As Campaíñas


SEDA, Alessandro Baricco

O 21 deste mes de marzo teremos o faladoiro de profesores en torno ao libro Seda de Alessandro Baricco.

EXEMPLARES DISPONIBLES NA BIBLIOTECA DO CENTRO

.En 1861 chega a vila francesa de Lavilledieu un enigmático personaxe, Baldabiou, para instalar un fiadeiro. Para iso necesita mercar ovos de vermes de seda, e emprende viaxes na súa busca á África. Para conseguilo contrata a Hervé Joncour, o fillo do alcalde, que renunciará á súa carreira militar e que vive feliz casado con Hélène. Tras uns anos de bonanza económica, unha epidemia que afecta aos vermes ameaza o negocio. Baldabiou decide
que para evitala deben ir ao outro lado do mundo, ao Xapón, e conseguilos de contrabando. Joncour é o elixido, atravesa Europa, Rusia e chega á costa chinesa, embarca dun barco de contrabandistas holandés e xa no Xapón contacta con Hara Kei, o cacique dunha aldea preto da cidade de Shirakawa, que a partir de entón será o seu distribuidor. Alí queda fascinado pola beleza da súa esposa, á que Hara Kei coida con receo. Durante cada nova
viaxe procúraa con vehemencia, posúe unha atracción inexplicable cara a ela.
Comentarios (0) - Categoría: Lecturas - Publicado o 06-03-2013 13:14
# Ligazón permanente a este artigo
Todo é silencio, de Manuel Rivas
NA NOSA BIBLIOTECA


“…Está máis bonita calada. Ela non sabe para que serve a boca. Para calar.”


Esta é a última novela de Manuel Rivas, ao que xa podemos considerar un clásico da literatura galega. Ademais de gustarme como escritor aparecio tamén o seu compromiso, el móllase, desde o Xurelo a Nunca Máis, ou a defensa da lingua, sempre está aí. Acostumaba a gozar máis cos seus contos que cas súas novelas, pero teño que dicir que con Todo é silencio acada o nivel dos seus contos. De xeito que sendo unha novela redonda, non perfecta, podemos contemplala como unha sucesión de narracións breves, á maneira das escenas cinematográficas. A narrativa de Rivas é claramente identificable desde as primeiras páxinas, sucedéndose unha serie de presenzas amables e retranqueiras que forman parte do universo do autor.

A historia do paso do contrabando á cocaína relátase a través de catro ou cinco personaxes principais que medran baixo a sombra do gran capo Mariscal. A min o que máis me gustou foi a primeira parte, pura prosa poética, na que o autor consegue crear unha atmosfera mariñeira engaiolante e verosímil. Pena que Malpica desapareza axiña. Cando a novela se centra máis nos feitos que nos personaxes e os seus sentimentos, diminúe a fascinación, quizais porque non nos sorprenden esas historias de mafias, violencia e drogas. Podemos lelas cada día no xornal, nas rías galegas ou en calquera outra parte. Aínda así, unha gran novela que cumpre co requisito fundamental de non aburrir nunca e turrar de ti ata a derradeira palabra.
Heladio
Comentarios (3) - Categoría: Lecturas - Publicado o 19-05-2011 01:12
# Ligazón permanente a este artigo
Bone, de Jeff Smith
NA NOSA BIBLIOTECA

Bone é un cómic de aventuras fantástiscas cheas de humor. Protagonizado por tres curmáns da raza do ‘bone’: Fone (cariñoso e sensato); Phone (un trasno que só pensa en gañar diñeiro fácil) e Smiley (un personaxe entrañable e surrealista). Os tres foron expulsados da súa comunidade por culpa dos trapicheos de Phoney, e van parar a un val cheo de humanos, animais que falan e dragóns misteriosos. As ‘mostrorratas’, unha raza terrible e bruta, ameazan aos bones, pero contan coa axuda dunha particular avoa e da súa fermosa neta, da que Fone está perdidamente namorado.

Os nove tomos da serie publicados por Astiberri, comezada a publicar por Jeff Smith en 1991 en EE UU obtendo numerosos e prestixiosos premios, relatan as fabulosas e épicas aventuras que viven os curmáns, ao tempo que descubren os moitos secretos que agocha o val.

Na Biblioteca temos os dous primeiros tomos, agardando que alguén máis se enganche para seguir a serie. Eu lin o segundo e encantoume, divertido, suxerente e fermoso, é unha banda deseñada que todo o mundo pode desfrutar, pequenos e maiores. Un debuxo e unhas cores claros, limpos refrescantes, e unha historia brillante, chea de diálogos intelixentes. Xenial!


Aquí podes descargar o primeiro capítulo:
http://www.astiberri.com/media/contenidos/descargas/archivos/bone1.pdf

Comentarios (0) - Categoría: Lecturas - Publicado o 12-02-2011 20:35
# Ligazón permanente a este artigo
La novela de Genji, de Murasaki Shikibu
Murasaki Shikibu foi unha dama xaponesa que no século X vivía na corte de Heian Kyo (actual Kyoto). Nesta cidade, aínda que había un Emperador, os que realmente mandaban eran os membros da familia Fujiwara (familia extensísima á que a escritora Murasaki pertencía), como os validos dos Austrias en Castela. Non só non era infrecuente que as mulleres escribisen en Heian Kyo, senón que unha muller que tivera mala caligrafía ou pouco estilo á hora de compoñer cancións era considerada unha inculta (o que era unha desgraza nesa sociedade, volcada totalmente no refinamento e o amor á arte). Por tanto, o período Heian deu moitas literatas, entre as que destaca a autora da Novela de Genji.
A edición que manexei foi a tradución que Xavier Roca-Ferrer publicou na editorial Destino. O tradutor explica a dificultades da lingua xaponesa para os occidentais e expón algunhas curiosidades acerca do proceso de tradución que son tan interesantes de ler como a mesma novela.
Ademáis, ó final de cada capítulo o tradutor inserta un apéndice explicativo para entender mellor a obra. Nestes apéndices trátanse temas como a sociedade, as relixións, a política, os costumes... do período Heian, cousa que o lector non iniciado agradece moitísimo.
Na novela nárrase a vida do príncipe Genji, fillo da favorita do Emperador. Debido ós ciumes da primeira muller do Emperador pola nai de Genji, esta última morre, e Genji cae en desgracia cando morre o pai. Tras un desterro na "rexión deserta, inhabitable" de Suma, o novo Emperador (fillo da muller que tanto odia a Genji) arrepíntese da inxustiza cometida contra o seu hermanastro, e este pode regresar á corte.
Polo argumento, a Novela de Genji recorda ós poemas épicos da literatura occidental (o cabaleiro que cae en desgraza inxustamente e volve á súa terra cuberto de honores). Sen embargo, a lectura da obra non ten nada que ver cos poemas épicos, pois sobre o relatado "fío argumental" ensártanse o que realmente concentra a atención do lector: as aventuras amorosas do príncipe dende que se convirte nun "home" (ós doce anos) ata que regresa a Heian. Genji, que sufriu a perda da nai sendo moi pequeno, pasa toda a vida buscando á "muller ideal", que non logra atopar ata que coñece á pequena Murasaki (unha pequena aldeana que recordaría a unha Heidi xaponesa), á que adopta coa idea de facela, senón a súa segunda esposa, a súa concubina, cando a rapaza sexa unha moza, tras ofrecerlle unha esmerada educación. Non é Genji un Don Juan á xaponesa (o retrato do príncipe está totalmente exento da crueldade do sedutor occidental), nin tampouco un libertino; o seu comportamento neste sentido está dacordo coa sociedade do seu tempo, e a imaxe que se da do protagonista é moi positiva (é un personaxe idealizado).
O que máis me gustou da obra (aparte dos aspectos xa sinalados) foi todo o que se aprende coa súa lectura deste período histórico, o Xapón do período Heian Kyo. Sorprende contrastar a nosa historia coa realidade tan lonxana dunha corte que coñeceu 400 anos de paz ininterrompida, adicada por completo á literatura, á música e ó ocio. Certo é que para que se vivise así na corte, o 99% da poboación vivía na máis absoluta miseria en condicións de semiescravitude, como soe ser o habitual nestes casos.
Tamén me chamou moito a atención a existencia nunha novela do século X de agudos retratos psicolóxicos; a análise dos sentimentos dos personaxes é tan aguda nesta obra como nas obras de Marcel Proust (autor ó que o tradutor recurre moitas veces para facer comparacións moi acertadas).
A diferenza é tan grande entre o príncipe Genji (refinado, preocupado pola combinación dos seus uchikis -túnicas-, propenso á lágrima fácil) e os heroes como Roldán ou o Cid (toscos, barbudos, de profesión guerreiros), que durante a lectura chegueime a preguntar como sería un encontro entre eles, e imaxinando unha conversa entre eles sorprendinme rindo en voz alta.
Certo é que, a pesar de todo, interrumpín a lectura ó acabar a primeira parte, sen saber que pasaría entre Genji e Murasaki nun futuro, debido ó cansanzo polo relato de tantas aventuras, tantos lamentos amorosos similares e tantas epístolas en verso cos mesmos tópicos. Aínda así, penso que nun futuro -non moi lexano- acabarei lendo as seguintes partes desta novela que, aínda que é un clásico, non o parece.
Recomendaría a lectura desta obra á xente con interés polos estudios filolóxicos, polo mundo da tradución, polos temas orientais, polas novelas sentimentais... En calquera caso, o lector da Novela de Genji ten que ter a mente moi aberta para chegar a comprender o comportamento dos personaxes, e incluso a velo como convencional na súa época.
Comentarios (2) - Categoría: Lecturas - Publicado o 27-01-2011 22:29
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno de agosto, de Alice Vieira
NA NOSA BIBLIOTECA


Caderno de agosto, publicado en galego por Xerais, en 1999, é unha novela de Alice Viera, unha das autoras máis lidas no país irmán. É un libro delicioso, o diario dunha adolescente escrito durante o mes de agosto en Lisboa, no que introduce capítulos dunha novela rosa que escribe a súa nai. Gloria preséntanos a súa familia con perspicacia e humor, pero sen caer nunca no sentimentalismo.
Unha escritura áxil, amable, que nos entretén e nos achega con cariño aos personaxes que forman o universo da espelida rapaza. Un espello do mundo adulto no que ela se mira para madurar, pero é difícil sentirse identificado co comportamento dos maiores, xa que actúan coma nenos, levados pola inercia dos sentimentos máis primarios e das convencións sociais.
Máis que recomendable para lectores de todas as idades que queren pasar un tempo de sorrisos intelixentes xuntos a uns personaxes entrañables, aos que non podemos terlle máis que simpatía. Queredes asubiar?


A pesar de ser pesados, aburridos, molestos coas notas, os pais fan moita falta nunha casa. A pesar das idas ao Chalé Menezes, a pesar dos asubíos e dos amores, a pesar de Dª María II e de Mónica e de Alfredo Enrique, non me vexo eu moi ben lonxe da miña nai [...]. E non foi fácil habituarme á idea de non recibir o bico do meu pai pola noite, antes de durmirme (...).

A min aínda me custaba entender que había de malo no feito de que a miña nai, maior e vacinada, divorciada e nai de fillos crecidos, conseguise un noivo... (...)


Heladio
Comentarios (0) - Categoría: Lecturas - Publicado o 14-01-2011 23:26
# Ligazón permanente a este artigo
LECTURAS DE NADAL PARA NENAS E NENOS
Comentarios (0) - Categoría: Lecturas - Publicado o 22-12-2010 10:18
# Ligazón permanente a este artigo
Lecturas de Nadal para maiores
Comentarios (0) - Categoría: Lecturas - Publicado o 22-12-2010 10:10
# Ligazón permanente a este artigo
Torres de Malory e Santa Clara, de Enid Blyton
NA NOSA BIBLIOTECA


Estas dúas coleccións da autora inglesa, compostas por seis novelas cada unha, teñen un argumento similar: as aventuras das rapazas que estudian en sendos internados desde os doce ata os dezaoito anos. As relacións entre nenas moi diferentes dá lugar a enfrentamentos e reconciliacións, encontros e desencontros nos que sempre triunfa como exemplo un modelo de comportamento caracterizado por valores tales como a lealtade, a valentía, a xustiza e a comprensión.

O internado Torres de Malory é máis estricto ca o de Santa Clara no referente á disciplina, e a protagonista destas novelas, Darrell Rivers, é unha rapaza responsable que anhela chegar a ser algún día delegada do colexio, pero que tamén sabe disfrutar coas numerosas bromas das súas compañeiras. No colexio Santa Clara estudian as irmáns O'Sullivan, Isabel e Patricia, bastante máis traviesas que Darrell, quen nun principio se opoñían a ir a Santa Clara. Neste internado o profesorado considera que o maior éxito que se pode acadar é lograr que as rapazas problemáticas acaben por aprender a levar unha vida en comunidade.

O funcionamento destes centros educativos responde a dous modelos pedagóxicos diferentes que existían na Inglaterra de mediados do século XX. As obras son de lectura sinxela, moi amenos para os rapaces a pesar de tratarse de novelas un tanto anticuadas desde o punto de vista da comunidade educativa actual. Están recomendadas para rapaces de entre 9 e 12 anos, aínda que tamén poden ter interés para lectores de máis idade.


MARÍA OCCAM
Comentarios (0) - Categoría: Lecturas - Publicado o 09-12-2010 00:03
# Ligazón permanente a este artigo
A Ilíada e a Odisea de Marcia Williams
NA NOSA BIBLIOTECA


Na clase de Cultura Clásica limos a adaptación da Ilíada e da Odisea, de Homero, realizada por Marcia Williams e editada pola editorial Acanto. Esta banda deseñada é todo un clásico, case tanto coma o orixinal, para todas as idades. Os debuxos son magníficos, cheos de detalles simpáticos, e o texto é cercano, irónico e divertido. Lévanos de Troya a Ítaca nunha viaxe chea de color, aventuras e sonrisos. Ista é a opinión dos lectores:


Pois o cómic estivo moi ben. As imaxes son moi boas e non fai falta ler a letra para enteirarse sobre a Ilíada e a Odisea.
(Tania)

Foi divertido porque contaba a historia das dúas lendas pero dunha forma orixinal e fácil de entender.
(Pablo)

Foi moi interesante lelo porque aprendes a historia da Odisea e da Iliada dunha maneira divertida
(Iago)

O cómic estivo moi ben porque asi podemos saber máis cousas sobre a Iliada e a Odisea dunha forma máis graciosa. Así tamén podemos saber máis sobre esas lendas que son moi interesantes.
(Rubén)

O cómic resultoume entretido e ao mesmo tempo proporcionoume múltiples achegas sobre a historia dun modo divertido.
(Daniel)

O comic foi moi entretido, os debuxos eran de gran calidade e podíase saber case o que pasaba,xa que contaba a historia con moito detalle.
(Adrián)

Comentarios (0) - Categoría: Lecturas - Publicado o 02-12-2010 01:50
# Ligazón permanente a este artigo
Unha estrela no vento - Ledicia Costas
A novela de Ledicia Costas é unha das lecturas preferidas polos rapaces e rapazas da ESO e tamén polos membros do Clube da Lectura.

Está é unha historia que conta a vida dun rapaz de dezasete anos que se chama Miguel Foz que vai ao Instituto e pensa que a súa profesora de literatura lle ten manía. Un día atopouse cunha moza xitana que vendía rosas, Reina, da que se fixo moi amigo. Uns días despois unha pandilla de gamberros déronlle unha malleira que o levou ao hospital.

Mentres, Miguel descubre que o seu pai engana a súa nai cunha amante e a nai acaba botándoo da casa. Un curmán de Miguel, Abel, quedou orfo e vai vivir a súa casa.

Os amigos de Miguel deciden vingarse dos que lle deran a malleira. O líder dos gamberros era Bruto, irmán de Reina. Miguel segue confiando nela, pero non o seu colega Maqui, co que pelexa por defendela. Bruto non consinte que Reina ande con Miguel e ela acepta irse a vivir tamén a casa de Miguel. O día da pelexa Maqui, a traizón dálle unha navallada a Miguel e tirou a Abel, que era minusválido, por un cantil, morrendo. O libro remata cos dous amigos indo todos os meses ao cantil, a recordar a Abel, cheos de tristura.

Recomendamos este libro porque é moi entretido e fácil de ler e ao mesmo tempo ten intriga. Ademais, a pesar da traizón de Maqui, permítenos apreciar o valor da amizade e que non todas as persoas se comportan iguais, sexan xitanos ou non. Maqui, o personaxe máis malvado non é xitano. Un libro con final triste, pero moi fermoso e do que aprendemos moitas cousas.


Natalia Camiña, Noelia Pequeño, Patricia Pequeño
Comentarios (0) - Categoría: Lecturas - Publicado o 26-11-2010 22:16
# Ligazón permanente a este artigo
Club de Lectura
As Campaíñas
CPI don Aurelio
Cuntis

O meu perfil
cpidonaurelio@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

© by Abertal