As Campaíñas


«Oh meu amor de algum dia, havemos de ir a Viana/ Se o meu coração não me engana/ Havemos de ir a Viana»
EXCURSIÓN A VIANA DO CASTELO


Esta viaxe foi ideada como unha xornada de convivencia e como premio de fin de curso para os integrantes do club. Permítenos, ademais das actividades do Programa, realizar unha sesión conxunta cos clubs doutros centros escolares (IES de Porto do Son e IES Aquis Celenis de Caldas de Reis) e compartir experiencias e novas actividades co seu alumnado.

PROGRAMA


VENRES 25 XUÑO
12:30 O autobús procedente de Porto do Son recóllenos no Colexio
14:00 Parada para xantar na Praia da Foz do Miño (Caminha).
16:30 Chegada a Viana do Castelo e acomodamento na Pousada da Xuventude Navio Gil Eanes. Visita ao Museo do Navío.
18:00 Paseo pola vila de Viana do Castelo e visita á exposición de cómic "O Dragao ataca". Organiza: Associação de Produção e Animação Audiovisual "Ao Norte".
20:00 Cea na Pousada da Xuventude de Viana.
20:45 Visualización dunha película e coloquio.
23:00 Hora de durmir


SÁBADO 26 XUÑO
09:00 Almorzo na Pousada da Xuventude de Viana.
10:00 Visita guiada á Biblioteca Municipal e asistencia a unha sesión de contacontos na biblioteca. Programa “Sábados con Historias”. Sesión conxunta dos clubes de lectura.
13:00 Xantar na Pousada da Xuventude de Viana.
14:30 Saída de Viana do Castelo. Parada en Vila Praia de Áncora.
19:30 Hora de chegada aproximada a Cuntis
Comentarios (3) - Categoría: Actividades - Publicado o 25-06-2010 01:23
# Ligazón permanente a este artigo
A Cidade en chamas, de Ariel e Joaquín Dorfman
NA NOSA BIBLIOTECA


A cidade en chamas é unha novela xuvenil escrita por Ariel Dorfman en colaboración co seu fillo Joaquín. Publicada por Xerais no 2005 na colección Fóra de Xogo.

O protagonista desta particular historia é un adolescente, Heller, vive cos seus avós e percorre a cidade de Nova York na súa bicicleta durante o verán do 2000 traballando para axencia Noticias Suaves. El é o encargado de anunciar as novas máis tristes, para o que ten unha habilidade especial convertendo as desgrazas anunciadas nunha mensaxe de esperanza. Ao tempo que fai o seu Tour entre o tráfico da gran cidade Heller efectúa a súa propia viaxe cara a madurez a través da súa relación cos inmigrantes que constitúen a súa principal clientela. Con eles descubre a amizade e o amor, as pancas que o liberan dos medos e erros da adolescencia e lle permiten aceptarse a si mesmo e comprender a ausencia dos seus pais.

Gustoume moito este libro. Achegueime a el pola orixinalidade da súa temática, pero con certas prevencións pola súa cualificación como ‘xuvenil’. Uns temores infundados, é das poucas novelas recomendables para mozos e maiores, fácil de ler e con moita acción. O protagonista é un rapaz, pero a súa historia non é infantil; é tenra, é sensible, pero tamén crúa, realista. Heller non é ningún modelo, é inseguro, ás veces caprichoso, pero capaz de comprender. Para conseguir a pedalada axeitada, para atopar a tranquilidade vital ten que caer moitas veces da bicicleta, e volver a levantarse, coa axuda dos demais. Así, cun equipo de xente que te quere e aos que querer, nós, como Heller, seremos quen de gozar de cada unha das etapas do Gran Tour, da vida.


Eladio Anxo
Comentarios (5) - Categoría: Lecturas - Publicado o 16-06-2010 23:14
# Ligazón permanente a este artigo
Xornada dos Clubs de Lectura
O pasado venres, 11 de xuño, participamos nas Xornadas dos Clubs de Lectura, celebrada na Escola Galega de Administración Pública de Santiago. Eu tiven a sorte de tardar en atopar aparcamento, polo que me librei de escoitar ao malfadado Conselleiro na inauguración.

En primeiro lugar interveu unha profesora catalá, Ana María Margallo, cuxa charla xirou arredor das lecturas dos adolescentes, e de como os mediadores ou coordinadores poden propor unha serie de medidas para procurar que o hábito lector contribúa a mellorar a competencia literaria.

Ás 12,15 horas reunímonos por zonas. Alí falamos do desenvolvemento dos distintos clubs, dos atrancos e das gratificacións. O que máis me gustou foi comprobar como o club non só debe servir para ler, senón tamén para contribuír a mellorar a convivencia (aínda que non todos estaban de acordo). Esta foi a actividade das xornadas que máis me interesou, xunto á comida, onde seguimos intercambiando experiencias e opinións, e ás intervencións de coordinadores de catro clubs pola tarde (entre eles Pedro, do club do IES de Caldas, co que imos compartir viaxe a Viana do Castelo).

A xornada rematou coa entretida conferencia do escritor Benjamín Prado e o apaixonado recitado de poemas de Uxío Novoneyra por parte do seu fillo.

Nas Xornadas habilitouse un espazo para expor material dos clubs. Tiveron unha gran acollida as nosas guías de lectura, o carné e os marca-páxinas. Ao remate das xornadas non quedou ningún material sobre a mesa. E, por suposto, o cartel da Mesa de Intercambio espertou, a tenor dos comentarios, a admiración dos presentes. Mesmo lle adicaron un artigo no blog das Bibliotecas escolares de Galicia.

Falar cos compañeiros doutros centros aportoume dúas cousas. Por unha banda, ideas e propostas interesantes para levar a cabo no futuro. E por outra, serviume para elevar a miña autoestima sobre o traballo realizado este curso no D. Aurelio. Despois dun mes de maio no que o meu ánimo decaera respecto da utilidade das Campaíñas, decateime de que o noso traballo non só foi intenso, senón tamén relevante. E sentinme orgulloso.

Comentarios (2) - Categoría: Eventos - Publicado o 13-06-2010 21:04
# Ligazón permanente a este artigo
Pedro y yo, de Judd Winick
NA NOSA BIBLIOTECA


Pedro y yo é unha novela gráfica do autor estadounidense Judd Winick, editada en España por Astiberri o ano 2008. Cóntanos unha historia real, autobiográfica, que lle ocorreu ao autor cando coincidiu con Pedro Zamora nun programa tipo Gran Hermano.

Pedro Zamora é un cubano que abandonou a illa xunto a súa familia no ano 1980 (marielitos). Ao 17 anos descubre que é portador do VIH, o que cambia radicalmente a súa vida. Consegue reaccionar e superar a depresión converténdose nun activista da loita contra a SIDA, percorrendo Estados Unidos impartindo charlas para previr a enfermidade.

En 1993, Winick e Zamora coinciden no reality "The Real World San Francisco". Comparten habitación mentres son filmados durante seis meses. Judd tivo que vencer moitas dúbidas e prexuízos ata que entre eles xorde unha sólida e profunda amizade. O 11 de novembro de 1994 Pedro faleceu; tiña 22 anos e pesaba 42 quilos.

En homenaxe a Pedro e a súa relación con el Winick debuxou este cómic, onde non só conta a etapa que compartiron unha vida televisada, senón que percorre tamén as vidas de ambos, antes e despois. Unha obra chea de sensibilidade, descarnada, pero, ao tempo, non carente de humor. Un canto a amizade e á solidariedade. Unha invitación a rachar cos medos e supersticións que non impiden gozar do outro. Judd foi quen de querer a Pedro, enchéndose de vida. Lendo esta banda deseñada nós tamén gañaremos valentía e pulos para facernos mellores coñecendo aos que nos rodean, moitas veces rexeitados por ignorancia, irracionalmente.


Eladio Anxo
Comentarios (0) - Categoría: Lecturas - Publicado o 08-06-2010 20:25
# Ligazón permanente a este artigo
Club de Lectura
As Campaíñas
CPI don Aurelio
Cuntis

O meu perfil
cpidonaurelio@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

© by Abertal