As Campaíñas


Novas lecturas para o verán dos máis mozos
Gerónimo Stilton é o que máis conecta coa rapazada

O xornal- 20/07/2009

O verán é unha época propicia para que os máis preguiceiros á hora de ler collan gusto a este hábito tan san e pracenteiro. Para iso, nada mellor que unha boa colección de títulos como os que nestes meses adornan os andeis das librarías con exemplares para todos os gustos e idades. Aínda que os nenos seguen sendo o grupo de poboación que máis le, segundo todos os estudos, os máis reticentes terán os próximos meses poucas escusas para non atopar un libro ao seu alcance, sexa do xénero que sexa, e gozar de boas historias que alivien as calores do verán.

OS TÍTULOS QUE MÁIS DESPUNTAN
Entre algúns dos libros de literatura infantil máis destacados esta tempada salienta Gerónimo Stilton. Ya te daré yo kárate (Destino). Este simpático personaxe, residente en Ratonia e dirixente dun xornal, segue facendo as delicias dos máis pequenos desde que comezou a súa primeira aventura Mi nombre es Stilton até a última, públicada baixo o título Ya te daré yo kárate.
O incrible devorador de libros, de Oliver Jeffers é a obra coa que se presenta no mercado Patas de peixe, unha nova editorial especializada nos libros e álbumes para nenos. Unha divertida lectura que fala do pracer de ler , evitando sermóns e cun tono moi ameno.
Carlos Negro vén de publicar Makinaria (Xerais), coa peculiaridade de tratarse dun poemario dedicado a un público xuvenil. É a historia dun rapaz de quince anos que gusta dos coches e da música dura, e que se constitúe como fábula dos adolescentes que pasan as fins de semana agolpándose nas discotecas e conducindo baixo os efectos do alcol.
Kika Superbruja y el libro de hechizos de la película Disney (Bruño) é a serie da nena á que lle cambiou a vida o día que atopou un libro de maxia debaixo da súa cama. Inxeniada polo escritor alemán Knister, encandeou aos nenos españois, que seguiron as súas peripecias desde o primeiro libro até o último.
Pocoyó. Primeras Palabras (Timun Mais) é o novo libro deste pequeno, dedicado aos animais e os alimentos, con palabras en castelán e en inglés, tapa e páxinas grosas e duras, imprescindibles para o trote que lle dan os nenos a partir de dous anos aos que van dirixidos.
Leo, el Dragón Lector (Páginas de Espuma) trata do dragón azul que voou á illa Apagada. Segue a ser un dos preferidos dos nenos, como se viu na recente edición da Feira do Libro, cun título que inicia unha nova colección de contos infantís cuxa finalidade é facilitar a lectura aos que comezan a ler.
Terra imaxinada (Puerto Norte-Sur), é o tratado das criaturas do chan e do subsolo, magnificamente ilustrado por Inti Ansa, que desenvolve un bestiario de seres mitolóxicos e de lenda da terra procedentes de distintas culturas ao longo e ancho do planeta e que dá continuidade ao anterior, Auga imaxinada.
Carla. Qué bien huelen las frutas, (Timun Mais) é o novo título da colección das historias de Carla, que mesturan a realidade máis próxima ao neno con elementos de fantasía para estimular a súa creatividade. Neste libro, os pequenos frotan as pezas de froitas e descobren os seus ricos cheiros a través do xogo.
A Pequena historia de España (Espasa), de Manuel Fernández Álvarez, é unha obra moi entretida que narra a historia española como se fose un conto cheo de aventuras, só que estas aventuras sucederon de verdade.
Comentarios (0) - Categoría: Recomendacións - Publicado o 21-07-2009 22:16
# Ligazón permanente a este artigo
Club de Lectura
As Campaíñas
CPI don Aurelio
Cuntis

O meu perfil
cpidonaurelio@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

© by Abertal