As Campaíñas


Dime algo sucio, de Diego Ameixeiras
NA NOSA BIBLIOTECA


Este foi un dos libros que lin este Nadal, atraído polas boas críticas e, porque non recoñecelo, polo rechamante do título e a portada. É a cuarta novela do escritor, aínda novo, Diego Ameixeiras, que hoxe está acadando gran éxito con Asasinato no Consello Nacional, publicada tamén en Xerais no 2010.

Dime algo sucio viu a luz no 2009, é unha novela con intriga, sórdida, pero sobre todo é unha novela realista e sucia, claro. Situada na cidade de Ourense (Oregón) cóntanos varias historias que, ás veces, se cruzan protagonizada por persoas aparentemente vulgares. Pero todas elas, ao igual que a propia cidade, ferven no seu interior, buscando saír da rutina, buscando algo de emoción, de vida (mala).

Fácil de ler, en capítulos de dúas páxinas, pero sen concesións. Chega a provocar certo malestar ante a dureza (real, claro) do que nos conta e o estilo directo, sen floreos. Fragmentos dunha realidade que custa asumir pero que atopamos case que todos os días nos xornais. Soprendinme a min mesmo póndelle cara aos personaxes mentres paseaba pola cidade das Burgas, pouco despois de rematar a novela.

Isto é o que hai, parece dicirnos o autor. E o que hai non é divertido, nin puro. É ferinte e sucio. Os lectores maiores, afeitos xa a un mundo no que non todo é branco ou negro, á fascinación da vida real, gozarán seguindo a desacougante e crúa peripecia desta galería destes personaxes, e non poderán parar ata o final... da novela.

«Cando a avoa Asunción xa está metida na cama e consegue conciliar o sono, os pais de Laura tardan pouco en quedar durmidos diante da televisión. Ao pai péchanselle os ollos cos auriculares nas orellas (...) A nai sempre acaba arrimando a cabeza no seu ombro, querería saber en que queda ese esperpéntico careo entre as ex amantes dun coñecido bailarín...»


Heladio

Comentarios (0) - Categoría: A Nosa Biblioteca - Publicado o 12-01-2011 22:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Club de Lectura
As Campaíñas
CPI don Aurelio
Cuntis

O meu perfil
cpidonaurelio@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

© by Abertal