As Campaíñas


Dúas novelas para non durmir
>

NA NOSA BIBLIOTECA

















Nesta ocasión -sen que sente precedente- vou falar de dúas novelas que van interesar ós queridos alumnos. Trátase das lecturas deste trimestre para a clase de Castelán en 1º e 2º de ESO: El caso del artista cruel, de Elia Barceló, e El príncipe de la niebla, de Carlos Ruiz Zafón. Debo dicir que esta última novela animeime a lela pola recomendación dunha rapaza do club, e non me decepcionou en absoluto, todo o contrario.
Tanto Barceló (autora de Cordeluna, unha fantástica historia romántica onde se entrecruzan o mundo medieval e o século XXI, máis recomendable a partir de 3º da ESO) como Ruiz Zafón (o autor de La sombra del viento, moito máis coñecido porque tamén publica para adultos), son dúas figuras importantes no panorama da literatura xuvenil en castelán.
O que máis me gustou de ambas novelas é que están ben escritas: nelas existe algo máis que a simple corrección que é frecuente atopar nas novelas para mozos. No caso da obra de Barceló non me sorprendeu moito, porque xa coñecía Cordeluna; pero si me sorprendeu bastante o estilo de Zafón, ó que -teño que admitilo- me acheguei con certo recelo debido a que os autores superventas, en principio, me inspiran desconfianza. Pero debo dicir que ten a facultade de explotar ó máximo o poder da connotación, de crear un ambiente coas palabras, de facer soñar elexindo as evocacións adecuadas.
As dúas novelas teñen unha trama moi ben elaborada. Con isto quero dicir que a historia, o relato, está moi ben planificado; e ademais destacan polo seu bo manexo da intriga e do interés. As dúas coronaron con éxito a difícil tarea de quitarme o sono un par de días, cousa que unha novela para adolescentes non lograra dende que era eu a adolescente (é dicir, dende hai máis que un par de días).
El caso del artista cruel é unha historia policiaca protagonizada por unha rapaza española que estudia en Innsbruck. Ademais da intriga, ten bastante interés a mirada da protagonista sobre Austria e os seus costumes, así coma o achegamento (moi tímido) á parafernalia do mundo da arte como negocio.
El príncipe de la niebla é unha historia de pantasmas, entre o real e o sobrenatural, onde o máis destacado é a recreación de ambientes e a utilización de símbolos. É un relato sinxelo, pero redondo: poucos elementos para un excelente resultado.

Recomendo encarecidamente ambas novelas a todos os alumnos de Secundaria: a primeira, para os que teñan preferencia polas historias verosímiles; a segunda, para quen non lle teña medo á fantasía.
Comentarios (2) - Categoría: Lecturas - Publicado o 14-04-2010 23:05
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Realemente consegues que che entren ganas de ler. Sabendo da túa capacidade e sensibilidade para a lectura terei#blgtk08# que cuestionarme a miña opinión sobre a novela de Zafón. Será que xa queda moi, moi lonxe a miña adolescencia?
Comentario por Eladio (17-04-2010 13:57)
2 Non a cuestiones: non hai que perder o tempo con lecturas que non nos gustan. (Este consell#blgtk08#o non é aplicable para os alumnos de 1º e 2º da ESO, que si deben ler estes libros, jaja).
Comentario por (19-04-2010 01:07)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Club de Lectura
As Campaíñas
CPI don Aurelio
Cuntis

O meu perfil
cpidonaurelio@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

© by Abertal