Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Condena do Archeocondono
Non ao archeocondono
Se houbera que situar nalgún lugar o berce do que se chama a Civilización Europea Occidental, case sen dúbida ese lugar sería Italia. Nesta península que pendura do sur do continente como unha bota arrandeando dende unha cadeira demasiado alta, déronse cita, dende tempos inmemoriais, etruscos, celtas, fenicios, gregos, romanos, ostrogodos, lombardos, bizantinos, sarracenos, normandos, catalano-aragoneses, casteláns, alemáns, franceses, e turcos berberiscos, por citar algúns exemplos. Algúns desenvolveron culturas propias e autóctonas, outros fundaron imperios de vocación universal que se espallaron por todo o mundo coñecido. Grazas a esta extensión, a arte e a cultura grecolatina convertíronse nun paradigma estético mundial, e a recurrencia a este paradigma no Renacemento, no Barroco, ou no Século das Luces, marcou a pauta e as normas da creación europea ao longo de toda a súa Historia. De Italia xurdiron talentos de extraordinaria influencia: Leonardo, Galileo, Torricelli, ou Fermi. En Italia inventáronse algunhas cousas estupendas, como a pasta, o piano, a radio, e as pilas (para a radio), e outras terribeis, como a mafia, o feixismo e o catenaccio, perversión táctica que permitiu aos italianos gañar catro títulos mundiais de calcio.

Todo este pouso histórico e cultural da pé a que Italia sexa, na súa totalidade, un inmenso campo arqueolóxico. De feito, aquí se inventou a arqueoloxía, primeiro como unha actividade de depredación de antigüedades, e máis tarde, como disciplina científica que permite o coñecemento do pasado. As poderosas familias que gobernaban as repúblicas italianas, os Medicis, os Farnesio, os Ludovisi, coleccionaron avaramente as estatuas escachadas e mutiladas que aparecían nas súas fincas e predios ao cavar os alicerces dos seus pazos. Pretendían así contaxiarse da gloria daquelas reliquias dun pasado de esplendor que eles pretendían resucitar, polo que o coleccionismo convertiuse nunha actividade nobre, que outorgaba ao propietario de obras de arte antigas un aura de erudición e de opulencia combinadas. Máis tarde, esas coleccións serviron a Winckelmann para sistematizar e escribir a primeira Historia da Arte da Antigüedade, a pedra angular da arqueoloxía moderna, e o diletantismo dos poderosos derivou nunha actividade científica útil.

O coleccionismo tivo a súa importancia histórica, e para a arqueoloxía o fenómeno tivo a bondade de que unhas elites económicas e intelectuais se preocupasen polo estudo do pasado. Emporiso, os efectos benéficos desta moda rematan aí. Desque os estados contemporáneos definen nas súas lexislacións o Patrimonio Cultural como un ben público, atesourar antigüedades en casa debera ser unha actividade pouco recomendable, xeralmente inaceptable, e moi frecuentemente punibel. Pódese alegar que quen teña cartos pódeos gastar no que lle pete, mesmo nunha obra de arte antiga, pero qué sentido ten, e cal é o beneficio de que exista unha actividade semellante?.

As obras de arte antigas son un conxunto de bens finito. Non pode haber máis das que se fixeron no seu tempo. Unha parte indeterminada delas está por descubrir, soterrada ou sumerxida, e pertence, por lei, en Italia e en case todo o mundo civilizado, ao Estado. A outra parte, a coñecida, pertence en parte a Museos e institucións públicas, e en parte permanece en mans privadas. Esta parte é a que se compra e vende, e permite que haxa tráfico e comercio con bens que son do patrimonio cultural. Dado que a materia obxecto deste comercio é sumamente escasa e teoricamente constante, mentres que a demanda é progresivamente máis alta, os prezos dos bens do patrimonio cultural, que son un conxunto finito, tenden ao infinito.

Consecuentemente, a sostenibilidade deste mercado esixe a adopción dunhas estratexias que son frecuentemente ilícitas, e que pasan por aumentar o tamaño do mercado. Isto faise mediante a introdución na circulación de obras que estaban fóra do tráfico ou "amortizadas", sustraéndoas de museos e institucións públicas, ou ás máis das veces a través de escavacións ou prospeccións arqueolóxicas ilegais. A outra opción é aumentar o número de antigüedades fabricándoas, ou mellor dito falsificándoas, o que tamén constitúe un delito de estafa.

Pero aínda que existise un mercado de antigüedades estrictamente legal, ese mercado é unha fonte de problemas, pois o seu carácter é puramente especulativo. As obras de arte antigas non teñen utilidade por si mesmas, nin producen beneficios máis que polo aumento constante do seu prezo. O único interese obxectivo do particular que compra unha obra de arte é agardar a que aumente o seu valor no mercado, o que sen dúbida sucederá. A situación ideal, dado o estado da lexislación, sería que o Estado ou os poderes públicos, foran paulatinamente absorbendo o mercado anticuario para socializalo e facelo de todos, pero canto máis se reduce o mercado anticuario, máis oneroso é para os fondos públicos facerse coas pezas en circulación.

Así que convén saber que, en calquera caso, cando un particular adquire unha obra de arte antiga está a sustraer á sociedade unha parte do ben público para un disfrute ou lucro privado. Non existe xustificación moral para iso. Podería ser que nos tempos de Ludovico Ludovisi atesourar estatuas gregas no xardín dun pazo romano fose unha actividade nobre e respeitabel, pero xa non. Mercar unha obra de arte antiga supón, no mellor dos casos, fortalecer a natureza especulativa do mercado anticuario, que vai en contra do interese público, e no peor a fomentar todo ese rosario de delitos que medran ao abeiro destes traficantes: o roubo, a estafa e o crime organizado. O tráfico ilegal de obras de arte é o terceiro en importancia mundial, despois do de armas e drogas, e en Italia, xacementos como Pompeia están a ser sistematicamente saqueados pola camorra. Gardar tesouros arqueolóxicos na casa é un acto de ostentación hortera, maleducada e antisocial, e debería non ser obxecto de admiración senón de escarnio público.

O goberno de Silvio Berlusconi propuxo nestes meses un proxecto de lei denominado popularmente como o “archeocondono” (ou “arqueoperdón”) polo cal se despenalizará a posesión de obxectos arqueolóxicos obtidos de maneira irregular, que poderán permanecer “en depósito” en mans privadas durante 30 anos (renovabeis) a cambio dunha pequena porcentaxe do seu valor, e co engadido da posibilidade de transmitilo a herdeiros. Asemade, tamén se abre a posibilidade de que os bens arqueolóxicos nacionais transferidos a rexións e provincias poidan ser privatizados para “sanear” as contas públicas. Os arqueólogos, académicos, estudosos e o público sensibilizado en xeral reaxíu con indignación, pois o “condono” perdoa, de facto, á acción ilícita pola cal un obxecto arqueolóxico acaba en mans privadas. Ademais, fomenta a depredación e o expolio inmediato dos xacementos arqueolóxicos italianos en aras a gozar deste futuro perdón. A reacción está a ter éxito, pois de momento o proxecto semella paralizado, e non será incluído nos próximos orzamentos, pero a batalla aínda non rematou. Italia, berce de civilizacións, pode estar en camiño de ser o exemplo da súa tumba.
Sinaturas contra o Archeocondono
A plataforma contra a lei do archeocondono en Facebook
Comentarios (1) - Categoría: Mundo - Publicado o 31-07-2010 14:09
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal