Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Petroglifos entre luces e sombras
Centro de interpretación de campolameiro (foto Turgalicia)
Hai xa moitos anos, aínda no século pasado, a Xunta de Galicia lanzou a proposta de criar catro parques arqueolóxicos en Galicia. Catro parques que se ocuparían, cada un, dun dos aspectos senlleiros do pasado deste país. A idea asentábase no feito de que, tanto os arqueólogos galegos coma o público con arelas de saberes prehistóricos, identificaron dende sempre Galicia con tres ou catro cousas, a saber: os castros, as mámoas, os petróglifos e todo o que os romanos fixeron por nós. Sendo así, podíanse facer catro establecementos lúdico-turístico-culturais aproveitando sendos xacementos paradigmáticos: a citania de San Cibrán de Lás, en Ourense, a cidade romana de Lugo, en idem, os petróglifos de Campolameiro en Pontevedra, e as mámoas do Barbanza (ou da Costa da Morte, ou de Soneira, xa non se sabe, porque seica a cousa foi mudando de sitio), n’A Coruña. Catro centros ben repartidiños a un por provincia, algo moi importante neste país de minifundio e miniparroquia.

O caso é que, despois de máis de tres lustros de atrancos, atrasos, vicisitudes políticas e dous cambios de goberno para acordarmos e seguir aí o dinosaurio, os parques arqueolóxicos comezan a materializarse, coa inauguración do Parque arqueolóxico da arte rupestre de Campolameiro. E coma sempre, neste país, hai opinións encontradas, esquecendo ás veces que mentres o parque se fixo, pasaron polo poder en Galicia os tres partidos con representación actual no parlamento, así que é obra de todos eles. Hai quen mira nisto a oportunidade dunha verdadeira revalorización social dos nosos venerábeis gravados, un centro didáctico e divulgativo decente, e un motor económico para toda unha bisbarra, baseado no binomio guiri-pasta. Outros miran un despilfarro de cartos en momento de crise, un mamotreto arquitectónico, ou unha privatización do patrimonio público. Sendo sensatos, o máis probable é que… depende.

En primeiro lugar, unha inversión millonaria en centros arqueolóxicos debería ter, ante todo, un criterio científico: Avaliar as necesidades da investigación arqueolóxica, e da conservación do Patrimonio (entendido no seu conxunto), e deseñar un método de solventalas. Porén, o obxectivo recoñecido dos parques arqueolóxicos é fundamentalmente outro: atraer turistas. Pódese disfrazar con outros argumentos case poéticos (por etéreos), como “centralizar ou dar apoio á investigación de cada área de estudo”, pero o obxectivo principal é o que é. Mesmo o primeiro seminario realizado no parque tiña como obxectivo analizar estratexias inmediatas para a “promoción” da arte rupestre. Parece dubidoso que o parque de Campolameiro vaia a prestar un apoio significativo á investigación, nin á conservación da arte rupestre galega non sendo de maneira indirecta, a través da divulgación e da sensibilización de cara aos visitantes.

Asúmido pois que a función é a turística, aínda que sen negarlle un papel á ciencia como coartada, cabe preguntarse se é o xeito máis rendible de facelo. O parque comenzou cun orzamento aproximado de 530 millóns de pesetas (uns 3’2 millóns de euros), para acabar custando case 9 millóns €. Case o triplo. Só o centro de interpretación foise aos 5’2 millóns/€. Non é o único caso de orzamento engordado: en Marín, un quiosco chamado ampulosamente “centro de acollida de visitantes aos petróglifos de Mogor” está orzamentado en 200.500 € (¡!), un galpón co prezo dun chalé. Se o IPC subira ao ritmo dos prezos da obra pública estabamos fodidos. Pódese pensar que estas obras saen un chisco caras, sobre todo se consideramos ata que punto se poden cubrir as mesmas necesidades con menos recursos. Ademais, o tamaño axigantado da inversión ten varios efectos perversos: un, o de restar recursos para a conservación doutros xacementos; e outro, o de renunciar á promoción deses outros xacementos dende o momento en que se convirten en “competidores” do que é "revalorizado". Non é invento: en publicacións asinadas por persoas que están entre os ideólogos destes parques defínense nestes termos os xacementos susceptíbeis de atraer “clientes” en detrimento do que se quere “poñer en valor”.

E qué tipo de clientes? Os que soñan con riadas de turistas de alén o Padornelo enchendo os merendeiros de Campolameiro para admirar as misteriosas gravuras dos nosos devanceiros, esquécense dunha cousa: a inmensa maioría da xente ignora practicamente todo sobre a Idade do Bronce, e aínda menos sabe qué é un petróglifo. Se éstes son populares en Galicia, é polo seu uso constante como imaxe corporativa por parte de empresas e institucións públicas e privadas. Fóra de Galicia, os petróglifos atraen hoxendía só a un público especializado ou curioso, case elitista. O mesmo pasa cos castros e coas mámoas. O "segmento de mercado" turístico para os xacementos galegos é principalmente interno. Para que a cousa funcione, habería que crear primeiro un discurso científico coherente (algo que no caso dos petróglifos dista moito de suceder), e segundo popularizalo e exportalo a través da escola e de todos os medios posibles (algo que xa dixemos aquí noutro momento e por outra causa), nun proceso que poderíamos chamar “instrucción pública”.

Isto é algo que os xerentes que “xestionan” o patromonio parecen esquecer: o Patrimonio arqueolóxico só pode ser útil economicamente se existe unha educación de calidade, a través dun proceso que se retroalimenta: O patrimonio debe servir ante todo para educar, e débese educar para entender, valorar, protexer e disfrutar o Patrimonio. Será por iso que ata os escolares deben pagar 3’50 € por mirar o que antes era de balde e de todos, para que aprendan a valoralo.

Os estudosos e os amantes da arte rupestre galega sabemos que existen tarefas urxentes que acometer neste eido. É urxente a prospección e inventario de todas as pedras posibles, antes de que desaparezan pola presión abafante que exercemos sobre o territorio. É urxente o seu balizamento, para evitar danos pola ignorancia ou a maldade. É urxente a documentación con medios normalizados. É urxente unha protección legal efectiva. Qué se podería facer con 9 millóns de euros? De momento, metemos eses cartos nun Centro arqueolóxico. Pero sendo positivos non é pouco. Antes que tirarlle pedras, tense a oportunidade de convertilo no catalizador dun novo interese polo patrimonio rupestre galego, un "efecto Guggenheim" dos petróglifos. Quizais acabe por criar certa conciencia e respecto por estes testemuños do pasado, pois desgrazadamente está demostrado que a xente só valora o que paga, e tamén, o que dá cartos. Quizais sirva tamén para que o noso Patrimonio arqueolóxico sexa coñecido e valorado fóra, e así comezar a existir nos relatos históricos europeos, no que Galicia ocupa moi poucas páxinas. E quizais iso estimule na sociedade unha nova relación, máis agarimosa, co noso pasado e co noso territorio, algo do que en Galicia non andamos moi sobrados. Serían os 9 millóns de euros mellor gastados da historia. Quizais.
Web do Parque arqueolóxico da arte rupestre de Campolameiro
Comentarios (4) - Categoría: Novas e Opinións - Publicado o 31-08-2011 23:17
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal