As Campaíñas


Un verán con Leo Caldas
NA NOSA BIBLIOTECA


Este verán compartín boa parte do meu tempo de lecer co detective Leo Caldas. Leo é un policía da comisaría de Vigo, tamén colaborador do programa de radio 'O Patrulleiro das ondas', que protagoniza as dúas novelas de Domingo Villar: Ollos de auga e A praia dos afogados. Leo recórdame a outros fascinantes personaxes da novela negra, como Montalbano ou Pepe Carvalho, cunha vida privada pouco convencional, solitarios obsesionados coa resolución dos casos que investigan e grandes coñecedores das debilidades humanas. Boa xente na que se pode confiar.

Nas dúas historias a intriga tira de nós, facéndonos pasar as follas case con desesperación, mentres matinamos sobre quen foi o asasino. Eu gocei con esa marabillosa sensación de que me faltaba o tempo para ler, atragoándome coas páxinas ata saber o desenlace. E ao final, coma sempre case sempre cando un libro te posúe, esa sensación de baleiro, de desexar que o libro fose moito máis longo.

Pero non é só saber ‘que pasou’ o que fai que estes libros sexan moi entretidos e te enganchen, senón que tamén xogan un papel fundamental os personaxes secundarios e os espazos nos que discorre a acción. Se o personaxe de Leo está ben construído, o do seu compañeiro aragonés (aprendiz da idiosincrasia galega), o do seu pai, e o de outros que aparecen na narración teñen tamén unha identidade definida que os fai recoñecibles, verdadeiros. E o mesmo ocorre cos ambientes que se reflicten nas novelas, desde os habituais, coma a radio ou o Elixio, ata aqueles outros que xorden como consecuencia da investigación policial, tan ben reflectidos que sabemos que nós tamén estivemos alí ou coñecemos un lugar moi parecido. De fondo, sempre, a boa comida e a boa música.

A paisaxe, urbana e mariñeira da Ría de Vigo, ten tamén un papel protagonista. Os que coñecemos algo a bisbarra identificamos os escenarios con facilidade, o que é un elemento motivador máis. A pesar de que hai referencias aos desastres urbanísticos (Panxón na segunda novela) Villar consegue resaltar a beleza da Ría de Vigo e algúns dos seus currunchos como Monte Ferro. Supoño que para aqueles que, como me ocorreu a min, se entusiasmen coas investigacións de Leo e co seu mundo, tan próximo, os lugares quedarán xa relacionados no seu maxín aos crimes resoltos polo inspector. Eu, cando visite Vigo penso ir comer cun bo viño a taberna do Elixio e ao Bar Puerto. Pero antes, por favor, outra pescuda de Caldas.


Heladio


Comentarios (1) - Categoría: Lecturas - Publicado o 10-09-2009 20:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Gustoume moito este libro, aínda que foi unha lectura obrigatoria de Lingua Galega. Enganchoume moitísimo e nunca imaxin#blgtk08#ei o desenlace. Recomendable para todas as persoas ás que lle gusta a intriga. Ata que o acabas, é imposible deixalo!!!
Comentario por Laura Caeiro (12-01-2011 21:42)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Club de Lectura
As Campaíñas
CPI don Aurelio
Cuntis

O meu perfil
cpidonaurelio@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

© by Abertal