As Campaíñas


A fantástica historia da J.K. Rowling galega

Xerais tira do prelo 'Dragal: A metamorfose do dragón', a segunda parte dunha historia que naceu como un conto para un fillo que só lía, precisamente, a 'Harry Potter'


HÉCTOR J. PENA 24/04/2011
Harry Potter é o nome dun rapaz que protagoniza un dos maiores éxitos editoriais da historia. Con máis de 500 millóns de copias vendidas –dende a publicación do primeiro título, A pedra filosofal, no ano 1997–, os libros da saga do neno meigo son os responsables de crear toda unha xeración de lectores nun tempo no que as letras tiñan perdida a batalla fronte á televisión, internet ou as videoconsolas. Porén, o mundo que habita Harry Potter é 100% británico, como así reflicten as súas localizacións. Sirvan como exemplo o Castelo de Alnwick, onde se sitúa Hog­warts nos filmes, ou o comedor da escola de maxia, que na vida real pertence ao Christ Church College’s de Oxford.
Por iso, tomando como referencia ese mundo de fantasía, a xornalista Elena Gallego Abad pensou que ela tamén podería levar a cabo a súa propia novela de aventuras e fantasía, pero creando un universo netamente galego. E así naceu Dragal. A autora explica que no momento no que empezou a escribir, o seu fillo tiña en torno a 15 anos, “unha idade na que os rapaces teñen aínda moitas ansias por devorar fantasía”. O problema para ela era que se deu de conta de que todos os títulos que lía o neno eran “en castelán ou de autores foráneos traducidos, como o caso de Harry Potter, había moi pouca cousa en galego”. “Así foi como se ocorreu a idea dunha historia para dar vida a un dragón galego”, explica Elena Gallego.
O obxectivo da autora, unha vez concibida a idea, foi “demostrar que se podía contar coas tradicións galegas para facer unha fantasía interesante”, e así foi como veu a luz o conto do último dragón galego, que ten uns fondos alicerces nas tradicións do país, que son realmente fantásticas”. Non obstante, a autora enfrontouse con outro reto: o editorial. “Eu quería escribir un libro fantástico, si, pero unha vez feito queres publicalo, o que en Galicia é moi difícil, sobre todo cando non se é coñecido nos circuítos literarios, pero para iso están os premios de literatura fantástica en Galicia, para que todos o podamos intentar”, expón. Por iso, quedar finalista na edición 2009 do Premio Caixa Galicia de Literatura Xuvenil foi fundamental para que Dragal chegase a ver a luz.
Pouco despois do seu éxito no concurso, no 2010, a editorial Xerais lanza Dragal: A herdanza do dragón no marco da colección Fóra de Xogo. Esta primeira parte conta a historia de Hadrián, un rapaz aparentemente normal, pero que está destinado a converterse no último dragón galego. Nesta novela danse cita dende elementos do imaxinario fantástico galego, como un templo medieval ou certos poderes máxicos, até os valores que son recorrentes nesta clase de traballos destinados a un público xuvenil, como o compañeirismo ou a amizade, que nesta primeira entrega de Dragal representan Don Xurxo, o sacerdote da parroquia e Mónica, unha compañeira de clase de Hadrián.
Non obstante, a nai da criatura considera que, se ben o público obxectivo de Dragal son os mozos, o texto “ten cousas que lectores de 50, 60 ou 70 anos me teñen dito que son interesantes, pois abordo temas, por exemplo, de arquitectura e de historia, como o románico tradicional galego. Ese é un valor engadido que gusta e sorprende a moita xente”.
A SEGUNDA PARTE, XA DISPOÑIBLE
Con respecto ao éxito acadado pola primeira parte de Dragal, a súa responsable síntese moi satisfeita, pero recoñece, sincera, que non o esperaba. “Non pensaba que ía triunfar tanto, pero mentiría se dixese que non soñaba con iso. O certo é que me sorprendeu grata e positivamente”, sinala Elena Gallego, que considera que co éxito “o libro deixa de ser do seu autor e comeza a ser dos lectores”.
Asemade, a escritora considera a labor creativa que hai detrás de Dragal “todo un reto”. “É unha historia protagonizada por un dragón e ambientada na vida actual do século XXI, é moi complexo manter en pé a historia e buscar as coartadas necesarias para que o dragón poida seguir vivindo na vida e tempo real”. Por outra banda, Gallego afirma que “hai moito esforzo documental no texto” e, ademais, recoñece que “en cada capítulo tento sorprender o lector, pois eles saben que teñen que chegar a un punto e hai que darllo. Ás veces fago o que debo e lévoo directamente, outras veces métome nun compromiso e teño que ver logo como saio de alí...”, indica a autora entre risos.
Con respecto á elaboración da segunda parte da historia, Dragal II: A Metamorfose do Dragón, que xa está dispoñible nas librarías do país, Gallego Abad apunta que “cada vez é máis difícil afondar na historia”, e explícao establecendo un paralelismo coas pequenas mentiras dos nenos pequenos. “Eses contos, canto máis grandes se van volvendo máis custa mantelos. A min pásame algo parecido, porque canto máis grande é o libro máis me custa desenvolvelo, porque son moi esixente comigo como escritora e quero que cada libro sexa, cando menos, tan bo como o anterior, se non superalo”.
A xornalista di que nas páxinas do novo volume de Draga, este decatase por primeira vez na súa milenaria historia de que existe certa limitación nos seus poderes, e para poder superala terá que absorber a materia gris do cerebro de Hadrián, e así acadar a simbiose coa súa alma. Don Xurxo e Mónica acadarán maior protagonismo nesta segunda parte, pois terán que tratar de salvar o seu amigo. “Esta segunda parte ten de todo: unha orde de cabaleiros medievais, máis referentes da cultura mitolóxica ou o alquimista máis coñecido de Galicia”, expón Elena Gallego Abad.
Con respecto á terceira parte, a escritora adianta para Xornal de Galicia que a súa idea é que estea na rúa en abril ou maio de 2012. “Cando empecei a escribir a saga de Dragal dinme de conta de que quedara curta. Entón, a partir do segundo libro, empecei a deseñala como se se tratase dunha triloxía, na que se poidan ir dando respostas a todas as preguntas que vou deixando, para que os lectores sintan as súas expectativas colmadas”, explica a escritora, que parece ter ten un obxectivo ben diferente a, por exemplo, o dos guionistas de Lost.
DRAGAL, UNHA AVENTURA UNIVERSAL
A súa responsable considera que Dragal “é unha fantasía universal, porque os dragóns existen en todas as culturas. Eu estiven en China, e alí teñen dragóns; na cultura dos Estados Unidos hai dragóns moi importantes e ,de feito, nas principais igrexas de Nova York, como San Patricio ou San Xurxo, teñen o seu dragón correspondente. Tanto a cultura cristiá, como a árabe ou calquera outra, ten dragóns, así que creo que por esa parte funcionaría en todo o mundo”.
Cuestionada sobre a posibilidade de que a súa novela cruce os Ancares e sexa traducida a outros idiomas, como o español, Gallego Abad está segura de que, se se dese esa posibilidade, Dragal “funcionaría como o que é, unha aventura xuvenil deseñada para uns rapaces que investigan, pescudan, tentan descubrir os segredos de por que pasa isto ou o outro”.
“O que pasa”, sinala Elena Gallego, é que “eu escribo en galego porque foi como soñei Dragal, porque se non fora pola nosa cultura e tradicións, o libro non existiría”. “Ademais, para traducilo a outras linguas ten que haber alguén a quen lle interese, un interese editorial. Quizais algún día apareza ese interese que eu creo que debe merecer. Chegado ese momento poderase ler noutras linguas”, conclúe.
Comentarios (2) - Categoría: Recomendacións - Publicado o 27-05-2011 20:22
# Ligazón permanente a este artigo
Todo é silencio, de Manuel Rivas
NA NOSA BIBLIOTECA


“…Está máis bonita calada. Ela non sabe para que serve a boca. Para calar.”


Esta é a última novela de Manuel Rivas, ao que xa podemos considerar un clásico da literatura galega. Ademais de gustarme como escritor aparecio tamén o seu compromiso, el móllase, desde o Xurelo a Nunca Máis, ou a defensa da lingua, sempre está aí. Acostumaba a gozar máis cos seus contos que cas súas novelas, pero teño que dicir que con Todo é silencio acada o nivel dos seus contos. De xeito que sendo unha novela redonda, non perfecta, podemos contemplala como unha sucesión de narracións breves, á maneira das escenas cinematográficas. A narrativa de Rivas é claramente identificable desde as primeiras páxinas, sucedéndose unha serie de presenzas amables e retranqueiras que forman parte do universo do autor.

A historia do paso do contrabando á cocaína relátase a través de catro ou cinco personaxes principais que medran baixo a sombra do gran capo Mariscal. A min o que máis me gustou foi a primeira parte, pura prosa poética, na que o autor consegue crear unha atmosfera mariñeira engaiolante e verosímil. Pena que Malpica desapareza axiña. Cando a novela se centra máis nos feitos que nos personaxes e os seus sentimentos, diminúe a fascinación, quizais porque non nos sorprenden esas historias de mafias, violencia e drogas. Podemos lelas cada día no xornal, nas rías galegas ou en calquera outra parte. Aínda así, unha gran novela que cumpre co requisito fundamental de non aburrir nunca e turrar de ti ata a derradeira palabra.
Heladio
Comentarios (3) - Categoría: Lecturas - Publicado o 19-05-2011 01:12
# Ligazón permanente a este artigo
Lois Pereiro
XII (Prayer)

Agora pecha os ollos
e imaxina
que o que escoitas
é unha pregaria atea
dirixida a ti na escuridade
por unha voz invisible e perdida
nos templos dun amor
ritualizado.

Escoita como atravesa o silencio
ese rumor carnal desesperado
que se achega nocturno á túa existencia
contaxiando cos seus os teus desexos
e penetrando en ti vaise asentando
inaudible e fatal
nas túas entranas.

xullo, 95

poesía última de amor e enfermidade (1992-1995)
POSITIVAS, 2010

Comentarios (3) - Categoría: Eventos - Publicado o 09-05-2011 23:58
# Ligazón permanente a este artigo
Club de Lectura
As Campaíñas
CPI don Aurelio
Cuntis

O meu perfil
cpidonaurelio@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

© by Abertal