As Campaíñas


Dúas novelas negras
Este Nadal estou lendo case en exclusiva novela negra, un dos meus xéneros preferidos, sobre todo cando quero desconectar. Dúas das que xa rematei forman parte da colección La orilla negra da editorial Belacqva.


La memoria de los muertos, de Gabriel Trujillo Muñoz, é unha curta novela ambientada na fronteira entre México e Estados Unidos, protagonizada polo investigador Miguel Ángel Morgado, o único personaxe limpo dun mundo dominado pola corrupción e a violencia. Morgado terá que remontarse ata o ano 1963 para conseguir aclarar unha serie de asasinatos que só a el lle parecen importarlle. As leis só son un decorado na fronteira, para sobrevivir só te podes fiar do poder das pistolas, sometido a unhas regras de xogo que impoñen uns mafiosos que ao mesmo tempo controlan o poder político. Morgado consigue resolver os crimes, pero a xustiza segue a ser unha utopía na fronteira onde aínda impera a lei do oeste, como en 1963. Só os mortos teñen as respostas.

Hollywood Station é unha novela máis densa e longa ca anterior, que ten como escenario o distrito de Hollywood, en Los Ángeles. O propio autor, Joseph Wambaugh, foi sarxento de policía na mesma cidade, así que coñece moi ben o mundo que escribe. Non hai un personaxe principal nesta novela que nos recorda a excelente serie de televisión Canción Triste de Hill Street, aínda que esta discorre na cidade de Nova Iork, senón hai dous grupos de protagonistas colectivos. O grupo principal fórmano os policías que patrullan a cidade das estrelas nos seus brancos e negros, coa súa vida rutineira, pero non por iso menos atractiva, descrita maxistralmente. O outro grupo fórmano os seres marxinais, delincuentes moitos deles, desde drogadictos na procura das doses que precisan, ata mendigos que viven na rúa, prostitutas e buscavidas cunha pistola na man. Un dos grandes acertos do autor é que consegue individualizar a todos os personaxes, cada un ten a súa personalidade, necesariamente complexa, lonxe da simpleza dunha historia de policías e ladróns. Todo un catálogo de superviventes dun mundo inhumano, nos que só algúns teñen futuro, un futuro cativo que pasa necesariamente por manter a cordura e a bondade, algo case imposible nun mundo de película... de terror.

En definitiva, son dúas novelas que se len co facilidade, cunha escritura lixeira e sinxela, con áxiles diálogos e con humor (negro, claro), e cuxas historias teñen un interese máis que suficiente para entreter e manter a intriga ata o final. Dúas obras máis que recomendables, sobre todo para os amantes do xénero do negro. E, como en todos os bos libros e películas dese xénero, non se sabe onde acaba a realidade e comeza a ficción. Só basta con comparar os feitos narrados coa realidade que reflicten as noticias que chegan procedentes da fronteira entre México e EE UU ou da cidade de LA.

Heladio Anxo



Comentarios (0) - Categoría: Lecturas - Publicado o 05-01-2010 21:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Club de Lectura
As Campaíñas
CPI don Aurelio
Cuntis

O meu perfil
cpidonaurelio@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

© by Abertal