As Campaíñas


A viñeta dixitalízase
Continental Games e Costa Oeste desenvolven o primeiro Imotion Cómic, un novo formato interactivo e multimedia para ver historietas no Iphone e no iPod Touch

Galicia Hoxe. SANTIAGO

O primeiro IMotion Cómic, un novo formato interactivo e multimedia en formato Iphone e iPod Touch e desenvolvido por Continental Games e Costa Oeste en Galicia, poderá descargarse na segunda quincena de xaneiro na plataforma AppStore, coa que chegará a 50 millóns de persoas en todo o mundo directamente e sen intermediarios.

Así o destacou onte o director da área de videoxogos de Continental, Carlos Fernández, que participou na presentación en Santiago da aplicación, baseada nun formato de cómic "interactivo", narrado e con efectos que "non ten precedentes no ámbito internacional". Na tecnoloxía participou tamén unha spin-off da Universidade de Santiago, Paralaxe Multimedia and Virtual System.

O produto, deseñado en Galicia, estrearase coa dixitalización da obra Quotidiania Delirante, do debuxante Miguelanxo Prado, que será distribuída en máis de 70 países e entre 50 millóns de persoas grazas ao AppStore, unha aplicación para Iphone e iPod Touch que permite descargar da rede "sen necesidade de intermediarios".

Neste formato, ao cómic dixitalizado engadiránselle animacións coidadosamente deseñadas, opcións de idioma para os textos, efectos especiais, banda sonora e narración, aínda que "respectando a esencia do cómic".

Para o lanzamento mundial do iMotion Cómic, Continental distribuirá na segunda quincena de xaneiro a través do AppStore a primeira das 40 historias da Quotidiania Delirante, que poderá descargarse de xeito gratuíto e que contará con narración en inglés e textos en galego, castelán, inglés e francés.

A continuación, a empresa ten xa preparadas para lanzar as dúas seguintes historias, aínda que prevé nun futuro ir ampliando as posibilidades de idioma tanto en texto coma en audio.

O resto da obra está previsto lanzala en paquetes de dúas ou tres historias. Para o autor da obra, o debuxante galego Miguelanxo Prado, Quotidiania Delirante adaptarase ben a este formato, ao tratarse de "historias concretas e curtas" con "contido humorístico".

Ademais, eloxiou o "enorme potencial" deste novo formato e apostou por "ir adecuando" os contidos dos cómic a "este tipo de dispositivos" no futuro.

POSIBILIDADES
Crear "unha industria punteira"

O presidente do Grupo Continental, Pancho Casal, remarcou a "oportunidade" que representa este formato de "crear dende Galicia unha industria punteira". Ademais, indicou, Continental lanzará tamén a ferramenta que lles posibilitará aos creadores transformar calquera cómic a este formato. O maior reto, comentaron os creadores, foi conservar a secuencialidade e o ritmo e deseñar unha ferramenta para usuarios que non teñan coñecemento ningún. O IMotion Comic conta con indicadores de navegación que permitirán pasar de páxina de modo automático ou manual, ademais de dispoñer de elementos animados e secuencialidade nos bocadillos que marcan a orde de lectura e xeran diálogos amplos nunha soa viñeta.
Comentarios (0) - Categoría: Recomendacións - Publicado o 30-12-2009 19:58
# Ligazón permanente a este artigo
Lecturas das mestras e mestres
A principios de curso fixemos unha enquisa entre o profesorado para coñecer os libros que leran durante o verán. A verdade é que saíu unha extensa e variada lista de títulos. Iso si, como millóns de persoas en todo o mundo, os máis citados (13) foron os da triloxía de Millenium.
Aquí tedes unha presentación coas portadas dos libros.



Patricia e Noelia Pequeño, Vanesa Míguez
Comentarios (0) - Categoría: Recomendacións - Publicado o 03-12-2009 23:27
# Ligazón permanente a este artigo
«Aprendín a ler con Astérix e Tintín»
Daniel Montero Coira é o gañador da última edición do Premio Castelao de Banda Deseñada, un recoñecemento a unha dedicación plena á ilustración en todas as súas vertentes


Fernando Molezún La Voz de Galicia- 26/9/2009

Naceu en Catoira, pero fai xa oito anos que chegou á Coruña para desenvolver aquí a súa carreira profesional como ilustrador. E a cousa non foi mal, xa que Daniel Montero acaba de gañar a quinta edición do Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación, coa súa obra Sen mirar atrás. Todo comezou cos cómics: «Aprendín a ler con Astérix e Tintín. Comprábamos o meu pai e líamos. Ata, se os pillaba eu, quedábame embobado cos debuxos, imaxinándome unha historia pola miña conta. Despois, chegaron os superheroes», recorda o debuxante que, actualmente, desenvolve as súas ideas no estudo coruñés Baobab, xunto a outros seis artistas gráficos.

Pasou a súa infancia debuxando, copiando personaxes dos cómics que chegaban ás súas mans ou dos videoxogos: «Todo o que vía pasábao a papel. Era un hobby, pero cando vin que había xente que se gañaba a vida con isto empeceimo a tomar máis en serio». A pesar dos seus comezos autodidactas, pasou por Belas Artes e a Pablo Picasso: «é cuestión de dedicación, ninguén nace sabendo debuxar. Ademais, alí coñecín a moita xente coas mesmas inquietudes que eu». Estes contactos leváronlle a organizar o Salón do Cómic de Cangas.

A pesar do bo momento que vive o cómic en Galicia, tivo que desempeñar diferentes empregos mentres ía enviando os seus traballos ás editoriais americanas. Pero pronto empezou a traballar no seu: «Terminei na produtora Dygra, e o cómic quedou en segundo termo». Tras catro anos dedicado á animación puido volver ocuparse dos seus proxectos.
No seu blog (danimontero.blogspot.com), xa colgou algunhas viñetas do aínda inédito Sen mirar atrás, onde poden verse aos protagonistas. Entre eles, un can que xa saía noutros traballos de Montero, como o caderno da súa viaxe a Tunisia: «é o meu can Toby. E o das viaxes deriva de que sempre vou cun caderno, tomando apuntamentos de onde estou», asegura co seu Moleskine nunha man e unha cartuchera cunha infinidade de rotuladores na outra.

Os seus plans de futuro pasan por esperar á edición da súa obra premiada e o que poida vir detrás: «Desde logo que teño mil historias na cabeza, e espero que o premio sexa un empuxón para poder publicalas con máis facilidade», conclúe o debuxante.
Comentarios (0) - Categoría: Recomendacións - Publicado o 09-10-2009 20:54
# Ligazón permanente a este artigo
Pablo García Martínez gaña o 5º Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos
NA NOSA BIBLIOTECA


Natural de Arzúa, estudou xornalismo en Euskadi, Santiago e Coimbra


Pablo García Martínez (Arzúa, 12-12-1985) é o gañador da 5ª edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia que se fallou no transcurso dunha cea que na noite do venres 10 de xullo reuniu na Casa Grande do Bachao (Santiago) a un cento de personalidades do mundo cultural galego. A obra, que ten o título provisional de «Relato dun estalido xordo», comezará agora a súa etapa de redacción definitiva na que o autor contará con Manuel Rivas (que non puido estar presente por atoparse de viaxe) como titor e que rematará cara a fin de ano coa súa publicación en galego e en castelán.

Pablo García Martínez marchou a Euskadi aos 17 anos para cursar a carreira de xornalismo na Universidade do País Vasco (EHU) durante dous anos, antes de tramitar o seu traslado á Universidade de Compostela. Nela estivo os cursos académicos 2005-2006 e 2006-2007 antes de cursar o último ano académico na Universidade de Coimbra, ao abeiro do programa Erasmus. Dende xullo do ano 2008 traballa no xornal dixital Vieiros, encargándose principalmente da sección deportiva, mais tamén doutros temas que lle solicita puntualmente a dirección do medio. Durante este ano combinou o traballo no diario dixital coa xestión das páxinas web Galiza Olímpica e Nsaio.

O premio achégalle ao gañador unha escultura de Luís Loureira titulada A peneira dos soños, un ordenador portátil, a estancia ao longo do mes de outubro na Casa Grande do Bachao para ultimar a súa novela baixo a tutela de Manuel Rivas e a edición da obra en galego e castelán antes de rematar o ano.


(ler máis, Biblos)
Comentarios (3) - Categoría: Recomendacións - Publicado o 22-09-2009 11:47
# Ligazón permanente a este artigo
Volve Superman

O último clásico entre os tebeos de superheroes
Grant Morrison recupera a mitoloxía e a grandilocuencia dos cómics para darlle vida ao Superman definitivo


Paulino Vilasoa

Ben podía ter sido un paxaro ou un avión, pero o Superman de Morrison e Quitely é Superman. Todo isto vai por modas. Dende os 80, obras como Watchmen ou Dark Knight Returns despoxaron o xénero superheroico da súa inocencia para dar paso á investigación psicolóxica e, de cara ao novo século, quedou patente unha revisitación do xénero de acordo cunha maior radicalización dos caracteres cara a posturas cada vez máis extremas.

Grant Morrison, que iniciara esa radicalización coa anarquía lisérxica de Los Invisibles –que lle aplicou logo a heroes coma os X-Men–, recibiu a chamada da DC para que, literalmente, fixese o que quixese co heroe máis grande de todos os tempos. O resultado, este All Star Superman, céntrase na recuperación dos ideais primixenios dos cómics, da épica superheroica como parte da mitoloxía contemporánea.

O Superman de Morrison segue a ser, como dicía, Superman. Un home de aceiro seguro, nobre e independente, heroe intemporal en cuxo tratamento se rexeita a humanización do personaxe e se realzan as compoñentes mitolóxicos.

(ler máis, Xornal)
Comentarios (0) - Categoría: Recomendacións - Publicado o 20-09-2009 18:59
# Ligazón permanente a este artigo
Debuxantes galegos para os grandes relatos

SM publica na súa liña de adaptacións literarias El Monte de las Ánimas, segundo David Rubín, e Amadís de Gaula, segundo Emma Ríos.


Arturo Losada

En setembro haberá que repartir a atención e os cartos de mercar novidades entre dous dos máis recoñecidos autores da banda deseñada galega. O ourensán David Rubín e a vilagarciá Emma Ríos participan en dúas das últimas obras publicadas dentro da colección de adaptacións de clásicos literarios que está a facer SM. Rubín atrévese coa conversión a viñetas de El Monte de las Ánimas, unha das lendas de Gustavo Adolfo Bécquer, mentres que Ríos colabora co guionista Ricardo Gómez para facer unha espectacular versión das andanzas de Amadís de Gaula.


(ler máis, Xornal...)
Comentarios (0) - Categoría: Recomendacións - Publicado o 20-09-2009 18:50
# Ligazón permanente a este artigo
Novas lecturas para o verán dos máis mozos
Gerónimo Stilton é o que máis conecta coa rapazada

O xornal- 20/07/2009

O verán é unha época propicia para que os máis preguiceiros á hora de ler collan gusto a este hábito tan san e pracenteiro. Para iso, nada mellor que unha boa colección de títulos como os que nestes meses adornan os andeis das librarías con exemplares para todos os gustos e idades. Aínda que os nenos seguen sendo o grupo de poboación que máis le, segundo todos os estudos, os máis reticentes terán os próximos meses poucas escusas para non atopar un libro ao seu alcance, sexa do xénero que sexa, e gozar de boas historias que alivien as calores do verán.

OS TÍTULOS QUE MÁIS DESPUNTAN
Entre algúns dos libros de literatura infantil máis destacados esta tempada salienta Gerónimo Stilton. Ya te daré yo kárate (Destino). Este simpático personaxe, residente en Ratonia e dirixente dun xornal, segue facendo as delicias dos máis pequenos desde que comezou a súa primeira aventura Mi nombre es Stilton até a última, públicada baixo o título Ya te daré yo kárate.
O incrible devorador de libros, de Oliver Jeffers é a obra coa que se presenta no mercado Patas de peixe, unha nova editorial especializada nos libros e álbumes para nenos. Unha divertida lectura que fala do pracer de ler , evitando sermóns e cun tono moi ameno.
Carlos Negro vén de publicar Makinaria (Xerais), coa peculiaridade de tratarse dun poemario dedicado a un público xuvenil. É a historia dun rapaz de quince anos que gusta dos coches e da música dura, e que se constitúe como fábula dos adolescentes que pasan as fins de semana agolpándose nas discotecas e conducindo baixo os efectos do alcol.
Kika Superbruja y el libro de hechizos de la película Disney (Bruño) é a serie da nena á que lle cambiou a vida o día que atopou un libro de maxia debaixo da súa cama. Inxeniada polo escritor alemán Knister, encandeou aos nenos españois, que seguiron as súas peripecias desde o primeiro libro até o último.
Pocoyó. Primeras Palabras (Timun Mais) é o novo libro deste pequeno, dedicado aos animais e os alimentos, con palabras en castelán e en inglés, tapa e páxinas grosas e duras, imprescindibles para o trote que lle dan os nenos a partir de dous anos aos que van dirixidos.
Leo, el Dragón Lector (Páginas de Espuma) trata do dragón azul que voou á illa Apagada. Segue a ser un dos preferidos dos nenos, como se viu na recente edición da Feira do Libro, cun título que inicia unha nova colección de contos infantís cuxa finalidade é facilitar a lectura aos que comezan a ler.
Terra imaxinada (Puerto Norte-Sur), é o tratado das criaturas do chan e do subsolo, magnificamente ilustrado por Inti Ansa, que desenvolve un bestiario de seres mitolóxicos e de lenda da terra procedentes de distintas culturas ao longo e ancho do planeta e que dá continuidade ao anterior, Auga imaxinada.
Carla. Qué bien huelen las frutas, (Timun Mais) é o novo título da colección das historias de Carla, que mesturan a realidade máis próxima ao neno con elementos de fantasía para estimular a súa creatividade. Neste libro, os pequenos frotan as pezas de froitas e descobren os seus ricos cheiros a través do xogo.
A Pequena historia de España (Espasa), de Manuel Fernández Álvarez, é unha obra moi entretida que narra a historia española como se fose un conto cheo de aventuras, só que estas aventuras sucederon de verdade.
Comentarios (0) - Categoría: Recomendacións - Publicado o 21-07-2009 22:16
# Ligazón permanente a este artigo
OS LOBOS DE MOECHE, de Manel Cráneo
NA NOSA BIBLIOTECA


Os Lobos de Moeche un cómic longo, ou novela de banda deseñada, sobre as Revoltas Irmadiñas que se desenvolveron en Galicia a finais do século XV. Os Irmandiños alzáronse contra os abusos dos señores, coma os Andrade, destruíndo fortalezas e castelos como a de Moeche.

Este cómic é a primeira publicación de Demo Editorial, que pretende potenciar a banda deseñada en galego e a recuperación da historia de Galicia. Os irmandiños, os Andrade e o Conde de Lemos son os protagonistas desta aventura colectiva. O autor, Manel Cráneo, presidente da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), di: "quixen facer unha obra de autor, persoal, e baseada nun personaxe de ficción, Martín de Ferreira, un labrego galego que, por mor da guerra irmandiña, se converterá nun mozo do Renacemento que acaba na cidade italiana de Boloña escribindo as súas memorias".

Cos personaxes ficticios, conviven outros reais como o capitán Alonso de Lanzós, un líder irmandiño, así como os "malos", os Andrade e o Conde de Lemos, "as familias nobres máis perigosas que exercían máis opresión", branco preferido dos irmandiños que destruíron preto de 130 castelos -o de Moeche, sucumbiu en 1431- durante das dúas revoltas irmandiñas.

Ademais, esta BD (Banda Deseñada) converterase en "obra de referencia" para promocionar o Museo do Castelo de Moeche, grazas á contribución de Euroeume, que abrirá as súas portas proximamente.



Os Lobos de Moeche from euroeume on Vimeo.
Comentarios (0) - Categoría: Recomendacións - Publicado o 29-04-2009 13:22
# Ligazón permanente a este artigo
‘O SOMBREIRO CHICHIRITEIRO’ é A INCURSIóN DE MANUEL RIVAS NO MUNDO LITERARIO INFANTIL
Un neno subido ao mapa do tempo


O Xornal (18-4-09)

O primeiro libro de Manuel Rivas para nenos (logo de publicar Todo ben e Bala perdida dirixidos ao público xuvenil) é un libro no que a maxia reborda nada máis abrilo. Os debuxos, de Patricia Castelao, son pequenas marabillas que se miran con goce e curiosidade. Teñen a plasticidade dunha película de animación e parecen tridimensionais aínda que non o sexan. As nenas e nenos, que seguen sempre os debuxos, nada máis velos empezarán a comentalos: este é Simón, esta é a boca do sombreiro... É o seu xeito de participar na historia que está a serlles contada. Se os adultos valoramos a fermosura dos debuxos, para a rapazada esa fermosura está chea de significado, ponlle cara e corpo ao que se conta e faino máis comprensible, máis próximo.

A historia é sinxela, pero difícil de seguir para nenos moi cativos, o que incrementa a utilidade dos debuxos. Todo comeza, como as mellores historias máxicas, cunha situación cotiá coa que calquera neno se pode identificar (unha festa na casa do avó) que vai mudando paseniñamente cara algo marabilloso desde a aparición dun home asoballador e malquerido polas xentes que vén montado nunha avestruz e cun sombreiro moi especial. O que define a Simón, o protagonista, é a súa valentía, e é precisamente esa ousadía súa a que o leva a enfrontarse a ese xigante descarado. Cando o neno lle tira o sombreiro nun arranque de carraxe desencadéase a acción, porque o sombreiro non cae ao chan senón que empeza a cantar e sae voando, e Simón detrás del, correndo cara a aventura.

As historias con obxectos máxicos son un clásico, e neste caso trátase dun sombreiro benfeitor que converte a Simón no protagonista dos seus propios soños, facéndoo vivir cousas imposibles. O sombreiro foille roubado a un trompetista e por iso sabe cantar e tocar a trompeta. Calquera nena soñaría con ter un sombreiro que lle permitise voar, que lle ensinase a tocar, e que cando tocase conseguise que os paxaros a acompañasen, como se estivese dirixindo a orquestra da natureza.

Tamén aparecen moitos valores que todos queremos transmitirlle aos nenos e nenas: a amizade, o respecto e a admiración pola natureza, a solidariedade, a idea de que as palabras das linguas poden verse magoadas ou perdidas se non se lles axuda (falándoa)... Ademais, estes valores insírense no conto de xeito natural, non se percibe unha listaxe de fondo cunha enumeración de valores a incluír, senón que todo parece xurdir enfiado, e todo o bo leva ao bo: a ousadía de Simón á aventura, amizade de Simón e o sombreiro aos prodixios, a solidariedade do sombreiro á salvación de insectos e palabras.
Por último, cómpre dicir que a lingua na que se conta a historia é unha lingua limpa de requintamentos, inzada de palabras fermosas que usan os miúdos que falan galego: bochechas, apampados, orelludo, reviravoltas... Aparecen rimas tamén en certas partes do libro, concordando coa musicalidade presente na historia e nos debuxos. Insírense no conto os nomes de moitos insectos e paxaros e unha imitación do seu canto máis poética ca realista. Iso, sumado á importancia das palabras, á música e aos soños, fía un relato cunha aventura moi emotiva, chea de encantos lingüísticos, visuais e oníricos. E o final, que é unha parte máis da aventura, é un final verdadeiramente orixinal. A comuñón coa natureza faise total e Simón consegue influír no seu curso. Un libro para que os nenos miren doutro xeito os paxaros, os sombreiros e ata os mapas do tempo...
Comentarios (0) - Categoría: Recomendacións - Publicado o 18-04-2009 23:04
# Ligazón permanente a este artigo
Títulos imprescindíbeis para unha colección de calidade

O blogue das Bibliotecas Escolares de Galicia achéganos un par de escolmas de títulos de referencia para os rapaces e rapazas de Infantil e Primaria.

De entre os titulos de literatura infantil e xuvenil editados no 2007 e 2008, profesorado con ampla experiencia no trato con libros e pequen@s lectores, fixo unha selección (a petición da Asesoría de bibliotecas escolares) dos que poderían considerarse imprescindibles. Velaquí esta Selección de libros imprescindibles para infantil e primaria(ficción).
E para manter actualizada a sección de materiais informativos (ou de consulta, coñecemento...) estoutra selección de títulos axeitados ao alumnado destas idades: Imprescindibles-Informativos para ensino infantil e primario. (Neste caso, o campo "idade" debe entenderse como "a partir de", é dicir, textos que xa poderían ser consultados, sequera parcialmente ou con axuda, por lectores a partir de "3-6 anos", por exemplo.)
Comentarios (0) - Categoría: Recomendacións - Publicado o 22-03-2009 12:36
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
Club de Lectura
As Campaíñas
CPI don Aurelio
Cuntis

O meu perfil
cpidonaurelio@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

© by Abertal