Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A historia máxica de España
O tesouro do Carambolo (Museo de Sevilla/caixaforte dun banco ignoto)
O 30 de setembro de 1958 uns obreiros que traballaban na construcción dun campo de tiro ao pichón (ten que haber de todo neste mundo) nos arrabaldos de Sevilla, no lugar chamado El Carambolo, atoparon un brazalete dourado e primorosamente traballado. Ao faltar un dos seus adornos, seguiron sachando na súa busca, e atoparon unha vasixa de cerámica. Nela había outros 20 obxectos: En total, dous brazais, dous colgantes-pectorais en forma de pel de touro, un colar, e outras 16 placas metálicas, todas profusamente decoradas. Os obreiros non daban creto. Repartíronas entre eles, pensando que carecían do valor que representaban ata que un deles, para comprobar que era de ouro, dobrou varias veces un dos pectorais ata que rompeu. Era de ouro puro. Colleron medo e denunciaron o achado. Axiña se presentou alí Juan de Mata Carriazo, arqueólogo e experto na Cultura Tartésica e certificou a importancia do achado: un tesouro digno dun rei, un rei de Tartessos.

E qué é Tartessos? Pois un reino mítico que os antigos gregos situaban no lonxano Oeste do Mediterráneo, na desembocadura dun rio hoxe esquecido, gobernados por reis que vivían centos de anos, facían as leis en verso e nadaban en riquezas sen conto. Se tal reino existiu, son moi poucas as noticias del que temos. A penas catro referencias de pasada por algún historiador e xeógrafo, e algunhas lendas recollidas en época bastante recente. A máis sonada fala de Gargoris, rei dos Curetes, nas ribeiras do río Betis, e o seu fillo Habidis, froito das súas relacións incestuosas cunha das fillas que tivo cunha princesa atlante. Gargoris e Habidis inventaron a apicultura e o arado, respectivamente, e meteron de cheo aos primitivos habitantes de Andalucía na civilización. Deles nos fala Diodoro Sículo, un autor grego-siciliano dos máis falaces da antigüedade. Un descendente deste Habidis foi Argantonio, do que temos algunhas noticias máis. Sería un rei do Sur da península ibérica, de entre o século VII e VI a.n.e., que andou en tratos e alianzas cos gregos de Focea, e máis cos fenicios, e que reinou, polo menos, uns 80 anos dos 120 que din que vivíu. Hai quen crerá nestas cousas, pero nestas lendas para-históricas hai polo menos un chisco de esaxeración bíblica. Literalmente, porque tan poucas noticias había de Tartessos que os eruditos tartessiólogos que deixaban as pestanas nos seus estudos mesmo acudiron á Biblia para buscar algunha referencia, e creron ver nas “naves de Tarsis” que chegaban ao reino de Salomón cargadas de marfín e pavos reais unha mostra do poderío comercial deste reino de fábula. Tarsis era Tartessos: Branco e en botella: viño!

Pero o conto é que dende hai moitas décadas o mítico reino de Tartessos ten carta de natureza na literatura arqueolóxica española, sen que se saiba moi ben por qué. Ou sí que se sabe: De existir, Tartessos sería a primeira, a máis clara mostra do xenio hispano, capaz de crear unha verdadeira civilización, culta, letrada, rica e poderosa, envexada polos mesmos gregos, na outra banda dese mar que se considera o berce da civilización, o Mediterráneo Oriental. E non sirve como argumento en contra que nin sequera exista a máis mínima nova, o máis mínimo vestixio, dunha cidade que levase ese nome, ou que todo o que se saiba non sexa máis que unha enmarañada confusion de lendas e de referencias de esguello en obras de autores serodios e pouco dignos de creto: tampouco crían a Schliemann cando buscaba as ruínas da mítica Troia, e mira!. Outro alemán, Adolf Schulten, o arqueólogo que se autoproclamou descubridor das tamén míticas ruinas de Numancia, tamén queimou os derradeiros anos da súa longa vida na percura do soño de Tartessos, pero o seu El-Dorado arqueolóxico nunca, xamais, apareceu.

Por esa razón, aos corazóns dos tartessiólogos deulles un chimpo cando, hai 50 anos, apareceu aquel tesouro do cerro do Carambolo enterrado nunha pota de barro. Un tesouro digno de Argantonio, díxose. E de aí partiu unha interpretación errada do xacemento: Aquilo era un antiquísimo poboado de casas de pallabarro pertencente á civilización tartéssica, obviamente anterior á época da colonización fenicia. E a cerámica típica deste lugar (a cerámica tipo Carambolo) serviu de fósil director para clasificar todos os xacementos do baixo Guadalquivir onde tamén aparecía. Obviaron decir que no mesmo lugar aparecera unha estatuiña da deusa fenicia Astarté, e que o lugar podía ser interpretado como un lugar de culto non tartessio, senón fenicio. Agora, con motivo das obras de construcción dun hotel no mesmo lugar do vello campo de tiro ao pichón, acábase de descubrir que os supostos “fondos de cabana” eran vestixios dese templo fenicio. O Tesouro do Carambolo non sería o enxoval dun rico nobre tartesio, senón os adobíos ou atrezzo cos que posiblemente se dispoñía a un touro para o sacrificio. E a época en que todo isto sucedeu non era tan antiga, senón moito máis recente, dende logo, e contemporánea á influencia dos poderosísimos fenicios de Cádiz, un verdadeiro emporio e un foco de civilidade en todo o Sur da Península.

Con motivo dos 50 anos da aparición do tesouro, o Museo Arqueolóxico de Sevilla pretende expoñer no primeiro trimestre do 2009 o tesouro orixinal, hoxe resgardado na caixa de seguridade dun banco, en vez da réplica que luce actualmente nos seus trinques. Ademais diso, estase a celebrar (do día 1 ao 3 de Outubro) un Simposio Internacional na Universidade hispalense. Posiblemente nel se poida poñer en claro algunhas cousas sobre a definición desta cultura. Talvez o que, con certa ampulosidade acostumábase a denominar “tartéssico” non sexa máis que producto da hibridación entre as culturas locais da primeira Idade do Ferro, nos séculos VII e VI a.n.e. e os colonizadores orientais fenicios e gregos. E toda esa estética de rosetas e palmetas, árbores da vida, leóns, grifos, esfinxes e animais enfrontados tan repetidos no Sur da península, e que Blanco Freijeiro tan acertadamente identificara co Periodo Orientalizante da arte grega non sexa máis que iso, arte Oriental trasplantada a milleiros de quilómetros da súa orixe por colonos e comerciantes. E iso sen deixar de apreciar o xenio dunha poboación local que, estimulada pola presenza inmigrante, argallaron o seu particular sistema de escritura, afillado do dos colonos, para escribir na súa propia lingua, aínda por descifrar. Tartessos é hoxe unha marca, unha referencia taxonómica, non unha civilización. Calquera outra cousa non é máis que aferrarse a unha historia interesada, máis esotérica que real, que busca esencias patrias ata nos recantos da Biblia e nos desbarres de Avieno. Porque a Historia de España, lémbreno os que sempre andan a botarnos aos galegos o celtismo en cara, tamén foi sempre así, interesada.
Páxina do Simposio
Comentarios (4) - Categoría: Pezas - Publicado o 30-09-2008 18:35
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal