A Sada que foi. Historia de Sada


Un espazo no que compartir os meus artigos acerca da historia da nosa localidade. Un lugar no que achegármonos ao noso pasado, como elemento esencial que é da identidade de Sada.

Manuel Pérez Lorenzo

contador de visitas


O meu perfil
perezlorenzo.sada@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

UN PERCORRIDO POLA HISTORIA DA PRENSA EN SADA

Desde comezos do século XX, contou Sada con diferentes órganos de prensa encargados xa de difundir os atractivos turísticos da vila, xa de defender diferentes propostas políticas ou de canalizar as aspiracións dos veciños e veciñas. Non é de estrañar a existencia de xornais e revistas, algo inherente a todo núcleo urbano na Galicia do primeiro terzo do século. A influenza da veciña cidade de Betanzos neste sentido resulta evidente[1]. A continuación repasaremos os datos que a día de hoxe se coñecen no que respecta á nosa prensa local.


As cabeceiras coñecidas

Non temos coñecemento de todas as publicacións editadas en Sada. As investigacións, a cada paso, revelan novos nomes. Dalgunhas non conservamos ningún número, polo que unicamente exporemos aquelas informacións ás que accedemos por medio doutras fontes.

O xornal máis antigo do que hai constancia é o diario La Linterna, que viu luz no ano 1903. Era o seu director Eduardo Villardefrancos, e fora creado coa finalidade de facer fronte ás políticas caciquís do Partido Conservador, encabezado polo sacerdote Eduardo López Vidal:

El caciquismo de Sada es la nota saliente en esta comarca. […] Se ha fundado un periódico, La Linterna, para combatirlo duramente.
(El Norte de Galicia, 28/09/1903)

Un par de anos despois, en xullo de 1905, aparecía un semanario titulado La Prueba (Fernández Pulpeiro, J. C.: Apuntes para la historia de la prensa en el siglo XIX en Galicia, Ediciós do Castro, Sada, 1981[2]). Entre o 1917 e o 1922 publicarase o semanario La Voz del Pueblo. Editábao unha Junta de Defensa Vecinal de Sada que agrupaba, con fins mutuais e electorais, a conservadores, católicos, rexionalistas e anarquistas, e estaba vinculada á figura de Manuel Lugrís Freire.

Xa na II República, no ano 1933, o mestre Luís Cereijo León e o seu fillo, Luís Cereijo Mosquera, promoverán a edición da revista semanal Galicia.


Exemplares conservados: Acción Sadense, El Progreso de Sada e Mariñana

A publicación máis antiga á que puidemos acceder fisicamente é o semanario Acción Sadense, do que se conserva o número do 23/11/1922. Esta “revista-periódico independiente” vía luz por vez primeira en xuño de 1921, e en maio de 1923 seguía publicándose. Nacía baixo o impulso dun grupo de sadenses que contaban en torno a 20 anos de idade, co obxecto de servir de altofalante nas necesidades dos veciños:

Faltaba a esta hermosa villa de Sada un portavoz de la opinión pública, un medio de exteriorizar sus legítimas aspiraciones y este vacío que le impedía manifestarse, poniendo al alcance de todos sus cuitas, lo ha llenado, dando a luz un valiente semanario titulado “Acción Sadense”.
(El Ideal Gallego,13/08/1921)

Os seus colaboradores habituais eran Manuel L. Freire-Calvelo (director), Antonio Ríos (xerente), Nicandro Golán e Román Balbís, entre outros. Tamén Lugrís Freire aportaba os seus contos en galego. Acción Sadense estaría fortemente vinculada á Irmandade da Fala da Coruña, e, segundo Vicente Risco, era un periódico simpatizante co nacionalismo (El problema político de Galicia, 1930).

Outra publicación da que se conserva cando menos un exemplar é El Progreso de Sada. Iniciou a súa andaina en marzo de 1922, editándose durante varios anos. Nalgúns dos seus números reivindicará a construción de escolas ou tratará acerca das próximas festas patronais. O xornal conservado, un número extraordinario do 21/02/1923, conta coas colaboracións do político betanceiro Agustín García, Ángel López Vidal –alcalde de Sada–, Gabriel Bringas –secretario do xulgado–, Bernardo Castro Arias, José Soto Picos, César Permuy, Atanasio Alonso –secretario do Concello– e, novamente, Freire-Calvelo.

Algúns dos impulsores de Acción Sadense serán os creadores, apenas dous anos despois, da revista ilustrada Mariñana. A nova publicación quincenal iniciaba a súa andaina o 1 de xaneiro de 1925 baixo a dirección de Eduardo García Ramos. Freire-Calvelo exercía como xefe de redacción e o fotógrafo Francisco Varela Posse como redactor gráfico. O nº 1 iniciábase cun texto no que se expuñan as motivacións que guiaban aos editores:

ansiamos que sirvan, especialmente, nuestras páginas, de vehículo de solidaridad y de estímulo docente. Abandonemos la habitual apatía que existe en nosotros para todo lo que no signifique un inmediato medro personal. […] Localmente hablando, nuestra misión estriba principalmente en dar continuidad a la hermosa labor en pro del progreso de la villa, iniciada en Acción Sadense hace algún tiempo por un grupo entusiasta de jóvenes […]. Apoyo a las causas justas, desinterés, altruismo, sacrificio, abnegación por ellas, nos parece el mejor sentimiento que puede guiarnos.

En Mariñana colaborarían autores como Lugrís Freire, Antón Villar Ponte, Víctor Casas ou Carré Aldao, entre outros, a ilustradora Lolita Díaz Valiño e os fotógrafos Varela Posse, Alejandro Rodríguez e Germán Díaz Baliño. Mais o verdadeiro protagonista sería Manuel L. Freire-Calvelo, artífice de artigos e textos literarios en todos os números e impulsor de diversas campañas en prol do benestar dos veciños.

En febreiro de 1926 Mariñana deixará de publicarse. Hoxe consérvanse os 26 números editados, adquiridos en 2008 polo goberno municipal que encabezaba Abel López Soto [3].



Publicado nunha primeira versión (agora revisada) en Mariñán, 05/2012.




[1] En Betanzos editáronse numerosas publicacións periódicas, estudadas por investigadores como Xesús Torres (Anuario Brigantino, 1983, 1984 e 1985).

[2] Debémoslle esta referenza a Xesús Torres, que amablemente nos advertiu da existencia desta cabeceira.

[3] Sobre Mariñana, vén de publicarse un documentado estudo, da autoría de Xesús Torres: “Mariñana, unha revista ilustrada na Sada de 1925”, Cadernos de Estudos Locais, Nº Especial, A. C. Irmáns Suárez Picallo, Sada, 2015.
Comentarios (0) - Categoría: Historia de Sada - Publicado o 03-06-2015 23:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal