máis famoso creador de ilusións.
http://www.magoanton.com

MANICÓMICOS
Web da Asociación Cultural Manicómicos, que ten entre os seus obxectivos organizar cursos formativos sobre as diferentes técnicas actorais, así como a organización dun Festival de Teatro Cómico de carácter anual na cidade da Coruña.
http://manicomicos.org

NOVA GALEGA DE DANZA
Esta é a páxina oficial desta compañía que fusiona danza contemporánea e tradicional.
http://www.novagalegadedanza.com

PRODUCIÓNS EXCÉNTRICAS
Páxina de PRODUCIÓNS TEATRAIS EXCÉNTRICAS, empresa que serve como plataforma de produción a marcas como MOFA&BEFA, o dúo cómico de Evaristo Calvo e VÍctor Mosqueira, aos espectáculos unipersoais de Quico Cadaval e a proxectos musicais de Piti Sanz.
http://www.excentricas.net

REDE NASA TV
Nova canle audiovisual online que funcinará coma unha rede social que ofrecerá os seus contidos a toda a comunidade e que xira arrededor da Sala NASA e os seus espectaculos de música, teatro, danza, circo ou cabaret.
http://redenasa.tv

SALA NASA
NAve de Servizos Artísticos impulsada polo grupo CHÉVERE en Santiago.
http://www.salanasa.com

SARABELA TEATRO
http://www.sarabelateatro.com

TALÍA TEATRO
http://www.taliateatro.es

TEATRO DE NINGURES
Compañía teatral de Cangas do Morrazo fundada en 1986 e unha das máis estables do país.
http://www.teatrodeningures.com

TEATRO DO NOROESTE
http://www.teatrodonoroeste.com
Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 05. Sitios Web - Publicado o 22-06-2010 20:29
# Ligazón permanente a este artigo
Proxecto Carvalho
Neste vídeo explícase o que é o proxecto Carvalho. Un proxecto de tradución automática gratuíto e en liña entre o inglés e o galego encadrado dentro da plataforma de servizos de tradución automática Opentrad.



Fonte: Carta Xeométrica

Tradución automática, código aberto e sustentábel son os tres eixos do Proxecto Carvalho (nome tomado de Ricardo Carvalho Calero, como homenaxe no centenario do seu nacemento, e da árbore máis emblemática dos nosos montes, o carballo).

A proposta está ideada por Imaxin-Software, quen, baseándose nunha nova liña de investigación, partiu dun método estatístico. Esta innovadora metodoloxía, que é a que actualmente utiliza o tradutor de google, parte de relacións estátiscas de aliñamento entre palabras concorrentes nos corpus lingüísticos de galego e inglés. Porén, como no galego non existen aínda este tipo de corpus, a metodoloxía levou a Imaxin a utilizar textos e termos do portugués para alimentar o sistema e adaptalos, despois, á normativa galega actual.

Así, como explica Diego Vázquez, director da área de I+D de Imaxin-Software, “grazas á lusofonía o galego pode acceder a ferramentas lingüístico-informáticas que, doutro xeito, serían inviábeis”. “Tiramos dos textos en portugués que forman parte dos fondos europeos”, explica Vázquez, quen apunta que se ben “a calidade da tradución é moi boa” son necesarios textos de temáticas diferentes para facer un corpus máis potente.

E aquí é onde entra a colaboración dos internautas que queiran achegar outros textos que sirvan como base, pois estamos ante un prototipo lingüístico e informático que pode mellorar grazas ao traballo colaborativo, como acontece con todo o software libre de código aberto e gratuíto do que xa podemos servirnos.

Dende Imaxin amósanse moi satisfeitos do resultado desta iniciativa, que ofrece un tradutor gratuíto e en liña entre a nosa lingua e o inglés, algo até o de agora impensábel.

Fonte: Vieiros (22/06/2010)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 05. Sitios Web - Publicado o 20-06-2010 21:20
# Ligazón permanente a este artigo
Nace Meubook, o portal galego dos lectores, editores e librarías
A posta en contacto de autores, lectores, libreiros e editores será o obxectivo de Meubook, unha plataforma dixital que comezará a funcionar en xullo. Un catálogo en liña, a impresión baixo demanda e mesmo unha rede social na que interactuarán todas as pezas deste universo dixital serán algúns dos servizos que ofertará este portal de internet nacido en Galicia.

“Buscamos poñer en valor os contidos dixitais que moitas veces non están á disposición dos usuarios”, explicaba onte na presentación en Santiago do proxecto o conselleiro delegado de Meubook, Jacobo Bermejo. Ao acto tamén asistiron o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, o director da editorial Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán Vello; o presidente do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego, Carlos del Pulgar; o director de Gradiant, Fernando Pérez; a community manager de Algueirada, Tati Mancebo, e o director de Meubook, Fernando Jiménez.



Para os lectores, Meubook ofrecerá a posibilidade de acceder a un catálogo de produtos en liña, en formato físico e dixital, e servizos de consulta e descarga de arquivos. Tamén porá a disposición dos particulares ferramentas para singularizar contidos e adoptar o papel de ser eles mesmos os seus propios autores. Poderanse enviar fotografías por correo electrónico que se converterán en caricaturas integradas dentro de contos personalizados.

TERCEIRA REVOLUCIÓN

“Trala aparición da lingua escrita e da imprenta, a posta en marcha da galaxia dixital é a terceira gran revolución, o futuro xa está aquí”, apuntaba o editor Fernán Vello. O director de Espiral Maior destacou dúas das facetas de Meubook: “O encontro creativo e a súa gran capacidade empresarial de oferta de novos contidos”.

Para as librarías, Meubook achegará as tendencias do mercado e os gustos do público. Ao mesmo tempo, estas empresas contarán co seu propio espazo na plataforma e xestionarán a venda de facsímiles e produtos personalizados. O proxecto de Meubook está impulsado por varias empresas do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego, varias institucións e editoras españolas e o seu desenvolvemento técnico corre a cargo da Universidade de Vigo.


Fonte: Imos Indo


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 05. Sitios Web - Publicado o 30-05-2010 22:24
# Ligazón permanente a este artigo
Webs culturais galegas
Eis unha interesante síntese do emerxer cultural galego na rede destes últimos anos:



Reportaxe emitida o 12 de maio de 2007 no desaparecido programa cultural da TVG Miraxes. Pasaron tres anos desde esta reportaxe, pero practicamente a totalidade das webs culturais galegas das que fala seguen vivas e moi activas: komunikando.net, aregueifa.net, culturagalega.org, galiciaencantada.com, filix.org, vieiros.com, blogaliza.org e crtvg.es.


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 05. Sitios Web - Publicado o 30-05-2010 22:23
# Ligazón permanente a este artigo
O novo Proxecto Trasno

Como xa contamos no seu momento, ante o desmantelamento de Mancomún pola Xunta de Feijoo, a comunidade de tradución de sóftware libre decidiu organizarse fóra das institucións, e nesa iniciativa estaba, entre outros, Proxecto Trasno, un dos pioneiros na tradución ao galego de sóftware libre, un grupo de persoas voluntarias que leva 10 anos traballando a prol do sóftware libre en galego ou, o que é o mesmo, a prol do galego no sófware libre.

Foi así como o 17 de outubro de 2009 se creou a Asociación Cultural para a Galeguización de Software Libre Proxecto Trasno entre cuxos obxectivos estaba "A localización de software libre ao galego co fin de que a comunidade galegofalante poida dispor de software libre adaptado ás súas necesidades e requirimentos lingüísticos e culturais."

Agora o Proxecto Trasno vén de presentar o seu novo web, con novas ferramentas e novas maneiras de establecer comunicación cos usuarios e entre os tradutores (foro, perfís en Facebook, Twiter, Latri.ca e en Identi.ca...), para convertir o seu nun proxecto "máis aberto, máis funcional e máis interoperable, con fe anovada no sóftware libre e na forza do traballo colaborativo".

Parabéns, pois, polos logros obtidos e longa vida ao Proxecto Trasno e ao sóftware libre en galego.


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 05. Sitios Web - Publicado o 21-05-2010 19:24
# Ligazón permanente a este artigo
Catapalabras

A Asociación Sociopedagóxica Galega (AS-PG) amplia a súa oferta de xogos educativos na rede co Catapalabras, un xogo no que poden participar de dous a catro xogadores e que consiste basicamente en que cada quen escriba palabras que encaixen en certas categorías elixidas ao azar (froitas, animais etc.) e que comecen por unha letra determinada obtida tamén aleatoriamente a través dun dado de 20 caras.

O obxectivo é conseguir a puntuación máis elevada posible, que dependerá da cantidade de palabras correctas que se escriban e do número de persoas que escriban a mesma palabra, xa que as palabras repetidas non puntúan.

Este xogo vense sumar ao Trivial, ao Letrad@s e ao xogo da Curuxa, todos eles cun alto índice de aceptación e participación, e pretende contribuír a galeguización dun espazo vital, o do lecer e o xogo, que na actualidade sofre unha importante carencia de posibilidades pensadas desde Galiza

Podes ver aquí toda a información sobre o xogo, as características e normas


Fonte: AS-PG


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 05. Sitios Web - Publicado o 30-04-2010 10:04
# Ligazón permanente a este artigo
Un curso galego de chinés, entre os máis valorados do mundo
Imaxe de presentación de ChineseCom
O feito de ofrecer contidos en seis idiomas é un dos motivos do éxito do curso de chinés en liña ChineseCom, impulsado pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Xunta.

ChineseCom é unha das webs deste tipo máis visitadas do mundo. Con máis de 23.600 dende novembro de 2009, figura entre as catro máis valoradas polo principal buscador da rede a nivel internacional.

Ademais, é o único curso de chinés que existe en Europa que conta con tradución a unha lingua minoritaria, neste caso o galego. O proxecto Chinesecom desenvolveuse dentro do marco do programa europeo Lifelong Learning, no que participaron socios de seis estados europeos e mais a Universidade de Pequín. O seu éxito debeuse, entre outros motivos, ao seu carácter innovador e aos recursos multimedia dos que dispón.

O proxecto ten dez unidades de aprendizaxe e información cultural e xeral sobre China. Dispón de traducións en seis idiomas: galego, castelán, inglés, francés, alemán e italiano, o que tamén contribuíu ao seu éxito, debido a que a meirande parte dos cursos da lingua asiática só están en inglés.

O programa concibiuse para mellorar a competitividade das empresas europeas na China, promovendo a adquisición de competencias en mandarín e comprendendo a cultura do país. Mais tamén permite a formación da mocidade en lingua chinesa, como medio para lograr unha "inserción laboral privilexiada".

A pesar da súa curta traxectoria, o curso xa está a ser utilizado como material didáctico en universidades como a de Manchester ou Antuerpen e en varias delegacións do Instituto Confucio.


Fonte: Vieiros (09/03/2010)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 05. Sitios Web - Publicado o 17-03-2010 15:40
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3] [4]
© by Abertal
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet