As Campaíñas


Viaxe a Viana do Castelo cos clubs de lectura dos IES de Caldas e Porto do Son
Comentarios (1) - Categoría: Actividades - Publicado o 11-07-2010 12:32
# Ligazón permanente a este artigo
«Oh meu amor de algum dia, havemos de ir a Viana/ Se o meu coração não me engana/ Havemos de ir a Viana»
EXCURSIÓN A VIANA DO CASTELO


Esta viaxe foi ideada como unha xornada de convivencia e como premio de fin de curso para os integrantes do club. Permítenos, ademais das actividades do Programa, realizar unha sesión conxunta cos clubs doutros centros escolares (IES de Porto do Son e IES Aquis Celenis de Caldas de Reis) e compartir experiencias e novas actividades co seu alumnado.

PROGRAMA


VENRES 25 XUÑO
12:30 O autobús procedente de Porto do Son recóllenos no Colexio
14:00 Parada para xantar na Praia da Foz do Miño (Caminha).
16:30 Chegada a Viana do Castelo e acomodamento na Pousada da Xuventude Navio Gil Eanes. Visita ao Museo do Navío.
18:00 Paseo pola vila de Viana do Castelo e visita á exposición de cómic "O Dragao ataca". Organiza: Associação de Produção e Animação Audiovisual "Ao Norte".
20:00 Cea na Pousada da Xuventude de Viana.
20:45 Visualización dunha película e coloquio.
23:00 Hora de durmir


SÁBADO 26 XUÑO
09:00 Almorzo na Pousada da Xuventude de Viana.
10:00 Visita guiada á Biblioteca Municipal e asistencia a unha sesión de contacontos na biblioteca. Programa “Sábados con Historias”. Sesión conxunta dos clubes de lectura.
13:00 Xantar na Pousada da Xuventude de Viana.
14:30 Saída de Viana do Castelo. Parada en Vila Praia de Áncora.
19:30 Hora de chegada aproximada a Cuntis
Comentarios (3) - Categoría: Actividades - Publicado o 25-06-2010 01:23
# Ligazón permanente a este artigo
Visítanos Pablo García, gañador do Premio Biblos
Pablo García Martínez, nacido en Arzúa fai 23 anos, foi o gañador da quinta edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia para autores de menos de 25 anos. Relato dun estalido xordo, título da obra provisional que o xornalista de Arzúa presentou a concurso, converterase nunha novela acabada grazas a un proceso durante o cal contará coa axuda de Manuel Rivas.

Poucos días despois de coñecer a valoración final do xurado do Premio Biblos, esta nova promesa da literatura respondeu as preguntas de Netclub.

En que momento e como pasas de escribir por afección a expoñelo como algo máis serio?

A verdade é que non teño claro aínda que supere este punto. Ata este momento a escritura foi para min algo circunstancial e determinado polas vontades. Coa miña participación neste premio empecei a ter unha dedicación máis continuada. O aumento do tempo e as enerxías destinadas a esta faceta viñeron determinadas pola superación das diferentes fases recollidas no funcionamento do certame, e agora aínda falta a parte de maior traballo.

Como se empeza a escribir unha primeira novela?

Esa é unha boa pregunta, xa que é unha curiosidade que compartimos. Eu aínda non teño moi claro cando unhas historias illadas comezaron a converterse no que será unha novela, e moito menos como se termina. A isto axudaranme dende agora e quizais ao final do ano consiga ter clara a resposta á vosa pregunta, que é tamén a miña.

Relato dun estalido xordo preséntase como unha novela de adolescencia nunha vila da Galicia interior. Canto hai de autobiográfico nos personaxes e a súa contorna?


Eu considero que todo o que facemos ten algo de autobiográfico, e este caso non é diferente. A historia principal que se recolle no proxecto actual protagonízana un grupo de mozos que comparten vivencias usando como escenario unha noite de festa. Ese escenario físico e tamén a néboa lúdica que o arrodea parécense moito a aquela que coñecín só uns anos atrás, pero naqueles compoñentes autobiográficos que a obra poida ter ou terminar tendo sempre terei a liberdade de malealo ao meu gusto. Nunca serán fotografías, senón máis ben debuxos que teño a sorte de poder deformar ao meu gusto. Aínda así, está claro que miro cara a atrás para evocar os ambientes que pretendo recrear e miro desde os meus ollos, que son os que teño.

O premio Biblos ten un funcionamento bastante orixinal, xa que non se premia a obra rematada, senón o seu proxecto. Que vantaxes cres que ten este sistema? Dirías que vos achega a un proceso creativo profesional?


É un exemplo de gran oportunidade para a xente nova que ten inquietudes e déixanos sen argumentos para non buscar un vehículo (que no meu caso é a escritura) que nos permita democratizar aquilo que nos ferve dentro.

Como dirías que inflúen a túa formación e experiencia xornalística á hora de abordar este desenvolvemento?

O que máis me achega a miña formación e a miña experiencia é o costume de escribir continuadamente e baixo tensión constante, que se converten en esixencias tanto dende o punto de vista lingüístico coma intelectual. Despois durante este tempo fixen importantes avances na correcta utilización da lingua, nos que tiveron unha importancia capital os meus compañeiros Moncho Vilar e Ana Salgado.

Que esperas que che achegue un titor como Manuel Rivas no proceso de acabado do libro?

Espero comprensión e paciencia en primeiro lugar, porque vai ter moito que puír comigo. Despois a maior achega que espero é que me axude a ver un catálogo de solucións xerais aos problemas de elaboración que ten actualmente o meu proxecto, porque el xa se enfrontou en moitas ocasións a dúbidas deste tipo. Aínda así, estou aberto a que estas expectativas iniciais sexan superadas nos próximos meses.

Como cres que afectará este premio á túa futura carreira literaria?

Tomando como punto de partida a consideración da miña carreira literaria como unha ficción este premio fai que sexa un pouco máis real ese concepto.

A longo prazo, cales son os teus obxectivos na literatura?


Seguir divertíndome, lendo e, se continúo escribindo, sentirme realizado co que faga.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 25-05-2010 19:55
# Ligazón permanente a este artigo
Alicia en el país de las maravillas (Alice in Wonderland)
Película de fantasía, inspirada no libro Alicia no país das marabillas (Xerais), de Lewis Carroll. Nela mistúranse actores reais coas técnicas da captura de movementos e stop-motion.

Sinopse: Pasaron xa trece anos desde que Alicia visitara o País das Marabillas. Agora ten 19 anos e está a piques de casar cun lord inglés, ao que non quere. Para fuxir da voda decide perseguir ao coello branco McTwisp ata o País das Marabillas. Alí descubre que é gobernado pola malvada Iracebeth, a Raíña de Corazóns. Alicia non lembra nada da súa viaxe anterior, e irá reencontrándose cos vellos coñecidos, como Tarrant, o Sombreireiro Tolo, que lle axudarán a recordar a súa primeira visita a este reino máxico.

Ficha: Director: Tim Burton; Produción: Tim Burton, Richard D. Zanuck e alt.; Música: Danny Elfman; Reparto: Johnny Depp (Sombreireiron Tolo), Mia Wasikowska (Alicia); Helena Bonham Carter (Raíña de Corazóns); Anne Hathaway (Raíña Branca).

Divertidísimo festín visual de Tim Burton no que atopamos uns personaxes tan estrafalarios como encantadores. A súa sinxela historia agocha algo máis do que en principio se nos amosa (Joaquín R. Fernández)




Comentarios (2) - Categoría: Actividades - Publicado o 04-05-2010 23:07
# Ligazón permanente a este artigo
Mesa de intercambio

Desde hai algunhas semanas o Club montou no vestíbulo do Colexio unha mesa de intercambio de libros, discos, vídeos, revistas, etc. Animamos a todos os membros da comunidade educativa a participar coas súas achegas, seguro que todos temos material bibliográfico na casa que nós xa non usamos e que seguro lle pode gustar a outras persoas na noso Colexio.

O material depositado na mesa pódese levar en propiedade e, unha vez lido e/ou escoitado pódese devolver á Mesa de Intercambio, ou non.

Temos que gabar e agradecer, de novo, a colaboración da profesora de Plástica, Hortensia. Ela, xunto a un grupo de alumnas de 1º da ESO é a responsable desta marabilla de cartel. Moitas grazas. Aquí podedes ver máis fotos do cartel.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 20-04-2010 23:07
# Ligazón permanente a este artigo
Unha xornada na Biblioteca Municipal Blanco Torres
O pasado mércores 20 de xaneiro realizamos a sesión semanal do Club na Biblioteca Municipal, grazas a amabilidade do seu responsable, Mario Touceda.

A Biblioteca atópase no centro de Cuntis, formando parte da Casa de Cultura Blanco Torres. O edificio foi unha Casa Grande dos Castro, pasando máis tarde a albergar os bañistas pobres (Hospitalillo). A restauración do edificio foi moi atinada. Mantivéronse os volumes, coas súas recias paredes, e subiuse o tellado para crear unha ventá superior continua que fai moito máis agradábel o espazo interior. Esta reforma creou algunha polémica, pero se nos antolla imprescindible para gozar da luz natural nun lugar destinado á lectura.

Fomos recibidos por Mario, que se sorprendeu do número de membros do club, e despois ollamos algún libro, falamos e mesmo algúns contaron uns chistes moi graciosos. En definitiva, unha nova xornada de pracenteira convivencia no club, que aínda se viu potenciada pola fermosura do espazo que nos acolleu.

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 26-01-2010 21:07
# Ligazón permanente a este artigo
Sherezade Bardají: 'O que máis me gustou foi contarvos contos a vós'
O mércores pasado, día do San Martiño, veu a nosa biblioteca Sherezade, unha conta contos catalá que leva en Galicia catro anos e xa fala un galego perfecto. Pola mañá tivo unha sesión co alumnado de 2º Ciclo de Primaria, e ás 14,10 comezou a contarnos contos aos das Campaíñas en exclusiva. Se queres ver as fotos preme aquí.

Pasámolo moi ben, pequenos e grandes, e botamos unhas boas gargalladas. A verdade é que nos gustou moito e non nos importaría nadiña repetir. A continuación presentamos unha entrevista que lle realizamos á artista:

- Cal foi a razon que te levou a ser contacontos?
Pois...facía teatro cando era moi pequena e cheguei a Santiago cunha beca.Un día facendo bromas entre amigos decidimos xuntarnos para contarnos historias. Despois dun tempo, chamáronme dunha biblioteca para que lles contara contos aos nenos e nenas, e como me gustou moito decidín facerme conta contos.

- Na túa profesion gustache tratar con nenos?
Si,pero tamén me gusta moito contarlles contos aos adultos.En Barcelona hai moitos bares destinados á representación de contos.

- Inventas ti os contos ou xa os colles directamente dos libros?

Conto contos tradicionais populares,ás veces invéntoos,pero gústame moito máis unir varios contos e contalos coma un só.

-Traes pensados os contos?
Normalmente. Pero hai veces que digo algún espontaneamente... Pero a maioría das veces si.Un conto tamén se pode contar de varias maneiras diferentes.

- Á xente gústanlle os teus contos?
Si. Normalmente funcionan ben. O bo dos contos é que cando non gustan dáste de conta.

- Antes de contar un conto, ensaias? Como o fas? Canto tempo lle adicas a ensaiar?
Si. Primeiro leo moito, o conto que escolles tenche que gustar. Nun papel fas o resumo do conto, fas un esquema e durante un tempo gárdalo nun caixón. Despois, cando vas narrar o conto, colles todos os resumos que teñas e escolles varios deles.
Cando acabas de contarlles aos nenos fas unha pequena reflexion sobre o que contaches.
Ensaio tres ou catro horas con cada conto.

- Os teus contos son para todos en xeral ou hai alguns en especial para diferentes idades?
Normalmente para todos en xeral, pero hai algúnns que lles conto aos mais pequenos e hai outros que lles conto aos maiores.

- Disfrutas da tua profesion?
Si, moito.

- Que foi o que máis che gustou da nosa vila?

O que mais me gustou foi contarvos contos a vós, porque estabades moi atentos e paseino moi ben. De Cuntis o que mais me gustou foi o parque do Castro e máis as burgas.

Vanessa Miguez, Noelia Pequeño, Patricia Pequeño
Comentarios (6) - Categoría: Actividades - Publicado o 16-11-2009 11:32
# Ligazón permanente a este artigo
Salón do Libro de Infantil e Xuvenil
Chega a X Edición do Salón do Libro e Infantil que terá lugar en Pontevedra entre o 1 de febreiro e o 15 de marzo con Portugal como país convidado e o amor como tema central. E chega para encher o Pazo de Congresos da cidade do Lérez cun completo programa de actividades, visitas guiadas no salón e roteiros pola cidade, obradoiros para menores e para adultos, concertos, exposicións, etc. e coa merecida homenaxe a unha autora de excepción ben coñecida polos lectores máis novos: Fina Casalderrey.

Para abrir boca, aquí dous poemas de amor para escoitar na voz dos seus autores: un texto de Celso Fernández Sanmartín e o audiolibro Berlín, de María Lado con música de Fanny & Alexander.







Román

Comentarios (1) - Categoría: Actividades - Publicado o 25-01-2009 19:19
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
Club de Lectura
As Campaíñas
CPI don Aurelio
Cuntis

O meu perfil
cpidonaurelio@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

© by Abertal