As Campaíñas


«Aprendín a ler con Astérix e Tintín»
Daniel Montero Coira é o gañador da última edición do Premio Castelao de Banda Deseñada, un recoñecemento a unha dedicación plena á ilustración en todas as súas vertentes


Fernando Molezún La Voz de Galicia- 26/9/2009

Naceu en Catoira, pero fai xa oito anos que chegou á Coruña para desenvolver aquí a súa carreira profesional como ilustrador. E a cousa non foi mal, xa que Daniel Montero acaba de gañar a quinta edición do Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación, coa súa obra Sen mirar atrás. Todo comezou cos cómics: «Aprendín a ler con Astérix e Tintín. Comprábamos o meu pai e líamos. Ata, se os pillaba eu, quedábame embobado cos debuxos, imaxinándome unha historia pola miña conta. Despois, chegaron os superheroes», recorda o debuxante que, actualmente, desenvolve as súas ideas no estudo coruñés Baobab, xunto a outros seis artistas gráficos.

Pasou a súa infancia debuxando, copiando personaxes dos cómics que chegaban ás súas mans ou dos videoxogos: «Todo o que vía pasábao a papel. Era un hobby, pero cando vin que había xente que se gañaba a vida con isto empeceimo a tomar máis en serio». A pesar dos seus comezos autodidactas, pasou por Belas Artes e a Pablo Picasso: «é cuestión de dedicación, ninguén nace sabendo debuxar. Ademais, alí coñecín a moita xente coas mesmas inquietudes que eu». Estes contactos leváronlle a organizar o Salón do Cómic de Cangas.

A pesar do bo momento que vive o cómic en Galicia, tivo que desempeñar diferentes empregos mentres ía enviando os seus traballos ás editoriais americanas. Pero pronto empezou a traballar no seu: «Terminei na produtora Dygra, e o cómic quedou en segundo termo». Tras catro anos dedicado á animación puido volver ocuparse dos seus proxectos.
No seu blog (danimontero.blogspot.com), xa colgou algunhas viñetas do aínda inédito Sen mirar atrás, onde poden verse aos protagonistas. Entre eles, un can que xa saía noutros traballos de Montero, como o caderno da súa viaxe a Tunisia: «é o meu can Toby. E o das viaxes deriva de que sempre vou cun caderno, tomando apuntamentos de onde estou», asegura co seu Moleskine nunha man e unha cartuchera cunha infinidade de rotuladores na outra.

Os seus plans de futuro pasan por esperar á edición da súa obra premiada e o que poida vir detrás: «Desde logo que teño mil historias na cabeza, e espero que o premio sexa un empuxón para poder publicalas con máis facilidade», conclúe o debuxante.
Comentarios (0) - Categoría: Recomendacións - Publicado o 09-10-2009 20:54
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Club de Lectura
As Campaíñas
CPI don Aurelio
Cuntis

O meu perfil
cpidonaurelio@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

© by Abertal