As Campaíñas


Makinaria, de Carlos Negro
Milleiros e milleiros de mozos arremuíñanse cada fin de semana onda as pistas de terra por onde as poeiras deixan entrever o paso fugaz dos coches de competición. Son os mesmos malotes que buscan a seguinte carreira no GZrally.com e devoran as montaxes do Galiza a ras da finde na Galega. Son os que procuran converterse en heroes da disco o sábado á noite tras xogar no gume da navalla do asfalto, o alcohol e o techno nas madrugadas da comarca. Veñen sendo os que converten o tunning nunha relixión que reclama o salario de todo un mes no andamio.

Aceleracións de vertixe, cheiro a goma queimada, entrarlle á morte en cada curva.

Ferro a fondo, "monta comigo, nena, agora e xa", cheiro a gasolina, a euforia da cocaína, rebentar cos decibelios.

E a historia non ten final feliz, como tantas que se suceden no telexornal. Aquela foi a curva derradeira, rematou a partida real no Need for Speed.

"Ti non entendes nada, Mamá". Claro que entendía a vella, foron moitas noites de insomnio a agardar pola presentida chamada do 061. Podía ser. E foi.


Así é Makinaria, un libro a cara descuberta, espido, real. Un feixe de versos sen moralexa pero doloroso, que por iso mesmo consegue chegar ao lector, interpelalo e, se cadra, lograr que chegue a vello, como desexa o autor para os rapaces de Dodro que lle descubriron o segredo do risco e a velocidade.

Versos que contan historias, a vida de moitos mozos que pode que se recoñezan nun poemario, o que non é pouco.


Román


Thunder Road

Deixa
que os motores
ruxan salvaxes

imos xuntos
queimar
a madrugada

esnifar
unhas cantas raias
da estrada

a tope
cos malotes de sempre

a arrasar
nena

a arrasar
que o día de maña
din que nunca existiu

e ti tes uns ollos azuis
e flipantes
e eu un burato de medo
no medio da chapa do peito

que se cadra ti
esta noite
es quen de encher

agora
corpo a corpo
antes de que oxiden
as horas e a vida
sexa
fume de tubo de escape
unha derrapaxe
en falso
na seguinte curva.
Comentarios (1) - Categoría: Lecturas - Publicado o 28-09-2009 22:31
# Ligazón permanente a este artigo
Eragon-Eldest de Christopher Paolini
ERAGON é un rapaz de quince anos que cando se atopa de caza encontra unha xema preciosa que cre que sacará á súa familia da pobreza. Cal non é a súa sorpresa cando descobre que é un ovo de dragón! Como uns animais andan en busca del, o seu dragón lévao á forza para poñelo a salvo pero Eragon obrígaa a levalo á terra. Saphira (o seu dragón) moi enfadada, cumpre a palabra del, pero á volta descobren que a familia de Eragon está morta. Xuntos emprenden unha serie de aventuras que os levan a estar máis unidos e a axudarse moito máis do que esperaban.



Na segunda parte, Eragon ten que emprender un longo camiño ata Ellésmera, a cidade dos elfos, para rematar a súa formación como xinete, xa que esta estaba incompleta. Durante a viaxe namórase da voceira do pobo elfo ante os vardenos. Ao chegar a Ellésmera descobren que esta é a princesa dos elfos, e Eragon séntese distanciado dela pola súa alta clase social. De alí a uns meses termina a súa formación cun feito moi importante, que o fai sentirse máis seguro con respecto os seus sentimentos cara Arya e confésalle o seu amor. Pero unha guerra volve separalos e Eragon déixese morrer polo que descobre nesta.




Vanesa M.
Comentarios (2) - Categoría: Lecturas - Publicado o 22-09-2009 20:51
# Ligazón permanente a este artigo
Pablo García Martínez gaña o 5º Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos
NA NOSA BIBLIOTECA


Natural de Arzúa, estudou xornalismo en Euskadi, Santiago e Coimbra


Pablo García Martínez (Arzúa, 12-12-1985) é o gañador da 5ª edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia que se fallou no transcurso dunha cea que na noite do venres 10 de xullo reuniu na Casa Grande do Bachao (Santiago) a un cento de personalidades do mundo cultural galego. A obra, que ten o título provisional de «Relato dun estalido xordo», comezará agora a súa etapa de redacción definitiva na que o autor contará con Manuel Rivas (que non puido estar presente por atoparse de viaxe) como titor e que rematará cara a fin de ano coa súa publicación en galego e en castelán.

Pablo García Martínez marchou a Euskadi aos 17 anos para cursar a carreira de xornalismo na Universidade do País Vasco (EHU) durante dous anos, antes de tramitar o seu traslado á Universidade de Compostela. Nela estivo os cursos académicos 2005-2006 e 2006-2007 antes de cursar o último ano académico na Universidade de Coimbra, ao abeiro do programa Erasmus. Dende xullo do ano 2008 traballa no xornal dixital Vieiros, encargándose principalmente da sección deportiva, mais tamén doutros temas que lle solicita puntualmente a dirección do medio. Durante este ano combinou o traballo no diario dixital coa xestión das páxinas web Galiza Olímpica e Nsaio.

O premio achégalle ao gañador unha escultura de Luís Loureira titulada A peneira dos soños, un ordenador portátil, a estancia ao longo do mes de outubro na Casa Grande do Bachao para ultimar a súa novela baixo a tutela de Manuel Rivas e a edición da obra en galego e castelán antes de rematar o ano.


(ler máis, Biblos)
Comentarios (3) - Categoría: Recomendacións - Publicado o 22-09-2009 11:47
# Ligazón permanente a este artigo
Volve Superman

O último clásico entre os tebeos de superheroes
Grant Morrison recupera a mitoloxía e a grandilocuencia dos cómics para darlle vida ao Superman definitivo


Paulino Vilasoa

Ben podía ter sido un paxaro ou un avión, pero o Superman de Morrison e Quitely é Superman. Todo isto vai por modas. Dende os 80, obras como Watchmen ou Dark Knight Returns despoxaron o xénero superheroico da súa inocencia para dar paso á investigación psicolóxica e, de cara ao novo século, quedou patente unha revisitación do xénero de acordo cunha maior radicalización dos caracteres cara a posturas cada vez máis extremas.

Grant Morrison, que iniciara esa radicalización coa anarquía lisérxica de Los Invisibles ?que lle aplicou logo a heroes coma os X-Men?, recibiu a chamada da DC para que, literalmente, fixese o que quixese co heroe máis grande de todos os tempos. O resultado, este All Star Superman, céntrase na recuperación dos ideais primixenios dos cómics, da épica superheroica como parte da mitoloxía contemporánea.

O Superman de Morrison segue a ser, como dicía, Superman. Un home de aceiro seguro, nobre e independente, heroe intemporal en cuxo tratamento se rexeita a humanización do personaxe e se realzan as compoñentes mitolóxicos.

(ler máis, Xornal)
Comentarios (0) - Categoría: Recomendacións - Publicado o 20-09-2009 18:59
# Ligazón permanente a este artigo
Debuxantes galegos para os grandes relatos

SM publica na súa liña de adaptacións literarias El Monte de las Ánimas, segundo David Rubín, e Amadís de Gaula, segundo Emma Ríos.


Arturo Losada

En setembro haberá que repartir a atención e os cartos de mercar novidades entre dous dos máis recoñecidos autores da banda deseñada galega. O ourensán David Rubín e a vilagarciá Emma Ríos participan en dúas das últimas obras publicadas dentro da colección de adaptacións de clásicos literarios que está a facer SM. Rubín atrévese coa conversión a viñetas de El Monte de las Ánimas, unha das lendas de Gustavo Adolfo Bécquer, mentres que Ríos colabora co guionista Ricardo Gómez para facer unha espectacular versión das andanzas de Amadís de Gaula.


(ler máis, Xornal...)
Comentarios (0) - Categoría: Recomendacións - Publicado o 20-09-2009 18:50
# Ligazón permanente a este artigo
Un verán con Leo Caldas
NA NOSA BIBLIOTECA


Este verán compartín boa parte do meu tempo de lecer co detective Leo Caldas. Leo é un policía da comisaría de Vigo, tamén colaborador do programa de radio 'O Patrulleiro das ondas', que protagoniza as dúas novelas de Domingo Villar: Ollos de auga e A praia dos afogados. Leo recórdame a outros fascinantes personaxes da novela negra, como Montalbano ou Pepe Carvalho, cunha vida privada pouco convencional, solitarios obsesionados coa resolución dos casos que investigan e grandes coñecedores das debilidades humanas. Boa xente na que se pode confiar.

Nas dúas historias a intriga tira de nós, facéndonos pasar as follas case con desesperación, mentres matinamos sobre quen foi o asasino. Eu gocei con esa marabillosa sensación de que me faltaba o tempo para ler, atragoándome coas páxinas ata saber o desenlace. E ao final, coma sempre case sempre cando un libro te posúe, esa sensación de baleiro, de desexar que o libro fose moito máis longo.

Pero non é só saber ?que pasou? o que fai que estes libros sexan moi entretidos e te enganchen, senón que tamén xogan un papel fundamental os personaxes secundarios e os espazos nos que discorre a acción. Se o personaxe de Leo está ben construído, o do seu compañeiro aragonés (aprendiz da idiosincrasia galega), o do seu pai, e o de outros que aparecen na narración teñen tamén unha identidade definida que os fai recoñecibles, verdadeiros. E o mesmo ocorre cos ambientes que se reflicten nas novelas, desde os habituais, coma a radio ou o Elixio, ata aqueles outros que xorden como consecuencia da investigación policial, tan ben reflectidos que sabemos que nós tamén estivemos alí ou coñecemos un lugar moi parecido. De fondo, sempre, a boa comida e a boa música.

A paisaxe, urbana e mariñeira da Ría de Vigo, ten tamén un papel protagonista. Os que coñecemos algo a bisbarra identificamos os escenarios con facilidade, o que é un elemento motivador máis. A pesar de que hai referencias aos desastres urbanísticos (Panxón na segunda novela) Villar consegue resaltar a beleza da Ría de Vigo e algúns dos seus currunchos como Monte Ferro. Supoño que para aqueles que, como me ocorreu a min, se entusiasmen coas investigacións de Leo e co seu mundo, tan próximo, os lugares quedarán xa relacionados no seu maxín aos crimes resoltos polo inspector. Eu, cando visite Vigo penso ir comer cun bo viño a taberna do Elixio e ao Bar Puerto. Pero antes, por favor, outra pescuda de Caldas.


Heladio


Comentarios (1) - Categoría: Lecturas - Publicado o 10-09-2009 20:58
# Ligazón permanente a este artigo
Club de Lectura
As Campaíñas
CPI don Aurelio
Cuntis

O meu perfil
cpidonaurelio@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0