Novas de Arqueoloxía
<language>ga</language> 
A Cidade do pladur
   <description><![CDATA[No ano 1999, o inefable e nunca suficientemente valorado Conselleiro de Cultura do Antigo Reino de Galicia, (enténdase o de non suficientemente valorado como nunca valorado con “suficiente”), Xesús Pérez Varela, decidíu que, ao igual que os faraóns exipcios, os emperadores romanos e os khanes da China, a inxente obra política de Don Manuel I, rexente do Reino, non podía rematar sen un colofón monumental que perpetuase a súa memoria no tempo, unha obra dunhas dimensións tales que fixesen estremecerse ás xeracións vindeiras ante a grandeza dun estadista ao que o propio Estado lle quedaba pequeno na cabeza. Había que facer algo e rápido, porque o patrón xa ía vello, e a pesares da confianza que algúns como Xaime Pita tiñan na inmortalidade  daquel xefe providencial, tarde ou cedo o feito biolóxico acabaría por acontecer.¿Pero qué facer? ¿Unha tumba piramidal de granito porriñés? Iso xa o mirara nalgún outro sitio, e ademais soltarlle ao xefe ese “memento mori” non sería moi delicado. ¿Cinco ou seis camiños de Santiago novos? Despois do camiño alacantino e do camiño ligur-manchego, non quedaban xa corredoiras que sinalizar. ¿Uns Xogos Olímpicos en Compostela? Habería que enviar a cada membro do COI un bo capón de Villalba, e aínda así… De súpeto, o noso Conselleiro deuse unha palmada no medio da fronte, que retumbou no ar coma un berenguelazo: Xa estaba! Unha cidade enteira, que meta medo de grande. E con cultura, moita cultura, ao demo o que signifique iso, que contra a cultura non vai ir ninguén. A Cidade da Cultura. Hai un par de montes por aquí cerca que están a toxo e que ben podían valer. Desfaise o monte e énchese de Cultura. Metafórico. Grandioso. 
Fíxose un concurso de ideas para darlle forma á Idea Primeira. Presentáronse algúns dos arquitectos máis renomeados do Reino, e de fora tamén. O de máis pedigree era Peter Eisenmann, un deses grandes maestros de reputación mundial, que presentara unha deconstrucción da toxeira para convertila nunha caprichosa combinación de sinuosas ondas. Mirando os planos e as maquetas non había maneira de entendelo, pero parecía todo moi moderno. E aquel tipo saía xa nos libros de Historia da Arte, era un artista de moito nabo, non había que deixalo escapar. Don Manuel mecenas de Eisenmann, iso sí que era dar lustre a unha biografía xa de por sí luminosa. 
Pérez Varela xuntouse con Eisenmann, para falar do asunto. Todo debía ser inmenso: unha biblioteca cun millon de libros “de exposición”, para que veñan estudosos a mirala, pero dos serios, nada de estudantes melenudos. E un museo con moito trinque. E un teatro, con cenarios xiratorios, para que veña a cantar Carmiña Burana, e Manolo Escobar, e que deixe pequena á discoteca Dona Dana. Polos cartos non había problema. O resto é unha historia da que todos escoitamos falar. Unha historia da que, por máis comisións de investigación se fagan, non coñecemos a todos os personaxes, nin todos os argumentos, nin tampouco coñecemos o final. 
Como era lóxico, a unha obra megalómana corresponden problemas mastodónticos. Dende os problemas técnicos que nin o propio Eisenmann era capaz de resolver, ata os problemas políticos, derivados desa incómoda consecuencia da democracia, que é a alternativa no poder. Os orzamentos se dispararon, as obras se pararon, acabou ese feliz matrimonio do proxecto coa prensa, que agora se tornara enemiga feroz daquel despilfarro. Ao final, todos acordaron que era demasiado tarde para parar as máquinas. 
Hoxe en día a Cidade da Cultura é unha realidade. Dos seis edificios proxectados, dous están rematados, e a dous fáltalles nadiña. Quedan por facer os xigantescos espazos de creación e exhibición: o teatro e mais o centro de arte contemporánea, que foron os que se tentou redefinir no paro das obras decretado polo goberno de Touriño-Quintana, e que supostamente estarán rematados a inicios da próxima década. Certamente, a visita ao lugar é impresionante, pero estas impresións son paradóxicas. Ese aire “deconstruído” que teñen os edificios, coa súa confusión de planos verticais e horizontais mesturados con cubertas sinuosas e rampas volantes, que son o que lle dan esa aureola futurista, convive con un certo pouso a “déjà-vu”, a algo xa familiar. Parece todo un centro comercial xigante. Mirar as tripas dos edificios a medio facer pon en evidencia as virtudes características deste arquitecto que é Eisenmann e as súas sonadas mallas estructurais. Emporiso, tamén pon en evidencia que o que fai meritoria esta estructura tan aparentemente simple (a mesma, salvando ás distancias, que a dunha xaima beduína), é a súa escala propia do Xurásico. E despois está a omnipresencia do pladur, ese material tan agradecido para crear eses espazos interiores de fría e branca xeometría, pero que lles resta o aspecto de solidez e de resistencia que un gran edificio debe ter sempre presente, por máis que Eisenmann apañe recordatorios da súa malla estructural por todas partes. Con tanto pladur parece todo feito como de papiroflexia. 
Pero á marxe do valor arquitectónico dos edificios, que non ten demasiado lugar nesta bitácora, no que quería fixar a atención é sobre o uso dese edificio inmenso que vai ser o Museo da Historia de Galicia, e que está a un tris de rematarse. O bicho vai ter máis de 14.000 m2 construidos, e non se sabe moi ben para qué. Alí caben catro castros, a Torre de Hércules, a Peregrina de Pontevedra e varios centos de mámoas. Non estou en contra da creación de grandes museos. Un museo é, segundo o Consello internacional dos Museos, unha institución permanente que investiga os testemuños materiais do home e o seu desenvolvemento, acádaos, consérvaos, divúlgaos e exponos para o seu estudo, educación e deleite pola sociedade. Segundo esta definición, a inmensa maioría dos Museos integrados na Rede galega de Museos non merece tal nome: non teñen persoal investigador, non sendo algún becario esfameado, non teñen publicacións nin catálogos, e moitas veces nin conservan ben o que teñen. Así que un macro-museo de historia de Galicia podería ser a ocasión de ter un centro efectivo de investigación e de divulgación que a maioría dos museos galegos non poderían soñar ser. 
Pero para iso habería que ter a vontade política de reorganizar todo o panorama museográfico galego dende a mesma base. Poderíase facer a través da especialización, convertindo os museos existentes en museos de arte, de ciencias, de historia ou de arqueoloxía, acabando con esa heteroxeneidade tan decimonónica que convirte a moitas das máis renomeadas institucións de Galicia nun caixón de xastre onde o mesmo se expón un miliario, un cadro de Laxeiro, unha talla románica ou as gafas de Castelao. Pero cando se monta o Cristo que se monta, enfrontando a unha cidade enteira con un museo pola posesión dun ungüentario cochambroso, e vista a actitude condescendente da Sra. Bugallo ante eses demagogos, está visto que mover calquera cousa do seu sitio non está dentro dos plans posibles. Así que Galicia vai contar cun Museo de Historia alucinante. Disque vai ser un “Observatorio da historia de Galiza e das tendencias culturais actuais, centrándose na divulgación internacional do patrimonio histórico-cultural galego”. Fálase de moita interactividade, e de moito concepto didáctico-participativo, pero de fondos nada. Alí onde poñamos os ollos, miraremos pladur.]]></description>
Unha de romanos
   <description><![CDATA[As pelis de romanos son un xénero cinematográfico case tan antigo coma o cine mesmo. Recrear épocas remotas proporcionaba o marco ideal para as dúas principais necesidades que a sétima arte pretende cubrir: alimento para os sentidos, alimento para o espíritu. Por unha banda abría unha vía de evasión para os espectadores que acudían ao cine para fuxir dunha existencia mediocre. Para eles construíanse fantásticos decorados de cartón-pedra, e creábanse heroes afoutos de exótica vestimenta que falaban sempre co plural maiestático. Por outra banda, as recreacións históricas eran un campo fertilísimo para a expresión dos cineastas, non só no sentido artístico, senón tamén no ideolóxico. Coa excusa da distancia temporal, os autores podían plantexar mensaxes ou situacións que a censura (a oficial ou a autoimposta polas productoras) non alcanzaba a emborronar. 
Hai, pois, dúas grandes escolas de cine de romanos, ou mellor dito, dúas maneiras de facelo. A primeira santifica o valor do espectáculo. Por estas pelis pululan personaxes ampulosos nos falares, pero simples de carácter como unha recta nun encefalograma: Bos que son boísimos, malos que son malísimos, chicas de insólita permanente roiba que berran ante o ataque do león no circo, o muslo xeneroso asomando pola fenda da túnica, a man crispada cubrindo un rostro de beleza desencaixada. Fondos de mármore, e columnas, moitas columnas. Unha ou varias escenas apoteósicas, con varios centos de extras ou con epatantes efectos especiais: unha carreira de cuádrigas, unha batalla decisiva, un desfile trunfal, Roma ardendo mentres Nerón tañe a lira... Protagonismo absoluto dos metais na banda sonora, todo fanfarria e timbal. Heavy metal. 
Fronte a isto hai un cine no que lucen máis os aspectos teatrais. Aquí non hai orzamento para as grandes ambientacións, que poden ser reducidas á máis estricta sobriedade. Interesan máis os personaxes, o seu carácter, as pasións que os moven e os valores que representan. O outro é un cinema máis do gosto americano, éste maís do europeo, con tintes shakespearianos, e actores frecuentemente británicos. Non son dúas maneiras antagónicas de enfrontarse a este xénero: un mesmo autor pode participar dunha e doutra, compárense a pulcritude literaria de "Xulio César", e os excesos visuais de "Cleopatra", ambas as dúas de Mankiewicz. 
Para o historiador-arqueólogo que ve cine de romanos é difícil sustraerse da deformación profesional que o obriga a analisar a película baixo o prisma do rigor histórico. Con frecuencia, case con seguridade, esta perspectiva vaino conducir a unha fonda decepción. Se ten a suficiente condescendencia, complacerase com descubrir detalles verídicos e perdonará as licencias. Ao fin e ao cabo, é cine, non historia. É arte, non ciencia. Se ten ademais a suficiente capacidade de abstracción, disfrutará do espectáculo. As veces nin iso. 
Por iso, o mesmo espectador-historiador-arqueólogo non pode facer outra cousa máis que disfrutar con series como Roma, coproducida por HBO e a BBC, collendo o mellor desas dúas maneiras de entender o xénero. Rodada na mesma Roma, nos míticos estudos de Cinecittá, e cun orzamento propio de señores dos aneis, é un fantástico culebrón coral ambientado na agonía da República e as guerras civiles, por onde cruzan as súas vidas os grandes patricios que escribiron o seu nome na historia con anónimos plebeos arrastrados pola maruxía do destino caprichosos dos poderosos. E todo, sumerxidos nun ambiente recreado ata o detalle máis insignificante, dende os luxosos peristilos das mansións do Palatino, unha orxía de flores e música de auga, as brutais calellas do Aventino, cheas de recantos escuros onde se mata por unha moeda. Nada se deixou ao azar, nin sequera Tito Pullo e Lucio Voreno, os amigotes ex-lexionarios que protagonizan a serie, están inventados de todo: ambos son lembrados por César nos seus Comentarios á Guerra das Galias cando, competindo por gañar na batalla o posto de Primus Pilum, salváronse a vida mutuamente. Poderase criticar que algún dos personaxes históricos que aparecen na trama non estean caracterizados exactamente como imaxinabamos. Isto é natural, pois a imaxe que temos deles provén de fontes que tampouco son para nada obxectivas. O Octavio Augusto hierático, depravado, ambicioso e case consciente da súa divindade que se nos retrata en Roma dista moito do outro Octavio campechano e familiar que aparecía en “Eu, Claudio”, a antiga e tamén preciosa serie baseada na obra de Robert Graves. Posiblemente o Octavio real se parecese aos dous, ou a ningún. Pero ambos son verídicos, o que non é o mesmo que veraces. 
Porque calquera destas críticas queda afogada pola inmensa honestidade coa que os realizadores se enfrontaron á reconstrucción do pasado. Non se deixaron levar por ningún prexuizo, nin polo políticamente correcto, nin polo suposto gusto da audiencia. Pintaron unha Roma cruda e realista, a linguaxe é ruda, o sexo explícito, a violencia despiadada. O noso ollo pode recorrer este mundo fusco e terrible sen que nada se nos agache. Se o amo sodomiza ao escravo, mirámolo. Se o mata dunha paliza, mirámolo. Se o que hai que matar é un animal e pintar o rostro co seu sangue para pedir o favor dos deuses, mirámolo. Se os membros dun collegium celebran a súa fortuna cunha orxía, mirámolo. Tan natural. Contemplando esta serie, sentímonos como os primeiros escavadores de Pompeia. Eles coñecían unha Roma de luxo e ouropel, a das estatuas dos emperadores, as columnas de mármore, e as historias dos deuses e as súas glorias; atoparon unha cidade de tendeiros e novos ricos, onde os poemas de Horacio convivían con grafitis de obscenidade desaforada, e onde había case tantas panaderías como burdeis. Suor conxelado baixo a cinza. 
Roma (2ª tempada) foi emitida en Cuatro esta Semana Santa, seguindo esa curiosa tradición de programar romanadas en época de penitencia e recollemento. Agardemos que a repoñan en horario menos intempestivo, e non a culleradas de tres horas e media. Corren rumores dunha terceira tempada, incluso de que a van levar ao cine. Haberá que velo. ]]></description>
Un pouco de teatro
   <description><![CDATA[Os gregos inventaron o teatro para honrar aos deuses. Ligado nun principio ás festividades relixiosas, éstas adobiábanse con figuracións dos mitos nos que participaban os deuses e os heroes das poleis. Xa logo, estas representacións, máis emancipadas do rito onde nasceran, acadaron peso e calidade literaria. Nas grandes festas e solemnidades da cidade os principais talentos competían coas súas obras polo favor dun público entregado ás reviravoltas dos dramas e á diversión das comedias. Os vencedores, coma se fosen campeóns olímpicos, rexistrábanse para a posteridade nas didascalias, inscripcións conmemorativas destes acontecementos, para que os cómicos compartisen a inmortalidade dos heroes e os deuses que protagonizaban as súas obras. Os políticos, conscientes do valor do teatro para educar á cidadanía en certos valores cívicos, fomentaron a construcción de edificios para as representacións. Os gregos fixeron dos teatros verdadeiras escolas onde todas as virtudes e as feblezas do ser humano tiñan cabida. 
Os romanos, sendo xente práctica, souberon apreciar o teatro grego e, malia as súas propias e primitivas representacións rituais, adoptárono como seu. Aínda que as loitas de gladiadores e as carreiras de carros contaban con maior aceptación popular, tanto as clases refinadas como a ralé plebea disfrutaban con obras que imitaban o estilo grego, pero tamén, con outras que pretendían ser xenuínamente latinas. Cando Roma extendeu as súas poutas por todas as ribeiras do Mediterráneo, en cada unha das cidades que conquistaron, en cada nova urbe que fundaron, non esqueceron erguer un teatro. O teatro era, para eles, un símbolo da civilización, e unha cidade non podía ser considerada como tal se non tiña o seu edificio de boa pedra do país, co seu graderío semicircular rodeando a escena na que declamaba o coro. 
Hai agora 20 anos, en 1988, descubríronse casualmente os primeiros indicios da existencia dun teatro romano en Cartaxena (Murcia-España). Cando as sondaxes en anos posteriores calibraron o bo estado de conservación do edificio, un convenio entre o Concello, a Comunidade Autónoma, o Ministerio de Cultura e a Caixa de Aforros local permitíu financiar a escavación de todo o complexo. Un traballo difícil, pois as ruínas estaban ocultas baixo unha morea de vivendas e por unha igrexa, pero que se levou a cabo con celeridade notable, entre 1993 e o 2003, con só un ano de interrupción. Despois de recuperar o monumento, decidiuse a súa restauración para o disfrute público, nun “proxecto integral” asinado polo arquitecto-museeiro máis prestixioso do Estado: o pritzkerizado Rafael Moneo. As obras, que están a un tris de rematar, supuxeron convertir ao teatro no, quizais, principal monumento histórico da cidade, ademais de darlle a ésta un novo espazo de lecer, un novo museu, e revitalizar un barrio, o de Pescadores, deprimido e arruinado. 
Estas obras, tamén é verdade, teñen os seus críticos. Pero ante os exemplos de rehabilitación de teatros romanos padecidos nos últimos tempos, o asunto parece merecedor de gabanzas, máis que de outra cousa. No mes pasado, por exemplo, o Tribunal Supremo confirmou unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Valencia pola cal obriga ás administracións públicas a derribar e desmantelar as obras de “rehabilitación” perpetradas a principios dos anos 90 no teatro romano de Sagunto, tamén no Levante español. Estas obras, realizadas polos arquitectos Giorgio Grassi e Manuel Portaceli, forraron de impolutas lousas o graderío, e inventaron un fronte de escena de cemento armado e tixolo que convertiron ao edificio nunha especie de caixón arrepiante e desolador, sen a penas traza do seu vetusto pasado, e o que é máis grave, sen que tal actuación se baseara en criterios científicos razonables. O teatro de Sagunto quedou como un monumento ao que xamais se debe facer nunha rehabilitación: destruír, ocultar, deformar, gastar a eito. Agora, coa sentenza do Supremo, finaliza un proceso legal que duraba 17 anos e no que xa non caben máis recursos, pero aínda que a sentenza se cumpla, os daños cecais sexan xa irreparables. 
E preguntará algún: non haberá un teatro romano en Galicia?. Pois agora, por fin, podemos decir que si. Polo menos na Galicia romana, pois o ano pasado, despois de tres campañas de escavación, foi presentado en sociedade un teatro en Braga, a carón das termas, o outro gran monumento clásico da antiga Bracara Augusta, unha das tres capitais da provincia da Gallaecia. A existencia deste edificio coñecíase dende 1999, cando unha escavación na palestra das termas deu cos primeiros restos. Despois disto, entre o 2004 e o verán pasado, a Universidade do Minho acometeu amplas escavacións nun proxecto preliminar que pretendía identificar as diferentes partes do edificio e valorar o seu estado de conservación. Os resultados que se acaban de presentar, en canto achados, son espectaculares, toda vez que é o segundo teatro que se escavou en Portugal, (o outro é o de Lisboa, medio oculto e medio desenterrado no medio das casas que abarrotan, amoreadas, as encostas do Castelo de San Jorge);  e permiten xa pensar nunha restauración dos vestixios. Agora a responsabilidade é da administración, que ha de poñer os cartos e a vontade para que Braga poida amosar orgullosa ese edificio que a equipara coas principais capitais do Imperio Romano. 
Cando se contempla un teatro romano, non se pode deixar de sentir admiración por unha civilización que consagrou tanto esforzo e, ás veces, tanta beleza, para que os seus cidadáns disfrutasen da sotileza das palabras escollidas, pronunciadas con delicadeza, e afirmadas co xesto, coa música, e tamén co silenzo dun público espectante. Tratemos ao noso teatro galaico-romano co respecto que merece. Os teatros de Cartaxena e de Sagunto representan dúas maneiras de entender iso que agora se chama “posta en valor”, e que tantas veces consiste realmente na alteración dun monumento na súa teimuda persistencia, para convertilo nun producto de consumo capitalista. Sirvan como exemplo aos galegos do Sur do que se pode facer e do que non se debe facer co noso patrimonio. ]]></description>
Os ollos que miran ao ceo
   <description><![CDATA[Cando o almirante holandés Roggeween arribou á illa de Rapa Nui, no medio do máis profundo Pacífico, o 5 de Abril de 1722, bautizouna na súa carta co nome da festa do día, Pascua de Resurreción. Estilábase entre os navegantes este costume, apropiado para nenos expósitos nas inclusas e para pais sen imaxinación. Porén, os nativos da illa tíñanlle outros nomes, algúns ben prosaicos (Rapa Nui, a gran rocha), pero outros cheos de poesía: Te Pito o te Henua, “O embigo do mundo”, moi acaído para a única terra emerxida habitada en 2000 quilómetros á redonda, a xente máis aillada do planeta. Ou tamén Mata ki te Rangi, “os ollos que miran ao ceo”. Rodeados dun océano de soidade, para aquelas xentes as estrelas do hemisferio Sur debía ser tan cercanas coma calquera outra parte do mundo. 
Os pascuenses chegaron a aquela terra probablemente dende a Polinesia, quizais en varias vagas entre o século IV e o XIII. Eran o derradeiro elo dunha longuísima epopeia de navegantes ignorados pola historia, que dende o Suroeste daquel vasto mar foron, século a século, chimpo a chimpo, colonizando todas e cada unha das illas da Oceanía. Eran viaxes a cegas,a mercede dos ventos e as correntes, en fráxiles canoas cargadas ata arriba de todo o necesario para a vida, pequenas arcas de Noé ateigadas de prantas, animais, homes, mulleres, ferramentas e saberes. Rapa Nui, a 2000 quilómetros de Pitcairn, o pequeño illote dos amotinados da Bounty, e a 3700 das costas de Chile, era coma un pequeno planeta verde flotando na inmensidade do espazo sideral. Dar con ella foi para os seus primeiros colonos coma sentar nun palleiro e dar coa agulla. É difícil calcular a desesperación daqueles piragüistas tras recorrer sen rumbo milleiros de quilómetros de mar baleiro, e a ledicia inmensa que deberon sentir ao ver asomar no horizonte os cumios romos dos volcáns de Pascua. 
Aquelas xentes formidables tiñan, por forza, que facer algo formidable. Desenvolveron, nun anaco de terra non máis grande que o Morrazo, todas e cada unha das características do que consideramos unha civilización avanzada. Para o bo e para o malo. Cultivaron a terra e fixéronse hábiles pescadores, galopando sobre as ondas en feixes de canas atadas. Organizáronse politicamente en clans familiares,e axiña xurdiron diferencias sociais entre unha clase dominante (os Hanau-eepe, ou “orellas longas”) e outra dominada (os hanau-iti, ou “orellas pequenas”), distinguidas polos brincos cos que adobiaban os seus lóbulos. Inventaron, finalmente, unha mitoloxía rexida por deuses poderosos, e xunto a isto, ritos para manter a orde do cosmos, dirixidos por unha caste sacerdotal de homes sabios e vestais virxinais. 
Mais logo, os clans poderosos, para facer evidente a súa posición predominante, fixeron construir enormes altares, ahus, e sobre eles estatuas de pedra para honrar aos seus devanceiros. Sen coñecer os metais, tan só batendo pedra contra pedra, tallaron os famosos moais, bustos xigantescos de rostros impasibles, tocados con rolos de pedra vermella, e con ollos incrustados que miraban ao ceo. A presunción, a fachenda, convertiu aos moais nunha industria devoradora. O seu número creceu, tallábanse ducias ao tempo nas canteiras do volcán Rano Raraku, e logo agardaban, postos de pe nas faldas do monte, o seu traslado aos ahus da costa. Para o seu transporte, e para erguelos nos seus altares, así como pola presión dunha poboación en constante aumento, taláronse as fragas que cubrían a illa, e esta pasou de ser un paraíso boscoso a un páramo áspero de herbas peiteadas polo vento. Ante esta situación os pascuenses reaccionaron da forma máis violenta: unha guerra civil exterminadora que rematou coa caste dominante e derrubou ominosamente aos orgullosos moais dos seus altares. 
Cando chegaron os europeos, xa esta civilización estaba no seu solpor, autoaniquilada por desbordar as posibilidades do seu pequeño mundo. Logo viñeron os escravistas peruanos e deportaron aos homes para traballar nas súas minas de guano. Os que sobreviviron regresaron á súa illa natal doentes de varíola, contaxiando fatalmente aos seus paisanos. A principios do século XX os rapanuis non chegaban a douscentos, náufragos dun pobo que a penas lembraba nada das súas antigas glorias. 
O pouco que sabemos da historia de Rapa Nui débese á arqueoloxía e ao labor dalgúns estudosos e misioneiros que anotaron para a posteridade os restos das súas lendas e tradicións. Pero non todo está perdido, pois os pascuenses fixeron unha última invención extraordinaria, aquela que saca aos pobos da escuridade e os alumea coa luz da historia: a escritura. Con puntas de obsidiana e dentes de tiburón os sacerdotes rapanuis gravaron en táboas de madeira centos de curiosos signos cos que lembrar os seus saberes: homes, paxaros, peixes, soles, estrelas... Mágoa que as Kohau Rongo-rongo, ou táboas falantes, sufriron unha sorte semellante á dos seus autores. Dos milleiros que se supón que existiron só restan unhas vintecinco que se dean como auténticas, e todas as tentativas por descifralas remataron en fracaso. Ás dificultades naturais desta empresa engádese o descoñecemento que hai da antiga lingua Rapanui, hoxe moi acastrapada pola influenza do haitiano e do castelán, e só falada por 2000 persoas no mundo. Os lingüistas non se poñen dacordo. Hai quen pensa que o Rongo-rongo non é máis que un artificio memotécnico para lembrar a orde precisa das palabras nos longos cantos e letanías ceremoniais. Outros pensan que se trata dunha escritura ideográfica, ao estilo do primitivo chinés. Outros consideran que combina ideogramas e fonogramas,coma o antigo exipcio, e hai incluso quen supón que pode funcionar coma un silabario, coma o hiragana xaponés. Houbo intentos de traducción parciais moi suxerentes; algúns len entre esas sinuosas figuriñas xenealoxías de reis, calendarios lunares e cantos mitolóxicos de deuses procreadores. Ningunha destas lecturas conseguiu máis que hipotéticos éxitos parciais, pero todo son avances. O corpus rongo-rongo e as súas posibles lecturas pódese atopar na rede, e lanzarse ao seu desciframento pode ser un fermoso pasatempo ao alcance de calquera afeccionado ao que lle queden pequenos os encrucillados e os sudokus. 
Este ano 2008 foi declarado Ano Internacional dos Idiomas, e qué mellor xeito de empezalo nesta bitácora que falando desta linguaxe adormecida nas súas táboas de madeira. E neste milenio recén estrenado, cargado de presaxios funestos, de cambios climáticos e de crecemento insostible, convén unha reflexión sobre esta metáfora do mundo que é Rapa Nui, onde a nosa especie foi capaz de facer florecer o seu xenio para despois esmagalo baixo a súa imprevisión. Un mundo este único e aillado, do que só poderíamos escapar lanzándonos a cegas ao baleiro. ]]></description>
   <category>Mundo</category>
Os Picapedras e a Prehistoria vasca.
   <description><![CDATA[Hai 15000 anos, ventos xeados galopaban despiadados polas revoltas do río Deba, na actual Gipúskoa. Nas alturas, unha vexetación de tundra loitaba por verdear os penedos. No fondo da congostra, rodeados por mestas fragas de coníferas, os amieiros escoltaban ao río camiño do mar, que por mor da auga retida nos inmensos glaciares polares, batía unha costa separada da actual por moitos quilómetros. Nas rasas costeiras migraban manadas de renos, poida que os derradeiros mamutes aínda resistiran ante unha caza despiadada. Eran os tempos da Glaciación Würm, a última e máis crúa das que azoutaron a Era Cuaternaria. 
Daquela, a especie humana vivía horas críticas. As variadas especies de homínidos que dende sempre cohabitaran o mundo víronse reducidas a unha soa. Uns poucos milleiros de anos antes, os derradeiros neanderthais que foran donos de Europa desapareceran para sempre, sustituídos por unha nova especie chegada de África: Un primate capaz de fabricar ferramentas moi complexas, de adaptarse ao frío construíndo refuxios e cosendo roupas coas peles das súas presas, de transmitir estes coñecementos aos seus semellantes mediante unha linguaxe de sonidos articulados, e sobre todo, de facerse (e responderse) preguntas sobre o sentido do mundo e da existencia. Tal vez houbera antes homínidos capaces de facer algunhas destas cousas, pero nunca antes tiveramos tantas evidencias dunha especie verdadeiramente capaz de facelas todas. Era o Homo Sapiens. Nós mesmos. 
Estes nosos devanceiros construíron a que posiblemente fose a primeira civilización europea: o Magdaleniense. Non se limitaron a fabricar ferramentas e armas que fosen útiles, senón que lles deron a estas unha dimensión estética descoñecida ata o momento. Temerosos da morte e da súa propia fraxilidade, observaron que o mundo estaba suxeito a leis e forzas poderosas, e tentaron reconducilas no seu propio beneficio. Imaxinaron unha orde no mundo para que éste tivera lóxica, e para que a súa cosmoloxía non fose alterada polo azar e a imprevisión, enxeñaron ritos e ceremonias destinadas a manter as cousas no seu sitio, celebradas por persoas capaces de manter o contacto entre o mundo visible e as invisibles forzas que o gobernan. 
No noso val do Deba, hai 15000 anos, unha destas persoas deixou a súa pegada. Un home (ou muller) adentrouse no interior da pequena cova de Praileaitz, acondicionou un espazo no chan con lousas de pedra, e acomodouse a carón dun lume, no que asou para comer a carne que levaba. Portaba, e aí o extraordinario, unha fabulosa colección de colgantes de pedra. Eran seixos coidadosamente escollidos do leito do río pola súa forma alongada e a súa superficie brillante e negra. Estaban perforados no extremo, para levalos ensartados, e decorados, os máis, de liñas incisas paralelas, como quen levase a conta de algo. Aquel ser marchou deixando alí os seus abalorios, que ficaron sepultados por un desprendimento do teito que preservou ata agora a súa colección. Aquela cova fora, séculos antes, un lugar sagro para os homes da cultura solutrense, que deixaran alí series de círculos en liñas pintadas nas paredes. Agora fora refuxio, moi probablemente, dun chamán, un interlocutor cos espíritos que rixen o mundo, ao que os seus semellantes pedían consello ou curación. 
Praileaitz é unha das tres covas gipuskoanas, xunto con Ekain y Altxerri, todas moi próximas, que conservan pinturas do Paleolítico. Ekain é a xoia da coroa. As súas paredes son unha impresionante pinacoteca prehistórica, na que retozan osos, cabalos, cabuxas, cervos e ata un salmón; 70 figuras deseñadas por un mestre consumado da observación e do debuxo. Esta galería da arte troglodita é obxecto de todo tipo de mimos: Hai prevista a apertura dun museo no Pazo de Lili, na veciña localidade de Zestoa, que se vai rehabilitar para a ocasión con fondos europeos, e unha réplica da cova coas súas pinturas a carón da orixinal, para permitir visitas turísticas sen temor ao dano, que tería que inaugurarse en xaneiro. Todo é pouco para dar a coñecer un xacemento que se considera dos máis importantes da arte rupestre franco-cantábrica.
Praileaitz, pola contra, foi descuberta no 2000, pero o achado dos primeiros colgantes mantívose en segredo ata o 2005, en que comenzou un proxecto de escavacións sistemáticas que deu lugar ás descubertas citadas. Cando o ano pasado se descubren as pinturas, fíxose necesario dotar á cova dun grao de protección patrimonial conveniente. O 17 de Xullo deste ano, o Goberno Vasco promulgou un Decreto polo que declaraba á cova de Praileaitz Ben cultural catalogado coa categoría de monumento. Emporiso, o entorno da cova fica lonxe de ter un grao de protección ideal. Só 50 metros ao redor, malia que a área protexida en diferente medida sexa meirande. Ante esta situación, a comunidade científica (e tamén a cidadanía interesada) mobilízase. Por qué? Porque a cova está dentro dos terreos dunha canteira que, autorizada no 2001, non está disposta a deixar de rebentar o val do Deba porque un chamán paleolítico pousara alí os reais. 
Agora, o Decreto do Goberno Vasco está, disque, en discusión para ver se a protección da cova é ampliada. Unha proposición non de lei foi aprobada este mes no Parlamento vasco, instando ao goberno a protexer máis eficazmente a cova, e a paralizar a actividade da canteira, coa abstención do grupo gobernante (e o PP). Para máis barullada, recentemente descubriuse outra cova máis a carón da primeira, mentres as explosións da canteira ameazan con non deixar nada que preservar de aquí a pouco. Sempre se poderá facer unha réplica…
O conflicto de sempre. Intereses particulares que poden máis que o interese público só porque un é cuantificable en cartos e o outro non. Nin máis nin menos. ]]></description>
Mosaico de oito teselas
   <description><![CDATA[Hai uns anos, mirando a televisión, vin un documental sobre uns arqueólogos que, a todo correr, trataban de rescatar canto era posible das ruínas de dúas antigas cidades asiáticas, Zeugma e Apamea, que como dúas irmás xemelgas, se erguían unha diante da outra co río Éufrates polo medio. Ambas urbes floreceran cando o Helenismo, e durante a dominación romana seguiron favorecéndose do seu carácter de fronteira e de paso obrigado das rutas caravaneiras que atravesaban Asia; por alí chegaban ata Roma as sedas purpuradas dos emperadores. Agora, os vellos despoxos de todo este comercio e riqueza ían ser asulagados por un encoro promovido polo goberno turco, e os arqueólogos arfaban por levarse de alí todo o que eran capaces de desenterrar. 
Unha das imaxes do documental era espectacular. Escavábase unha suntuosa domus romana ricamente decorada; a pesar do metro escaso de altura que conservaban moitos dos muros, as vivas cores dos frescos que os cubrían facían presaxiar a aparición de cousas marabillosas. E cando os escavadores chegaron ao pavimento, a marabilla apareceu. Cun fondo musical, as imaxes amosaban como, cunha esponxa mollada, unha man limpaba os mosaicos. Baixo a grisalla da poeira, estalaron cores fantásticas e brillantes, rostros, aves, flores,... a beleza. Había unha escea mitolóxica, dicían, rara: o axuntamento carnal, coa axuda de Dédalo, entre a raíña Pasífae e un touro: a concepción do Minotauro. Unha cousa excepcional, dicían. Non se coñecía outro igual. Fíxome graza descubrir que en Lugo hai outro mosaico que representa a Dédalo e Pasífae, e tamén aquí dicimos que é único. Certamente, é algo raro, máis en Galicia, onde os mosaicos romanos rarean como billetes de 500. 
Dende entón, aquelas imaxes da limpeza do mosaico representaron para min a emoción da descuberta dun mundo esquecido, ilustraban á perfección aquela arela que, cando era moi novo, fixo que me decidira a ser arqueólogo. Así que dende ese intre, cando algún compañeiro ao planear unha escavación, me preguntaba o qué me gustaría atopar, eu respondía: un mosaico. Imaxinábame devolvendo as cores perdidas a unhas nereidas danzantes entre as ondas cunha esponxa mollada, e logo imaxinaba ao constructor que me malpagaba turrarse dos pelos das barbas ante a perspectiva da súa obra paralizada, pisos de dúas habitacións, e baño alicatado con moito peor gusto que aqueles solos magníficos. 
Nunca quixen usar esta bitácora para contar cousas estrictamente persoais, pero agora lembreime deste vello desexo, porque este mes pasado deixei, por fin, de adicarme a arqueoloxía, alomenos de maneira profesional. Remataron para min as escavacións que hai anos chamaban “de urxencia”, e que agora chaman “de xestión”, non vaia a ser que a xente pense que as chapuzas administrativas son efectivamente chapuzas. Farteime de andar en tratos con promotores de pisos, de casas, de canteiras, de canos de auga, luz, merda e mexo e ata de camposantos. Farteime de ter que xustificar, constantemente, ante eles, o meu traballo. Farteime de que me roñearan cartos persoas que na vida gastarán todo o que teñen. Farteime da petulancia de moitos colegas. Farteime de traballar con desgana. Farteime da miña vocación. Aínda que as cousas melloraran nestes últimos tempos, aínda que cheguei a ver derrocadas a vellas meretrices das súas poltronas, ou a que se negociara un convenio colectivo para os arqueólogos, por desgraza, estas mudanzas chéganme tarde. Xa estaba farto. E o mosaico nunca apareceu. 
Tamén houbo cousas boas: Compañeiros que foron amigos, que me aturaron e me axudaron. E aprendín con eles moito do pouco que sei. E vivín historias alucinantes que agora non podo lembrar sen escachar de risa. Non é unha despedida da arqueoloxía, senón de todo aquilo que ma fixo odiosa. Quédanme esta bitacoriña que tan fielmente seguides algúns, a ducia longa de memorias de escavación que teño aínda que escribir, e talvez botarlle unha man a algún vello camarada, para non oxidarme facendo exercicio paleo paquí paleo palá. 
Pediume a Doutora hai tempo unha receta con oito cousas que me gustan, así que voulle dar resposta cumprida con este mosaico de oito teselas. Vaia coma un brindis por aquel que, cecais, aínda agarde por min debaixo dunha cullerada máis de terra. Quén sabe?
1. Venus, deusa do amor e dos que fan o amor (Casa de Anfítrite, Bulla Regia, Tunicia). 2. As musas inspirando ao artista (Clio, musa da Historia, e Melpomene, musa da Traxedia, acompañan a Virxilio), (Museu do Bardo, Túnez). 3. O mar e todo canto nel habita (Museo arqueolóxico de Nápoles). 4. As viaxes como as de Ulises, nas que non se privou nin de oír o canto das sereas (Museu do Bardo, Túnez). 5. A tranquilidade (Museu Arqueolóxico de Nápoles).   6. Unha máscara de comedia, símbolo do humor, do ridículo e da ledicia de vivir (Museos Capitolinos, Roma). 7.Músicos beilando felices (Museu Arqueolóxico de Nápoles). 8. A cadela (Casa do Poeta Tráxico, Pompeia). ]]></description>
Cada cousa no seu sitio.
   <description><![CDATA[Darío I, Rei de reis, rezaba cada día ao Sabio Señor: “Dame ocasión de vingarme dos atenienses”. Éstes axudaran aos rebeldes gregos da Xonia, que no 499 a.n.e. queimaran ata os alicerces a cidade de Sardis, a capital de Lidia, unha das máis ricas posesións do Imperio persa. Ormuz Ahura-Mazda, o Sabio Señor, escoitou os seus rezos. O seu fillo Xerxes, a pesares dos atrancos, reduciu Atenas a borralla no 480 a.n.e. Os refuxiados gregos contemplaron o incendio da Acrópole dende a illa de Salamina, antes de derrotar aos persas na batalla do mesmo nome. Aínda ardería Atenas outra vez, ao ano seguinte. A pesares destas victorias, os persas foron vencidos en Platea. Un fulano chamado Heródoto relataría estas guerras nas súas “Historias”, aínda que esquecendo oprobiosamente as desgrazas e dando excesivo lustre ás victorias, cun chauvinismo absolutamente obsceno. Convertiuse así no Pai da historia escrita polos vencedores. 
Despois da guerra, os atenienses regresaron a unha cidade carbonizada, dispostos a reconstruíla e a non permitir outra vez a súa destrucción. Aliáronse coas outras poleis da Ática na Liga de Delos, cun argumento algo mafioso: protección a cambio de cartos. Logo, Pericles arramplou co tesouro e adicouno a financiar a reconstrucción da Acrópole cos máis fermosos edificios que os gregos construíran xamais. E de entre todos, o templo de Atenea Virxe, o Partenón. Como supervisor artístico, contaba con Fidias, que anos antes acadara sona por esculpir a Atenea Lemnia, unha fermosa imaxe de Atenea por encargo dos colonos que partían á illa de Lemnos. Fidias non escatimou en cartos, nin esforzo, nin talento. Labrou nos frontóns o nacemento de Atenea e a loita da deusa con Poseidón polo patrocinio da cidade. Nas metopas, un pouco máis abaixo, deuses e heroes enfróntanse con monstros e seres quiméricos: centauros, amazonas, xigantes, e escenas da guerra de Troia. E máis abaixo aínda, nun friso que rodea a cella, esculpiu en baixorelevo aos fervorosos atenienses dirixíndose ao templo a adorar á súa patroa: é a sonada procesión das panateneas. Na cella colocou a súa obra máis senlleira, a Atenea Crisoelefantina, unha colosal estadua de ouro e marfín, unha das marabillas do mundo antigo. 
A Atenea Crisoelefantina non puido resistir moito tempo a cobiza dos sucesivos conquistadores de Atenas, pero o Partenón tivo algo máis de fortuna. Foi convertido en Igrexa polos talibáns cristiáns, e logo en mesquita polos turcos, sen perder demasiado o seu esplendor, ata que en 1687 os venecianos que asediaban Atenas, ao mando de Francesco Morossini, bombardearon a Acrópole a sabendas que os sitiados fixeran do Partenón o seu polvorín. Así ficou dende entón, todo esnaquizado. 
Nesas, en 1799, un home chamado Thomas Bruce, Conde de Elgin e embaixador británico ante o Imperio da Sublime Porta, reuníu un equipo de artistas e escultores para facer copias e moldes das estatuas atenienses. Pero unha vez alí, cambiou de idea ¿Para qué contentarse con debuxos e copias de escaiola se podía levarse os orixinais? Sobornou a quen correspondía e obtivo un permiso para arramblar con todo o que quixera. Dende 1801 e ata 1817, Lord Elgin entregouse a unha voraz labor de saqueo, cargando un barco tras outro co froito do seu expolio. Non tivo moitos escrúpulos, algunhas metopas escacharon en anacos baixo o peso da maquinaria que empregou. Outras aserrounas para poder facilitar o seu transporte. “Tiven que portarme un pouco coma un bárbaro”, díxolle un colaborador a Elgin para explicarlle o seu traballo. Chegadas a Londres, (non sen que algún barco naufragara), permaneceron anos amoreadas sen coidado ao ar libre, expostas ao clima londinense coas súas chuvas e o seu smog. Finalmente, Elgin conseguiu facer fortuna vendendo ao Museu Británico as malpocadas estatuas en 1816. Non acabaron aí as súas penalidades, pois nos anos 30 sufriron unha “restauración” terrorífica, a base dun enérxico escobado con brus de púas de cobre. Desapareceu así o derradeiro resto do seu primitivo policromado, todo por dar lustre á brancura do mármore pentélico. 
Os gregos contemplaron con mágoa o saqueo de Elgin. Nos muros de Atenas apareceron grafitis: Quod non fecerunt gothi, hoc fecerunt scoti, (o que non fixeron os godos, o fixeron os escoceses), poñían, emulando o célebre pasquín “quod non fecerunt barbari, fecerunt Barberini” de cando o Papa Urbano VIII Barberini fundiu os bronces do Panteón de Roma para que Bernini fixera o seu Baldaquino de San Pedro. Grecia aínda non obtivera a súa independencia, pero unha vez dona de si mesma, sacudidos do dominio turco, reclamaron unha e outra vez a devolución das súas estatuas. Tamén, todo hai que decilo, moitos ingleses. Lord Byron, que combatiu e morreu xunto aos independentistas gregos, choraba: Cegos están os ollos que non verquen bágoas mentres ven, ou, amada Grecia, os teus sagrados obxectos saqueados por profanas mans inglesas…
A resposta inglesa sempre foi negativa. De nada vale que unha boa parte da opinión pública británica se amose favorable á devolución do seu tesouro, ao igual que moitos dos seus políticos, que se esquecen das súas boas intencións en canto poden tomar esta decisión. O Museu Británico non ten intención de ceibar a súa presa, pois é o principal atractivo dos seus millóns de visitantes ao ano. Os argumentos son peregrinos: din que o obxecto do Museu é universal, e isto os lexitima para expoñer o mellor das culturas do mundo. Cando non, a súa resposta é raiana no desprezo: Grecia non ía coidar os mármores mellor ca eles. Fronte a isto, o goberno grego tentou todas as fórmulas de concordia, sen éxito. A máis facible: a cesión a Grecia das estatuas sen renunciar os británicos á propiedade, a cambio de préstamos temporais de pezas gregas ao British. 
Un dos atrancos desta proposta, a existencia dun museo axeitado en Atenas para a exposición dos mármores de Elgin, acaba de solucionarse coa apertura do novo Museu da Acrópole, que foi noticia estes días polo espectacular traslado das estatuas orixinais que aínda restaban na Acrópole. Agora a pelota está no tellado británico. Ben estaría que desen dunha vez o seu brazo a torcer. Non pode ser que o maior museo de Gran Bretaña teña como principal atractivo un tesouro roubado, nin que as obras máis senlleiras dos artistas da Grecia clásica, aquelas coas que os antigos atenienses berraron ao mundo a súa independencia, o seu poder e o seu xenio, non poidan admirarse baixo a luz que as mirou nacer. ]]></description>
   <category>Mundo</category>
A vida útil dun arqueólogo
   <description><![CDATA[“Atopamos certos tipos de vestixios, recipientes, ferramentas, adobios, sepulcros, formas de vivendas, que aparecen xuntos constantemente. Chamaremos “grupo cultural” ou simplemente “cultura” a ese conxunto de rasgos asociados con regularidade. Supoñemos que ese complexo é a expresión material do que hoxe denominaríamos un “pobo”.
Esta definición de Cultura, en termos arqueolóxicos, e que todos os arqueólogos mamamos na facultade, débese a Vere Gordon Childe, arqueólogo e antropólogo australiano, nado en Monte Victoria (Nova Gales do Sur), e finado en Govetts Leap (tamén Nova Gales) en 1957. Non é unha definición orixinal, Childe non fixo máis que formular unha noción coa que, implicitamente, os arqueólogos levaban traballando moito tempo. Pero amosa ben as claras algunhas das características do seu pensamento. En primeiro lugar, porque dá preeminencia, como bo marxista, á cultura material, aos artefactos, a tecnoloxía, como elementos definidores dunha cultura. En segundo lugar, (aínda que hoxe poidamos cuestionar unha relación tan directa entre “cultura (material)” e o pobo autor da mesma), esta suposición amosa a inferencia, tan valiosa na obra de Childe, de que duns restos materiais é posible ir alén, que é lícito tentar caracterizar un complexo cultural completo, as súas estruturas familiares, sociais, as ideoloxías as crenzas, a partir dos restos materiais. En terceiro lugar, porque a pesares desta valentía ao arrostrar o descoñecido, Childe só supón. Amósase sempre consciente do esbaradizo que é o terreo das hipóteses. E esta humildade confírelle ás súas suposicións o valor da honradez. 
Gordon Childe naceu en 1892 no seo dunha familia londinense emigrada a Australia. O seu pai, reverendo anglicano, educouno nunha estricta moralidade victoriana da que renegou cedo. O seu expediente académico, impecable, permitiulle viaxar a Londres para completar os seus estudos, cando Europa se mergullaba no inferno da Grande Guerra. Isto o convertiu nun relativista, naquela época na que as bombas non só arruinaban os países, senón as ideoloxías. Volveu a Australia en 1917 para evitar o seu reclutamento, non por medo, senón por un pacifismo militante. Alí Childe integrouse na Unión australiana de Control Democrático, e dende alí loitou contra o alistamento e contra o recorte de liberdades imposto polo goberno australiano, nefasto efecto colateral de todos os reximes que se involucran nunha guerra estúpida. Evidentemente, pagounas: como activista sospeitoso, mantívoselle baixo vixianza, e en 1918 foi expulsado da Universidade de Sydney: a súa militancia facía del un individuo “indesexable”. 
Despois da Guerra, en 1927 e tras vicisitudes varias, Gordon Childe acabou de profesor de arqueoloxía na Universidade de Edimburgo ata que no ano 1946 foi nomeado director do Instituto de Arqueoloxía da Universidade de Londres, unha das instituciós arqueolóxicas máis prestixiosas do mundo. Dende a Universidade, Childe acometeu traballos de campo, como a escavación de Skara Brae, un espectacularmente ben conservado xacemento neolítico de Escocia. Pero non foi como escavador que Gordon Childe destacou. O seu labor máis meritorio, e o que lle deu a súa sona e renome, son os seus traballos de síntese. Childe logrou dar á arqueoloxía o sentido narrativo do que carecía naquelas obras áridas dos seus coetáneos, taxonomías cos seus listados interminables de artefactos enferruxados, esnaquizados, descoloridos... Sen ser un especialista nunha área ou rexión concreta, Childe abordou o tema da orixe da civilización e do seu cambio e evolución en numerosas obras rezumantes de materialismo histórico (marxismo para os amigos) e de pulcritude interpretativa. O marxismo tamén contaxiou a súa linguaxe: acuñou termos coma “Revolución Neolítica” e “Revolución Urbana” que aínda hoxe usamos como expresión dos profundos cambios vividos no Mundo Antigo coa aparición da agricultura. Cambios que, para el, foron determinados polo entorno ambiental e a tecnoloxía. 
Con posterioridade á súa morte, a obra de Childe sufriu golpes severos. Tivo mala sorte niso: A invención da datación radiocarbónica por W. F. Libby colleuno tarde, e a aplicación deste método de datación absoluta correxiu moitas das conxeturas cronolóxicas que Childe tecera en décadas de traballo. Tamén pasou de moda o seu marxismo: A guerra fría e o stalinismo contribuiron ao descreto dunha filosofía que non merecía tales usos. Pero iso non desmerece o tamaño monumental da súa obra e da súa influenza. Childe foi un enorme divulgador e un intérprete imaxinativo, quizais a persoa que, na súa época, máis se aplicou por atopar as verdadeiras causas da evolución cultural, e de elaborar marcos interpretativos impecablemente coherentes. Por iso aínda podemos seguir lendo a maioría das súas obras sen que perdesen case nada da súa primitiva frescura. 
En 1957, Childe, de regreso en Australia, fixo unha viaxe a Govetts Leap, nas Montañas Azuis, perto de Sydney. Un mal paso fíxolle cair dende o alto dun barranco e deixou de existir. A investigación declinouse pola hipótese dun accidente, outros pensan que Childe decidiu non prolongar máis a súa vida. Cecais fora consciente de que o edifico argumental que construira ao longo de toda a súa vida estaba a piques de derrubarse arrolado polos novos tempos. Ou cecais non aturase convertirse nun xubilado pensionista, el, que era un home que tiña un elevado sentido utilitario da existencia. Con seguridade, desa vez, trabucárase. Foi un 19 de Outubro de 1957, hai exactamente 50 anos. ]]></description>
A vella Via Nova
   <description><![CDATA[Os alicerces dos grandes imperios son as estradas. Polos camiños chegan aos lugares máis agachados as cousas, as ideas, as novas e as ordes dun poder distante. Permiten o tránsito seguro das persoas e o tráfico das mercadorías nos tempos de paz, e tamén a marcha dos exércitos cara á guerra. Transforman a paisaxe e as xentes por onde pasan, dilúen os límites e as fronteiras e unen aos pobos que a natureza separa. Cando un camiño cruza ríos e vales, sube aos montes, ou cruza pantanos e brañas, convírtense nun símbolo do poder que é capaz de impoñerse deste xeito aos atrancos da natureza. 
Así que alí onde os romanos chegaron, o primeiro que fixeron foi construír estradas. Todo o Imperio, dende Galicia ata Armenia, e dende os bosques de Xermania ata as areas do Sahara, foi sulcado por unha rede inmensa de arterias e veas empedradas que comunicaban o corazón da besta, Roma, cos máis recónditos confíns dos seus dominios. Coñecemos relativamente ben estes camiños. Moitos aínda están en uso convertidos en estradas modernas, que seguen o mesmo trazado, e cruzan os ríos polas mesmas pontes que os romanos ergueron. Outras veces intuimolos só polos miliarios, fitos de pedra onde se indicaban as distancias ás cidades e capitais máis próximas. Dalgunhas só queda a pegada en vellos documentos. 
O máis sonado destes documentos é o chamado “Itinerario Antonino”, unha especie de guía de estradas onde aparecían numeradas as principais rutas, as cidades que comunicaban e os lugares aptos para facer parada, as mansiones, onde a modo de estación de servizo, os viaxeiros e as súas bestas poderían reparar forzas. O itinerario é unha radiografía das comunicacións do Imperio a finais do século III, época na que foi redactado, e é un documento importantísimo porque grazas a el coñecemos o nome de vilas e cidades das que non conservamos nin o recordo. Tampouco hai que enganarse, non recolle, nin moito menos, todas as que había. A guía servíu ao emperador M. Aurelio Antonino “Caracalla” na súa viaxe dende Italia a Exipto por Grecia, de aí o nome, e probablemente recolle rutas seguidas polos emperadores nas súas viaxes, así como por recadadores de impostos para cobrar a annona, o tributo en especies. Poida que cada mansio non fose máis que a cabeceira dunha comarca de tributantes. 
Das 34 estradas descritas na Península Ibérica, tres comunicaban as tres capitais da Gallaecia: Bracara, Lucus e Asturica. A Vía XIX unía Braga con Lugo a través de Ponte de Lima, Tui, Caldas de Reis e Iria Flavia. A Vía XX, chamada “per loca maritima”, separábase da anterior en Caldas para ir pola costa, por terras do Xallas e Bergantiños ata Brigantium, e de alí pasando por Lugo a Astorga. A Vía XVIII, chamada “Via Nova”, unía Braga con Astorga, por Bande, Petín e Cacabelos.
No seu tempo a Vía Nova foi un gran alarde técnico: O trazado escollido non podería ser máis óptimo, os enxeñeiros romanos escolleron a ruta máis directa e rápida, a Portela de Home, que como unha coitelada fende o corazón da Serra do Xurés, unha perfecta liña recta dende Braga ata o Val do Limia. Logo, dobrando cara ó Leste, o camiño penetraba nas Serras Orientais  aproveitando o val do Sil para penetrar nas Serras Orientais cruzándoas por Valdeorras ata o Bierzo. Cando un río impedía o paso, gañaban a outra beira con pontes prodixiosas, como a que cruza o río Bibei, co seu arco central de pedra voando máis de 18 metros dun pé a outro. 
A Vía Nova hai moito que deixou de selo. Unhas partes seguen en uso, agora cubertas de chapapote. Outras foron alteradas polos séculos, e sobreviven como pistas forestais ou camiños pecuarios. Outras simplemente desapareceron baixo as construccións modernas, as terras de labor, ou o esquecemento. Pero hai quen pensa que a Vía Nova é un recurso patrimonial que convén preservar e que pode ser explotado turisticamente. No interior ourensán, tan arredado das zonas turísticas tradicionais de praia e furancho, o patrimonio histórico, ben xestionado e presentado, é o prato de mellor gusto que se lle pode ofrecer ao visitante. Ten ademais a ventaxa do seu carácter transfronteirizo, polo que pode traer visitantes da outra banda da raia, ademais deses investimentos tan codiciados das moitas administracións implicadas. Constituíuse a tal fin unha fundación, (a Fund. Aquae Querquennae-Via Nova), na que participan varias institucións públicas e privadas de Galicia e Portugal, e froito disto erguéronse varios “centros de interpretación” (entidades de difícil definición, a cabalo entre un museu que non é, e unha expendeduría de folletos turísticos), un deles en Bande, onde enlaza a información da Vía coa das escavacións do Campamento romano de Aquis Querquennis. 
Parecería que con esa consciencia da importancia da Vía Nova, ésta sería un obxecto mimado polas administracións, e que o seu trazado estaría ben estudado, coñecido, sinalizado, restaurado e protexido. Pois non. Hai unhas semanas un arqueólogo denunciou a desaparición dun dos tramos, ao seu xuízo, mellor conservados da vía ao seu paso por Bande. Uns veciños contrataron unha escavadora que achandou aquela senda milenaria ata deixala irrecoñecible. Para máis estupor, a obra era absolutamente innecesaria, pois paralela á vía hai unha pista forestal e unha estrada asfaltada. 
No mes de Xullo delebrouse no Mosteiro de Xagoaza, en Valdeorras, un dos moito simposios que teñen como obxecto de debate a Vía Nova. Alí os expertos reunidos advertiron do perigo que corre este vestixio do pasado sen unha axeitada posta en valor. “Se non se pon couto, as máquinas acabarán con ela”, dicía Rodríguez Colmenero. Mírase que a advertencia chegou tarde, se chegou.  O alcalde de Bande (PP), autorizador da obra, di que o da escavadora pasou por non estar a pista sinalizada, cousa que, según el, corresponde á Xunta. Acto seguido vota en contra dunha proposta para solicitar á Xunta a declaración de BIC para a Vía e o campamento romano de Aquis Querquennis. Mentres, a súa señora esposa, antiga alcaldesa e agora deputada (PP tamén), pediu no Parlamento 6 millóns de euros para a recuperación da Vía Nova, ademais dunha proposta (que a Xunta xa fixera no 2004) para que a UNESCO a declare Patrimonio da Humanidade. BIC non, pero Patrimonio da Humanidade si, e sen saír da mesma casa.
Hai xente que hai tempo extraviou o camiño. ]]></description>
Pero Aníbal non era unha peli?
   <description><![CDATA[Rematou o verán. Os días son máis curtos, o sol quence menos, as árbores fan strip-tease, e os turistas voltan á Meseta. É unha época de revisión vital, coma os primeiros días de xaneiro, un periodo de golpes de leme, de cambios de rumbo, de maneiras de dar un aire distinto ao regreso ás vellas rutinas. Nótase na concurrencia aos ximnasios, nos anuncios das escolas de idiomas e dos cursos de tai-chi, e na proliferación dos máis variopintos coleccionables nos quioscos. 
E comenzou o curso escolar, así que nestes días de outono morriñento que tanto invitan á reflexión, un arqueólogo metido a docente non pode deixar pasar a ocasión de profundar un pouco máis no sentido da súa profesión ou profesións. Quizais alguén pense que non hai moita distancia entre ensinar historia e buscala debaixo das pedras, posto que os ingredientes cos que traballamos, a Historia mesma, veñen sendo os mesmos. Nada máis errado. Aquelas épocas nas que os arqueólogos pousan os seus ollos pescudadores, a Prehistoria, a Idade Antiga, aquelas onde a arqueoloxía é máis necesaria por ser a principal fonte de coñecemento, son as máis esquecidas do sistema educativo. Simples anedotas nun mar de horas lectivas. Explícome: 
Na Educación Primaria (6 a 12 anos, aproximadamente) non existe a Historia como materia. Dilúese nun caixón de xastre chamado “Coñecemento do medio”, (que os rapaces abrevian como “coñezo”), no que se amorean contidos sobre cousas tan dispares coma bioloxía, anatomía, xeografía física e humana, rudimentos de física e química, tecnoloxía, normas sociais, e un chisco de historia. Dado que son nenos que non teñen moi interiorizadas as magnitudes temporais, trátase dunha historia centrada no cotía, no intrahistórico, que fuxe dos acontecementos e que tenta centrarse no evidente: a relación co mundo contemporáneo. Así que o frecuente será que os mestres amosen catro nocións sobre as categorías temporais, divaguen sobre algún aspecto coma a historia do vestido, ou dos transportes, e fagan referencia aos restos históricos do contorno, e pouco máis. 
Na Educación Secundaria Obrigatoria (ESO, dos 12 aos 16 anos, aproximadamente), tampouco existe a Historia como asignatura. Chámase Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, e este detalle é importante, porque na medida en que un adolescente debe acabar o ensino obrigatorio sabendo o que é a inflación, ou a declaración da renda, ou a Constitución ou o Estatuto, a tarefa de ensinar todas estas cousas de máis cáelle ao profesorado de Historia. Así que éste divide o seu tempo, aproximadamente, desta maneira. En 1º de ESO repártese o curso en tres bloques: xeografía física, xeografía humana, e historia. Coménzase na Prehistoria e acábase co fin do Imperio Romano, todo, se o profesor cumple co programa, en menos de tres meses. En 2º continuará coa Historia medieval, ademais de diversos conceptos sobre organización político-social actual. 3º de ESO é un monográfico de Xeografía, e 4º outro de Historia, pero só da Idade Moderna e Contemporánea. Hai, iso sí, unha asignatura no currículo denominada “Cultura Clásica”, residuo da defenestración do latín do ensino secundario, pero que non é obrigatoria, senón optativa. E aquí remata a Prehistoria e a Antigüedade no ensino obrigatorio. Un trimestre á idade de 12 anos, que en moitas programacións de aula (desas que fan as editoriais) recoméndase dar en só seis sesións (!!). 
Poderíase pensar que no Bacharelato (16-17 anos, e non obrigatorio), a cousa tería arranxo, pero non. En 1º impártese “Historia do Mundo Contemporáneo”, que, evidentemente, é un compendio de Historia Universal dende os finais do século XVIII, e que só é unha materia optativa para aqueles que escollen a rama de Humanidades e Ciencias Sociais. E en 2º impártese, por fin, unha asignatura cun sinxelo título: “Historia”, obrigada para todos. Sobre o papel, trata da historia de España dende Atapuerca (¿xa daquela habería España?). Na práctica, como nas PAAU (a vella selectividade, para entendernos) só se explican contidos de historia contemporánea, e como o que importa é o adestramento dos cachorros para a superación desta proba (que ademais poden evitar se escollen facer o exame de filosofía), só se imparte historia contemporánea de España durante o curso. 
O resultado de todo isto é que un rapazolo ou rapariga con calificacións razoablemente boas, que aprobe a selectividade e incluso que curse unha carreira allea á Historia pode saír do sistema educativo sen ter oído falar de Xulio César, de Aníbal, de Nabucodonosor ou de Ramses II. Nin tampouco do que é un castro, ou un petroglifo, ou de quén eran Zeus, ou Apolo, ou Minerva, nin Buda, nin Confucio, nin Zoroastro… en ninguna etapa da súa educación. Cousa que se agrava se o suxeito escolle un itinerario curricular tecnolóxico ou científico. E non é por falta de horas lectivas, as “Ciencias Sociais” teñen entre tres e catro horas semanais para a súa asignatura. Pero nestas horas a dictadura do contemporáneo ten un peso enorme en comparación con outras etapas. Un alumno de letras pode pasar tres anos (4º de ESO, 1º e 2º de Bacharelato) estudando tan só o século XIX e XX, unha vez tras outra. Isto xustifícase cun manido argumento utilitario: a historia contemporánea, por razóns de obvia proximidade temporal, disque serve para explicar o presente moito máis que as outras épocas. No fondo, subxace un complexo moi mal dixerido polos docentes de historia: a idea de que a historia ten que ser “útil” e a necesidade de ter que estar constantemente xustificando a súa asignatura fronte ás materias máis “prácticas” como as matemáticas ou a física. 
Pois non. Para explicar o presente vale calquera época, remota ou recente. Sen Napoleón non existiría en Francia o Código Civil, pero sen Xulio César, éste non estaría escrito en francés. E ademais a utilidade da Historia non é palpable nin inmediata, pero existe. A historia é a memoria das sociedades. Cando a lembramos, a aprendemos, a compartimos, estamos afirmando os lazos que nos unen ao colectivo. Unha sociedade que esquece a súa historia, (mesmo que non é capaz de inventala), non é que estea condenada a repetila. Está condenada a non ser sociedade.]]></description>